Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 23 de xuño de 2023 Páx. 39414

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A1).

De conformidade co establecido no artigo 12 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e na base I.4 das que rexen o proceso selectivo convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (DOG núm. 244, do 26 de decembro), modificada polas resolucións do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro) e do 6 febreiro de 2023 (DOG núm. 26, do 7 de febreiro), esta dirección xeral

RESOLVE:

Aprobar as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A1) dos seguintes corpos/escalas ou especialidades:

Corpo/escala

Corpo superior:

I. Corpo superior da Administración xeral

II. Escala sistemas e tecnoloxía da información

III. Escala superior de finanzas

IV. Escala superior de estatísticos

Corpo facultativo superior:

V. Escala de enxeñeiros:

– Especialidade enxeñaría de camiños, canais e portos

– Especialidade enxeñaría agronómica

– Especialidade enxeñaría industrial:

– Especialidade enxeñaría de minas:

– Especialidade enxeñaría de montes:

– Especialidade enxeñaría de telecomunicacións

– Especialidade enxeñaría química

VI. Escala de arquitectos

VII. Escala de veterinarios:

VIII. Escala de ciencias:

– Especialidade bioloxía

– Especialidade química

– Especialidade ciencias do mar

– Especialidade física

IX. Escala de arqueólogos

X. Escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos:

– Especialidade arquivos

– Especialidade bibliotecas

XI. Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros:

– Especialidade navegación marítima

– Especialidade pesca marítima

– Especialidade bioloxía pesqueira

– Especialidade máquinas e instalacións mariñas

– Especialidade lexislación marítima

– Especialidade inglés marítimo

– Especialidade formación e orientación laboral

– Especialidade procesos de cultivo acuícola

– Especialidade intervencións subacuáticas e hiperbáricas

XII. Escala de inspección urbanística:

-Especialidade xurídica

XIII. Escala técnica do Servizo de Gardacostas de Galicia

XIV. Escala de facultativos:

– Especialidade medicina

– Especialidade psicoloxía

– Especialidade pedagoxía

XV. Escala de expertos/as lingüistas

XVI. Escala de restauración:

– Especialidade de bens artísticos e arqueolóxicos

XVII. Escala superior de sistemas de información xeográfica

As persoas aspirantes poderán consultar o estado das solicitudes de inscrición presentadas e a situación como admitidas ou excluídas en fides.xunta.gal

A listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, poderase consultar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Así mesmo, e segundo a base I.4 das que rexen o proceso selectivo, nesta listaxe figuran as persoas aspirantes que teñen pendente de acreditar que están en posesión do Celga requirido.

As persoas aspirantes excluídas, as que non figuren en ningunha das listaxes, así como aquelas persoas que non acreditaron estar en posesión do Celga requirido, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para reclamar ou emendar o defecto que motivou a exclusión ou acreditar que posuían antes do día de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no proceso selectivo o Celga 4 ou equivalente debidamente homologado, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro). Para isto, deberá acceder a fides.xunta.gal e realizar as alegacións que considere oportunas e achegar a documentación acreditativa. Só se admitirán as alegacións que se realicen por medio desta aplicación informática.

O feito de figuraren na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo, así como da posesión do Celga requirido. Cando da documentación que deben presentar tras superar o proceso selectivo se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas aspirantes decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación.

As persoas aspirantes que dentro do prazo sinalado non emenden os defectos que motivaron a súa exclusión serán definitivamente excluídas. As persoas aspirantes que non acrediten a posesión do Celga 4 terán que realizar a proba de coñecemento da lingua galega.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública