Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 13 de xuño de 2023 Páx. 36491

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Alvite II, sito nos concellos de Mazaricos, Negreira e Santa Comba (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2019/016).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Green Capital Power, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Alvite II, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 18.3.2019, Green Capital Power, S.L. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Alvite II.

Segundo. O 18.6.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude, de acordo cos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009. O 1.7.2019, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes a autorización administrativa de parques eólicos.

Terceiro. O 30.6.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei) onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Cuarto. O 19.5.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, por petición da promotora, solicitoulle ao órgano ambiental a elaboración do documento de alcance do estudo de impacto ambiental, ao abeiro do artigo 34 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. Finalizado o período de consultas, con data do 18.8.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental.

Quinto. O 9.2.2021, Green Capital Power, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, consistente con carácter xeral, no cambio de posicións dos aeroxeradores.

Sexto. O 19.4.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial.

Sétimo. O 8.7.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación respecto das delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, de acordo co artigo 33.7 da Lei 8/2009.

Oitavo. O 11.2.2022, Green Capital Power, S.L. presentou solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, para o parque eólico Alvite II, xunto coa documentación correspondente.

Noveno. O 10.5.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Alvite II á Xefatura Territorial da Coruña para a continuación da tramitación.

Décimo. Mediante o Acordo do 5 de xullo de 2022, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Alvite II, nos concellos de Mazaricos, Negreira e Santa Comba (A Coruña).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 2.8.2022 e no xornal La Voz de Galicia do 2.8.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Mazaricos, Negreira e Santa Comba), e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiu o correspondente certificado de exposición pública.

Así mesmo, o acordo e a documentación obxecto de información pública estivo dispoñible na páxina web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

Décimo primeiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, concellos de Negreira, Mazaricos e Santa Comba, Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital (Subdirección Xeral de Operadores de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais), Deputación Provincial da Coruña, UFD Distribución Electricidad, S.A., Retegal, S.A. e Retevisión I, S.A.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 23.9.2022 e o 15.12.2022, Subdirección Xeral de Operadores de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais o 14.10.2022, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 3.11.2022, Retegal, S.A. o 31.8.2022, Retevisión I, S.A. o 7.9.2022.

O informe da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), do 9.8.2022, realiza unha serie de consideracións sobre afeccións, accesos, cruzamentos subterráneos e paralelismos subterráneos ás estradas autonómicas que o proxecto debe de incluír ou adaptar. O promotor respondeu o 5.9.2022 que acepta o contido do informe e que está a traballar nun documento de resposta, onde se terá en conta todas as consideracións realizadas pola AXI no seu informe.

O Concello de Negreira emitiu un informe, o 14.9.2022, en que formula cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole (acumulación de proxectos na zona, afeccións sobre o sistema de vías e sobre as actividades socioeconómicas da zona, entre outros). O promotor deu resposta o 11.10.2022 a estas cuestións. Ao respecto destas, cómpre indicar que algunhas cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver) e para resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos. Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución é dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo segundo. O 24.5.2022, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

Décimo terceiro. O 20.12.2022, a Xefatura Territorial da Coruña emitiu informe sobre a solicitude de autorización administrativa da instalación de produción de enerxía eólica e remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo cuarto. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Mazaricos, Concello de Negreira, Concello de Santa Comba, Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Servizo de Infraestruturas Agrarias da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Adega, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

A consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta aos informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Instituto de Estudos do Territorio, a promotora propuxo modificacións do proxecto, consistentes con carácter xeral, na eliminación dos aeroxeradores da aliñación sur (AL-04, AL-05 e AL-06), as vías de acceso e gabias de cableado asociadas, e a substitución do modelo de aeroxerador proposto de 4,5 MW a 5,9 MW de potencia nominal unitaria.

Cumprida a tramitación ambiental, o 20.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico Alvite II, a cal a fixo pública mediante o Anuncio do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro).

Décimo quinto. O 30.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo sexto. O 20.2.2023, a promotora presentou a documentación técnica refundida mencionada no anterior antecedente de feito, incluíndo as separatas para aqueles organismos afectados polas modificacións introducidas no proxecto.

Décimo sétimo. O 8.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, remitiulles as novas separatas do proxecto de execución refundido aos seguintes organismos e/ou empresas de servizo público: Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Mazaricos, Concello de Negreira, Concello de Santa Comba, e UFD Distribución Electricidad, S.A.U.

O 16.3.2023, UFD Distribución Electricidad, S.A.U. emitiu o correspondente condicionado técnico. O 4.4.2023, a promotora respondeu e prestou a súa conformidade ao indicado no informe de UFD Distribución Electricidad, S.A.U.

En resposta ao informe da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) do 15.3.2023, en que se realiza unha serie de consideracións sobre afeccións, accesos, cruzamentos subterráneos e paralelismos subterráneos ás estradas autonómicas que o proxecto debe de incluír ou adaptar, a promotora presentou unha nova separata do proxecto de execución cos cambios indicados no seu informe.

O 12.4.2023, AXI informou favorablemente a nova separata técnica do proxecto de execución parque eólico Alvite II establecendo unha serie de condicións para introducir nela e indicando a necesidade de que previamente á execución das obras o promotor solicite a preceptiva autorización do Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña. O 17.4.2023, a promotora deu a súa conformidade ao indicado no condicionado da AXI.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo oitavo. O 17.3.2023, a Deputación Provincial da Coruña emitiu condicionado técnico, solicitado o 2.8.2022, no que respecta á rede de estradas da súa titularidade, sinalando a necesidade de incluír no proxecto de construción as condicións indicadas no seu informe. O 4.4.2023 a promotora respondeu que coa derradeira modificación do proxecto, en que se eliminaron as posicións AL-04, AL-05 e AL-06, as infraestruturas da Deputación Provincial da Coruña deixaron de verse afectadas polo mesmo.

Décimo noveno. O 31.3.2023, a promotora a requirimento da xefatura territorial presenta o proxecto de execución parque eólico Alvite II, marzo 2023, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Ángel María Abad León (colexiado núm. 2011 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Xaén) e visado no referido colexio co núm. 1220783-70 do 31.3.2023, no que tamén se inclúen as modificacións solicitadas polo informe da Axencia Galega de Infraestruturas do 15.3.2023.

Vixésimo. O 5.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Vixésimo primeiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 27 MW, segundo o informe do xestor da rede do 23.4.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, con data do 20.3.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación no que se recolle a resposta as mesmas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

a) «A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou mais aeroxeradores, ou que teñan mais de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de efectos acumulativos e sinérxicos incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 20 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parque eólicos en funcionamento ou en proxecto Alvite, San Cosmeiro, Barrosino, O Vao, Banzas, Maragouto, Troitomil, Vilartoxo, Lagoa II, Monteredondo, Ampliación Fontesilva, Campo Pequeno, Santa Comba, Vilamartiño, Singular Outes, Olerón, Outes, Pedregal Tremouzo, Corzán, Alto das Agras, Ampliación Virxe, A Ruña II, Paxareias I-II A, Curras, Paxareiras II B, Paxareiras II C, Paxareiras II D-E, Paxareiras II F, Paxareiras II-CO-11, Ponte Rebordelo, Valsaguero, Singular O Barrigoso, Singular Barilongo, Fontesilva, Valsagueiro, Zas, Serra de Outes, Castelo, Miñón, Monte Toural, A Lagoa I, Monte da Croa, Alto da Croa, Alto da Croa II, Campelo, Monte Tourado, O Cerqueiral, Ampliación Alto da Croa II, Coto Muíño, Logoso, A Costa, Monte da Tella, Brañas, Braña Ancha, Vilacoba, Vaqueira, Varilongo, Monte Redondo, A Picota II, A Ruña III, Patiñeiro, Monte Tourado Eixe, Rial, Revolta das Xestas, A Picota e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións.

Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que: «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais». Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que hai perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo a superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

b) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 20.1.2023, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: concello de Negreira, direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, de Desenvolvemento Rural, de Defensa do Monte, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia e Augas de Galicia.

c) En canto ás afeccións ao medio hídrico, o organismo Augas de Galicia informou o 23.9.2022 e 15.12.2022 que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que o promotor prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións para tal efecto referidas nos informes emitidos.

Durante os procesos de execución dos traballos de desenvolvemento e implantación da actuación proposta, de cara a non afección ao dominio público hidráulico, deberán recollerse as directrices sinaladas no informe, así como as indicadas na documentación sometida a informe.

d) No expediente consta un informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 29.11.2022, favorable condicionado á presentación, con carácter previo ao inicio das obras, da documentación e información de determinados aspectos que se relacionan no informe.

e) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 22.11.2022 que a área delimitada polo proxecto do parque eólico Alvite II abarca maioritariamente terreos de uso agrario, polo que o seu impacto no ámbito forestal é moi limitado, non afectando montes de dominio público nin patrimoniais, ou a montes veciñais en man común.

En todo caso, durante a realización dos traballos débese evitar a corta innecesaria do arboredo, respectando dentro do posible os pés de frondosas autóctonas e da vexetación de ribeira; polo que se procederá a identificar e sinalizar previamente estas masas co fin de diminuír o risco de danos accidentais pola maquinaria. De ser necesario, estableceranse medidas para o saneamento dos danos causados sobre o arboredo nos accesos e zonas adxacentes aos traballos, e a restauración da vexetación das zonas ocupadas temporalmente. A xestión da biomasa realizarase por medios mecánicos, rexeitando a súa queima ou o emprego de fitocidas.

f) En relación coa existencia de instalacións adscritas á defensa contra incendios, a Dirección Xeral de Defensa do Monte informou o 3.11.2022 que non se observan afeccións sobre as infraestruturas forestais que poidan impedir o correcto funcionamento das actividades de prevención ou posible extinción de incendios para executar.

g) No que respecta ás alegacións relativas ás afeccións derivadas das distancias previstas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a promotora deberá cumprir coas prescricións da dita lei que resulten de aplicación.

h) En relación coa afección á paisaxe, no expediente constan informes do Instituto de Estudos do Territorio do 21.9.2022 que indica que o proxecto provocará un impacto paisaxístico derivado da intrusión visual que producirán as infraestruturas do parque, principalmente os aeroxeradores, que pola súa forma e altura, e situarse en posicións elevadas, serán visibles desde unha ampla extensión de terreos e a longas distancias; esta incidencia perdurará durante todo o tempo en que estean instalados os aeroxeradores, e verase incrementada polo efecto sinérxico derivado da presenza doutros parques eólicos na contorna. Entre as zonas afectadas pola incidencia visual caben destacar o Camiño de Santiago, as estrada DP5604 e AC-400 Mazaricos-Santa Comba, e os núcleos de poboación máis próximos. Esta incidencia visual, aínda que non pode ser mitigada con medidas correctoras agás nos núcleos rurais e as vías, non supón un impacto crítico.

Tamén terán incidencia os movementos de terras xerados pola implantación da infraestrutura, polo que deben adoptarse as oportunas medidas preventivas e correctoras e en especial no área afectada ao carón da Braña do Madeiro.

O contido do EIIP non se axusta ao establecido no artigo 11.2 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, e nos artigos 26 e seguintes do RLPPG, polo que deberá ser actualizado e completado segundo as indicacións que se especifican no informe.

i) En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Cultura emitiu o 9.12.2022 un informe en que indica que resulta evidente a afección que a construción do parque eólico Alvite II ocasionará sobre o Camiño de Fisterra e Muxía e o xacemento arqueolóxico de Cornado, pola proximidade dos aeroxeradores e a súa implantación nunha paisaxe aberta, cunha topografía de escasos e suaves desniveis que potenciaran a súa visión, tanto desde a ruta xacobea como desde o devandito xacemento e as poboacións próximas. Ademais, debe terse en conta o efecto acumulativo que se xerará coa construción do parque eólico Alvite (tamén en tramitación), situado a carón do Alvite II.

Por tanto, emítese informe desfavorable sobre as posicións dos aeroxeradores AL04, AL05 e AL06 xa que se consideran incompatibles pola súa proximidade e afección visual sobre o Camiño de Fisterra e Muxía e o seu territorio histórico e sobre o xacemento arqueolóxico do Cornado e, por tanto, deberán anularse.

Para o resto das infraestruturas emítese un informe favorable, coa adopción das medidas correctoras establecidas no anexo 7 do estudo de impacto ambiental, e debéndose, en todo caso, ter en conta as condicións e consideracións contidas no informe.

j) Tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña.

k) No caso de afectar a captacións ou instalacións de subministración de auga, o promotor deberá repoñer os servizos existentes.

l) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle nos antecedentes de feito.

m) O interese autonómico do proxecto xustifícase por constituír un desenvolvemento do Plan eólico de Galicia, co que a importancia e efectos do proxecto que transcenden claramente o ámbito municipal.

n) En canto aos réximes do solo aplicable, o artigo 34.4 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, non pretende excluír un uso ou outro, senón permitir a aplicación complementaria destes réximes.

ñ) No que respecta ás distancias á núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 8.7.2021, recóllese que: «Comprobados o planeamentos vixentes no concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta, e as coordenadas dos aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

o) Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, nos antecedentes de feito recóllense as diferentes publicacións do Acordo do 5 de xullo de 2022 da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Alvite II, nos concellos de Mazaricos, Negreira e Santa Comba (A Coruña), (expediente IN408A 2019/016).

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Negreira, Santa Comba e Mazaricos, no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, así como no Portal de transparencia e goberno aberto da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen queda debidamente garantidos.

p) En canto á duración do período no que a documentación da solicitude do parque eólico estivo sometida a de información pública, é a establecido nas diferentes leis de aplicación de 30 días hábiles. Isto sen prexuízo de que, segundo o artigo 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os interesados poderán, en calquera momento do procedemento anterior ao trámite de audiencia, aducir alegacións e aportar documentos ou outros elementos de xuízo.

q) En relación co solapamento de proxectos de parques eólicos, durante a tramitación do expediente verificouse o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, eólica de Galicia.

r) A utilidade pública das instalacións de xeración eléctrica vén declarada no artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; a dita declaración serao para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

s) En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

t) En relación coas posibles afeccións producidas pola poligonal do parque eólico, cómpre indicar que a poligonal do parque é sinxelamente unha referencia xeográfica do territorio en que se sitúa a totalidade das instalacións do parque. A afección real aos bens e dereitos limítase á producida polas instalacións do parque: aeroxeradores, liñas eléctricas de conexión, subestación e vías.

u) En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, hai que indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución.

v) En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, só no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

w) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en canto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en canto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

x) Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, compre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, publicándose o acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

y) En ambos casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que, coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

z) Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos».

No caso das alegación ambientais presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

En relación cos escritos de oposición á declaración de impacto ambiental, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, no seu caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Alvite II, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 20.1.2023, e recollida no antecedente de feito décimo cuarto desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Alvite II, considerando que o proxecto, segundo a documentación aportada polo órgano substantivo, é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Alvite II.

Nos epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Alvite II, sito no concellos de Mazaricos, Negreira e Santa Comba (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L., para unha potencia de 17,7 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Alvite II, composto polo documento Proxecto de execución parque eólico Alvite II, marzo 2023, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Ángel María Abad León (colexiado núm. 2011 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Xaén) e visado no referido colexio co núm. 1220783-70 do 31.3.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Green Capital Power, S.L.

Domicilio social: Paseo Club Deportiva 1, Edificio 13, 1º, Pozuelo de Alarcón (Madrid).

Denominación: parque eólico Alvite II.

Potencia instalada: 17,7 MW.

Potencia autorizada/máxima evacuable: 17,7 MW.

Produción neta: 41.430 MWh/ano.

Concellos afectados: Mazaricos, Negreira e Santa Comba (A Coruña).

Orzamento de execución material: 11.157.642 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

P1

510.875,00

4.758.785,00

P2

510.875,00

4.755.748,00

P3

511.300,00

4.755.748,00

P4

511.300,00

4.754.989,00

P5

508.844,00

4.754.989,00

P6

507.235,00

4.758.312,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

AL01

507.665,00

4.758.080,00

AL02

508.932,00

4.757.891,00

AL03

509.375,00

4.757.508,00

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

Torre

507.895,00

4.757.684,00

Coordenadas do centro de seccionamento do parque eólico:

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

CS-01

509.070,83

4.755.884,02

CS-02

509.115,10

4.755.890,56

CS-03

509.118,36

4.755.866,35

CS-04

509.080,91

4.755.861,18

Referencia

509.100,00

4.755.877,00

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– Tres (3) aeroxeradores modelo NORDEX N155 ou similar, de 5,9 MW de potencia nominal unitaria, 120 m de altura da buxa e 155 m de diámetro de rotor.

– Tres (3) centros de transformación trifásicos de 6.500 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,69/30 kV, instalados unitariamente no interior da góndola de cada aeroxerador.

– Unha (1) torre meteorolóxica de 120 m de altura.

– Un (1) centro de seccionamento a 30 kV e constituído por un edificio de dúas salas:

• Unha sala como centro de interconexión, na cal se aloxarán as celas de 30 kV e o tansformador de servizos auxiliares de 50 kVA.

• Unha sala para o centro de control, onde se aloxarán os elementos de control, equipos auxiliares, sistema de comunicación, protección, corrente continua, etc.

– Un sistema colector de media tensión (MT) formado por un circuíto de 30 kV en instalación soterrada, que ten como obxecto a canalización da enerxía xerada ata o centro de seccionamento. O cable utilizado será de tipo XLPE 18/30 kV Aluminio de diferentes seccións.

– Unha rede de posta a terra, constituída por condutor de cobre espido, de sección mínima 50 mm2.

– Rede de comunicacións con cable de fibra óptica.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital Power, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 82.925,53 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización e acreditación do cumprimento do condicionado da Axencia Galega de Infraestruturas.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 20.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O promotor deberá contar con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Instituto de Estudos do Territorio e Dirección Xeral de Saúde Pública, de acordo cos puntos 4.1.2 a 4.1.5 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2 a promotora disporá dun prazo de tres anos, a contar desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais