Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 7 de xuño de 2023 Páx. 35142

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2023, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se establecen os permisos retribuídos de que poden gozar as persoas electoras a órganos de representación de persoal da Administración de xustiza en Galicia que exerzan o dereito de voto o vindeiro día 20 de xuño de 2023.

De conformidade co establecido nos artigos 474 e 503 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, así como na Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas, e mais no Real decreto 1846/1994, do 9 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de eleccións a órganos de representación do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado, e no exercicio das competencias previstas no Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, dítanse as seguintes instrucións:

Primeiro. Para a elección de órganos de representación do persoal funcionario no ámbito da Administración de xustiza, as persoas electoras exercerán o seu dereito ao voto o vindeiro día 20 de xuño nas mesas electorais correspondentes ao seu ámbito funcional e territorial, e disporán dun permiso retribuído polo tempo indispensable para exercer tal dereito na forma que se establece a seguir, agás os que exerzan o dereito ao voto por correo.

Ao persoal funcionario que goce deste permiso poderalle ser exixida unha xustificación da efectividade do acto da votación, que para o efecto solicitará da súa mesa electoral.

Segundo. As persoas que deban exercer o dereito ao voto nunha mesa electoral situada no mesmo local ou edificio onde presten habitualmente os seus servizos ou estean destinadas poderán dispoñer dun permiso de dúas horas continuadas durante a xornada laboral para o acto da votación.

Terceiro. As persoas que deban exercer o dereito ao voto nunha mesa electoral situada na mesma localidade, pero distinto local ou edificio, onde presten habitualmente os seus servizos ou estean destinadas poderán dispoñer dun permiso de tres horas continuadas durante a xornada laboral para o acto da votación.

Cuarto. As persoas que deban exercer o dereito ao voto nunha mesa electoral situada en localidade distinta da que presten habitualmente os seus servizos ou estean destinadas poderán dispoñer dun permiso de catro horas continuadas durante a xornada laboral para o acto da votación, ou do tempo maior indispensable naqueles casos en que as circunstancias así o impoñan.

Quinto. As persoas integrantes das mesas e os/as interventores/as e apoderados/as das candidaturas gozarán dun permiso retribuído de xornada completa no día da votación e dunha redución de cinco horas na xornada de traballo do día inmediatamente posterior.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2023

José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza