Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 8 de xuño de 2023 Páx. 35570

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte Peón, sito no concello da Lama (Pontevedra) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U. (expediente IN408A 2018/004).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U., na actualidade Naturgy Renovables, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monte Peón (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 19.1.2018, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial das instalacións do parque eólico.

Segundo. O 5.4.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 4.6.2018, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

Terceiro. O 4.11.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas tomou razón do cambio de denominación social da sociedade Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U., que pasou a denominarse Naturgy Renovables, S.L.U.

Cuarto. O 26.12.2019, Naturgy Renovables, S.L.U. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009), consistente no desprazamento das posicións dos aeroxeradores, da torre meteorolóxica e da subestación.

Quinto. O 20.2.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos de capacidade e da solicitude de modificación substancial establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009.

Sexto. O 30.3.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que indica o procedemento ambiental que se seguirá e os organismos que se consultarán durante a fase de información pública.

Sétimo. O 4.6.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Oitavo. O 4.9.2020, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico á Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Pontevedra, en diante, xefatura territorial, para a continuación da tramitación.

Noveno. Mediante a Resolución do 8 de outubro de 2020, da Xefatura Territorial de Pontevedra, someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do proxecto do parque eólico Monte Peón, sito no concello da Lama, na provincia de Pontevedra.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 16 de novembro de 2020 e no xornal Faro de Vigo do 23 de outubro. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (A Lama) e da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Décimo. O 27.3.2023, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Pontevedra remitiu informe complementario de tramitación co resumo de alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, do cal se transcribe o seu contido:

«Alegacións de carácter ambiental:

1. Orzamento insuficiente do programa de vixilancia ambiental proposto no estudo de impacto ambiental, que reflicte o escaso valor que se lle presta a esta cuestión no desenvolvemento do proxecto.

2. Carencias no estudo de impacto ambiental sobre a caracterización da comunidade de quirópteros, como para poder valorar con rigor e obxectividade o posible impacto sobre dita comunidade, nin para poder coñecer a posteriori a evolución das súas poboacións.

3. A periodicidade mensual prevista no estudo de impacto ambiental das visitas para facer o seguimento da mortalidade dos quirópteros por colisión coas aspas dos aeroxeradores é completamente insuficiente.

4. Non se fai no estudo de impacto ambiental ningunha previsión sobre os posibles efectos acumulativos da mortalidade dos morcegos no conxunto de parques eólicos da zona de influencia do parque eólico Monte Peón.

5. Afección moi severa e prexuízos irreparables para a Rede Natura 2000 e a súa coherencia. Falta de conectividade ecolóxica entre os ecosistemas. Afección significativa e danos irreversibles a outros espazos protexidos. Afección severa e prexuízos irreversibles para a avifauna. Prexuízos significativos e danos irreversibles para os hábitats prioritarios e de interese comunitario. Afección severa e irreversible para o sistema de brañas e humidais da zona de afección do proxecto.

6. Vulneración flagrante da Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación de hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

7. Prexuízos significativos e irreparables para o bosque de ribeira e o bosque autóctono galego ou Ancient Wood.

8. Afección severa e irreversible a especies endémicas en perigo de extinción ou vulnerables (artigos 91 e 95 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia).

9. Prexuízos irreversibles para o lobo e para a viabilidade da especie, afección aos seus puntos de encame e puntos de encontro lobeiros.

10. Prexuízos significativos e irreversibles para os solos e o ambiente.

11. Afección moi severa e prexuízos significativos para os recursos hídricos.

12. Galicia produce máis electricidade da que consume, exportando gran parte da electricidade ao resto de España, soportando un sector enerxético cun elevado impacto ambiental.

Alegacións sobre afeccións ao patrimonio cultural, natural e paisaxístico:

13. Afección severa á paisaxe e xeración de feísmo paisaxístico.

14. Afección severa ao patrimonio cultural e arqueolóxico.

15. Afección severa a itinerarios de carácter patrimonial e ás paisaxes. Afección severa ao turismo e a hostalería. Afección severa ao Camiño de Santiago.

16. Ter en conta as conclusións do informe da Comisión Técnica Temporal sobre Enerxía eólica e paisaxes culturais en Galicia.

Alegacións sobre a saúde e a calidade de vida:

17. Impactos sobre a saúde humana e o benestar das familias afectadas.

18. Ter en conta as conclusións do informe elaborado por Aliente (Alianza Enerxía e Territorio): efectos de centrais eólicas e solares e instalacións eléctricas asociadas, sobre a saúde e a calidade de vida.

Alegacións por fraccionamento das infraestruturas compartidas con outros proxectos industriais e efectos acumulativos sen avaliar:

19. División artificiosa ou fragmentada para os efectos ambientais en proxectos independentes, dun plan industrial eólico ou conxunto de proxectos que comparten unha solución de evacuación conxunta, impulsado por acordos entre empresas que configuran un clúster empresarial e que, polo tanto, deberá someterse a avaliación ambiental estratéxica propia de todos os plans.

20. Ausencia de avaliación ambiental acumulada e sinérxica da totalidade do conxunto de infraestruturas correspondentes aos proxectos do parque eólico Laxabranca, instalacións de conexión Beariz 400 kV eixe sur, instalacións de conexión Beariz 400 kV eixe leste, proxecto do parque eólico Uxo, proxecto do parque eólico Coto das Airas, proxecto do parque eólico Marcofán, proxecto do parque eólico Monte Peón e proxecto do parque eólico Puza.

21. A totalidade das infraestruturas do proxecto eólico deberán estar incluídas para a súa consulta pública e avaliación ambiental no estudo de impacto ambiental, e non noutros proxectos independentes, xa que se está a impedir á cidadanía a avaliación dos impactos ambientais globais do conxunto das infraestruturas do proxecto industrial.

22. De conformidade co previsto no artigo 53.1.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, a tramitación dos parques que comparten infraestruturas de evacuación ten que efectuarse de maneira conxunta incluíndo as ditas infraestruturas comúns, xa que está motivada a súa identidade substancial e íntima conexión.

Alegacións sobre o impacto socioeconómico:

23. Éxodo poboacional parello á instalación de industrias agresivas coa contorna e co ambiente. Presión industrial excesiva.

24. A instalación de parque eólicos en Galicia, segundo recolle o Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), non supuxo beneficios socioeconómicos para os concellos que albergan as infraestruturas eólicas.

Outras:

25. Actualmente non existe normativa autonómica específica para regular a actividade eólica, xa que o Plan sectorial eólico de Galicia non está vixente. De acordo coa Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a Administración da Xunta de Galicia está obrigada a establecer un novo marco regulatorio, incorporando de xeito urxente unha avaliación estratéxica previa. Este baleiro legal imposibilita unha planificación adecuada da nova implantación de enerxía eólica en Galicia, motivo máis que suficiente para paralizar de xeito inmediato a tramitación de novos proxectos eólicos.

26. Vulneración flagrante da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Eliminación da multifuncionalidade do monte.

27. A realidade reflexa que a capacidade de acollida de Galicia de novos proxectos de parques eólicos está saturada.

28. Foi imposible acceder á información ambiental do parque eólico Monte Peón e doutros parques tamén arestora en tramitación, e relacionados co proxecto do parque eólico Laxabranca e co proxecto das instalacións de conexión Beariz 400 kV eixe sur, sitas nos concellos da Lama (Pontevedra), Avión e Beariz (Ourense), xa que na páxina web de transparencia da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación non se permitía o acceso a documentación ambiental.

29. Ter en conta as conclusións do Informe #Macroeólicos sobre o impacto dos parques eólicos e as súas infraestruturas sobre o patrimonio cultural, ambiental, agropecuario, demográfico e turístico en Galicia.

30. Identificación dos funcionarios e a capacitación profesional de cantos interveñan na revisión das alegacións, ao abeiro do artigo 9, punto 5º da Lei 21/2013 de avaliación ambiental (artigo único, punto 5 da Lei 9/2018, do 5 de decembro, pola que se modifica a Lei 21/2013): «as administracións públicas garantirán que os órganos ambientais dispoñen de coñecementos para examinar os estudos e documentos ambientais estratéxicos, e os estudos e documentos de impacto ambiental…», e do artigo 53, punto 1.b) da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que establece que os interesados nun procedemento administrativo teñen dereito a «identificar as autoridades e o persoal ao servizo das administracións públicas sobre os cales recae a responsabilidade de tramitar os procedementos».

Décimo primeiro. Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Deputación Provincial de Pontevedra, Augas de Galicia, Retegal, S.A., Cellnex Telecom e Concello da Lama.

Décimo segundo. A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal no 11.11.2020, Retevisión I, S.A.U. no 29.11.2020, Deputación Provincial de Pontevedra no 15.6.2021, Augas de Galicia no 12.11.2020 e Concello da Lama no 23.10.2020.

O promotor prestou a súa conformidade coa totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo terceiro. O 6.4.2020, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico e estableceu o correspondente condicionado.

Décimo cuarto. O 5.11.2021, a xefatura territorial emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

Décimo quinto. O 8.11.2021, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo sexto. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio e Concello da Lama.

Décimo sétimo. Cuberta a tramitación ambiental, o 23.9.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 23 de setembro de 2022 (DOG nº 193, do 10 de outubro).

Décimo oitavo. O 3.11.2022, en resposta ao requirimento da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais do 11.10.2022, Naturgy Renovables, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública (proxecto de execución asinado dixitalmente por Jorge Núñez Ares, colexiado núm. 1102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriales de Galicia, visado núm. 20223281 do 31.10.2022). O 15.11.2022, a promotora presentou unha declaración responsable de que non se identifican novas afeccións respecto das xa identificadas no proxecto anterior, xa informadas a través das diferentes separatas para os organismos afectados.

Décimo noveno. O 7.3.2023, a Xefatura Territorial de Pontevedra fixo un requirimento ao promotor sobre o proxecto de execución do 31.10.2022). En resposta, o promotor presentou un novo proxecto técnico (proxecto de execución asinado dixitalmente polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, visado núm. 20230672 do 9.3.2023). O 13.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009.

Vixésimo. O 14.3.2023, a xefatura territorial remitiu á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a nova documentación xunto co informe do artigo 33.16.

Vixésimo primeiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 12,60 MW, segundo o informe do xestor da rede do 16.2.2021.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e na Lei 8/2009 pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, resumidas no antecedente de feito décimo, o 27.3.2023, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Pontevedra remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta as elas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«Alegacións de carácter ambiental, por afeccións ao patrimonio cultural, natural e paisaxístico e alegacións sobre a saúde e a calidade de vida:

En relación coas alegacións que se refiren exclusivamente aos aspectos que poden atinxir á avaliación ambiental do proxecto, impacto ambiental en xeral, incidencia sobre os núcleos de poboación, saúde humana, hábitats naturais e biodiversidade, fauna, flora, solo, augas, paisaxe, patrimonio cultural e impacto turístico, cómpre indicar que o proxecto foi sometido ao correspondente trámite de avaliación de impacto ambiental, resultado do que, o 23.9.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formula a DIA, con carácter previo á autorización do parque eólico, e considera que o proxecto é viable desde un punto de vista ambiental, sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación validada, as condicións en que se debe desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias, segundo as directrices recollidas nos informes emitidos polos organismos que teñen atribuídas competencias específicas nas materias referidas.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia de Turismo de Galicia e Augas de Galicia.

Respecto das alegacións que se refiren á calidade do estudo de impacto ambiental (EsIA), indicar que ao formularse a DIA deste proxecto, considérase que o EsIA achegado conta con toda a información que indica o artigo 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Respecto das alegacións que se refiren ás afeccións ao patrimonio natural e a biodiversidade, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural emitiu informe sobre o EsIA en que conclúe que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos, sendo compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, sempre que se garanta o cumprimento das medidas recollidas na documentación achegada e das consideracións indicadas nos informes. Inclúe medidas concretas dirixidas á conservación do arborado de ribeira e a alteración da calidade das augas e medidas adicionais de protección da avifauna e os quirópteros, para a minimización do impacto por colisión. A efectividade das medidas requiridas avaliarase co plan de vixilancia ambiental.

En relación coas afeccións sobre o patrimonio cultural e arqueolóxico, así como cos itinerarios de carácter patrimonial, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no trámite de avaliación ambiental, analizou as posibles afeccións do proxecto e, tras as modificacións indicadas polo órgano co fin de protexer e preservar o camiño tradicional, o conxunto relixioso Santuario de Nosa Señora das Ermidas e os demais bens integrantes do patrimonio cultural, e aceptadas polo promotor, informa de xeito favorable o proxecto, e establece medidas correctoras e unha serie de condicións, como se reflicte na DIA.

En relación coas alegacións que refiren afeccións á paisaxe, o Instituto de Estudos do Territorio emite un informe en que analiza os efectos do proxecto sobre a paisaxe e as medidas de integración paisaxísticas propostas, e sinala que o estudo presentado pode considerarse formalmente completo e axeitado á entidade do proxecto. Conclúe que o principal impacto sobre a paisaxe é a incidencia visual na contorna e considera adecuadas as medidas de integración paisaxística previstas para reducir ou mitigar os impactos do proxecto, engadindo una serie de criterios e recomendacións, tal e como se recolle na DIA.

En relación coas afeccións aos recursos hídricos, o organismo Augas de Galicia informa favorablemente a separata de augas do proxecto de execución, sempre que se teñan en conta as consideracións expresadas no seu informe, que se inclúen nos condicionantes da DIA.

No que respecta ás alegacións sobre os efectos que a execución do proxecto poida ter sobre a saúde e a calidade de vida, cómpre indicar que a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade emitiu informe favorable sobre o EsIA do proxecto, no marco da avaliación ambiental, tal e como recolle a DIA.

Alegacións por fraccionamento das infraestruturas compartidas con outros proxectos industriais e efectos acumulativos sen avaliar:

Con respecto á fragmentación do expediente do parque eólico Monte Peón (IN408A 2018/04) con outros proxectos industriais, cómpre efectuar as seguintes consideracións:

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

Segundo a documentación do proxecto, nun radio de 15 km de distancia aos aeroxeradores, atópanse en funcionamento ou autorizados 8 parques eólicos, localizándose o máis próximo a 2,2 km ao sureste. E, concretamente, no anexo VIII do estudo de impacto ambiental inclúese un estudo de efectos acumulativos, cunha zona de estudo nun radio de 5 km, en que se atopan 2 parques eólicos en funcionamento: PE Monte do Ceo e PE Serra do Cando e 3 parques eólicos en tramitación: PE Coto das Airas, PE Edreira I e PE Laxabranca.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que: «… unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013 «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, xa que reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, a enerxía xerada polos aeroxeradores sae da subestación do parque mediante unha LAT de 132 kV que finaliza na SET do parque eólico Uxo, o que non impide que os dous parques eólicos teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo este feito de compartir os dous parques as instalacións de conexión supoña unha redución dos impactos ambientais xerados.

Alegacións sobre o impacto socioeconómico:

En canto ás alegacións sobre a falta de beneficios socioeconómicos para os concellos que albergan as estruturas eólicas e os seus posibles impactos negativos, como o éxodo poboacional, lembrar que a Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, prevé no seu artigo 23, a creación do Fondo de Compensación Ambiental para a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial, estando afectado, de acordo ao artigo 25 da devandita lei, á realización de gastos nos entes locais que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego.

O dito artigo 25 da Lei 8/2009 prevé destinar, como mínimo, o 50 % da contía do fondo ás entidades en que o termo municipal se atope dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico ou resulten afectadas polas correspondentes instalacións de conexión, para a realización de:

• Actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e recuperación do medio natural degradado ou contaminado.

• Actuacións de impulso da eficiencia e utilización sustentable das enerxías renovables.

• Outras actuacións de protección do ambiente e do espazo natural.

Os custos elixibles, para os efectos de distribución do fondo, son, entre outros:

• Investimentos en inmobilizado: custo de man de obra externa, execución material, equipos e instalacións.

Cando no investimento participase directamente persoal da entidade local, procederase á imputación dos gastos correspondentes ao persoal empregado.

• Custos do proxecto e dirección de obra, se se trata de contratacións externas.

• Custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural. No caso de que se empregase persoal da entidade local, procederase á imputación dos gastos correspondentes ao persoal empregado.

Alegación 25:

No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en canto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquelo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, se incorpora aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997 e o Acordo publicouse no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Polo tanto este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non se pode aplicar con efectos retroactivos.

Alegación 26:

No que respecta á vulneración flagrante da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, derivada da execución do proxecto, o Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural informou o 7.12.2020 o seguinte:

«Á marxe da lexislación sectorial de industria e da de impacto ambiental, o artigo 66 da Lei 7/2012 determina uns determinados usos preferentes de índole forestal para os montes, marcando, asemade, unha obriga de custodia e, se é o caso, informe de cambio de uso que tamén recolle a lexislación do solo de Galicia mediante a consideración dos usos permitidos para estes terreos de protección. A consideración dunha actuación en materia enerxética como proxecto de interese supramunicipal en solos rústicos determina que os solos ocupados pola acción construtiva sexan clasificados como solos rústicos de protección de infraestruturas, vinculando de xeito obrigatorio os usos previos ao uso enerxético e as súas determinacións».

E continúa dicindo: «Nesta orde de cousas, resulta relevante transcribir un parágrafo contido no punto 11.5 da Memoria do proxecto sectorial do parque eólico Monte Peón: […] «No artigo 11.2 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, especifícase que os municipios onde se asenten as infraestruturas, dotacións ou instalacións obxecto dun proxecto sectorial, deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido do proxecto sectorial, en que se establecerán as determinacións do dito planeamento local, en que deban ser modificadas como consecuencia da aprobación do proxecto sectorial, e no prazo que determine este último e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión do planeamiento urbanístico» […]».

E o informe do Servizo de Montes finaliza: «Polo exposto neste informe, queda formalmente cuberto o prescrito na Lei 7/2012 de montes de Galicia, á marxe doutros posibles informes de órganos superiores ao Distrito forestal XIX e, se é o caso, das obxeccións vinculantes que con superior criterio técnico poida facer a Consellería do Medio Rural».

Alegación 27:

Respecto da saturación na capacidade de acollida de novos proxectos de parques eólicos en Galicia expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

Alegación 28:

Respecto ás alegacións sobre a imposibilidade de acceder á información ambiental do parque eólico Monte Peón, cabe remitirse á Resolución do 8 de outubro de 2020, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (actualmente Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación), pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do proxecto do parque eólico Monte Peón, sito no concello da Lama da provincia de Pontevedra (IN408A 2018/04).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 16 de novembro de 2020 e no xornal Faro de Vigo do 23 de outubro. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas, nas dependencias do concello afectado (A Lama), así como nas da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

Alegación 29:

Respecto ás conclusións do informe #Macroeólicos sobre o impacto dos parques eólicos e as súas infraestruturas asociadas, sobre os patrimonios:

• Cultural: análise da afección sobre o Camiño de Santiago, bens de interese cultural (BIC) catalogados e contornos de protección, elementos do patrimonio cultural catalogados, e elementos que forman parte do Plan especial de protección PEPRIs.

• Ambiental: afección sobre a auga, fauna, Rede Natura 2000, e áreas protexidas.

• Demográfico: amósase unha recompilación de indicadores relativos ao nivel de ocupación de superficie por parte dos parques eólicos e infraestruturas asociadas, así como a súa localización e proximidade a asentamentos humanos (concellos, vivendas e lugares).

• Agropecuario: análise dos prexuízos que se poden causar sobre as terras agrarias e sobre as condicións de vida das poboacións máis próximas ás instalacións eólicas. En especial, analiza as afeccións sobre os montes veciñais en man común, e sobre as superficies agrícolas e forestais.

• Turístico: afeccións sobre aloxamentos e casas rurais, cámpings, comarcas paisaxísticas de Galicia, e grandes áreas paisaxísticas de Galicia.

Subliñar, en primeiro lugar, que o conxunto de alegacións que configuran o informe #Macroeólicos refírense ao contexto eólico en Galicia, sen particularizar en ningún parque concreto. Por outra banda, todas as afeccións indicadas no informe cobren aspectos que foron tidos en conta na DIA emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23.9.2022, e analizados previamente, con emisión de informe preceptivo, polos organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural e do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, dirección xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e dirección xeral de Ordenación Forestal.

Alegación 30:

Por último, a solicitude de identificación dos funcionarios e da capacitación profesional de cantos interveñan na revisión das alegacións, ao abeiro da Lei 21/2013 de avaliación ambiental e da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non se trata dunha alegación ao proxecto, nin ao seu contido ou ás súas afeccións. Ao tratarse dunha solicitude de información, deberá cursarse como tal e seguir o procedemento correspondente».

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por se presentaren fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 23.9.2022, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23.9.2022 e recollida no antecedente de feito décimo sétimo:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Monte Peón, considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA.

[...]

De acordo co artigo 41.4 da Lei de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan na vía administrativa e xudicial fronte o acto polo que se autoriza o proxecto.

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Monte Peón, sito no concello da Lama (Pontevedra) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., para unha potencia de 12,6 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Monte Peón, composto polo documento «Proxecto de execución parque eólico Monte Peón», asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares (colexiado nº 1102 do Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de Galicia) e visado no referido colexio co nº 20230672 do 9.3.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Naturgy Renovables, S.L.U.

Enderezo social: avenida Arteixo, nº 171, 15007 A Coruña.

Denominación: parque eólico Monte Peón.

Potencia instalada: 12,6 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 12,6 MW.

Produción neta: 41.387 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.285 h.

Concellos afectados: A Lama (Pontevedra).

Orzamento de execución material (sen IVE): 13.204.313,78 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

a

547.170,00

4.695.383,00

b

549.236,00

4.695.383,00

c

549.236,00

4.694.023,00

d

547.170,00

4.694.023,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

MP-01

547.794,08

4.694.529,40

MP-02

548.145,08

4.694.714,07

MP-03

548.761,90

4.694.868,90

Coordenadas da torre meteorolóxica:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

Torre 1

547.568

4.694.326

Coordenadas da subestación do parque eólico e da súa envolvente:

Subestación

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

Subestación

548.665,00

4.694.497,00

A

548.614,62

4.694.488,26

B

548.657,80

4.694.545,57

C

548.712,21

4.694.504,56

D

548.685,25

4.694.468,67

E

548.648,13

4.694.462,97

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 3 aeroxeradores de 4,2 MW de potencia nominal unitaria, de 154 m de altura da buxa, de 138 m de diámetro de rotor.

– 3 centros de transformación de 4.700 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,69/30 kV, instalados unitariamente no interior da góndola de cada aeroxerador, co seu correspondente equipamento de seccionamento, manobra e protección.

– Rede de media tensión soterrada para evacuación de enerxía a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores 0,69/30 kV e a subestación transformadora 132/30 kV, composta por 1 circuíto con condutores tipo RHZ1 2OL (S) 18/30 kV Al+H16 de distintas seccións (240-400 mm2).

– Torre meteorolóxica de 154 m de altura total.

– Subestación transformadora 132/30 kV, con edificio de control, para evacuación de enerxía producida no parque eólico, composta por un transformador principal 132/32 kV, de 15 MVA ONAN e un transformador de servizos auxiliares 30/0,42-0,242 kV de 50 kVA cos correspondentes equipos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

– Obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, subestación, edificio de control, cimentacións, plataformas de aeroxeradores e gabias de cables.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 231.075 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

6. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

7. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 23.9.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Recóllense a continuación as condicións establecidas na DIA ás cales o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, coa obtención dos os informes requiridos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural: punto 4 da declaración de impacto ambiental.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por este acordo se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e as demais que sexan de aplicación.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais