Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 14 de xuño de 2023 Páx. 36698

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 1 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de recollida de residuos especiais de competencia municipal para a construción de novos puntos limpos fixos, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2023, 2024 e 2025 (código de procedemento MT975Q).

Segundo o establecido no artigo 1 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, esta consellería é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, conservación do patrimonio natural, paisaxe e vivenda, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española, co nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

En particular, segundo o artigo 10 do referido decreto, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático exerce as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, a xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia e o impulso da investigación ambiental e o desenvolvemento tecnolóxico para o logro da adecuada protección ambiental.

Inclúense aquí:

a) A elaboración e o seguimento dos programas autonómicos de prevención de residuos e dos plans autonómicos de xestión de residuos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, e das accións de desenvolvemento destes.

b) O fomento das accións de minimización da produción de residuos, da súa reutilización e reciclaxe e dos programas de colaboración cos concellos e con outras organizacións para a aplicación das accións indicadas.

c) A realización de campañas de formación e sensibilización en materia de residuos.

d) A planificación e o fomento de accións relacionadas coa economía circular.

Pola súa banda, as entidades locais son competentes para a xestión dos residuos nos termos establecidos na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, e na Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para una economía circular, e demais normativa de aplicación.

De acordo co que se acaba de sinalar, e tal como se preceptúa no artigo 9, número 2.a) da mencionada Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, correspóndenlles aos concellos, como servizo obrigatorio, a recollida, o transporte e o tratamento dos residuos domésticos xerados nos fogares, comercios e servizos na forma en que establezan as súas respectivas ordenanzas de conformidade co marco da normativa aplicable.

A Directiva 2018/851 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, pola que se modifica a Directiva 2008/98/CE sobre residuos, establece no seu artigo 22 que os biorresiduos deberán separarse e reciclarse en orixe ou ben recollerse de forma separada como moi tarde o 31 de decembro de 2023, o que coincide co disposto na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia.

A planificación en materia de prevención e xestión de residuos municipais en Galicia establece as bases para impulsar a xestión dos residuos cara a un escenario sustentable e acorde coa xerarquía de residuos marcada pola normativa, facendo especial fincapé na prevención, reutilización e valorización dos residuos, establecendo metas e obxectivos de acordo coa normativa vixente.

Así, a situación actual en materia de xestión de residuos municipais, recollida no novo plan de residuos que se encontra en tramitación, permite extraer conclusións e establecer prioridades de actuación encamiñadas ao cumprimento destes obxectivos. Entre eles, destacan medidas de prevención na xeración de residuos, o incremento progresivo da cantidade de residuos destinados á preparación para a reutilización e reciclaxe, a mellora da recollida separada en todo o territorio galego, incluíndo a incorporación de novas fraccións de residuos, o aumento da rede de puntos limpos de Galicia considerando as diferentes modalidades para dar cobertura á totalidade da poboación, e melloras nas infraestruturas existentes co fin de mellorar a recuperación de materiais e reducir a cantidade de residuos con destino aos vertedoiros.

Entre os instrumentos dispoñibles para a consecución dos obxectivos propostos, cobra especial interese o establecemento de liñas de subvencións dirixidas a entidades locais destinadas a impulsar medidas que contribúan á consecución dos obxectivos vixentes nesta materia, tras as novidades introducidas no contexto comunitario de conformidade coa folla de ruta cara a unha Europa eficiente no uso dos recursos, no marco da Estratexia 2020, así como tendo en conta as medidas recollidas no paquete de economía circular, aprobado pola Comisión Europea en decembro de 2015, piares básicos para unha xestión eficiente dos recursos e dos residuos, que se sustenta, fundamentalmente, na prevención e a reciclaxe e en reforzar o principio de xerarquía nas opcións de xestión de residuos.

En concreto, os novos obxectivos de preparación para a reutilización e a reciclaxe dos residuos domésticos municipais quedaron fixados para tres novos horizontes temporais: obxectivo do 55 % en 2025, 60 % en 2030 e 65 % en 2035, que se continúan coa senda marcada xa vixente do 50 % en 2020. Estes residuos, ademais, teñen unha restrición máxima de vertedura do 10 % do total dos residuos municipais xerados en 2035. A estes obxectivos hai que engadir os da reciclaxe de envases e residuos de envases, globais e por materiais, fixados para 2025 e 2030.

Polo que atinxe ao obxecto e á finalidade desta orde, estas axudas contribúen ao cumprimento da normativa comunitaria neste contexto e, en particular:

• Fomentan as primeiras opcións da xerarquía de residuos.

• Favorecen a separación dos residuos de características especiais, a través dunha axeitada clasificación, que facilitará as operacións de recuperación, reutilización e reciclaxe dos materiais.

• Favorecen a redución do depósito en vertedoiro, coas medidas relativas á preparación para a reutilización e reciclaxe dos materiais recuperables.

• Reducen as emisións de gases de efecto invernadoiro, contribuíndo á loita contra o cambio climático.

• Contribúen ao alongamento da vida útil dalgúns produtos e ao incremento da dispoñibilidade de materias primas secundarias para os procesos industriais, reducindo o consumo de materiais primas virxes; en definitiva, a facer un uso máis eficiente dos recursos dispoñibles.

Ademais da contribución en materia de xestión de residuos, de uso eficiente de recursos e da loita contra o cambio climático, súmanse outros beneficios asociados á xeración de emprego como consecuencia da promoción de actividade de recollida, preparación para a reutilización e reciclaxe.

Seguindo o principio de xerarquía de residuos, a prevención é a mellor opción de xestión, seguida, nesta orde, da preparación para a reutilización, da reciclaxe, doutras formas de valorización (incluída a enerxética) e, por último, da eliminación (o depósito en vertedoiros, entre outras).

En consecuencia, tendo en conta as competencias asumidas por este departamento, a presente convocatoria vai destinada a apoiar as entidades locais na procura de respostas aos retos e oportunidades asociadas ao cumprimento do actual marco normativo vixente, así como dos obxectivos que persegue a dita planificación.

Para tal fin, serán obxecto de financiamento, ao abeiro desta convocatoria, os proxectos destinados á construción de novos puntos limpos, conforme o esquema de prioridades e o principio de xerarquía aplicable en materia de residuos. En particular, serán susceptibles de englobarse aquí actuacións destinadas a:

a) Favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos.

b) Ampliar e mellorar o servizo que prestan estas instalacións a unha maior porcentaxe da poboación en puntos limpos.

c) Favorecer a preparación para a reutilización e a autorreparación de residuos municipais recollidos de forma separada.

O artigo 60.2 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, indica que as convocatorias públicas de axudas e subvencións da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos entes instrumentais do sector público autonómico, destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma, deberán primar, na forma en que se estableza nas correspondentes bases reguladoras, as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera forma.

Esta orde encádrase no marco do Mecanismo de recuperación e resiliencia, dentro do eixe/compoñente 12: política industrial de España 2030, medida/investimento I3: Plan de apoio á implementación da normativa de residuos e ao fomento da economía circular (residuos e economía circular), submedida 001: residuos e economía circular, modalidade de financiamento 4620-MRR, do Plan estatal de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e no cumprimento da normativa autonómica, estatal e da Unión Europea que regula este tipo de investimentos, e que quedan suxeitos, en todo caso, ao cumprimento, execución e realización dos obxectivos fixados no dito plan.

O investimento é coherente co obxectivo «Aumento dos residuos municipais recollidos selectivamente», tal e como se define no anexo da proposta de decisión de execución do Consello, relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España [SWD(2021) 147 final], e resulta apto para acadar un mínimo do 30 % de recollida selectiva dos residuos municipais, de conformidade coa Directiva 2008/98/CE, que constitúe o indicador correspondente a este obxectivo.

Neste marco resultan de aplicación o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como o Regulamento (UE) 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19 e regulado segundo o Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. Resultan tamén de aplicación a Lei 9/2021, de 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, a Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e a Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que van proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento dos fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como a Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática de risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Estarán sometidas á plena aplicación dos mecanismos de xestión e control que se establezan para o Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE e á normativa da Unión Europea aplicable á xestión, seguimento e control que se estableza para o Plan de reconstrución, transformación e resiliencia, así como ás específicas relativas á información e publicidade, verificación e demais impostas pola normativa da Unión Europea, cuxa aplicación será de obrigado cumprimento.

Así mesmo, todas as actuacións que se executen dentro do marco do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) deben cumprir o principio de «non causar prexuízo significativo» aos seguintes obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento 2020/852 do Parlamento e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar investimentos sustentables (principio DNSH):

a) A mitigación do cambio climático.

b) A adaptación ao cambio climático.

c) O uso sustentable e a protección dos recursos hídricos e mariños.

d) A economía circular.

e) A prevención e o control da contaminación.

f) A protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

As actuacións asegurarán o cumprimento do compromiso de etiquetaxe verde (non contan con etiquetaxe dixital) do investimento C12.I3 e encádranse no seguinte campo de intervención de acordo co Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia: «042: Xestión de residuos domésticos: medidas de prevención, minimización, separación, reutilización e reciclaxe» cunha contribución aos obxectivos climáticos nun 40 % e aos ambientais nun 100 %.

O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta orde de axudas non excederá o 90 % do custo total do proxecto. A porcentaxe restante será asumida polo/a beneficiario/a e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai financiar. O financiamento achegado non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2), así como axudas, subvencións, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outro fondo europeo, tales como Feder, REACT-UE, FSE, Feader, Horizonte Europa, etc.

En virtude do anterior, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da subvención

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva, ás entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de recollida de residuos especiais de competencia municipal (código de procedemento MT975Q), ao tempo que se fai pública a súa convocatoria.

2. Resultarán subvencionables os proxectos de construción de instalacións municipais para a recollida separada dos distintos fluxos de residuos, puntos limpos.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias as entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lles correspondan en materia de xestión de residuos. Se a entidade ten as competencias en materia de xestión de residuos delegadas noutra entidade, será esta última a que poderá solicitar estas axudas.

2. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en particular no tocante á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicará a cada un deles, que terán, igualmente, a condición de beneficiarios, así como, en relación co necesario nomeamento da entidade local que actuará como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que, para poder conceder a subvención solicitada, todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.

3. Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea e para a mesma actuación de maneira individual e a través da entidade supramunicipal ou agrupación en que se integre. De darse o caso, non se admitirá a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo.

4. Para poderen ser beneficiarias destas axudas, as entidades locais deberán ter presentado no Consello de Contas de Galicia as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Actuacións subvencionables e requisitos

1. Ao abeiro desta orde de axudas, serán subvencionables proxectos e actuacións que teñan por obxecto a construción de instalacións municipais para a recollida separada dos distintos fluxos de residuos, puntos limpos, co obxecto tanto de potenciar a súa reciclaxe ou outra forma de valorización como de reducir a cantidade de residuos que se destina a eliminación.

Os conceptos financiables dentro deste tipo de proxectos son os que se recollen a seguir:

a) A construción (incluíndo a adecuación do terreo) necesaria para a recollida separada dos distintos fluxos de residuos.

b) Cubertas para a zona de almacenamento de residuos. Priorizarase o peche de residuos cuxa exposición ao sol e á auga teña efectos prexudiciais para a súa reciclaxe ou valorización. En particular, residuos de RAEE, pilas, téxtiles, vernices e outros residuos domésticos perigosos.

c) Impermeabilización e recollida de derramamentos da zona de almacenamento de residuos perigosos.

d) Compra de contedores e gaiolas apropiadas para o almacenamento das distintas fraccións de residuos. Teranse en conta, especialmente, aqueles proxectos que presenten un aumento das fraccións recollidas separadamente, en especial as relacionadas con téxtiles e residuos domésticos perigosos. Neste concepto inclúense contedores metálicos, gaiolas ou andeis.

e) Básculas para pesada de entradas e saídas de residuos.

f) Ferramentas informáticas (incluído software) para o rexistro tanto de entradas como de saídas de residuos (arquivo cronolóxico telemático).

g) Instalacións destinadas á preparación para a reutilización, xa sexa para o almacenamento separado dos residuos susceptibles de seren preparados para a reutilización como para a comprobación ou tratamento.

h) Elementos de información no propio punto limpo sobre as condicións de entrega adecuada dos residuos, tales como carteis, paneis ou sinalización.

i) Melloras no control de acceso á zona de almacenamento de residuos, tales como peches perimetrais, sistemas de control de acceso, peches de zona de almacenamento, sistemas de videovixilancia, alarmas, etc.

j) Formación para o persoal do punto limpo en materia de preparación para a reutilización, co obxecto de seleccionar adecuadamente aqueles residuos susceptibles de seren preparados para a reutilización.

k) Servizos complementarios á execución da obra, tales como honorarios de redacción de proxecto, dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde.

2. Os proxectos que se presenten para optar a esta convocatoria deberán observar os seguintes requisitos:

a) Para os efectos da presente orde non será subvencionable a construción dun punto limpo nun termo municipal no cal xa exista na actualidade un punto limpo. Entenderase como punto limpo unha instalación de recollida separada e almacenamento temporal de residuos de competencia municipal que, polo seu volume ou perigo, deben ser recollidos e depositados en instalacións específicas.

b) Os proxectos de construción de nova instalación de punto limpo deben recoller o teitado e peche da zona de almacenamento de RP e RAEE, así como a impermeabilización e a instalación de sistemas de recollida de derramamentos na zona de residuos perigosos e RAEE. Estes proxectos deben prever a recollida dos residuos téxtiles e dos residuos domésticos perigosos.

c) Os proxectos presentados deberán incorporar elementos de compra pública verde ou ecolóxica. A prestación de servizos ou a compra de materiais, equipamentos ou medios de recollida e transporte deberán observar criterios ecolóxicos acordes cos obxectivos ambientais relacionados co cambio climático, a utilización dos recursos e a produción e o consumo sustentables (ecodeseño, emprego de materiais reciclados e/ou reciclables, eficiencia enerxética, redución de emisións, redución da pegada de carbono, economía circular, entre outros) que contribúan a reducir o seu impacto ambiental.

d) A entidade local deberá comprometerse ao cumprimento da normativa sectorial en materia de residuos destas instalacións, así como á solicitude ou modificación da súa autorización e correspondente inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Galicia, segundo sexa necesario.

e) Será obrigatorio que, na fase de xustificación da axuda, a instalación conte coa autorización pertinente para levar a cabo a actividade.

f) Para os efectos desta convocatoria, teñen a consideración de residuos especiais de competencia municipal aqueles residuos que carecen de sistemas ordinarios de recollida pero que son susceptibles de recuperación ou necesitan recollerse separadamente debido ás súas especiais características (aceites vexetais usados, téxtiles, voluminosos, etcétera).

Artigo 4. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de forma indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable e cumpran co establecido no artigo 17 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia (en diante, Mecanismo).

2. En particular, non serán gastos subvencionables os seguintes:

a) Os gastos non xustificados correctamente ou que non sexan obxecto de subvención, así como os gastos non imputables ao investimento.

b) O imposto sobre o valor engadido.

c) Os investimentos realizados mediante contrato de arrendamento financeiro ou leasing.

d) Os gastos de persoal.

e) Os premios ou agasallos non relacionados coa actuación e/ou innecesarios.

f) Os custos asociados aos servizos de recollida e ao tratamento dos residuos municipais.

g) Asesoramento técnico, realización de pregos ou pagamento de taxas administrativas.

h) Respecto dos bens de equipamento de segunda man, estes serán subvencionables cando se cumpran os requisitos seguintes:

1º. Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e que estes non fosen obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

2º. O prezo non poderá ser superior ao valor de mercado e deberá ser inferior ao custo dos bens novos similares; estas cuestións acreditaranse mediante certificación de taxador independente.

i) Os custos de alugamentos e pagamento de servizos a terceiros.

j) No caso de que o proxecto, ou determinados conceptos deste, afecten fluxos de residuos cubertos pola responsabilidade ampliada do produtor, non será financiable a parte atribuíble á responsabilidade ampliada do produtor.

k) Non se valorarán factores enerxéticos.

l) Os edificios para traballadores, oficinas e maquinaria (excepto que o edificio inclúa o destinado a reutilización ou preparación para a reutilización) non serán financiables.

m) Así como todos aqueles gastos que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionable.

3. As entidades solicitantes poderán subcontratar a totalidade da actuación subvencionable, de conformidade co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De ser o caso, as entidades subcontratadas deberán comprometerse a cumprir cos estándares máis exixentes en relación co cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais, adoptando as medidas necesarias para previr e detectar a fraude, a corrupción e os conflitos de intereses, respectar os principios de economía circular e evitar impactos negativos significativos no ambiente («DNSH» polas súas siglas en inglés «do no significant harm») na execución das actuacións levadas a cabo no marco do dito plan, así como non incorrer en dobre financiamento e que, de ser o caso, non lles conste risco de incompatibilidade co réxime de axudas de Estado. Para estes efectos, o cumprimento nestes termos acreditarase mediante declaración da subcontrata correspondente, no momento da xustificación (artigo 23.3.h), segundo o modelo incluído como anexo VII nesta orde.

4. O beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Deberase observar o disposto na normativa aplicable en materia de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación e, se é o caso, respecto do contrato menor con adxudicación directa.

Artigo 5. Crédito e contía das axudas

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2023, 2024 e 2025, procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, cun importe total de 800.000 €, segundo se indica a seguir:

a) Con cargo á aplicación orzamentaria 02.08.541D.760.1 (código de proxecto 2022 00037), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, ata un máximo de 80.000 € procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

b) Con cargo á aplicación orzamentaria 02.08.541D.760.1 (código de proxecto 2022 00037), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, ata un máximo de 320.000 € procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

c) Con cargo á aplicación orzamentaria 02.08.541D.760.1 (código de proxecto 2022 00037), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, ata un máximo de 400.000 € procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

2. A modificación da distribución inicialmente aprobada rexerase segundo o previsto no artigo 26.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, de ser o caso, o reaxuste de anualidades farase de acordo co preceptuado no artigo 27 do mesmo corpo legal.

3. O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta orde de axudas non excederá o 90 % do custo total do proxecto. A porcentaxe restante será asumida polo/a beneficiario/a e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai financiar. O financiamento achegado non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2), e o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 400.000 €.

4. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou no suposto previsto no artigo 25.3 do regulamento. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975Q). Este formulario xúntase como anexo I a estas bases.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes poderaas presentar individualmente un concello, no exercicio da competencia que ten asumida na materia, ou conxuntamente máis dunha entidade local, ben sexa por medio de entidades de carácter supramunicipal que, pola súa vez, teñen a consideración de entidade local, ben baixo a modalidade de agrupación de entidades locais.

No caso de solicitudes conxuntas presentadas baixo a modalidade de agrupación, cubrirase o anexo IX destas bases indicando os datos dos solicitantes acollidos á modalidade de agrupación.

4. As solicitudes (anexo I) serán subscritas directamente polas persoas que desempeñen a súa representación. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

No caso de solicitudes formuladas por agrupacións de entidades locais, a entidade local designada para actuar como representante deberá achegar, ademais da documentación requirida ao abeiro do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, un documento en que se deixe constancia de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude.

5. As solicitudes recibidas deben manter a proporción orzamentaria do crédito xerado; polo tanto, o importe da subvención solicitada para o ano 2023 debe ser o 10 % do total, para o ano 2024 será do 40 % do total e no ano 2025 será o 50 % restante.

6. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

7. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon á disposición dos interesados o seguinte enderezo de correo electrónico: axudas.cmaot@xunta.gal

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a documentación que se sinala:

a) Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

b) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente, en que conste a decisión da entidade ou entidades locais de solicitar a subvención ao abeiro destas bases reguladoras (anexo II).

c) Certificación de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes (anexo II).

d) No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, deberán achegar:

1º. Documentación xustificativa da persoa ou entidade local designada para actuar como representante para formular a solicitude presentada.

2º. Xustificación de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude, así como no relativo á remisión ao Consello de Contas das contas do último exercicio orzamentario a que legalmente están obrigadas (anexo II).

3º. Identificar e relación de entidades locais participantes.

4º. Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación.

5º. O importe da subvención que se vai solicitar para cada entidade membro da agrupación.

6º. Anexo de pluradidade de solicitantes (anexo IX).

e) Memoria técnica novos puntos limpos. Un único arquivo co contido establecido no número 1 do artigo 7 das bases reguladoras.

f) Compromiso de cumprimento da normativa sectorial en materia de residuos e de inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Galicia.

g) Declaración, por parte da entidade solicitante, do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) no sentido do artigo 8, número 2.e), da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (anexo III).

h) Acreditación das capacidades da nova instalación (capacidade máxima e normal) e da poboación potencialmente atendida polo novo punto limpo, atendendo a posibles acordos entre os diferentes concellos.

i) Documentación acreditativa que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3, número 2.

j) Documentación que se considere oportuna para os efectos do establecido no artigo 14 desta orde, co fin de que a Comisión de Avaliación poida avaliar o cumprimento ou non dos criterios fixados para a valoración e relación das solicitudes presentadas, ou declaración responsable, de ser o caso, que permita deixar constancia do seu cumprimento.

k) As memorias técnicas dos proxectos para os cales solicita a subvención deberán conter unha descrición clara das actuacións que se van desenvolver, tanto desde o punto de vista técnico como económico, así como os datos e a información requirida para o tipo de actuación ou actuacións para as cales se solicita a axuda, e segundo o que se sinala a seguir.

A memoria do proxecto deberá incluír, como mínimo, os seguintes contidos:

1º. Tipoloxía e nome do proxecto.

2º. Breve descrición do proxecto presentado, no cal se inclúan polo menos as capacidades e os residuos que se van tratar.

3º. Identificación e datos de contacto do responsable técnico.

4º. Orzamento resumido das actuacións solicitadas, onde queden perfectamente reflectidos os importes asumidos polo concello e o importe da axuda solicitado (tendo en conta que o IVE non é subvencionable).

5º. Programación temporal (cronograma) para o desenvolvemento do proxecto en correspondencia coas previsións de gastos incluídos no orzamento que se remita e tendo en conta o recollido nestas bases reguladoras.

6º. Indicadores e medidas de seguimento e resultados esperados (residuos recollidos, en quilogramos, por tipoloxía de residuos).

Toda a documentación técnica debe ser presentada nun único documento, que se titule do seguinte xeito «Memoria_técnica», e non poderá superar as doce (12) páxinas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediario de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados de maneira electrónica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias á AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

g) Consulta doutras subvencións ou axudas concedidas á entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento de concesión

O procedemento que se empregará para a concesión das axudas será o de concorrencia competitiva recollido no artigo 19, número 1, da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Órganos competentes

A Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións, mentres que lle corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ditar a resolución da concesión.

Artigo 12. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que revisará toda as solicitudes recibidas e a documentación presentada.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o solicitante, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para que, no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que, se non o fai, se poderá considerar desistido da súa petición, arquivándoa sen máis trámites, segundo resolución que se dite para o efecto.

Igualmente, o requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de economía e facenda; nestes casos, o solicitante terá que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

4. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizaranse a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de maneira que, cando –existindo constancia da posta á disposición da notificación– transcorresen dez (10) días naturais sen que se acceda ao seu contido, se entenderá que a notificación foi rexeitada, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

6. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Comisión de Avaliación

1. As solicitudes completas, xunto coa documentación requirida, serán postas á disposición dunha comisión de avaliación para a súa valoración e informe, o cal incluirá unha relación coa puntuación que corresponde a cada unha das solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 14 desta orde.

2. A Comisión de Avaliación estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Residuos, ou persoa en quen delegue, e integrada por dous funcionarios da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, co nivel mínimo de xefe/a de servizo, e actuará como secretario/a unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

3. A referida comisión realizará a valoración técnica dos expedientes admitidos ou non denegados e emitirá unha acta de avaliación (tendo en conta os criterios sinalados no artigo 14) en que identificará, de xeito individualizado, a puntuación obtida por cada un dos solicitantes que acadaron a fase de avaliación, mediante unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións, tanto administrativas como técnicas, establecidas nas bases reguladoras. Na acta constará a relación das entidades coas correspondentes puntuacións obtidas segundo os criterios de valoración.

4. Esta acta será remitida ao órgano instrutor, que elaborará a proposta de resolución con base na puntuación obtida por cada un dos solicitantes na fase de valoración técnica, e que será elevada á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ou persoa en quen delegue, para a súa resolución.

Consonte o establecido no artigo 3 da Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, as persoas que formen parte do órgano competente para a concesión e os membros dos órganos colexiados de valoración de solicitudes, de ser o caso, nas fases de valoración de solicitudes e resolución de concesión, deberán asinar electronicamente unha declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI), co contido mínimo indicado no anexo I da dita orde.

No caso de que concorra conflito de intereses, aplicarase o procedemento establecido no artigo 6 da dita orde.

Consonte o establecido no artigo 6.4 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, as persoas que interveñan no proceso de selección dos beneficiarios ou nos procesos de verificación do cumprimento das condicións manifestarán, de forma expresa, a ausencia ou non de conflito de intereses a través dunha declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI), de acordo co modelo establecido na dita orde.

No caso de que concorra conflito de intereses, a persoa afectada concretará as solicitudes sobre as cales recae o dito conflito, e deberase abster de intervir na súa selección co fin de mitigar os riscos de materialización deste conflito.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. A Comisión de Avaliación, á cal se refire o artigo 13 desta orde, valorará e priorizará as solicitudes presentadas aplicando os criterios e as puntuacións que a seguir se sinalan para cada un dos grupos de actuacións subvencionables.

1.1. Para avaliar as solicitudes presentadas atenderase aos seguintes criterios:

a) Poboación atendida coa nova instalación, ata 25 puntos.

b) Eficiencia da actuación en ratio €/habitantes que se atendan, ata 25 puntos.

c) Solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local a razón de 9 puntos por cada un dos concellos que formen parte da agrupación, ata 35 puntos.

d) Tipos de residuos, identificados mediante códigos LER, que se recollerán no punto limpo a razón de 0,3 puntos por código LER recollido no anexo VIII, ata 10.

e) Estar en posesión do distintivo de «Bandeira Verde de Galicia», 5 puntos. No caso de agrupación, a valoración será proporcional ao número de integrantes da agrupación que teñan o distintivo, ata un máximo de 5 puntos.

2. A puntuación resultante será a suma da aplicación dos baremos indicados. Co obxectivo de acadar un nivel mínimo de calidade dos proxectos de investimento subvencionados, establécese un nivel mínimo de puntuación de 30 puntos, sobre os 100 que como máximo se poderían acadar, para poder optar á subvención. Aquelas solicitudes que non acaden esa puntuación mínima serán rexeitadas.

3. No caso de empate na baremación, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio establecido no primeiro lugar e así de xeito sucesivo co resto dos criterios observados no caso de manterse o empate. De persistir o empate, atenderase á data de presentación da solicitude e, de ser idéntica, ao maior importe do orzamento total da actuación.

4. Á vista das solicitudes recibidas, a Comisión de Avaliación fixará unha relación ordenada de todas as solicitudes que, cumprindo coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de beneficiario, e de conformidade coa puntuación outorgada a cada unha delas, permita determinar tanto as que resulten beneficiarias como aqueloutras que non resultaron estimadas por non teren acadado a puntuación mínima requirida ou por terse esgotado a contía máxima do crédito fixado na convocatoria.

Artigo 15. Notificación

1. As notificacións dos actos administrativos, distintos da resolución de concesión, efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Resolución e publicación da resolución de concesión

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático elevará as correspondentes propostas de concesión á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, quen resolverá.

2. Na resolución figurarán os seguintes aspectos:

a) O nome da entidade local beneficiaria.

b) O importe dos gastos considerados subvencionables sobre os cales se fai o cálculo da contía de axuda resultante.

c) A contía da axuda.

d) Que a axuda está cofinanciada nun 90 % con cargo aos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea, establecido polo Regulamento (UE) 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece o instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. Resultan de aplicación o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento. O dito financiamento queda legalmente vinculado á realización das actuacións subvencionadas.

e) Prazo para a execución do servizo.

f) As obrigas que corresponden ao beneficiario, os requisitos específicos relativos ao proxecto subvencionable, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa aplicable.

3. O prazo máximo para resolver os procedementos iniciados en virtude desta orde será de cinco meses, contados desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o prazo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderá entender as súas pretensións desestimadas por silencio administrativo, conforme prevé o artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión. Así mesmo, as resolucións de concesión serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web https://sirga.xunta.gal/

5. De conformidade co Real decreto 130/2019, as subvencións concedidas serán incorporadas á Base de datos nacional de subvencións, con posibilidade de acceso da Administración e dos órganos mencionados no artigo 22 do MRR á información contida no Rexistro de Titularidades Reais, creado pola Orde JUS/319/2018, ou o acceso a outras bases de datos da Administración que poidan subministrar os ditos datos sobre titularidades reais, así como de cesión de información entre estes sistemas e o Sistema de Fondos Europeos, segundo as previsións recollidas na normativa europea e nacional aplicable.

Artigo 17. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, que substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos, ou ben poderán impugnarse directamente, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución for expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario; deberán cumprirse, en todo caso, os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos dez (10) días hábiles desde a súa notificación sen que a entidade beneficiaria comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se lle notificará ao interesado por medios electrónicos.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, das demais condicións e obrigas establecidas nesta orde e todas as que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, as seguintes:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

4. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

5. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente a través da Intervención Ambiental e a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, así como ás medidas de control e auditoría recollidas no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e o Regulamento (UE, EURATOM) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión. En particular, deberán autorizar expresamente a Comisión, a OLAF, o Tribunal de Contas Europeo e, cando proceda, a Fiscalía europea a exercer os dereitos que recoñece o artigo 129, número 1, do dito regulamento financeiro, e a obrigar a todos os perceptores finais dos fondos desembolsados para as medidas de aplicación das reformas e os proxectos de investimento incluídos no Plan de recuperación e resiliencia ou a todas as persoas ou entidades que interveñan na súa aplicación, e autorizar expresamente a Comisión, a OLAF, o Tribunal de Contas Europeo e, cando proceda, a Fiscalía Europea a exercer os dereitos que lles recoñece o artigo 129, número 1, do Regulamento financeiro, e a impoñer obrigas similares a todos os perceptores finais de fondos. Esta autorización expresa prestarase marcando a correspondente epígrafe do anexo I. Para estes efectos, posibilitarase o acceso da Administración e de cantos órganos se recollen no artigo 22 do dito Regulamento (UE) 2021/241 á información contida no Rexistro de Titularidades Reais, creado pola Orde JUS/319/2018, ou o acceso a outras bases de datos da Administración que poidan subministrar os ditos datos sobre os titulares reais.

Así mesmo, autorizarase a cesión da información entre estes sistemas e o Sistema de Fondos Europeos segundo as previsións contidas na normativa europea e nacional aplicable.

6. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude «bandeiras vermellas»). Asegurar a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude, a corrupción e previr o conflito de intereses e o dobre financiamento.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

8. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención e a obriga do mantemento da documentación soporte. A achega da información realizarase nos termos que estableza o Ministerio de Facenda de conformidade coa normativa nacional e da Unión Europea, mantendo os requisitos de pista de auditoría de conformidade co dito artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, de 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo.

9. Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda. Para estes efectos, acreditará por medio de declaración responsable no momento da solicitude que dispón de crédito suficiente no orzamento da entidade local para o pagamento da parte proposta para o cofinanciamento pola súa parte, no suposto de que a entidade local achegue fondos ao proxecto/actividade/actuación para o/a cal se solicita subvención.

10. Custodiar e conservar a documentación da actividade financiada polo Mecanismo de recuperación e resiliencia de conformidade co artigo 132 do Regulamento (UE, EURATOM) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, durante un período de cinco anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta do dito pagamento, da operación. Este período será de tres anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000 euros.

11. Cumprir os requisitos establecidos no artigo 15, número 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que toda actividade, investimento ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais) que se realice contando con financiamento obtido a partir destas axudas deberá cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto, de conformidade co establecido no anexo IV destas bases. Así mesmo, deben cumprir coas obrigas de información e publicidade que as autoridades competentes establezan, relativas ao financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia. En particular, nas medidas de información e comunicación das actuacións que desenvolvan os investimentos (carteis informativos, placas, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios, insercións en prensa, certificados, etc.), onde se fará mención da orixe deste e se velará por darlle visibilidade, cando proceda, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuada que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», tal como se reflicte no artigo 34 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. Todos os carteis e placas deberán colocarse nun lugar ben visible de acceso ao público.

12. Facilitar a recollida de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable, nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización, e facilitar a información que lle permita ao órgano concedente medir a contribución da actividade subvencionada ao correspondente indicador establecido sobre o rendemento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, consonte o artigo 30 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, e establecido co número 188, en relación coa medida C12.I3, no anexo da proposta de decisión de execución do Consello, relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España [SWD(2021) 147 final].

13. Subministrar toda a información necesaria para que a Consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

14. Dispor das licenzas, permisos e/ou autorizacións administrativas exixidas pola normativa para o exercicio da súa actividade, así como, de ser o caso, para o desenvolvemento do proxecto subvencionable. A sinatura da solicitude comporta a realización da declaración relativa a esta disposición.

15. Someterse ás disposicións comunitarias sobre o Mecanismo de recuperación e resi-liencia e ás actuacións da autoridade de control ou das entidades que actúen baixo a súa coordinación ou responsabilidade. En particular, no relativo á obriga de aseguramento da regularidade do gasto subxacente e da adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de intereses e o dobre financiamento. Para tal efecto, establecerase un sistema eficaz e eficiente e recuperaranse os importes aboados baixo erro ou empregados de maneira incorrecta, no sentido do artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo, e a Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

16. Respectar o principio de «non causar un prexuízo significativo» no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088.

17. Asumir calquera outra obriga comunitaria ou nacional que resulte de aplicación por razón do financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, así como da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

18. Contribuír ao correcto funcionamento da Base de datos nacional de subvencións (BDNS) en cumprimento do disposto na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, como ferramenta de consulta no procedemento de concesión de axudas, lémbrase a necesidade de cumprir adecuadamente coas obrigas de subministración de información a ela (Real decreto 130/2019, do 8 de marzo).

• Contribución á fiabilidade do sistema en xeral e do sistema de seguimento de indicadores do cumprimento de fitos e obxectivos e de seguimento do custo estimado en particular.

• Requisitos de pista de auditoría de conformidade co dito artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo.

• Obrigas de comunicación sobre o financiamento das medidas incluídas nestas bases, xa que se incluíron no Plan para a recuperación e resiliencia.

• Subministración de información dos datos sobre o perceptor final dos fondos, cando non sexa o mesmo, así como dos contratistas e subcontratistas no caso de que o perceptor final sexa un poder adxudicador.

19. Os proxectos financiables deberán ser compatibles coa etiquetaxe verde, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado polo Consello de Ministros, do 27 de abril de 2021, e no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, en todas as fases do seu deseño e execución.

Artigo 21. Período subvencionable e prazo de execución

1. O período subvencionable será, con carácter xeral, o comprendido entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de novembro de 2025, ambos incluídos, tendo en conta as datas límite para a súa xustificación segundo o sinalado neste mesmo artigo.

2. Non serán subvencionables os proxectos concluídos materialmente na data de presentación da solicitude.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con anterioridade ao remate da data límite para solicitar o aboamento da axuda e a súa xustificación, consonte o establecido no parágrafo seguinte.

4. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de novembro do ano correspondente á anualidade a que se impute o orzamento.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar, no prazo máximo a que se refire o artigo anterior, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, o beneficiario deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe concedido; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

2. A solicitude do pagamento efectuaraa o beneficiario a través de medios electrónicos e con anterioridade ao remate da data límite a que se refire o artigo 21, número 4, mediante a presentación do anexo V, que estará accesible na Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Á dita solicitude xuntarase a documentación xustificativa do investimento requirido. A Administración poderá, excepcionalmente, requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nestas bases reguladoras.

Efectuarase igual requirimento no suposto do resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física) e do representante da persoa xurídica, e o NIF do solicitante (persoa xurídica), ou cando, como resultado da comprobación, se obteña un resultado negativo na comprobación de causas de inhabilitación para recibir subvencións ou axudas; neste caso, o solicitante terá que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen se ter presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que correspondan conforme a lei.

Artigo 23. Documentación xustificativa do investimento

As entidades beneficiarias terán de prazo ata o 30 de novembro de 2025 para presentaren a correspondente xustificación dos investimentos realizados.

A conta xustificativa con entrega de xustificantes de gastos, de conformidade co establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, conterá a seguinte documentación:

1. Solicitude de aboamento efectuada pola entidade beneficiaria conforme o modelo que se facilita no anexo V que se xunta.

2. Memoria de actuacións xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención que, de conformidade co contido requirido en fase de solicitude, identifique, entre outras cuestións, as actividades realizadas e os resultados obtidos en relación, de ser o caso, cos indicadores de seguimento e avaliación propostos, incluíndo unha estimación das emisións de gases de efecto invernadoiro evitadas e das toneladas de residuos que contribuirían ao cumprimento dos obxectivos nesta materia e as toneladas de residuos municipais preparadas para a reutilización ou reciclaxe. As emisións de gases de efecto invernadoiro evitadas calcularanse de acordo coa metodoloxía exposta no seguinte enderezo: https://www.miteco.gob.es/es/cambio-climatico/temas/fondo-carbono/metodologias.aspx u outra metodoloxía equivalente.

Esta memoria, xunto coa solicitude de pagamento, irá acompañada de calquera outro material informativo (fotografías, publicacións, recensións en web, etc.) que se considere de interese.

3. Memoria económica xustificativa das actividades realizadas, que conterá:

a) Tanto os xustificantes de gasto como os dos pagamentos deberán ter data comprendida dentro do período de subvencionabilidade previsto no artigo 21 destas bases.

b) A entidade beneficiaria achegará unha certificación que deberá estar expedida pola Intervención ou o órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Farase constar, como mínimo:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

c) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

Ao tratarse de administracións públicas, presentaranse facturas orixinais ou facturas electrónicas rexistradas no punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

A expedición das facturas e o seu contido axustaranse ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

d) Xustificantes bancarios dos aboamentos efectuados (transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario do ingreso efectivo polo portelo) en que deberán constar, ademais do emisor e receptor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento, así como a data en que se efectuasen, a cal deberá estar comprendida entre a data de inicio e a data límite da xustificación.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo, así como os xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

e) No caso de adquisición de bens de equipamento de segunda man, certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, e declaración do vendedor en que conste a orixe dos bens e que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

f) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario debe presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

g) Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, na cal se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública e se faga constar a aprobación por parte do órgano competente da conta xustificativa da subvención. Na dita certificación, de ser o caso, deberá acreditarse o cumprimento por parte das entidades subcontratadas cos estándares máis exixentes en relación co cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais, adoptando as medidas necesarias para previr e detectar a fraude, a corrupción e os conflitos de intereses, respectar os principios de economía circular e evitar impactos negativos significativos no ambiente («DNSH» polas súas siglas en inglés «do no significant harm») na execución das actuacións levadas a cabo no marco do dito plan, así como non incorrer en dobre financiamento e que, de ser o caso, non lle conste risco de incompatibilidade co réxime de axudas de Estado. Para estes efectos, o cumprimento nestes termos acreditarase segundo o modelo do anexo VII destas bases reguladoras, asinado polas subcontratas correspondentes.

h) No caso das agrupacións de concellos, presentarase un documento asinado por todos os participantes que conformen a agrupación beneficiaria da axuda, no cal se recollan expresamente todos os termos dos aspectos requiridos nestas bases para as solicitudes presentadas de forma conxunta.

4. Documentación de ter realizado a publicidade adecuada (fotografías dos carteis informativos, publicidade a través de páxina web, exemplares da documentación escrita, etc.) que xustifique ter dado cumprimento ás obrigas establecidas en materia de información e comunicación, sobre o apoio procedente dos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, tal como reflicte o artigo 34 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e segundo o que se establece no anexo IV que se xunta a estas bases reguladoras.

Artigo 24. Pagamento da axuda

1. O pagamento das axudas efectuarase con cargo ao exercicio orzamentario, unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade subvencionable, e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria da solicitude de aboamento e da xustificación requirida nestas bases reguladoras.

2. Poderá anticiparse ata o 50 % do importe concedido, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, no artigo 63 do Decreto 11/2009 e nesta convocatoria, que se fará efectivo, por solicitude da entidade beneficiaria, unha vez realizada a notificación da subvención e logo da aceptación desta. De acordo co dito artigo 63, a concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

Para as subvencións concedidas con cargo á anualidade de 2023, as entidades beneficiarias que se acollan á modalidade de pagamento anticipado deberán manifestalo expresamente no prazo de dez (10) días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión, mediante a presentación da correspondente solicitude de pagamento anticipado, empregando o modelo que se incorpora como anexo VI.

Para as subvencións concedidas con cargo ás anualidades 2024 e 2025, as entidades beneficiarias que se acollan á modalidade de pagamento anticipado recibirán, unha vez que se abra contablemente o correspondente exercicio orzamentario, unha comunicación para que exerzan tal opción no prazo de dez (10) días hábiles desde a súa notificación, mediante a presentación da correspondente solicitude de pagamento anticipado, empregando o modelo que se incorpora como anexo VI.

3. De non presentar a solicitude de pagamento anticipado, enténdese que a entidade solicitante renuncia ao anticipo. Neste caso, o pagamento das axudas efectuarase unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou actividade e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria, no prazo establecido, da documentación xustificativa a que se refire o artigo anterior.

4. De conformidade co disposto no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, as entidades locais están exoneradas de constituír garantía no caso de solicitar anticipos.

5. Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentado a correspondente xustificación, entenderase que a entidade renuncia á subvención, sen prexuízo do establecido nos artigos 45.2 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

6. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería concedente, antes de proceder ao seu pagamento final, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificaren a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, así como o cumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), no sentido do artigo 8, número 2.e), da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Os órganos competentes da consellería concedente poderán solicitarlle ao beneficiario as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes, e advertiranlle que a falta de presentación da xustificación no prazo concedido para o efecto poderá comportar a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

7. Cando o custo xustificado da actividade ou investimento for inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe, sempre que coa parte realmente executada se poida entender cumprida a finalidade da subvención.

8. O pagamento realizarase logo de verificación, por parte do órgano concedente, do cumprimento da obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da subvención e procedemento de reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total: se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

Así mesmo, o incumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), no sentido do artigo 8, número 2.e), da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, dará lugar á devolución total da subvención percibida, así como dos xuros de demora correspondentes.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tidas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 50 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial e deberase resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

Sen prexuízo doutros supostos que poidan concorrer, no caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de realizar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable; deberanse, se é o caso, reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

4. Incorrerase en causa de non pagamento ou reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases de conformidade coa gradación seguinte:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido nestas bases.

c) Suporá a perda dun 5 % non comunicar ao órgano concedente destas axudas a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

5. No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria deba acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada no punto anterior só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas na citada lei.

Artigo 27. Compatibilidade das axudas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas destinadas á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismo internacional, sempre que o importe total das axudas percibidas non supere o 100 % do investimento subvencionable do proxecto, coa excepción dos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2), así como con axudas, subvencións, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outro fondo europeo, tales como o Feder, REACT-UE, FSE, Feader, Horizonte Europa, etc.

2. Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 9 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, a axuda concedida no marco deste mecanismo sumarase á proporcionada de acordo con outros programas e instrumentos da Unión. As reformas e os proxectos de investimento poderán recibir axuda doutros programas e instrumentos da Unión sempre que a dita axuda non cubra o mesmo custo.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático tan pronto como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa da execución do servizo.

4. En todo caso, antes de conceder a axuda e no momento da xustificación, solicitaráselle á entidade solicitante ou beneficiaria unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto.

5. O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos nestas bases reguladoras ou, de ser o caso, á iniciación do procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención ou para o seu reintegro.

Artigo 28. Infraccións e sancións

O réxime de infraccións e sancións aplicable ao establecido nesta orde é o previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Medidas antifraude

A detección de feitos que poidan ter sido constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria será comunicada ao Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017 do SNCA, do 6 de abril, sobre a forma en que poden proceder as persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea. A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente, tal como se establece no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo, e na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Artigo 30. Análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos de concesión de subvencións que executan o PRTR

Este procedemento de concesión de subvencións está suxeito a análise sistemática e automatizada do risco de conflito de intereses prevista na disposición adicional centésimo décimo segunda da Lei 31/2022, do 23 de decembro, e na Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

De acordo co establecido no artigo 7 da Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, o órgano de concesión da subvención poderá solicitarlles aos solicitantes de axudas a información da súa titularidade real cando a AEAT non dispoña desa información e así o indicase mediante a correspondente bandeira negra, tendo en conta a análise realizada a través de Minerva. Este suposto non implicará a suspensión automática do procedemento en curso, pero a dita información deberá achegarse ao órgano de concesión da subvención no prazo de cinco (5) días hábiles desde que se formule a solicitude de información. A falta desta información no prazo sinalado será motivo de exclusión do procedemento.

Os datos, unha vez recibidos, serán adecuadamente custodiados de acordo co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 (Regulamento xeral de protección de datos), e coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. A través do Minerva, o responsable da operación levará a cabo un novo control ex ante do risco de conflito de intereses e indicará, en lugar do solicitante de axudas, os titulares reais recuperados polo órganos de concesión da subvención.

Artigo 31. Réxime de concesión e normativa aplicable

Respecto a todo o non previsto nesta orde, observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras de procedente aplicación:

a) Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

b) Real decreto 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban as medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

d) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

f) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

h) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

i) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

j) Regulamento (UE) 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19.

k) Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

l) Normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos, así como resto de normas da Unión Europea sobre a materia e estatais de desenvolvemento ou transposición delas.

m) Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

n) Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que van proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento dos fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

ñ) Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática de risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

o) Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2030 (disposición centésimo décimo segunda).

Disposición derradeira primeira

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático as facultades relativas aos procedementos de reintegro, sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file