Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 27 de xuño de 2023 Páx. 40118

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello da Coruña

ANUNCIO de incoación do procedemento de declaración do incumprimento das obrigas relativas á edificación, á conservación e á rehabilitación do inmoble sito na rúa Orzán, 72, da Coruña.

O concelleiro da Área de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, ao abeiro das facultades que lle confire o capítulo II do título X da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, engadido pola Lei 57/2003, do 16 de decembro, de medidas para a modernización do goberno local, e de acordo coa delegación de competencias realizada no Decreto da Alcaldía núm. 3846/2019, do 26 de xuño (publicado no Boletín Oficial da provincia (BOP) da Coruña núm. 124, do 3 de xullo de 2019), ditou o 26 de maio de 2023 o seguinte decreto, anotado no libro de resolucións da Alcaldía, co número DEC/AYT/3830/2023.

«Decreto

Primeiro. Incoar o procedemento de declaración do incumprimento das obrigas relativas á edificación, á conservación e á rehabilitación do inmoble sito na rúa Orzán, 72, previsto no artigo 26 da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, xa que concorren as circunstancias de incumprimento das obrigas de edificación, conservación e rehabilitación, dado que é un inmoble baleiro desde o ano 1998, sen executar a obriga de edificar, situado no ámbito do Plan especial de protección da cidade vella e pescadería (PEPRI) dentro da ordenanza de cidade vella pescadería norte (PN), constando reiteradas queixas dos veciños dos inmobles estremeiros.

Segundo. Determinar a venda forzosa como sistema de actuación elixido pola Administración, no caso de que o procedemento se resolva coa estimación de concorrencia de incumprimento. Consta unha taxación do inmoble sito na rúa Orzán, 72, da Coruña, do 9 de xaneiro de 2023, que valora o inmoble libre de cargas no importe de trescentos trinta e nove mil seiscentos setenta e nove euros con vinte céntimos (339.679,20 €).

Terceiro. Solicitar ao Rexistro da Propiedade da Coruña número 1 a certificación de dominio e das cargas do inmoble sito na rúa Orzán, 72, da Coruña, inscrito como predios rexistrais: predio 14.783 , tomo 2224, libro 2224, folio 222; predio 14.056, tomo 2321, libro 2321, folio 186; predio 14.057, tomo 1380, libro 1380, folio 154; predio 14.058, tomo 1323, libro 1323, folio 20; predio 16.553, tomo 1323, libro 1323, folio 138, e que faga constar nunha nota marxinal o inicio do procedemento para a declaración do incumprimento.

Cuarto. Conferir un tramite de audiencia de quince días ás persoas propietarias e aos demais titulares de dereitos reais afectados que consten no Rexistro da Propiedade e/ou no Catastro.

Quinto. Abrir, de maneira simultánea ao trámite de audiencia, un trámite de información pública por un prazo de vinte días con anuncio no Diario Oficial de Galicia e na sede electrónica do concello.

A Coruña, na data da sinatura electrónica deste documento

A alcaldesa, P.D.

O concelleiro da Área de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade».

De conformidade co establecido no artigo 26.4 da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e a renovación urbanas de Galicia, ábrese un trámite de información pública por un prazo de vinte dias con anuncio no Diario Oficial de Galicia e na sede electrónica do Concello.

A Coruña, 1 de xuño de 2023

A alcaldesa
P.D. (Decreto do 26 de xuño de 2019; BOP núm. 124, do 3 de xullo)
María Hernández García
Directora da Área de Urbanismo