Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 23 de xuño de 2023 Páx. 39377

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2023, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (código de procedemento PR780A).

Un dos fins da Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) é o de impartir formación ao persoal empregado público, o que se leva a cabo directamente, a través da convocatoria de actividades formativas e, de forma indirecta, a través da convocatoria de subvencións que teñen como obxecto o financiamento dos plans de formación promovidos polas entidades locais e federacións ou asociacións de entidades locais de ámbito autonómico e destinados ao persoal empregado público ao seu servizo.

A EGAP comezou coa convocatoria destas subvencións no ano 2014, a raíz da Sentenza do Tribunal Constitucional 225/2012, do 29 de novembro, que respondía a un conflito de competencias promovido pola Xunta de Galicia e que outorgou a esta comunidade autónoma a titularidade das seguintes competencias relativas a estas axudas: convocatoria, tramitación e resolución do procedemento da súa concesión, control das accións formativas, modificación dos plans e resolución de discrepancias na súa negociación.

Esta sentenza supuxo unha formulación diferente desde o punto de vista competencial, que foi reflectido no Acordo de formación para o emprego das administracións públicas, do 19 de xullo de 2013, publicado no Boletín Oficial del Estado en virtude da Resolución da Secretaría de Estado de Administracións Públicas, do 9 de outubro de 2013 (BOE núm. 252, do 21 de outubro). Este acordo modificou o IV Acordo de formación para o emprego das administracións públicas, do 21 de setembro de 2005 (en diante, AFEDAP), que é a norma que configura o marco desta convocatoria na súa versión consolidada polo Acordo do 9 de marzo de 2008.

Na súa virtude e en uso das atribucións que teño conferidas, resolvo convocar as subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2023, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas, de acordo coas seguintes bases reguladoras:

Primeira. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e efectuar a convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais e federacións ou asociacións de entidades locais de Galicia para o ano 2023 no marco do AFEDAP (código de procedemento administrativo PR780A).

Segunda. Finalidade

As subvencións destinaranse a financiar os plans promovidos polas entidades locais e federacións ou asociacións de entidades locais de Galicia para impartir formación ao seu persoal empregado público, no marco do AFEDAP.

En todo caso, todas as actividades desenvolvidas no marco das subvencións convocadas garantirán a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, eliminando calquera tipo de discriminación directa ou indirecta e fomentando a conciliación.

Terceira. Actividades obxecto de financiamento

As entidades promotoras recollidas na base quinta desta resolución poderán solicitar subvencións para financiar os seguintes tipos de plans:

1. Plans unitarios: caracterízanse por afectar o persoal dunha soa entidade local con, polo menos, 200 efectivos.

2. Plans agrupados: son aqueles que afectan o persoal de dúas ou máis entidades locais que agrupen, polo menos, 200 efectivos. Poderán ser formulados ben polas propias entidades locais das cales dependa o persoal ou ben por federacións ou asociacións de entidades locais. En todo caso, cada entidade local só poderá participar nun único plan agrupado.

3. Plans interadministrativos: son aqueles destinados non só ao persoal da Administración promotora, senón tamén ao persoal empregado público doutras administracións. Estes plans só poderán ser elaborados polas asociacións ou federacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia lexitimamente constituídas ao abeiro do previsto no artigo 120 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, tanto individualmente por iniciativa propia como mediante as adhesións dos concellos e deputacións provinciais que o desexen.

Cuarta. Financiamento. Liñas de subvencións

A asignación para as subvencións obxecto desta convocatoria para o exercicio 2023 establécese en 754.398,56 euros.

Esta resolución, segundo o principio de economía procedemental, inclúe dúas liñas de subvencións, unha en réxime de concorrencia competitiva e outra en réxime de concorrencia non competitiva, coa mesma causa, isto é, o financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais e federacións ou asociacións de entidades locais de Galicia. O importe distribúese do seguinte xeito:

Descrición

Aplicación orzamentaria

Importe

Entidades beneficiarias

Liña en concorrencia competitiva

07.81.122B.460.1

Fondo finalista do Estado

576.397,89 euros

Entidades que presenten plans de formación unitarios e/ou agrupados

Liña en concorrencia non competitiva

07.81.122B.481.0

Fondo finalista do Estado

178.000,67 euros

Entidades que presenten plans de formación interadministrativos

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Quinta. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias da liña en réxime de concorrencia competitiva das subvencións convocadas os concellos, as deputacións provinciais e demais entidades locais recoñecidas no artigo 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, que promovan plans de formación para o persoal empregado público, de carácter unitario ou agrupado, dentro do ámbito do AFEDAP.

De conformidade co establecido no artigo 6, segundo parágrafo do AFEDAP, só poderán ser beneficiarias da liña en réxime de concorrencia non competitiva das subvencións convocadas as asociacións ou federacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia lexitimamente constituídas ao abeiro do previsto no artigo 120 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de que as entidades non están incursas nas prohibicións ou circunstancias relacionadas nos ditos artigos realizarase mediante declaración responsable, a través dos anexos I, IV e VI, segundo corresponda.

Sexta. Gastos subvencionables

1. Serán subvencionables os gastos directamente destinados ao desenvolvemento da actividade formativa programada, incluídos os desprazamentos da persoa que imparta a docencia.

Terán, así mesmo, a consideración de gastos subvencionables os destinados a financiar os materiais didácticos e complementarios necesarios para o desenvolvemento da actividade formativa.

Na memoria da actividade formativa incluirase a previsión do custo da actividade formativa, desagregado pola natureza do gasto, e deberase ter en conta o seguinte:

a) O custo dos gastos subvencionables non poderá superar o valor de mercado.

b) Só serán subvencionables os gastos que se realicen entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de novembro do ano 2023 e que estean efectivamente pagados o 5 de decembro de 2023, data de finalización do período de xustificación.

c) Os tributos serán gasto subvencionable cando a beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos financiables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

d) De acordo co disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, coas excepcións previstas nese artigo.

2. Poderán financiarse con cargo ás subvencións concedidas os gastos directamente imputables ás accións formativas e ás actividades complementarias, así como os gastos xerais imputables á totalidade das actividades que conforman o plan de formación aprobado.

2.1. Gastos directamente imputables ás accións formativas:

a) Gastos de formadores/as internos/as e externos/as no exercicio de actividades de preparación, impartición, titoría e avaliación das persoas participantes.

b) Gastos de medios e materiais didácticos, como textos e materiais dun só uso polo alumnado (compra, elaboración, reprodución e distribución), e materiais de traballo funxibles utilizados para o desenvolvemento das actividades de formación.

c) Gastos pola elaboración de contidos para a impartición de cursos en liña.

d) Gastos de aloxamento, mantemento e desprazamento das persoas que interveñen nas accións formativas (alumnas/os, coordinadores/as, persoal de apoio e profesorado). As entidades beneficiarias ás cales lles sexa de aplicación o Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo, axustaranse ás contías e condicións establecidas nel. Para as demais entidades beneficiarias, observaranse os principios xerais, os requisitos dos gastos e a forma de xustificación establecidos na devandita norma, limitándose as contías máximas subvencionables, con carácter xeral, ás establecidas para o grupo 2.

e) Gastos de alugamento tanto de instalacións como de equipamento necesarios para o desenvolvemento das actividades formativas.

2.2. Gastos xerais asociados á execución das actividades subvencionadas que non poidan ser imputados de forma directa, co límite máximo do 25 % do total dos gastos directos:

a) Gastos de persoal de apoio, tanto interno como externo, para a xestión e execución do plan.

b) Gastos de alugamento de instalacións e de equipamento non imputables directamente ás actividades previstas no plan de formación.

c) Gastos de seguros, incluído, de ser o caso, o da cobertura de accidentes das persoas participantes, en coherencia coa disposición adicional terceira do AFEDAP.

d) Gastos de publicidade e difusión.

e) Gastos de avaliación e control.

f) Outros gastos indirectos en concepto de auga, gas, electricidade, mensaxaría, telefonía, material de oficina consumido, vixilancia e limpeza e outros non especializados imputables ao plan de formación, co límite máximo do 6 % do total dos gastos directos e sen que sexa precisa a súa xustificación documental.

Sétima. Procedemento de concesión das subvencións

O procedemento para a concesión de subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e non competitiva conforme os artigos 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Oitava. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia:

https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. Na solicitude faranse constar os seguintes datos:

a) Datos administrativos da entidade promotora, incluíndo o número de efectivos en 31 de xaneiro de 2022. Para estes efectos, unicamente serán considerados os efectivos computados para a elaboración do boletín estatístico do persoal ao servizo das administracións públicas.

b) Datos da persoa de contacto designada.

Novena. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Informe da representación sindical asinado polas persoas responsables sindicais.

b) A documentación que acredite, conforme a lexislación vixente, as facultades de representación da persoa que asina o plan para actuar en nome da persoa xurídica solicitante, no caso de federacións ou agrupacións.

c) Cando se trate dun plan agrupado, os documentos de adhesión ao devandito plan e, no caso daquelas entidades adheridas cuxo número de empregados/as sexa igual ou superior a 200, informe da representación sindical das ditas entidades.

d) Memoria das accións formativas que conterá os seguintes puntos:

1) Obxectivos xerais e finalidade do plan de formación.

2) Deseño do plan de formación:

2.1) Resposta do plan ás necesidades de formación detectadas na organización e especificación do procedemento e metodoloxía empregados para iso.

2.2) Incorporación dos resultados da avaliación do plan do exercicio anterior ao plan de formación presentado só no caso de que o plan da entidade solicitante fose subvencionado no dito exercicio.

3) Criterios de seguimento e avaliación do plan: previsións acerca do seguimento das accións formativas (aplicación de técnicas para a avaliación dos resultados e, se for o caso, do impacto da formación).

4) Persoal destinatario do plan de formación e criterios de selección dos participantes.

5) Relación das accións formativas programadas, ordenadas de acordo coa súa prioridade. Por cada actividade formativa deberá indicarse a denominación, descrición da actividade, número de edicións, alumnos/as e horas por edición, orzamento económico e destinatarios/as específicos.

6) Resultados do plan do exercicio anterior no caso de que o plan da entidade solicitante fose subvencionado no dito exercicio:

6.1) Número total de actividades de formación desenvoltas e número total de horas de formación impartidas.

6.2) Número total de persoas participantes desagregado por sexo.

6.3) Resultados da avaliación do plan do exercicio anterior.

e) De ser o caso, memoria de cada proxecto de actividade complementaria que conteña a súa denominación, descrición da actividade, o seu custo e o produto específico que se obterá coa realización da actividade e que deberá entregarse xunto coa xustificación económica do gasto realizado.

f) Memoria económica que conteña os seguintes datos:

1º. Datos relativos ás anteriores convocatorias no caso de que o plan da entidade solicitante fose subvencionado no anterior exercicio: destinatarios/as, recursos propios dedicados, fondos subvencionados, recursos humanos dedicados.

2º. Datos económicos do plan, con desagregación por conceptos de gasto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día nos pagamentos de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo primeira. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo segunda. Emenda e reformulación das solicitudes

1. Unha vez presentada a solicitude xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará se reúne todos os requisitos e documentos exixidos nesta convocatoria. No caso de que algunha solicitude estea incompleta ou conteña erros ou no caso de que non se xunte toda a documentación requirida, outorgarase un prazo de emenda de 10 días hábiles, coa advertencia expresa á entidade solicitante de que, se non atende o requirimento, se terá por desistida da súa petición, previa resolución que será ditada nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. O requirimento de emenda será notificado de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Con todo, de conformidade co sinalado no artigo 41.6 da devandita lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no taboleiro electrónico habilitado para estes efectos na páxina web da EGAP, onde se establecerá o contido pormenorizado do requirimento que se fai. Se se opta por esta última modalidade comunicarase por medios telemáticos que o requirimento de emenda se encontra exposto no citado taboleiro electrónico. Poderase facer indicación expresa de que os seguintes actos administrativos do procedemento serán notificados a través do citado taboleiro.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

4. Despois de revisar as solicitudes e as emendas feitas, valoraranse os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de denegación.

Décimo terceira. Informes e proposta de resolución. Adaptación dos plans presentados

1. Recibidas as solicitudes formuladas polos interesados, así como a súa documentación complementaria, procederá a analizalas e valoralas unha Comisión de Valoración de acordo cos criterios recollidos na base décimo cuarta.

Esta comisión de valoración estará composta por dúas persoas en representación da EGAP, unha en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias e unha en representación de cada unha das organizacións sindicais máis representativas no eido local en Galicia. Na composición desta comisión procurarase acadar unha presenza equilibrada entre homes e mulleres.

De acordo co disposto polo artigo 23.a) da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a persoa que forme parte desta comisión en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias deberá absterse de participar na análise e na valoración referida ao plan de formación que, de ser o caso, presente o dito organismo.

2. A Comisión Paritaria de Formación Local da Comunidade Autónoma de Galicia, á vista do informe realizado pola Comisión de Valoración, aprobará aqueles plans de formación que alcancen a puntuación mínima establecida na cláusula décimo cuarta.

De acordo co disposto polo artigo 23.a) da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, as persoas que formen parte desta comisión en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias deberán absterse da decisión sobre a aprobación do plan de formación que, de ser o caso, presente o dito organismo.

3. Cando o importe da proposta de resolución de adxudicación da subvención sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, o órgano de instrución instará a entidade proposta como beneficiaria para que, no prazo de quince días, reformule a solicitude e adapte o plan de formación ao devandito importe, respectando, en todo caso, as directrices do plan inicial. Coa dita adaptación do plan de formación (anexo II), deberá achegarse a memoria do plan de formación adaptado

Das adaptacións que sexan presentadas en tempo e forma darase traslado á Comisión de Valoración, que dará a súa conformidade a aquelas en que se comprobe que se adecúan aos requirimentos realizados.

Décimo cuarta. Criterios de valoración dos plans de formación e cuantificación da subvención

1. Como criterios cualitativos, co fin de determinar a adecuación dos plans presentados a uns criterios mínimos de calidade, a valoración realizada pola Comisión de Valoración deberá ponderar os seguintes:

a) Inclusión de actividades formativas en materia de xestión de fondos europeos: 5 puntos.

b) Inclusión de accións formativas relativas á ordenación urbanística e do litoral: 5 puntos.

c) Inclusión de accións formativas en materia de procedemento administrativo e contratación pública: 5 puntos.

d) Inclusión de accións formativas relativas á administración electrónica e intelixencia artificial: 5 puntos.

e) Inclusión de accións formativas en materia de aforro enerxético e sustentabilidade ambiental: 4 puntos.

f) Inclusión de accións formativas en materia de simplificación administrativa e reactivación económica: 3 puntos.

g) Inclusión de accións formativas en materia de impulso demográfico: 3 puntos.

h) Inclusión de accións formativas relativas aos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) e á Axenda 2030 e a súa repercusión na xestión pública: 3 puntos.

i) Inclusión de accións formativas relativas á xestión e planificación do turismo: 3 puntos.

j) Inclusión de accións formativas en materia de igualdade de xénero e prevención da violencia de xénero: 3 puntos.

k) Inclusión de accións formativas en materia de emprego público e teletraballo: 3 puntos.

l) Inclusión de accións formativas en materia de comunicación, organización do traballo e mellora das habilidades: 3 puntos.

m) Recursos económicos propios destinados á formación no exercicio anterior á convocatoria: 5 puntos para plans unitarios e 8 puntos para plans agrupados.

n) Recursos humanos propios destinados á xestión da formación no exercicio anterior: 3 puntos para plans unitarios e 6 para plans agrupados.

ñ) Execución da subvención no exercicio anterior: 5 puntos para plans unitarios e 8 para plans agrupados.

o) Resposta do plan de formación a necesidades de formación detectadas a través da aplicación de técnicas de avaliación: 5 puntos.

p) Presentación e incorporación dos resultados da avaliación do plan de formación subvencionado no exercicio anterior: 5 puntos.

q) Previsión de seguimento das accións formativas, avaliación dos resultados e do impacto da formación: 5 puntos.

r) Eficiencia económica demostrada na execución do último plan de formación subvencionado con fondos AFEDAP, en función do custo hora/participante previsto. Valorarase a capacidade da solicitante para formar a un maior número de persoas co menor custo posible, asignándolle ao plan máis eficiente 5 puntos no caso dos plans agrupados e 8 puntos no caso dos plans unitarios, e aplicarase un criterio de proporcionalidade na valoración dos restantes plans.

s) Así mesmo, e de acordo co disposto polo Acordo do Consello da Xunta, do 28 de febreiro de 2013, polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, deberán ponderarse na puntuación dos plans agrupados os seguintes aspectos:

1) Concederanse 2,5 puntos pola mera presentación de solicitudes deste tipo de plans.

2) Concederanse 2,5 puntos pola presentación xunto coa solicitude dunha memoria de aforro de custos respecto da presentación de modo individual.

3) Concederanse ata un máximo de 2,5 puntos en función do número de concellos que formen parte do plan que se presente.

Para a súa aprobación, o plan presentado deberá obter unha puntuación mínima de 35 puntos, agás no caso de que se trate de plans unitarios presentados por entidades que non fosen beneficiarias desta subvención no exercicio inmediatamente anterior, que deberán contar para a súa aprobación cunha puntuación mínima de 25 puntos.

2. Para os efectos de determinar a cuantificación individualizada da subvención con que se vai financiar cada un dos plans presentados que acaden a puntuación mínima referida no punto anterior, e tendo en conta en todo caso que non poderá ser superado o límite de crédito establecido na base cuarta, o parámetro que se vai utilizar será o número total de empregadas/os que integren o cadro de persoal da entidade local promotora, nos plans unitarios, ou a suma dos/das empregados/as incluídos/as nos respectivos cadros de persoal das entidades locais, no caso dos plans agrupados. Nos dous casos tomarase como referencia o número de efectivos en 31 de xaneiro de 2022; para estes efectos, unicamente se considerarán aqueles que sexan computados para a elaboración do boletín estatístico do persoal ao servizo das administracións públicas.

Décimo quinta. Resolución

1. Á vista do expediente, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución de concesión de subvencións, debidamente motivada e na cal constará a relación de solicitantes para os cales se propón a concesión da axuda e a súa contía, así como a desestimación expresa das demais solicitudes, de conformidade co artigo 25 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

2. Elaborada a relación sinalada anteriormente, e sempre con anterioridade á resolución do procedemento, efectuarase o trámite de audiencia, por un prazo de 10 días. Con todo, poderá prescindirse do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se vaian a ter en conta na resolución outros feitos, nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

3. A resolución que poña fin ao procedemento será competencia da Dirección da EGAP e ditarase no prazo máximo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución, e deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Escola.

4. Esta resolución poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da EGAP no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os 5 meses a partir da publicación desta convocatoria. O final deste prazo sen terse notificado a resolución lexitimará as interesadas para entender desestimada por silencio administrativo a súa solicitude.

Décimo sexta. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sétima. Concorrencia e acumulación con outras subvencións

1. O importe da subvención outorgada en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións para financiar as actividades subvencionadas deberá ser comunicada á EGAP, tan pronto como a interesada teña coñecemento e, en todo caso, con anterioridade á xustificación do investimento realizado. A dita comunicación farase consonte o modelo normalizado que figura como anexo I, III, IV e VI desta resolución, segundo corresponda, que estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código de procedemento PR780A. A presentación da dita comunicación realizarase por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada.

3. O incumprimento do disposto nesta base considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Décimo oitava. Obrigas das entidades beneficiarias

Sen prexuízo do disposto noutras bases desta resolución, serán obrigas das entidades beneficiarias as seguintes:

a) Destinar os fondos percibidos ao obxecto para o cal foron concedidos e executar a actividade que fundamenta a concesión da axuda no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2022.

b) Achegar a documentación requirida nesta convocatoria.

c) Efectuar a selección das persoas que vaian participar nas accións formativas pola adecuación do seu perfil aos seus obxectivos e contidos.

d) Xustificar, antes da data que se sinala no número 1.b) da base sexta, os gastos realizados no exercicio económico en que se concedeu a subvención nos termos fixados na convocatoria.

e) Achegar, de acordo co modelo que figura como anexo VIII desta resolución e nun formato editable, a información sobre as accións formativas realizadas que sexa necesaria para a súa inclusión nunha memoria anual e para efectos estatísticos do seguimento das accións formativas desenvolvidas. Esta información achegarase desagregada por sexo no referente tanto ás persoas encargadas de impartir ou coordinar as ditas accións como ás persoas que formasen parte do alumnado.

f) Someterse ás actuacións de comprobación que realice a EGAP, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, en particular o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, achegando a información requirida.

g) Comunicarlle á EGAP a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

h) Expedir os correspondentes certificados de asistencia e/ou aproveitamento, de acordo cos requisitos previamente establecidos pola Comisión Xeral de Formación para o Emprego das Administracións Públicas.

i) Garantir a calidade e gratuidade das accións formativas financiadas con estes fondos e cumprir con todos os deberes previstos no AFEDAP.

j) Conservar os documentos xustificativos dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

k) Incorporar de forma visible no material de difusión das actividades formativas subvencionadas o seu financiamento público.

l) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.

m) Cumprir coas obrigas correspondentes previstas no AFEDAP e no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Décimo novena. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Escola Galega de Administración Pública, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésima. Pagamento anticipado da subvención

1. Poderanse realizar á entidade beneficiaria pagamentos anticipados por importe de ata o 80 % da subvención outorgada, que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención e co límite de 18.000 euros, de acordo co establecido no artigo 63.1.un do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As entidades locais que estean interesadas en recibir estes pagamentos anticipados, deberán solicitalo consonte o modelo normalizado que figura como anexo IV desta resolución, que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código de procedemento PR780A e xustificar o pagamento que dá lugar á subvención de acordo co previsto na base vixésimo segunda.

2. As beneficiarias estarán exentas de constituír avais, depósitos ou calquera outro medio de garantía.

Vixésimo primeira. Modificación dos plans de formación e da resolución

1. A partir do momento da adxudicación das subvencións, se as entidades beneficiarias desexan modificar os seus plans de formación, deberán solicitar autorización previa no caso daquelas modificacións que se consideren substanciais. A solicitude desta autorización, á que se xuntará unha memoria explicativa da modificación do proxecto e que se dirixirá á EGAP antes do 15 de outubro de 2023, poderá dar lugar á modificación da resolución de adxudicación nos casos previstos nesta base. A dita solicitude farase consonte o modelo normalizado que figura como anexo V desta resolución que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código de procedemento PR780A e a presentación da dita solicitude realizarase por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

2. Para estes efectos, entenderase por modificación substancial todo aquel cambio do plan de formación que poida afectar os criterios cualitativos que foron tidos en conta á hora de outorgar a subvención.

3. A obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, tamén poderá dar lugar á modificación da resolución.

4. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia da beneficiaria, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiras persoas.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de concorrer na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda ou subvención.

Neste caso, a beneficiaria deberá xuntar á solicitude de modificación un documento asinado pola persoa titular da secretaría da entidade, no cal se certifique o cumprimento destes requisitos.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da EGAP, logo de informe da Comisión de Valoración e logo do acordo da Comisión Paritaria de Formación Local da Comunidade Autónoma de Galicia.

Vixésimo segunda. Xustificación

1. A xustificación da realización dos plans de formación para os cales foron concedidas as subvencións e dos gastos incorridos no ano natural de concesión, realizarase mediante a achega á EGAP da correspondente conta xustificativa na forma e prazo que se determina nos números seguintes.

2. A data límite de xustificación será o 5 de decembro de 2023.

3. A xustificación a que se refire o número 1 desta base adoptará a forma de «conta xustificativa» e deberá realizarse consonte o modelo normalizado que figura como anexo VI desta resolución, que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código de procedemento PR780A. A presentación desta xustificación realizarase por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada co contido seguinte:

1º. Informe da intervención ou do órgano que teña atribuídas as funcións de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.

2º. Certificación expedida polo/a secretario/a da entidade local co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidenta/e da entidade, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, o seguinte:

a) Datos sobre a execución das accións formativas que conforman o plan de formación.

b) Datos dos gastos realizados por cada un dos conceptos de gasto recollidos no orzamento do plan de formación.

c) Unha relación clasificada dos gastos da actividade, con identificación do/da acredor/a e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento.

3º. Información sobre as accións formativas realizadas de acordo co modelo que figura como anexo VIII desta resolución e nun formato editable, de acordo co sinalado na base 18ª.e).

4. De acordo co establecido no artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, se transcorrido o prazo establecido de xustificación a beneficiaria non presenta a documentación xustificativa, a EGAP requiriraa para que, no prazo improrrogable de 10 días, sexa presentada, con apercibimento de que a falta de presentación dará lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, á exixencia de reintegro e ás demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Vixésimo terceira. Subcontratación

Permitirase que a beneficiaria subcontrate con terceiras persoas a execución total ou parcial da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésimo cuarta. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos 10 días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que a interesada comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

2. A renuncia á subvención farase consonte o modelo normalizado que figura como anexo VII desta resolución, que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código de procedemento PR780A. A presentación da dita renuncia realizarase por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Vixésimo quinta. Reintegro das subvencións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar ao deber de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e as súas normas de desenvolvemento.

3. De conformidade co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe da perda do dereito ao cobramento da subvención ou do reintegro determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

I. Supostos de incumprimento total:

Procederá a perda da subvención concedida e o reintegro do 100 % das cantidades percibidas máis os xuros de demora correspondentes no caso de:

a) Ter obtido a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Non realizar a actividade obxecto de subvención ou incumprir os fins que a fundamentan.

c) Incumprir a obriga de garantir a gratuidade das accións formativas financiadas con estes fondos.

II. Supostos de incumprimento parcial:

a) No caso de incumprir as obrigas en materia de publicidade previstas na base décimo oitava desta orde procederá o reintegro do 5 % da axuda percibida.

b) No caso de obtención doutras axudas ou subvencións para financiar as actividades subvencionadas aplicarase unha minoración gradual en virtude do importe das axudas obtidas que poderá chegar ao reintegro do 100 % da subvención máis os xuros de demora correspondentes.

c) No caso de demoras ou falta de presentación en prazo da documentación de xustificación prevista na base 22 desta orde aplicarase unha minoración gradual en virtude do grao de incumprimento que poderá dar lugar ao reintegro 100 % da subvención máis os xuros de demora correspondentes.

Vixésimo sexta. Información para as entidades interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos dos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto 1da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Vixésimo sétima. Réxime de sancións

Ás beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésimo oitava. Réxime de recursos

Esta resolución poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da EGAP no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file