Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 9 de xuño de 2023 Páx. 35857

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 2 de xuño de 2023 pola que se modifica o módulo de financiamento do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia.

En uso da competencia exclusiva que o artigo 27.23 do Estatuto de autonomía lle recoñece á Comunidade Autónoma galega, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que define e regula o Sistema galego de servizos sociais como servizo público destinado a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación, mediante intervencións que permitan o logro dos obxectivos estratéxicos do sistema. Dentro da estrutura do Sistema galego de servizos sociais, os servizos sociais comunitarios configúranse como servizos de carácter integrador, constituíndose na principal instancia do sistema para o desenvolvemento de intervencións de carácter preventivo, de atención integral a persoas e familias e de incorporación social e laboral. Estes servizos comprenden dúas modalidades: os servizos sociais comunitarios básicos e os servizos sociais comunitarios específicos. O artigo 11 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, recolle, na letra f) do seu número 1, como unha das funcións dos servizos sociais comunitarios básicos a xestión do servizo de axuda no fogar, así como a participación na xestión das prestacións destinadas a garantir a autonomía persoal e a atención á dependencia, nos termos establecidos na normativa de aplicación.

Así mesmo, a Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, configura, no seu título I, o Sistema para a autonomía e atención á dependencia como «unha rede de utilización pública que integra, de forma coordinada, centros e servizos, públicos e privados», regula as prestacións do sistema e prevé un catálogo de servizos que, de acordo co seu artigo 3, se deben integrar nos sistemas de servizos sociais das comunidades autónomas, no ámbito das competencias que teñen asumidas.

A través do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, modificado a través da disposición derradeira primeira do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, e posteriormente a través do Decreto 148/2014, do 6 de novembro, regúlase, entre outros aspectos, un novo marco para o financiamento dos servizos sociais comunitarios de titularidade municipal, mellorando aspectos clave para as facendas locais como son a continuidade e a estabilidade, así como a economía procesual e a consecuente celeridade na xestión dos pagamentos. Para iso, produciuse un cambio desde un procedemento baseado na convocatoria anual de subvencións a outro de transferencias de ciclo anual, de acordo co procedemento que este decreto regula, garantindo, en todo caso, unha transición que non prexudique a calidade e a continuidade duns servizos fundamentais prestados á cidadanía polas corporacións locais. Esas transferencias, no caso do servizo de axuda no fogar (SAF) para persoas en situación de dependencia valorada e con dereito recoñecido de atención, realizaranse de maneira regular en función das horas de atención efectivamente prestadas, para o cal se empregará un sistema de información compartido entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais titulares dos servizos.

O artigo 58 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, regula o financiamento, pagamento e xustificación dos servizos de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia valorada con dereito de atención recoñecido e, no seu punto segundo, sinala que a Xunta de Galicia, a través do correspondente sistema de información e xestión, calculará as cantidades asignadas ás corporacións locais titulares do servizo en función do número de horas mensuais prestadas ás persoas con dereito de atención recoñecido no correspondente programa individual de atención, para o que aplicará o módulo de financiamento do anexo III.

A disposición adicional primeira do dito Decreto 99/2012, do 16 de marzo, no seu punto primeiro, autoriza a persoa titular da consellería competente no Sistema galego de servizos sociais para modificar, mediante orde, a estrutura e as contías dos módulos de financiamento recollidos no anexo III e no artigo 47 deste decreto, coa finalidade de adaptalos ao desenvolvemento da efectividade do dereito ás prestacións de dependencia, conforme o previsto na disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e á normativa reguladora das titulacións universitarias e títulos e cualificacións profesionais, así como ás variacións do índice de prezos de consumo galego. Con base na dita autorización ditáronse a Orde do 31 de maio de 2016 e a Orde do 14 de decembro de 2021 polas que se modificou o módulo de financiamento do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia.

A modificación definitiva establecida pola Orde do 14 de decembro de 2021 sinalaba que a achega da Xunta será igual á diferenza entre o custo do servizo, declarado pola corporación local na xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais máis recente dispoñible, menos o importe da participación da persoa usuaria no custo do servizo, por hora efectiva de atención xustificada a persoas con programa individual de atención de servizo de axuda no fogar. En todo caso, a achega por parte da Xunta de Galicia por cada hora efectiva de atención xustificada a persoas con programa individual de atención de servizo de axuda no fogar sería dun máximo de:

– 11,00 euros/hora durante as anualidades 2021 e 2022.

– 11,50 euros/hora durante a anualidade 2023.

– 12,00 euros/hora na anualidade 2024 e seguintes.

Durante o tempo transcorrido desde a publicación da Orde do 14 de decembro de 2021, o custo que afrontan os servizos sociais comunitarios para a prestación do servizo de axuda no fogar, tanto no prezo por hora de servizo como no volume de persoas que o están a recibir, foise incrementando paulatinamente. As circunstancias económicas e sociais derivadas da crise na que nos atopamos requiren unha nova modificación que garanta a estabilidade do financiamento do Sistema galego de servizos sociais, no que atinxe aos orzamentos das entidades locais.

Para asegurar que o servizo de axuda no fogar sexa ofrecido en condicións óptimas coa homoxeneidade desexable e chegue a todas as potenciais persoas usuarias en toda Galicia, cómpre revisar, mediante esta orde, o financiamento do servizo e actualizar a participación da Xunta de Galicia no seu financiamento.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, polo Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, e polo Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación do anexo III do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento

Modifícase o anexo III, letra A), do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, que queda redactado da seguinte maneira:

«Criterios para o financiamento do servizo de axuda no fogar (SAF):

A) Garantía de financiamento da renovación anual do servizo de axuda no fogar para persoas valoradas como dependentes con dereito de atención recoñecido na correspondente resolución do programa individual de atención.

1. Módulo económico que se aplicará: a achega da Xunta será igual á diferenza entre o custo do servizo, declarado pola corporación local na xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais máis recente dispoñible, menos o importe da participación da persoa usuaria no custo do servizo, por hora efectiva de atención xustificada a persoas con programa individual de atención de servizo de axuda no fogar.

En todo caso, a achega por parte da Xunta de Galicia por cada hora efectiva de atención xustificada a persoas con programa individual de atención de servizo de axuda no fogar será dun máximo de 12 euros/hora durante a anualidade 2023 e seguintes.

2. Para os efectos do disposto no segundo parágrafo do punto 1, considérase custo do servizo declarado pola corporación local na xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais máis recente dispoñible o correspondente á última xustificación do proxecto anual de servizos sociais cursada e admitida na aplicación https:planconcertado.xunta.es. A este respecto, terase como referencia de custo do servizo ata o 30 de xuño do exercicio corrente o declarado na xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais relativo a dous exercicios anteriores ao corrente e, a partir do 1 de xullo do exercicio corrente, o declarado na xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais relativo ao exercicio anterior.

3. Para os efectos do disposto no segundo parágrafo do punto 1, considérase importe da participación da persoa usuaria no custo do servizo, por hora efectiva de atención xustificada a persoas con programa individual de atención de servizo de axuda no fogar, o determinado na correspondente resolución de aprobación do dito programa individual de atención, en aplicación do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, en proporción ao número de horas efectivamente prestadas mensualmente».

Disposición transitoria única. Aplicación do módulo de financiamento na anualidade 2023

Para cumprir coa garantía do financiamento da renovación anual do servizo de axuda no fogar para persoas valoradas dependentes con dereito de atención recoñecido na correspondente resolución de aprobación do programa individual de atención en condicións de igualdade e homoxeneidade durante todo o exercicio 2023, a actualización do módulo para este ano ata o máximo de 12 euros/hora terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2023. Para estes efectos, revisaranse as liquidacións trimestrais realizadas ás corporacións locais con anterioridade á entrada en vigor desta orde correspondentes ao ano 2023 e realizaranse as transferencias das cantidades complementarias que correspondan en función das horas de atención que fosen efectivamente prestadas e rexistradas no Sistema de información e xestión a que se refire o artigo 58 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo.

Disposición derradeira primeira. Habilitación competencial

Autorízase a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de planificación e coordinación dos servizos sociais comunitarios de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia da Consellería de Política Social e Xuventude para ditar os actos e instrucións que sexan necesarios para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude