Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 23 de xuño de 2023 Páx. 39420

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se modifica a Resolución do 30 de xaneiro de 2007, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, correspondentes a determinadas categorías do persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e do persoal do Plan Infoga, e do regulado na Resolución do 14 de maio de 2019 (Diario Ofcial de Galicia número 94, do 20 de maio), sobre as probas físicas.

O nomeamento de persoal funcionario interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral figura regulado no Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

Mediante a Resolución do 30 de xaneiro de 2007, da Dirección Xeral da Función Pública, abriuse o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, correspondentes a determinadas categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Plan Infoga.

Na base novena da dita resolución regúlanse as probas físicas que se realizan anualmente ao persoal laboral para ser contratado en determinadas categorías do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais.

Esta base novena foi modificada a través da Resolución do 14 de maio de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 94, do 20 de maio), para actualizar as ditas probas e conseguir unha maior eficiencia na realización destas.

Pola Resolución do 9 de xuño de 2023 ordénase a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de xuño de 2023, polo que se aproba a modificación da relación de postos de traballo da Consellería do Medio Rural (DOG núm. 113, do 15 de xuño).

Nesta modificación créanse sete postos de bombeiro/a forestal xefe/a de brigada e 37 postos de bombeiros/as forestais vinculados ás bases helitransportadas nos cales se establece como requisito indispensable a superación da proba física Pack Test.

O requisito desta nova proba física fai necesaria unha actualización do regulado na base novena da Resolución do 30 de xaneiro de 2007 (DOG núm. 24, do 2 de febreiro) e da Resolución do 14 de maio de 2019 (DOG núm. 94, do 20 de maio).

En consecuencia e logo da comunicación aos representantes sindicais que integran a Comisión Permanente constituída ao abeiro do disposto no artigo 4 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG núm. 48, do 9 de marzo), a Dirección Xeral da Función Pública

RESOLVE:

Primeiro. Modificar a base novena da Resolución do 30 de xaneiro de 2007, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, correspondentes a determinadas categorías do persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e do persoal do Plan Infoga (DOG núm. 24, do 2 de febreiro de 2007), reguladora das probas físicas, e o regulado na Resolución do 14 de maio de 2019 (DOG núm. 94, do 20 de maio), que queda redactada como segue:

De acordo co establecido no anexo do V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia que regula as condicións especiais de traballo do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, para poder ser contratado nas categorías de persoal laboral de técnico/a superior de defensa contra incendios forestais (38) do grupo I, técnico/a forestal de defensa contra incendios forestais (39) do grupo II, bombeiro/a forestal xefe/a de brigada (100) do grupo III, bombeiro/a forestal condutor/a de motobomba (33) do grupo IV, bombeiro/a forestal condutor/a (14A) e bombeiro/a forestal (14) do grupo V, deberá superarse previamente unha proba de aptitude física.

Esta proba denomínase proba física Field Test, consistente en camiñar 3.200 metros sobre terreo plano cun peso de 11 kg ás costas, nun tempo máximo de 30 minutos.

As persoas integrantes das listas deberán acudir á realización da proba provistas do seu DNI e dun certificado médico oficial ou informe sobre o seu estado de saúde, asinado por un médico colexiado en exercicio, no cal se faga constar que non presenta enfermidade ou discapacidade que impida o correcto desenvolvemento dunha proba de esforzo físico. O dito certificado deberá ter unha antigüidade máxima de 3 meses respecto da data de realización da proba. Non se terán en conta certificados médicos que non recollan o sinalado anteriormente.

Para poder ser contratados nas categorías de vixilante móbil (10A) e vixilante fixo (10B) de defensa contra incendios forestais do grupo V, as persoas candidatas deberán superar unha proba en que se examinará a agudeza visual de lonxe en ambos os dous ollos, así como a visión cromática, realizada cun aparello para o control da visión tipo Visiotest ou equivalente. As persoas aspirantes deberán acudir á realización da proba provistas do DNI.

Así mesmo, e conforme o establecido na relación de postos de traballo da Consellería do Medio Rural (DOG núm. 113, do 15 de xuño de 2023), para poder ser contratado para os postos das listas de bombeiro/a forestal xefe/a de brigada (100) do grupo III e bombeiro/a forestal (14) do grupo V, que teñan establecido como requisito indispensable a proba física Pack Test, deberá superarse previamente esta proba de aptitude física.

Esta proba física Pack Test consiste en camiñar 4.800 metros sobre terreo plano cun peso de 20 kg ás costas, nun tempo máximo de 45 minutos.

As persoas integrantes das listas deberán acudir á realización da proba provistas do seu DNI e dun certificado médico oficial ou informe sobre o seu estado de saúde, asinado por un médico colexiado en exercicio, no cal se faga constar que non presenta enfermidade ou discapacidade que impida o correcto desenvolvemento dunha proba de esforzo físico. O dito certificado deberá ter unha antigüidade máxima de 3 meses respecto da data de realización da proba. Non se terán en conta certificados médicos que non recollan o sinalado anteriormente.

O resultado das probas físicas e de agudeza visual será o de apto/a ou non apto/a.

En caso de que algunha persoa interesada non se presentase ás anteditas probas, non as realizase ou non fose declarada apta, quedaría automaticamente en suspenso nas listas correspondentes ata o 1 de xaneiro do ano seguinte e non poderá ser contratada. Para tal efecto, a Consellería do Medio Rural comunicará á Dirección Xeral da Función Pública o resultado das probas como apto/a, non apto/a, non presentado/a á proba ou proba non realizada.

As listas correspondentes á proba física Field Test serán as de técnico/a superior de defensa contra incendios forestais (38) do grupo I, técnico/a forestal de defensa contra incendios forestais (39) do grupo II, bombeiro/a forestal xefe/a de brigada (100) do grupo III, bombeiro/a forestal condutor/a de motobomba (33) do grupo IV, bombeiro/a forestal condutor/a (14A) e bombeiro/a forestal (14) do grupo V.

As listas correspondentes á proba de agudeza visual serán as de vixilante móbil (10A) e vixilante fixo (10B) de defensa contra incendios forestais do grupo V.

O resultado de apto/a na proba física Pack Test eximirá á persoa de realizar a proba física Field Test.

O resultado de non apto/a na proba física Pack Test terá como consecuencia que a persoa quedará en suspenso para os chamamentos dos postos que conten con este requisito indispensable das listas de bombeiro/a forestal xefe/a de brigada (100) do grupo III e bombeiro/a forestal (14) do grupo V ata o 1 de xaneiro do ano seguinte e non poderá ser contratada ou nomeada para estes postos.

A aceptación dos postos que teñen como requisito indispensable proba física Pack Test serán de aceptación voluntaria, pero no caso de aceptarse aplicarase o réxime aplicable a todas as listas.

As persoas integrantes das listas non poderán asinar un contrato laboral, ou de ser o caso ser nomeadas funcionarias, sen teren realizadas as probas físicas ou de agudeza visual vixentes co resultado de apta.

A Consellería do Medio Rural será a encargada de realizar as probas con carácter previo ao nomeamento como funcionario/a ou á formalización dos contratos de traballo.

Estas probas terán validez ata o 1 de xaneiro do seguinte ano e debe acreditar o persoal, antes de ser nomeado ou contratado, a vixencia da proba realizada co resultado de apto/a. No caso contrario, a Consellería do Medio Rural realizaralle as probas antes de formalizaren o contrato ou, se é o caso, seren nomeados funcionarios.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública