Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 20 de xuño de 2023 Páx. 38564

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca o concurso de adxudicación de destinos provisionais para o curso académico 2023/24 entre o persoal docente dos corpos de inspectores de educación, catedráticos e profesores de ensino secundario, do corpo, a extinguir, de profesores técnicos de formación profesional, profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos, profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, e do corpo de mestres, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal a que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo (código de procedemento ED002B).

No Diario Oficial de Galicia núm. 113, do 14 de xuño de 2018, publicouse a Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se ditan normas para a adxudicación de destino provisional entre o persoal docente pertencente aos corpos de inspectores de educación, catedráticos e profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño e do corpo de mestres, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal a que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo (ED002B), modificada pola Orde do 31 de marzo de 2023 (DOG núm. 71, do 13 de abril) e outras.

No seu artigo 37, a citada orde establece que «resoltos os concursos xerais de traslados, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos procederá a realizar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de adxudicación de destinos provisionais para o curso correspondente», indicando a continuación o contido mínimo da citada convocatoria.

Con base no citado artigo, esta Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

RESOLVE:

Primeiro. Convocatoria

Convocar o concurso de adxudicación de destinos provisionais para o curso académico 2023/24 entre o persoal docente pertencente aos corpos de inspectores de educación, catedráticos e profesores de ensino secundario, do corpo a extinguir de profesores técnicos de formación profesional, profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, e do corpo de mestres, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal a que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo.

De conformidade coa base décimo sexta da Orde do 19 de outubro de 2022 pola que se convocan procedementos selectivos extraordinarios de estabilización para o ingreso, mediante concurso de méritos, aos corpos de profesores de ensino secundario, profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional, profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos de música e artes escénicas, profesores de música e artes escénicas, profesores de artes plásticas e deseño, mestres de taller de artes plásticas e deseño e de mestres da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED001B), o persoal aspirante que supere o procedemento selectivo estará obrigado a formular unha solicitude de participación ordinaria neste concurso de adxudicación de destinos provisionais.

Segundo. Prazo de solicitude

O prazo para formular a solicitude, que se presentará do xeito que se establece no artigo 14 da Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se ditan normas para a adxudicación de destino provisional entre o persoal docente, será de 15 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Aquelas persoas que, estando obrigadas, non presenten unha solicitude entenderase que se acollen á validez da formulada para o curso académico 2018/19, 2019/20, 2020/21, 2021/22 ou 2022/23, de conformidade co establecido no artigo 21 da citada Orde do 7 de xuño de 2018.

Terceiro. Relación provisional e definitiva do persoal obrigado a participar

As relacións provisionais de persoal que ten a obriga de participar na adxudicación de destinos, por lista única cando proceda e por especialidades e orde de prioridade, publicaranse no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, https://www.edu.xunta.gal/, o 7 de xullo de 2023.

Nestas relacións provisionais de persoal que ten a obriga de participar non se incluirá o persoal que vaia ser suprimido e desprazado por falta de horario que aínda non fose comunicado á Subdirección Xeral de Recursos Humanos, que si se incorporará nas relacións definitivas, sen prexuízo daquelas persoas ás que se poida abrir o prazo extraordinario de solicitudes previsto na disposición adicional cuarta da Orde do 7 de xuño de 2018.

Publicadas as relacións provisionais de persoal que ten a obriga de participar, abrirase un prazo de cinco días hábiles para presentar reclamacións. Transcorrido este prazo, publicarase a lista definitiva do persoal docente que ten a obriga de participar. A data previsible de publicación da lista definitiva é o 26 de xullo de 2023.

Cuarto. Resolución provisional do concurso de adxudicación de destinos provisionais

A data previsible de resolución provisional do concurso e a súa publicación no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, https://www.edu.xunta.gal/, para todos os corpos, é o 26 de xullo de 2023.

O prazo para formular reclamacións ou renuncias contra a resolución provisional do concurso é de dous (2) días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, https://www.edu.xunta.gal/

As reclamacións indicadas no parágrafo anterior formularanse en todo caso por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). De formular a reclamación de xeito presencial, a persoa reclamante será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data da presentación da reclamación aquela en que sexa realizada a emenda.

As renuncias á resolución provisional do concurso realizaranse a través do enderezo https://www.edu.xunta.gal/cadp/, e non resulta necesaria a súa presentación na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Quinto. Adxudicación definitiva dos destinos provisionais

A data previsible da adxudicación definitiva dos destinos provisionais e a súa publicación no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, https://www.edu.xunta.gal/, para todos os corpos, é o 2 de agosto de 2023.

Esta adxudicación definitiva terá efectividade do día seguinte ao da súa publicación no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, https://www.edu.xunta.gal/, sen prexuízo de que a toma de posesión será con efectos do 1 de setembro de 2023.

A adxudicación definitiva dos destinos provisionais publicarase tamén no DOG.

Sexto. Presentación das solicitudes por medios electrónicos

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do modelo normalizado (anexo I) accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

As solicitudes tamén poderán cubrirse na páxina web da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, https://www.edu.xunta.gal/cadp/, e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o artigo 14 da Orde do 7 de xuño de 2018.

Os anexos coa relación de centros que pode solicitar o persoal concursante estarán dispoñibles no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, https://www.edu.xunta.gal/, e na páxina web, https://www.edu.xunta.gal/cadp/, segundo o seguinte detalle:

Anexo II: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, a extinguir, e profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional.

Anexo III: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente dos corpos de catedráticos e de profesores de escolas oficiais de idiomas.

Anexo IV: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente do corpo de catedráticos de música e artes escénicas.

Anexo V: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente do corpo de profesores de música e artes escénicas.

Anexo VI: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente dos corpos de catedráticos e profesores de artes plásticas e deseño e de mestres de taller de artes plásticas e deseño.

Anexo VII: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente do corpo de mestres.

Anexo VIII: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente do corpo de inspectores de educación.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2023

Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos