Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 27 de xuño de 2023 Páx. 39938

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 15 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición de audiolibros e libros en lectura fácil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento CT238B e CT238C).

De acordo co establecido no artigo 32 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en consonancia co estipulado no artigo 148.1 da Constitución española, a Xunta de Galicia ten atribuídas funcións en materia de promoción da cultura. No marco deste ámbito competencial, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades está orientada a manter o impulso do sector cultural galego que, ademais de representar un factor determinante para a identidade e a cohesión social, representa unha oportunidade de desenvolvemento económico que se debe reforzar con políticas proactivas encamiñadas a fortalecer o ecosistema das industrias creativas e culturais, ao tempo que se garante o pleno acceso á cultura de todas as persoas.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ten entre os seus principais cometidos a defensa e a promoción dos valores culturais do pobo galego, que se substancian principalmente a través das accións de fomento da cultura que contribúen ao desenvolvemento da literatura e ao estímulo da creación literaria.

A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, establece entre os seus obxectivos os de procurar o crecemento e a diversificación dos produtos editoriais galegos, así como o apoio da ampliación da oferta editorial en lingua galega naqueles eidos onde presenta maiores carencias. Por esta razón, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Dirección Xeral de Cultura, desenvolve un plan de apoio ao sector editorial no cal se priman tanto a produción como o estímulo da creación literaria, a través da convocatoria de axudas públicas.

No marco das políticas públicas de apoio ao sector do libro que desenvolve a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Dirección Xeral de Cultura, e tras a análise dos hábitos de lectura da poboación, detectouse que o mercado dos audiolibros se encontra nunha tendencia alcista nos últimos anos. Segundo o Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros 2022, en 2021 o 5,2 % da poboación española declarou escoitar audiolibros, o que supón un crecemento de máis de 2 puntos porcentuais con respecto aos datos de 2020. Por outra banda, a produción galega de audiolibros aínda é baixa. Por estes motivos, decidiuse poñer en marcha esta liña da convocatoria para a produción e comercialización de audiolibros en galego.

Outro ámbito en que se detecta a necesidade de incrementar o apoio á produción editorial é no da lectura accesible a través da lectura fácil. A lectura fácil é unha metodoloxía que recolle unha serie de pautas e recomendacións para facer accesible a información a persoas con dificultades de comprensión lectora, tendo en conta o contido, a linguaxe, as ilustracións, a maquetación e o deseño gráfico. A produción de libros a través desta técnica é reducida, pois representa o 0,31 % da colección da plataforma estatal de préstamo en liña, eBiblio, e o 0,08 % da colección de Galiciale, a plataforma autonómica de préstamo en liña. Por este motivo, decidiuse poñer en marcha esta liña da convocatoria para a produción de libros en lectura fácil, co obxecto de favorecer o acceso universal á cultura por parte de toda a poboación.

O obxectivo desta convocatoria de axudas é o de incentivar as empresas do sector editorial galego para que incrementen a produción de libros, que favorezan tanto a dixitalización como o acceso universal á cultura, a través da posta no mercado tanto de audiolibros como de libros en lectura fácil.

En cumprimento das competencias desta consellería en materia de promoción da cultura e estímulo da creación literaria, esta orde regula dúas modalidades de subvencións dirixidas a empresas do sector editorial galego que aposten pola produción de audiolibros e de libros en lectura fácil:

Modalidade A. Axudas ao sector editorial galego, relativas a gastos de produción, distribución e comercialización de audiolibros en galego.

Modalidade B. Axudas ao sector editorial galego, relativas a gastos de produción, distribución e comercialización de libros en lectura fácil en formato físico ou dixital, en galego.

Por todo isto,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións comúns ás dúas modalidades

Artigo 1. Obxecto

1. Esta convocatoria ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións a aquelas persoas, físicas ou xurídicas, que acrediten a condición de editoras de acordo co establecido nesta orde, para o cal deberán estar dadas de alta, antes do 1 de xaneiro de 2023, na epígrafe 476.1 Edición de libros, do imposto de actividades económicas.

2. As axudas van dirixidas a apoiar o sector editorial no que se refire aos gastos derivados da edición (produción), distribución e comercialización das súas publicacións en formato audiolibro e libros adaptados en lectura fácil en galego, editados, comercializados e distribuídos entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de outubro de 2024.

3. Esta orde regula as seguintes modalidades de produción, distribución e comercialización:

a) Modalidade A. Axudas ao sector editorial galego, relativas a gastos de produción, distribución e comercialización de audiolibros en galego (CT238B).

b) Modalidade B. Axudas ao sector editorial galego, relativas a gastos de produción, distribución e comercialización de libros en lectura fácil en formato físico ou dixital, en galego (CT238C).

4. Así mesmo, ten por obxecto convocar as subvencións para o ano 2023.

Artigo 2. Principios de xestión

A xestión deste procedemento realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Normativa aplicable

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes disposicións:

– Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

– Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

– Lei 10/2007, de 22 de xuño, da lectura, do libro e das bibliotecas.

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

– Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado.

– Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.

E, suplementariamente:

– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

– Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.

– Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Artigo 4. Financiamento

1. As axudas, de carácter plurianual, concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.770.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por un importe máximo de 150.000 €, dos cales 70.000 € corresponden á anualidade 2023 e 80.000 € á anualidade 2024.

2. Este expediente tramítase ao abeiro do artigo 26 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente de subvención plurianual. De conformidade co establecido no artigo 58.2 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

3. Sen prexuízo das dotacións indicadas en cada modalidade, cando, por razón de falta de solicitudes ou de incumprimentos de requisitos, ou de falta de calidade das solicitudes presentadas, non se esgotase a contía establecida nalgunha das modalidades, o órgano instrutor propoñeralle motivadamente ao director xeral de Cultura que resolva o incremento da dotación asignada a outra modalidade co excedente xerado. No caso de que non se esgote a dotación da modalidade A, o sobrante pasaría á modalidade B, e, se sobra na B, pasará á A. Para a materialización de tal operación será preciso que o procedemento relativo á modalidade en que se xere o excedente se resolva previamente e que o relativo á modalidade destinataria estea sen resolver.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas, físicas ou xurídicas, as cales se refire o artigo 1 desta orde.

2. As persoas, físicas ou xurídicas, solicitantes deben acreditar a condición de editoras de acordo co establecido nesta orde, estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As axudas establecidas nesta orde para apoiar as editoras na produción de audiolibros e libros en lectura fácil en galego quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

4. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites sinalados no Regulamento (UE) nº 1407/2013. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

5. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas garantías previstas no artigo 31.4 da dita lei, e con base no disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei.

6. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a persoa beneficiaria.

7. Para accederen ás subvencións previstas nesta convocatoria, as persoas beneficiarias deberán estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de axudas públicas.

8. Entidades excluídas:

a) Aquelas que se encontren nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Aquelas que se encontren sancionadas administrativa ou penalmente coa perda da posibilidade de obtención de subvencións públicas, ou incorran en prohibición legal que as inhabilite para iso, con inclusión das que se produciron por discriminación de sexo de conformidade co disposto na disposición derradeira sexta da Lei 4/2005, do 18 de febreiro, para a igualdade de mulleres e homes.

c) Non se concederán subvencións ás solicitudes formuladas por asociacións e fundacións.

Así mesmo, as persoas beneficiarias deberán cumprir os restantes requisitos establecidos pola Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Gastos subvencionables

Só se financiarán os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para a súa realización:

1. Modalidade A. Produción e comercialización de audiolibros en galego.

a) Gastos de preparación da obra para a súa conversión: considéranse gastos de produción os de locución, medios técnicos do proceso de gravación (técnicas de son), corrección editorial, dirección ou calquera outro gasto de similar natureza.

b) Gastos de alugamento ou de disposición do equipo técnico necesario para a produción final.

c) Gastos de distribución: calquera actuación que permita a chegada da obra ás canles de difusión dixitais para acadar a posta efectiva ao dispor do público.

d) Gastos de comercialización: estratexias de márketing e publicidade en diferentes canles que favorezan o consumo da obra.

2. Modalidade B. Produción e comercialización de libros en lectura fácil.

a) Custo editorial: considéranse gastos de custo editorial os de autoría, adaptación, tradución, revisión, validación, maquetación, custos de preimpresión e impresión, dixitalización ou calquera outro de natureza similar.

b) Gastos de distribución: calquera actuación que permita a chegada da obra ás canles de difusión físicas ou dixitais para acadar a posta efectiva ao dispor do público.

c) Gastos de comercialización: estratexias de márketing e publicidade en diferentes canles que favorezan o consumo da obra.

Artigo 7. Requisitos de participación

1. As persoas, físicas ou xurídicas, solicitantes presentarán un plan de edición por cada obra para a cal soliciten subvención en cada unha das modalidades desta convocatoria de axudas.

2. Subvencionaranse a edición e a comercialización de libros que pertenzan a algúns dos seguintes xéneros: novela, poesía, teatro, literatura infantil e xuvenil, banda deseñada, ensaio e divulgación científica.

3. Entenderase o concepto de libro segundo a definición dada pola Lei 10/2007, do 22 de xuño, da lectura, do libro e das bibliotecas, para o caso dos libros adaptados en lectura fácil, que se poderán publicarse de maneira impresa ou en calquera outro soporte susceptible de lectura.

4. Os audiolibros e libros adaptados en lectura fácil para os cales se solicite subvención deberán reunir as seguintes características:

a) Idioma. Os libros adaptados en lectura fácil e os audiolibros obxecto de subvención deberán estar correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e nas Normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega).

b) Propiedade intelectual. As persoas, físicas ou xurídicas, editoras solicitantes deberán garantir que teñen lexitimamente todos os dereitos de propiedade intelectual sobre os proxectos obxecto de subvención e, neste sentido, o cumprimento da lexislación na materia.

c) Depósito legal. En todos os casos de publicacións obxecto de subvención, a editora beneficiaria deberá constituír o correspondente depósito legal. Non se subvencionará ningunha publicación que careza do número asignado.

d) ISBN. En todos os casos de publicacións obxecto de subvención, a editora beneficiaria deberá cumprir os trámites legais para a asignación do ISBN. Non se subvencionará ningunha publicación que careza do número asignado.

e) Difusión dos programas de dixitalización e cultura accesible. As persoas beneficiarias comprométense a mencionar que a obra foi subvencionada pola Xunta de Galicia.

Para o caso dos audiolibros, ao final da alocución deberase escoitar o seguinte: «É unha obra subvencionada pola Xunta de Galicia».

Para o caso dos libros en lectura fácil, na páxina de créditos deberá constar o seguinte texto: «Esta obra recibiu unha subvención da Xunta de Galicia». Tamén se fará constar o logo oficial da Xunta de Galicia.

f) Os libros editados en lectura fácil, tanto en formato físico como en formato dixital, deberán exhibir o selo de lectura fácil.

g) Nos casos de publicación impresa en papel, ter unha tiraxe para as obras en lectura fácil en galego de, como mínimo, 300 exemplares.

h) Nos casos de publicación en soporte dixital, estar presente para a súa comercialización nalgunha plataforma dixital.

Artigo 8. Obras excluídas

Non serán obxecto de subvención mediante esta convocatoria aqueles libros que estean incluídos nalgún dos seguintes puntos:

a) Libros de texto, enciclopedias, dicionarios e os dirixidos ao mundo do ensino.

b) Libros de bibliófilo e obras con edición limitada e numerada.

c) Obras editadas en fascículos e as editadas en follas non encadernadas, cambiables ou suprimibles sen detrimento do seu conxunto.

d) Obras editadas por calquera Administración pública.

e) Obras publicadas por entidades susceptibles de ser beneficiarias por encarga das entidades que non poidan optar ás subvencións (institucións públicas, empresas non editoriais...) obxecto desta orde.

f) Obras publicadas polos seus propios autores, obras non venais e antoloxías realizadas polo mesmo editor.

g) Obras para a súa venda a prazos e obras editadas por clubs do libro ou similares que só sexan accesibles a socios ou adheridos.

h) Álbums, recortables, libros de pintar e colorear, libros con adhesivos, pasatempos e cadernos de caligrafía.

i) Anuarios, publicacións periódicas e separatas ou números monográficos destas, dietarios e similares.

j) Obras en lectura fácil reimpresas.

Artigo 9. Presentación de solicitudes

1. As persoas, físicas ou xurídicas, que desexen acollerse ás subvencións reguladas nesta orde deberán presentar a solicitude coa indicación da modalidade ou modalidades en que desexan participar: anexo I (CT238B) e anexo II (CT238C).

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se incorpora como anexo I (CT238B) e anexo II (CT238C).

As persoas potencialmente beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde pertencen a colectivos de persoas físicas e xurídicas cuxa formación e capacidade técnica permite concluír que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para relacionarse por este medio co sector público autonómico.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Non se admitirán en ningún caso solicitudes presentadas fóra do prazo e da forma establecida nesta orde.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas, físicas ou xurídicas, interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación común ás dúas modalidades:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación poderá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Copia do último recibo de pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.

c) Certificación de situación no Censo de actividades económicas da Axencia Estatal da Administración Tributaria, no caso de que a editorial teña o domicilio fiscal fóra de Galicia.

2. Esta documentación só se presentará unha vez, no caso de varias solicitudes da mesma editora.

3. A documentación que se achegue coa solicitude debe vir obrigatoriamente nunha das dúas linguas oficiais de Galicia.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

6. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal. A non correspondencia do documento presentado co orixinal será causa de denegación ou revogación da subvención.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

8. No caso de que algún dos documentos que se pretenda presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Alta no imposto de actividades económicas (IAE).

f) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

h) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

i) Certificado de domicilio fiscal.

k) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

l) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

m) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 13. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada é incompleta ou presenta erros emendables, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará desistida da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Instrución do procedemento

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

3. Ás solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria asignaráselles a cantidade resultante para o cumprimento da finalidade deste orde.

4. De conformidade co disposto no artigo 22 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, rematada a tramitación do expediente, o órgano instrutor formulará directamente a proposta de resolución ao órgano concedente, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención.

Artigo 16. Proposta de resolución

Realizada a repartición, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, quen resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Artigo 17. Resolución

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluiranse a relación de beneficiarios, as cantidades concedidas, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes, e esta publicarase no Diario Oficial de Galicia. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

Así mesmo, farase pública no portal https://www.cultura.gal

2. Tamén se deberá comunicar ás persoas beneficiarias o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

3. O prazo para ditar e notificar ás persoas interesadas a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo no momento do vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa.

Artigo 18. Recursos

A resolución pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e contra ela cabe interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da data de notificación, ou recurso contencioso administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a data de notificación.

Artigo 19. Publicación dos actos

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través dos seguintes medios:

a) Portal web oficial da Dirección Xeral de Cultura (https://www.cultura.gal) onde, ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta orde.

b) Así mesmo, poderase obter información xeral deste procedemento na Guía de procedementos e servizos na páxina web da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal).

2. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución definitiva, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través do portal web https://www.cultura.gal

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas, físicas e xurídicas, beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Aceptación das subvencións

1. As persoas beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez (10) días para a aceptación da subvención, contado desde o día seguinte ao da data de publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. Quedará sen efecto a concesión ás persoas beneficiarias que non acepten a subvención.

Artigo 23. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas, físicas ou xurídicas, beneficiarias quedan obrigadas a:

a) Destinar a subvención ao estipulado no proxecto de edición presentado coa solicitude.

b) Se para a realización da actividade obxecto da subvención se utiliza calquera elemento susceptible de xerar dereitos de autor, debe cumprirse co que dispón a normativa sobre propiedade intelectual.

c) Cumprir o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

e) Dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 24. Pagamento

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase como efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito á subvención total ou parcial, segundo proceda, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto nos artigos 9 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da finalidade da subvención.

Artigo 25. Xustificación

1. Só se financiarán os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para a súa realización.

De acordo co artigo 31.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a persoa beneficiaria da subvención deberá xustificar que os gastos subvencionables foron aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, de morosidade nas operacións comerciais.

2. Non se consideran gastos subvencionables os honorarios relativos aos gastos de tradución que fosen asumidos a través da orde de axudas específica nas últimas cinco convocatorias.

3. A xustificación das subvencións desta orde debe realizarase separadamente por modalidades coa documentación xustificativa correspondente a cada unha delas:

a) Para o pagamento da primeira anualidade, deberá enviar a seguinte documentación, antes do 31 de outubro de 2023: anexo I.A (CT238B) e anexo II.A (CT238C)

– Compromiso de inicio da produción da obra por parte da entidade beneficiaria, que debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2023.

– Documentación acreditativa, debidamente formalizada, de contar cos dereitos de propiedade intelectual precisos para a publicación da obra (contratos ou calquera outra documentación acreditativa).

b) A xustificación da totalidade da subvención concedida, incluída a primeira anualidade xa recibida, xustificarase ata o 31 de outubro de 2024 (incluído), e realizarase o pagamento tras a entrega por parte da persoa beneficiaria da seguinte documentación: anexos I.B (CT238B) e II.B (CT238C)

– Relación detallada de gastos subvencionables efectuados mediante facturas, acompañados dunha declaración responsable conforme os ditos gastos corresponden á obra subvencionada, que se deberán achegar como documentos adxuntos a través da sede electrónica. No caso de facturas que inclúen pagamentos conxuntos, correspondentes a varias obras, debe poñerse só a parte que corresponda á obra subvencionada máis a parte proporcional dos impostos. Esta relación de gastos efectuados mediante facturas está incluída nos anexos I.B (CT238B) e II.B (CT238C).

– Certificación expedida pola persoa beneficiaria onde consten os gastos subvencionables efectuados con medios humanos e materiais propios da entidade, de ser o caso. Tamén deben constar o tempo dedicado a estas tarefas, a súa cuantificación e o importe por hora. Así mesmo, deberán acreditar que as persoas que desenvolven estas tarefas están incluídas no seu cadro de persoal (contratos ou outra documentación acreditativa).

Considéranse documentos xustificativos do pagamento os seguintes:

– Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento.

– Identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda.

– Identificación da persoa destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.

4. Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 €. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor, en que figure a expresión «recibín en metálico».

5. As persoas beneficiarias das axudas, para percibiren a subvención, quedan obrigadas a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento presentado na solicitude, no prazo establecido nesta orde. No caso de non xustificarse a totalidade do orzamento previsto do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

6. Esta documentación dirixirase á Dirección Xeral de Cultura, Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, con data límite a de finalización do período de xustificación, sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda e Administración Pública que regule as operacións de peche de exercicio.

7. A documentación requirida na fase xustificativa deberá presentarse electronicamente, accedendo ao expediente deste procedemento na Carpeta cidadá da persoa física ou xurídica que presentou a solicitude de inicio, https://sede.xunta.gal/carpeta-do-cidadan, mediante o formulario normalizado habilitado para o efecto a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. A Dirección Xeral de Cultura poderá requirir en todo momento ás persoas solicitantes que acheguen a documentación complementaria que considere necesaria co fin de completar a solicitude e xustificar a axuda.

9. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Perda do dereito á subvención e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigacións estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 27. Controis

A consellería competente realizará actuacións de seguimento e control das axudas concedidas que considere oportunas, ben con medios propios ou externos, co fin de comprobar o cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda e o destino definitivo. O beneficiario estará obrigado a colaborar no labor de control proporcionando os datos requiridos.

Artigo 28. Comprobación das subvencións

1. O órgano concedente comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

2. Será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Recursos

Contra os actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá interpoñer o/a interesado/a recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

CAPÍTULO II

Disposicións específicas para cada modalidade

Sección 1ª. Modalidade A

Axudas ao sector editorial galego, relativas a gastos de produción, distribución e comercialización de audiolibros en galego.

Artigo 30. Persoas beneficiarias

As solicitudes para a produción de audiolibros en galego poderán ser presentadas polas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido no artigo 5 desta orde.

Artigo 31. Imputación orzamentaria

1. As axudas, de carácter plurianual, concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.770.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia por un importe máximo de 75.000 €, dos cales 35.000 € corresponden á anualidade 2023 e 40.000 € á anualidade 2024.

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 32. Audiolibros obxecto de subvención

Os audiolibros obxecto de subvención deberán reunir as seguintes características:

a) Os audiolibros deberán ter como orixe unha obra publicada previamente en galego nos últimos cinco anos ou en calquera outro idioma que, de ser o caso, se traducira para a lingua galega, e deberán ser unha reprodución fidedigna dela.

b) Os audiolibros deberán editarse para a súa comercialización. Para efectos destas bases, enténdese por edición comercial a que estea suxeita a un prezo de venda ao público.

c) Os audiolibros realizaranse mediante a utilización de voz humana real. Non se aceptarán os audiolibros realizados con voz electrónica.

d) No caso de edición en galego e noutro idioma, sempre que sexan publicadas por unha mesma entidade, empresa ou grupo editorial, será necesario que a edición en galego do audiolibro sexa anterior ou simultánea á edición noutro idioma, no caso de que esta exista.

e) Audiolibros cuxa produción sexa comercializada a través de plataformas de distribución dixital.

f) A produción, distribución e comercialización das obras deberase realizar entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de outubro de 2024, ambos incluídos.

g) Deberán contar cun plan de distribución e comercialización.

h) Cada editorial poderá solicitar axuda para un máximo de cinco (5) audiolibros.

Artigo 33. Requisitos básicos de participación

1. As persoas, físicas ou xurídicas, solicitantes deberán presentar un plan de edición individualizado por cada obra para a cal solicitan a subvención.

2. A persoa solicitante debe estar legalmente constituída como editorial con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2023.

Artigo 34. Documentación específica que se vai presentar coa solicitude

1. Coa solicitude deberase achegar, ademais da documentación a que se refire o artigo 11, a seguinte documentación específica por cada audiolibro:

a) Plan de edición (único documento), no cal a editora xustifique a necesidade da subvención para completar o plan coas características propostas. Incluirá as características do audiolibro: contido, enfoque, traxectoria do/da autor/a, traxectoria do/da director/a de dobraxe, traxectoria dos/das intérpretes da voz, o prazo estimado de produción, proceso de produción, o número de edicións da obra orixinal que sairon á venda e as canles de venda. Para cada audiolibro incluído no plan de edición: características técnicas e custo de produción.

b) Plan de márketing en que se indiquen as estratexias de segmentación e público, estratexia de comunicación, canles de distribución e estratexia de internacionalización, de ser o caso.

2. A documentación específica deberá presentarse electronicamente.

Artigo 35. Contía da axuda

A contía da axuda determinarase sobre os límites máximos de gastos subvencionables.

1. Adxudicaranse as subvencións por orde de puntuación unha vez aplicados os criterios e as limitacións orzamentarias establecidas neste artigo, asegurando que o importe final adxudicado a cada audiolibro sexa o 80 % do orzamento solicitado, ata esgotar o orzamento da convocatoria.

2. O importe máximo con que se subvencionará cada audiolibro será de 5.000 €.

3. Adxudicarase unha axuda de, como máximo, 20.000 € por empresa editora.

4. Para a determinación das subvencións que se van conceder teranse en conta os seguintes criterios de valoración:

Interese cultural da obra: máximo 20 puntos.

a) Idioma da obra orixinal:

Orixinal editado en galego nos últimos cinco (5) anos: 10 puntos.

Orixinal editado noutro idioma, nos últimos cinco (5) anos, e traducido para o galego: 5 puntos.

b) Número de edicións da obra orixinal:

Primeira edición: 1 punto.

Segunda edición: 2 puntos.

Terceira edición: 3 puntos.

Cuarta edición: 4 puntos.

Quinta edición: 5 puntos.

Máis da quinta edición: 10 puntos.

Traxectoria profesional do/da autor/a: máximo 20 puntos.

a) Autor/a con obra editada en galego nos últimos cinco (5) anos:

1 obra : 1 punto.

2 obras: 2 puntos.

3 obras: 3 puntos.

4 obras: 4 puntos.

5 obras: 5 puntos.

Máis de 5 obras: 10 puntos.

b) Autor/a con obra editada noutros idiomas distintos do galego nos últimos cinco (5) anos:

1 obra: 1 punto.

2 obras: 2 puntos.

3 obras: 3 puntos.

4 obras: 4 puntos.

5 obras: 5 puntos.

Máis de 5 obras: 10 puntos.

Traxectoria profesional do/da director/a de produción da obra: máximo 20 puntos.

Refírese ao número de títulos de pezas audiovisuais dos cales a persoa se ocupou da dirección de dobraxe en galego (películas, series de TV, pezas publicitarias emitidas en radio, TV ou internet...).

Número de títulos:

1 título: 2 puntos.

2 títulos: 4 puntos.

3 títulos: 6 puntos.

4 títulos: 8 puntos.

5 títulos: 10 puntos.

Máis de 5 títulos: 20 puntos.

Traxectoria profesional do/da intérprete da voz da obra: máximo 10 puntos.

Refírese ao número de títulos de pezas audiovisuais dos cales a persoa se ocupou da interpretación da voz en galego (películas, series de TV, pezas publicitarias emitidas en radio, TV ou internet...).

Número de títulos:

1 título: 1 punto.

2 títulos: 2 puntos.

3 títulos: 3 puntos.

4 títulos: 4 puntos.

5 títulos: 5 puntos.

Máis de 5 títulos: 10 puntos.

Características da obra: máximo 30 puntos.

a) Extensión/duración: máximo 15 puntos.

Menos dunha hora: 1 punto.

Entre 1 e 2 horas: 2 puntos.

Entre 2 e 3 horas: 3 puntos.

Entre 3 e 4 horas: 4 puntos.

Entre 4 e 5 horas: 5 puntos.

Entre 5 e 6 horas: 6 puntos.

Entre 6 e 7 horas: 7 puntos.

Entre 7 e 8 horas: 8 puntos.

Entre 8 e 9 horas: 9 puntos.

Entre 9 e 10 horas: 10 puntos.

Máis de 10 horas: 15 puntos.

b) Importe do proxecto: máximo 15 puntos.

Ata 2.000 €: 1 punto.

De 2.001 € a 3.000 €: 2 puntos.

De 3.001 € a 4.000 €: 3 puntos.

De 4.001 € a 5.000 €: 4 puntos.

De 5.001 € a 6.000 €: 5 puntos.

Máis de 6.001 €: 15 puntos.

3. Quedarán excluídos e non serán seleccionados aqueles proxectos que non obteñan, polo menos, un 30 % de puntos do baremo de valoración.

Artigo 36. Documentación xustificativa

O importe adxudicado en concepto de subvención deberá ser xustificado a través dos documentos acreditativos dos gastos polos cales a persoa beneficiaria reciba a axuda unha vez ditada a resolución.

1. As persoas beneficiarias das axudas, para percibiren a subvención, quedan obrigadas a acreditar a realización das actividades subvencionadas.

2. Xustificación das axudas e documentación que se vai presentar:

Para a xustificación dos gastos realizados, a persoa beneficiaria deberá achegar, ademais da documentación xeral a que se refire o artigo 25 desta orde, a seguinte documentación de carácter específico: anexo IB (CT238B).

– Comunicación que acredite un acceso á publicación e que facilite a comprobación da súa calidade, así como que ao final da alocución se escoite o seguinte: «É unha obra subvencionada pola Xunta de Galicia».

– Comunicación que acredite a plataforma ou plataformas de venda e distribución onde o audiolibro está aloxado.

– Contrato coa persoa física ou xurídica intérprete da voz a partir do 1 de xaneiro de 2023, conforme o establecido na Lei de propiedade intelectual, no cal deben constar o importe e os datos identificativos da persoa.

– Contrato coa persoa física ou xurídica que se ocupe da dirección da voz intérprete a partir do 1 de xaneiro de 2023, conforme o establecido na Lei de propiedade intelectual, no cal deben constar o importe e os datos identificativos da persoa.

Sección 2ª. Modalidade B

Axudas ao sector editorial galego, relativas a gastos de produción, distribución e comercialización de libros en lectura fácil en formato físico ou dixital, en galego.

Artigo 37. Persoas beneficiarias

As solicitudes para a produción de libros en lectura fácil en galego poderán ser presentadas polas persoas, físicas ou xurídicas, que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido no artigo 5 desta orde.

Artigo 38. Imputación orzamentaria

1. As axudas, de carácter plurianual, concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.770.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por un importe máximo de 75.000 €, dos cales 35.000 € corresponden á anualidade 2023 e 40.000 € á anualidade 2024.

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 39. Libros en lectura fácil obxecto de subvención

Os libros en lectura fácil obxecto de subvención deberán reunir as seguintes características:

a) Deberán estar editados en galego ou en calquera outro idioma que, de ser o caso, se traducirá para a lingua galega, e cuxa produción sexa comercializada a través de librarías ou doutras canles de distribución física ou dixital. Para efectos destas bases, enténdese por edición comercial a que estea suxeita a un prezo de venda ao público.

b) A edición, distribución e comercialización das obras deberase realizar entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de outubro de 2024, ambos incluídos.

c) Serán unha primeira edición dunha obra inédita en galego, ou ben a adaptación dunha obra xa publicada orixinariamente en galego, durante os últimos cinco anos, e da cal non exista adaptación en lectura fácil no mercado.

d) Serán traducións para o galego de obras publicadas noutro idioma e que xa estean adaptadas en lectura fácil.

e) No caso de edición en galego e noutro idioma, sempre que sexan publicadas por unha mesma entidade, empresa ou grupo editorial, será necesario que a edición en galego dos libros adaptados sexa anterior ou simultánea á edición noutro idioma, no caso de que esta exista.

f) Unha obra que estea editada en varias encadernacións (rústica, cartoné, etc.), só se poderá presentar nunha delas.

g) Deberán contar cun plan de distribución e comercialización.

h) Empregarán o logo de lectura fácil como selo de calidade, que garante o seguimento das directrices internacionais de lectura fácil marcadas pola IFLA (Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas) e Inclusion Europe, e, polo tanto, acredita a validación das obras adaptadas.

i) Serán difundidos a través do mercado do libro e, de ser o caso, a través dos catálogos das entidades especializadas en accesibilidade e inclusión.

k) Cada editorial poderá solicitar axuda para un máximo de cinco (5) libros adaptados en lectura fácil.

Artigo 40. Requisitos básicos de participación

1. As persoas, físicas ou xurídicas, solicitantes deberán presentar un plan de edición individualizado por cada obra para a cal solicitan a subvención.

2. A persoa solicitante debe estar legalmente constituída como editorial con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2023.

Artigo 41. Documentación específica que se vai presentar coa solicitude

1. Coa solicitude deberase achegar, ademais da documentación de carácter xeral, a seguinte documentación específica:

a) Plan de edición (único documento) no cal a editora xustifique a necesidade da subvención para completar o plan coas características propostas. Incluirá as características do libro adaptado en lectura fácil: contido, enfoque, traxectoria do autor/a, prazo estimado de edición, número de edicións da obra orixinal que se puxeron á venda, entidade/s de validación, proceso de produción, as canles de venta, características técnicas e custo de produción.

b) Plan de márketing en que se indiquen as estratexias de segmentación e público, estratexia de comunicación, canles de distribución e estratexia de internacionalización, de ser o caso.

2. A documentación específica deberá presentarse electronicamente.

Artigo 42. Contía da axuda

A contía da axuda determinarase sobre os límites máximos de gastos subvencionables.

1. Adxudicaranse as subvencións por orde de puntuación unha vez aplicados os criterios e as limitacións orzamentarias establecidas neste artigo, asegurando que o importe final adxudicado a cada libro en lectura fácil sexa o 90 % do orzamento solicitado, ata esgotar o orzamento da convocatoria.

2. O importe máximo con que se subvencionará cada libro adaptado en lectura fácil será de 6.000 €.

3. Adxudicarase unha axuda de, como máximo, 15.000 € por empresa editora.

4. Para a determinación das subvencións que se van conceder teranse en conta os seguintes criterios de valoración:

Interese cultural da obra: máximo 20 puntos.

a) Idioma da obra orixinal:

Orixinal editado en galego nos últimos cinco (5) anos: 10 puntos.

Orixinal editado noutro idioma, nos últimos cinc o (5) anos, e traducido para o galego: 5 puntos.

b) Número de edicións da obra orixinal:

Primeira edición: 1 punto.

Segunda edición: 2 puntos.

Terceira edición: 3 puntos.

Cuarta edición: 4 puntos.

Quinta edición: 5 puntos.

Máis da quinta edición: 10 puntos.

Traxectoria profesional do/da autor/a: máximo 20 puntos.

a) Autor/a con obra editada en galego nos últimos cinco (5) anos:

1 obra: 1 punto.

2 obras: 2 puntos.

3 obras: 3 puntos.

4 obras: 4 puntos.

5 obras: 5 puntos.

Máis de 5 obras: 10 puntos.

b) Autor/a con obra editada noutros idiomas distintos do galego nos últimos cinco (5) anos:

1 obra: 1 punto.

2 obras: 2 puntos.

3 obras: 3 puntos.

4 obras: 4 puntos.

5 obras: 5 puntos.

Máis de 5 obras: 10 puntos.

Características da obra: máximo 40 puntos.

a) Extensión: máximo 30 puntos.

Ata 100.000 caracteres: 5 puntos.

De 100.001 a 200.000 caracteres: 10 puntos.

Máis de 200.001 caracteres: 20 puntos.

b) Importe do proxecto. Máximo 10 puntos.

Ata 2.000 €: 1 punto.

De 2.001 € a 3.000 €: 2 puntos.

De 3.001 € a 4.000 €: 3 puntos.

De 4.001 € a 5.000 €: 4 puntos.

De 5.001 € a 6.000 €: 5 puntos.

Máis de 6.001 €: 10 puntos.

3. Quedarán excluídos e non serán seleccionados aqueles proxectos que non obteñan, polo menos, un 30 % de puntos do baremo de valoración.

Artigo 43. Documentación xustificativa

O importe adxudicado en concepto de subvención deberá ser xustificado a través dos documentos acreditativos dos gastos polos cales a persoa beneficiaria reciba a axuda unha vez ditada a resolución.

1. As editoriais beneficiarias das axudas, para percibiren a subvención, quedan obrigadas a acreditar a realización das actividades subvencionadas.

2. A xustificación das axudas e documentación que cómpre presentar:

Para a xustificación dos gastos realizados, a persoa beneficiaria deberá achegar, ademais da documentación xeral a que se refire o artigo 25 desta orde, a seguinte documentación de carácter específico: anexo II.B (CT238C).

– Comunicación da persoa beneficiaria onde conste a plataforma ou plataformas de venda e distribución onde o libro en lectura fácil estea aloxado no caso de que se trate da versión en formato dixital. Está incluída no anexo II.B.

– Comunicación da persoa beneficiaria onde conste, no caso de que o libro sexa en formato físico, un mínimo de cinco (5) librarías onde estea á venda e a provincia en que se encontran.

– Documentación da obtención do selo de lectura fácil a través dalgunha entidade de certificación.

– Un exemplar da obra editada en formato físico ou copia da xustificación da súa presentación nun rexistro oficial.

Disposición adicional

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para que dite as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file