Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2023 Páx. 36426

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se resolve, con carácter definitivo, o ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2021 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario na categoría de técnico/a superior en radioterapia.

Mediante a Resolución do 12 de novembro de 2021 (Diario Oficial de Galicia núm. 225, do 23 de novembro), da Dirección Xeral de Recursos Humanos, resolveuse con carácter definitivo o ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2021 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos, excepto na categoría de técnico/a superior en radioterapia, en cumprimento do auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo, do 23 de setembro de 2021, ditado no procedemento abreviado 23/2021 que acordou a suspensión da resolución definitiva do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2021 do concurso de traslados aberto e permanente, ata que se dite sentenza firme no referido procedemento xudicial.

Unha vez recibida a firmeza da sentenza do 18 de maio de 2022, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ditada no recurso de apelación 496/21, de conformidade co previsto na base oitava da Resolución do 20 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 227, do 29 de novembro), pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar resolto definitivamente o ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2021 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario na categoría de técnico/a superior en radioterapia e adxudicar a Liliana Soto Casal, con DNI ***13444**, a praza co código 28072000240 en Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. Centro Itinerante Unidade Técnica de Protección Radiolóxica (UTPR), Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Concello de Santiago de Compostela, con xornada flexible e desprazamento por toda a Comunidade Autónoma.

Sen prexuízo dos prazos posesorios a que de ser o caso a concursante teña dereito, os efectos administrativos da data de toma de posesión deben retrotraerse ao 25 de novembro de 2021, data en que se teñen producido as tomas de posesión do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos do ano 2021.

Segundo. As listas coas puntuacións e, de ser o caso, os destinos definitivos asignados na categoría atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. De conformidade co previsto na base novena da Resolución do 20 de novembro de 2017, a concursante que obtén praza neste proceso deberá cesar na que, de ser o caso, desempeñe, dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique esta resolución.

Cuarto. De conformidade co artigo 30, punto 2) do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, segundo a redacción efectuada pola Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas, a toma de posesión do novo destino obtido debe efectuarse dentro dos dous días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e a adxudicada son da mesma área de saúde; no prazo de sete días hábiles, se as prazas son de distinta área de saúde dentro do Servizo Galego de Saúde, ou no prazo dun mes, se a praza desempeñada corresponde a outro servizo de saúde.

Para estes efectos entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos.

Non disporán de ningún dos prazos posesorios sinalados aqueles/as adxudicatarios/as de praza no concurso que xa viñesen ocupando praza con carácter definitivo no mesmo centro de destino ou en virtude de comisión de servizos ou reingreso provisional.

No caso de que a adxudicación da praza supoña o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución.

Quinto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición, ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir da mesma data.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos