Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 15 de xuño de 2023 Páx. 37501

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ACORDO do 25 de maio de 2023 polo que se inicia o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de San Amaro, no concello de San Amaro.

Procedemento: aprobación de polígonos agroforestais de iniciativa pública.

Expediente: PA-23-07.

Antecedentes.

1. A zona de actuación no concello de San Amaro non pertence a ningunha das zona de concentración parcelaria existentes no termo municipal, isto ocasiona que o parcelario non se axuste ás necesidades actuais xa que está composto por parcelas con extensións moi reducidas e accesos limitados, a maior parte por servidumes de paso desde outras parcelas. Isto ocasiona unha tendencia ao abandono ou infrautilización da propiedade, o que, a maiores da perda de terra agraria, tamén comporta a proliferación de incendios forestais.

2. Entre as medidas que hai que desenvolver tras a aprobación da Lei de recuperación de terra agraria de Galicia encóntrase a posta en marcha de polígonos agroforestais en zonas pertencentes a denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas, para incrementar a superficie aproveitable dedicada a fomentar a produción primaria de calidade certificada.

3. Persoal técnico da Agader visitou o 9.11.2022 diferentes zonas do concello de San Amaro que na actualidade están nun avanzado estado de abandono ou infrautilización. Como resultado desa visita proponse o estudo dun perímetro nas parroquias de Beariz e Salamonde dentro do termo municipal de San Amaro como un posible proxecto de polígono agroforestal.

4. Na zona proposta existen masas de frondosas caducifolias que hai que protexer e o uso gandeiro en extensivo é óptimo para a súa conservación; o incremento da demanda da superficie para o aproveitamento gandeiro en extensivo e, principalmente, en produción ecolóxica provoca unha necesidade latente na zona. Actualmente a actividade está en crecemento e demanda cada vez máis infraestrutura sobre a cal se poida desenvolver, mais este crecemento vese freado pola problemática que presenta o parcelario agrario da zona. O termo municipal de San Amaro está dentro de áreas afectadas por indicacións xeográficas protexidas.

5. O 25 de maio de 2023, CVE Vj2VnJDCpgr1, emitiuse informe con proposta de acordo favorable ao inicio do procedemento de aprobación para o desenvolvemento do citado polígono agroforestal.

Consideracións legais e técnicas.

1. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), con CIF Q1500273F, creouse pola disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (DOG núm. 251, do 29 de decembro).

O artigo 6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, dispón que é a Axencia pública autonómica, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, que actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar o seu despoboamento a través, entre outras, das medidas de recuperación da terra agroforestal de Galicia reguladas na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

De conformidade co artigo 8 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, adscrita á consellaría competente en materia de medio rural, ten personalidade xurídica e patrimonio propios, goza de autonomía administrativa e económica e posúe plena capacidade de obrar, tanto no campo do dereito público como no do dereito privado, para o cumprimento dos seus fins e con suxeición á normativa correspondente. O réxime xurídico interno da Axencia regúlase polo dereito administrativo e o seu réxime xurídico externo rexerase polo dereito privado, agás cando se exerzan potestades administrativas, caso en que se rexerá polo dereito público. Gozará do tratamento fiscal aplicable á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O artigo 7.1.c) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, establece que é competencia da Agader «deseñar, programar e executar as medidas de recuperación e, en xeral, da xestión da terra agroforestal de Galicia, a través dos instrumentos previstos nesta lei para tal fin», entre os que están os polígonos agroforestais de iniciativa pública, que se rexen polo disposto nos artigos 4.k), 67 a 72 e 83 a 101 do dito corpo normativo.

3. Este procedemento réxese polo disposto pola Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia; o Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, publicado pola Resolución do 1 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias (DOG núm. 36, do 22 de febreiro); a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións normativas de aplicación.

4. Obxecto e finalidades do polígono agroforestal (artigos 67 e 68.5 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

O polígono agroforestal de San Amaro ten por obxecto prioritario pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización e recuperar, deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal; a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas, así como o desenvolvemento de áreas que, independentemente da súa capacidade produtiva, contan con especiais valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos e nas cales os procesos de abandono están a deteriorar eses valores. Neste último caso, a finalidade da iniciativa será a de facer compatible o aproveitamento produtivo coa salvagarda dos seus valores, aínda que primando sempre estes últimos.

5. Causas que xustifican o desenvolvemento do polígono agroforestal (artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

As causas polas que procede desenvolver o polígono agroforestal son:

– Existe unha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal (artigo 68 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación de terra agraria de Galicia), de conformidade co informe emitido o 12.5.2023 polo subdirector de Mobilidade de Terras, CVE fA29QmPQ06N1.

– A zona delimitada está na área de actuación de varias indicacións xeográficas protexidas.

– A existencia de gran demanda de terreos na zona de actuación para a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas vinculadas á gandaría en extensivo, principalmente de porco celta.

6. Caracteres xerais e requisitos de desenvolvemento do polígono (artigos 68 e 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

O desenvolvemento do polígono agroforestal efectuarase mediante iniciativa pública a través da Agader, para o que debe dispor do acordo das persoas titulares da superficie que represente, como mínimo, o 70 % do total da superficie das parcelas do perímetro do polígono, de conformidade co artigo 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. De non se alcanzar esa porcentaxe mínima, resolverase o arquivamento do procedemento de aprobación do proxecto por incumprimento dos seus requisitos básicos.

O perímetro proposto é o que consta no certificado emitido o 12.5.2023 polo subdirector de Mobilidade de Terras, CVE 0lvtHSjq95g1.

No polígono agroforestal existe unha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal, de conformidade co informe emitido o 12.5.2023 polo subdirector de Mobilidade de Terras, CVE fA29QmPQ06N1. Non procede a excepción deste requisito por non se daren os casos previstos no artigo 68.2.a) ou b).

No que se refire ao previsto no artigo 68.6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, ningún monte veciñal en man común participa no polígono agroforestal.

7. O desenvolvemento dos polígonos agroforestais de iniciativa pública realízase mediante procedementos de concorrencia competitiva nos termos previstos no artigo 69 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

8. Zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública (artigo 70 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

Neste caso, non dándose ningún dos requisitos para ser considerada zona prioritaria para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública previsto no artigo 70.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, concorre a circunstancia para darlle carácter preferente prevista no artigo 70.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

9. Prazo da elaboración do estudo de viabilidade (artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

O prazo para elaborar o estudo de viabilidade, que debe determinarse neste acordo de inicio ao abeiro do artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, será de 12 meses, prorrogables.

Unha vez completado o estudo de viabilidade, de ser favorable, remitirase á persoa titular da Dirección Xeral da Agader, para a súa aprobación, consonte o previsto no artigo 84.4 da citada lei.

10. Declaración de utilidade pública e interese social (artigo 83.3 e 83.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia):

Nos supostos de zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública regulados no artigo 70, logo da súa proposta, a persoa titular da consellería competente en materia de medio rural elevará ao Consello da Xunta de Galicia a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal inmediatamente despois da aprobación do acordo de inicio. A dita declaración formalizarase mediante decreto do Consello da Xunta. Na declaración de utilidade pública e interese social incluiranse os contidos previstos nas letras a), d) e e) do artigo 85.2.

Deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia e implicará o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da tramitación de urxencia ao procedemento e aos informes ambientais e sectoriais polos órganos autonómicos e da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia.

11. Para os efectos do establecido no artigo 21.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por tratarse dun procedemento iniciado de oficio pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o prazo máximo para a resolución do procedemento e para a notificación dos actos que lle poñan termo é de dous anos, contados desde o día seguinte ao do acordo de inicio, de conformidade coa disposición adicional segunda da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Se transcorre o prazo sinalado sen que se ditase e notificase a resolución correspondente, o procedemento caducará, e acordarase o arquivamento das actuacións, de conformidade co artigo 25.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

12. Os orixinais e as copias electrónicas dos documentos que se sinalen con código de verificación electrónica (CVE) pódense verificar e descargar de xeito electrónico en https://sede.xunta.gal/cve

13. Competencia.

O artigo 8.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dispón que «Se algunha disposición atribúe a competencia a unha Administración, sen especificar o órgano que debe exercela, entenderase que a facultade de instruír e resolver os expedientes corresponde aos órganos inferiores competentes por razón da materia e do territorio. Se existe máis dun órgano inferior competente por razón de materia e territorio, a facultade para instruír e resolver os expedientes corresponderá ao superior xerárquico común destes».

Similares termos se establecen no artigo 5.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O órgano competente para a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal é o Consello da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 85.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

O órgano competente para a aprobación do proxecto básico do polígono agroforestal é a persoa que exerza a presidencia da Agader, de conformidade co artigo 94.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Finalmente, o órgano competente para a aprobación do polígono agroforestal é a persoa que exerza a presidencia da Agader, de conformidade co artigo 96.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, e, polo tanto, tamén para acordar o seu inicio.

Por todo o exposto,

ACORDO:

Primeiro. O inicio do procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de San Amaro, no concello de San Amaro (Ourense).

Segundo. O prazo para elaborar o estudo de viabilidade será de 12 meses prorrogables.

Terceiro. Publicar o acordo no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Este acordo constitúe un acto de trámite, contra o que non cabe recurso ningún, e poderase, unicamente, segundo o artigo 112 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, alegar a súa oposición para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento. Igualmente, se se considera que o dito acto decide directa ou indirectamente o fondo do asunto, determina a imposibilidade de continuar o procedemento, produce indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos e intereses lexítimos, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante a Presidencia da Agader, no prazo dun mes, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 6 e seguintes e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; en ambos os dous casos o prazo contarase desde o día seguinte ao da súa notificación. Non obstante, poderase interpoñer calquera outro recurso que se xulgue procedente.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023

José González Vázquez
Presidente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural