Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 28 de xuño de 2023 Páx. 40230

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento SI461B).

A Comunidade Autónoma, en virtude do artigo 148.1.20 da Constitución española e do artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, asume a competencia exclusiva en materia de asistencia social. A Xunta de Galicia, na aplicación do principio de integración da dimensión da igualdade de oportunidades na elaboración, execución e seguimento de todas as políticas e accións da súa competencia, establece, como un dos criterios xerais da súa actuación, a garantía da dignidade das mulleres e homes, con especial incidencia na adopción de accións tendentes á erradicación de todas as formas de violencia de xénero, tal e como recolle o artigo 5 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

A competencia en materia de igualdade correspóndelle á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, segundo o disposto no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

O Decreto 123/2022, do 23 de xuño, establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Neste establécese que lle corresponden á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica, entre outras funcións, as de impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como a eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, sinala no seu artigo 1 que constitúe o obxecto da lei a adopción en Galicia de medidas integrais para a sensibilización, prevención e tratamento da violencia de xénero, así como a protección e o apoio ás mulleres que a sofren. Así mesmo, establece medidas específicas no ámbito da formación e o emprego, como son o establecemento dun réxime de axudas e subvencións para o fomento do emprego de mulleres que sofren violencia de xénero, no ámbito de colaboración con distintas entidades, entre elas as entidades sen ánimo de lucro.

Considerando que a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan maior estabilidade persoal, social e laboral, esta resolución supón un paso máis na mellora da súa inserción laboral, ao articular axudas económicas ás entidades sen ánimo de lucro para fomentar a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero e que non poden acadar un posto de traballo no mercado laboral ordinario.

Esta convocatoria estará cofinanciada nun 60 % polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4: Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do alicerce europeo de dereitos sociais; prioridade 2: Inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivo específico ESO4.8: Fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os colectivos desfavorecidos, e medida 2.H.01: Apoio á inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero.

Neste sentido, é de aplicación e dáse debido cumprimento ao previsto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados; no Regulamento (UE) núm. 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) núm. 1296/2013, e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021-2027.

Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro) e, no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro) e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo dos informes da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Asesoría Xurídica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2023, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, ao abeiro do disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ata un máximo de doce (12) mensualidades para mellorar e facilitar a súa inserción laboral coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.

Por medio desta convocatoria, as entidades terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea de mulleres que sofren violencia de xénero (código de procedemento SI461B).

2. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu apoderamento, reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei.

4. As subvencións recollidas nesta resolución concederanse cando a contratación se produza con posterioridade á súa publicación.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de 600.000,00 € que se imputarán á aplicación orzamentaria 11.20.313D.480.2 (código do proxecto 2023 00097) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2023.

2. Esta convocatoria estará cofinanciada nun 60 % polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 no obxectivo político 4. Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do alicerce europeo de dereitos sociais; prioridade 2: Inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivo específico ESO4.8: Fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os colectivos desfavorecidos, e medida 2.H.01: Apoio á inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero.

3. O método de xustificación empregado será o de custos simplificados, consonte o disposto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

4. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, tras a aprobación da modificación orzamentaria que proceda, logo de informe favorable da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente prevista a designación da Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos).

A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

5. O incremento de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, se for o caso, destinarase á concesión daqueloutras solicitudes que por insuficiencia de crédito non chegaron a obter subvención.

Artigo 3. Contía da subvención

1. A contía da subvención que lles concederá ás entidades sen ánimo de lucro beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a resultante de aplicar o método de custos simplificados calculado consonte o disposto nos artigos 53.1.b) e 53.3.a) i) do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

2. Este método de custos simplificados consiste nun custo unitario, en función do grupo de cotización en que se encontren as traballadoras en cuestión, calculado como un múltiplo do IPREM máis a cotización empresarial á Seguridade Social, segundo o seguinte cadro:

IPREM

Custo salarial
mensual

Seguridade Social (31,6 %)

Custo unitario
mensual

Custo unitario 1: grupos de cotización 1 ao 4

3 veces IPREM

2.100,00 €

663,60 €

2.763,60 €

Custo unitario 2: grupos de cotización 5 ao 9

2 veces IPREM

1.400,00 €

442,40 €

1.842,40 €

Custo unitario 3: grupos de cotización 10 e 11

1,5 veces IPREM

1.050,00 €

333,80 €

1.381,80 €

3. O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

4. Para os efectos desta subvención, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

5. O número máximo de contratacións que se van subvencionar por cada entidade solicitante establécese en dúas (2) contratacións.

6. O importe das subvencións reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da acción que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias da subvención prevista nesta resolución:

a) As entidades sen ánimo de lucro.

b) As cooperativas sen ánimo de lucro segundo o disposto na disposición adicional cuarta da Lei 14/2011, de 16 de decembro, pola que se modifica a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.

2. Para seren beneficiarias, as entidades sen ánimo de lucro e as cooperativas sen ánimo de lucro deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Carecer de ánimo de lucro.

b) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

c) Cumprir os requisitos e as condicións establecidos na normativa xeral de subvencións.

3. Todos os requisitos exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución dos programas subvencionados.

4. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as empresas privadas, as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

6. As entidades sen ánimo de lucro que resulten beneficiarias non poderán contratar novamente as mulleres que xa se contratasen con cargo ás axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 15 de xuño de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se convocan para o ano 2022.

Artigo 5. Compatibilidade das axudas

As subvencións para as actuacións recollidas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra axuda pública, ou incentivo á contratación, para a mesma actuación e contratación outorgada por calquera Administración pública.

Artigo 6. Persoas destinatarias finais

1. As persoas destinatarias finais das subvencións reguladas nesta resolución serán:

As mulleres vítimas de violencia de xénero, incluídas as mulleres que padecesen violencia vicaria, e as mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, inscritas como demandantes de emprego, independentemente da súa situación laboral, no Servizo Público de Emprego de Galicia.

2. Para os efectos desta resolución, entenderase por mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia todas aquelas que acrediten a situación de violencia a través de calquera das formas previstas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e que cesasen a relación de convivencia ou dominación co agresor, se é o caso, mediante algún dos documentos seguintes:

a) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a secretario/a xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

b) Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia de xénero, ou documento xudicial que declare que a muller é vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou explotación sexual.

c) Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local, no cal se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero.

d) Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local, no cal se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero.

e) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia e/ou de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou explotación sexual, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente no cal conste a existencia dos ditos indicios.

f) Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

g) Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou explotación sexual.

En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida ou asinada no prazo dos 24 meses anteriores á data de presentación da correspondente oferta por parte da entidade contratante na oficina de emprego ou á data de contratación.

Artigo 7. Requisitos da contratación

1. As contratacións polas cales se conceda a subvención deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executadas polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que a duración dos contratos sexa, como mínimo, de seis (6) meses.

c) Que a contratación sexa para xornada de traballo a tempo completo ou a tempo parcial non inferior ao 50 %.

d) Que a entidade beneficiaria dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo dos gastos non subvencionables ao abeiro desta resolución, se for o caso.

e) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesional das mulleres contratadas.

f) Que a súa execución ou prestación se realice nun centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Con independencia da duración do contrato ou, de ser o caso, do contrato para a substitución da traballadora que causase baixa, o período subvencionable non poderá exceder os doce meses nin poderá prolongarse máis alá do 30 de setembro de 2024.

Artigo 8. Profesional de referencia

A entidade beneficiaria designará unha persoa de apoio para a traballadora ou traballadoras contratada/s, que actúe como profesional de referencia no tempo que dure a contratación das ditas traballadoras e que poderá contar, pola súa vez, con apoio de persoal técnico da Secretaría Xeral da Igualdade con formación en xénero.

Artigo 9. Selección das candidatas

1. Para a selección das candidatas, as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución poderán contactar coa oficina de emprego asignada para a presentación da correspondente oferta, e solicitarán a relación de candidatas segundo os requisitos de perfil profesional que determine a entidade sen ánimo de lucro, tendo en conta que todas as candidatas deben posuír a condición de vítimas da violencia de xénero, mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou explotación sexual. Poderán presentarse ofertas nominativas sempre que se cumpran os requisitos fixados nesta resolución.

2. Para a selección de candidatas, as entidades beneficiarias das subvencións poderán establecer liñas de colaboración cos centros de información á muller, os centros da Rede galega de acollemento, o Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren violencia de xénero, os servizos sociais e calquera outro servizo público que traballe no eido da violencia de xénero, para os efectos de propoñer participantes para a súa contratación, sempre e cando estas reúnan os requisitos recollidos no artigo 6.

3. Para os efectos de facilitar a selección de candidatas, a Secretaría Xeral da Igualdade e o Servizo Público de Emprego de Galicia elaborarán unha instrución conxunta que se fará pública na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

4. A entidade sen ánimo de lucro non poderá realizar a contratación sen ter remitido antes a selección das candidatas á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, no anexo que figura na instrución antes mencionada, para a comprobación dos seus requisitos, e a notificación posterior á entidade de que a selección é correcta.

Se a entidade non comunica a selección da/das candidata/s á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero e realiza a contratación directamente, minorarase a subvención concedida polo tempo que medie desde a realización do contrato e ata que a Subdirección Xeral notifique que as candidatas seleccionadas cumpren os requisitos desta resolución.

5. Todas as entidades indicadas no parágrafo anterior deberán dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto ao disposto no Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa concordante.

Artigo 10. Contratación das traballadoras

1. Efectuada a selección das traballadoras na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando a modalidade de contrato temporal con cláusulas específicas de contrato vinculado a programas de activación para o emprego, segundo o disposto na Guía de contratos do SEPE.

2. En todo caso, no contrato de traballo subscrito deberá constar con claridade a prestación dos servizos que se contratan.

3. A entidade beneficiaria asume a súa condición de empregadora respecto ás traballadoras contratadas e o compromiso de cumprir a normativa laboral.

Así mesmo, deberalles facilitar ás traballadoras os elementos persoais e materiais necesarios para levar a cabo o seu traballo e achegar a súa propia dirección e xestión para a articulación da colaboración conservando a estrutura de mando sobre o seu persoal, e será responsable das tarefas técnicas que desenvolvan.

A concesión e o uso destas axudas non supoñerán, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

4. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

5. A data límite para a realización dos contratos será o 30 de setembro de 2023.

Artigo 11. Substitución de traballadoras

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa, durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado, sempre que a contratación se produza dentro dos trinta (30) días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada.

2. No suposto de baixas temporais por causas que se prevexa que sexan de longa duración, superior a trinta (30) días, a substitución só será posible logo de autorización expresa da Secretaría Xeral da Igualdade por solicitude fundamentada da entidade contratante.

3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos nesta resolución e deberá ser notificada á Secretaría Xeral da Igualdade nun prazo máximo de quince (15) días desde a correspondente contratación, indicando a causa da baixa. Na notificación, a entidade beneficiaria deberá achegar os seguintes documentos:

a) Parte de baixa na Seguridade Social da traballadora substituída.

b) Parte de alta na Seguridade Social e do contrato de traballo da traballadora substituta.

c) Documento de información da subvención á traballadora, debidamente asinado, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

4. Tanto no caso de extinción como de substitución por suspensión do contrato, a selección da persoa substituta deberá levarse a cabo de acordo co disposto nos artigos 6 e 9 desta resolución.

5. De non se producir a substitución ou cando, mesmo producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo for inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, procederase á redución ou reintegro da subvención concedida polo importe correspondente. En ningún caso se poderá producir un incremento da subvención concedida e a entidade beneficiaria deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións comporten, de ser o caso.

Artigo 12. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 13. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá utilizarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicionada destas bases reguladoras.

3. Será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información.

Artigo 14. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación:

1. Acreditación da persoa que asina a solicitude, en nome e representación da entidade, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta onde se determine a dita representación.

2. Anexo II: certificado da persoa representante da entidade sen ánimo de lucro no cal consten os seguintes aspectos:

a) A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

b) A disposición de orzamento para financiar a acción obxecto da subvención solicitada, na parte non subvencionable, de ser o caso.

c) As retribucións salariais brutas totais das traballadoras que se van contratar, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas da Seguridade Social por conta da entidade, por todos os conceptos que cómpre aboar á/ás traballadora/s que se van contratar, segundo convenio colectivo ou normativa laboral aplicable.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Tributaria de Galicia.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tibutarias á AEAT.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no formulario correspondente, e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada en realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Publicación na BDNS

En cumprimento do previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18. Instrución

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas.

3. De conformidade co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na resolución de convocatoria, a Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero requirirá a interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fixer, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

5. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.

Artigo 19. Resolución

1. A resolución dos expedientes das subvencións reguladas nesta resolución correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que, logo da fiscalización da proposta do órgano instrutor pola Intervención delegada, resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada.

2. O prazo de resolución e notificación será de tres (3) meses, contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Na resolución de outorgamento da subvención constará a información sobre o cofinanciamento polo programa FSE+ Galicia 2021-2027 e a correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurarán a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución e, se procede, o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

Cando proceda, tamén se informará a entidade beneficiaria de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista de operacións que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

4. A resolución pola que se conceda a subvención indicará as contratacións subvencionables e determinará a súa duración, así como a contía da subvención que se vai outorgar, que deberán ser xustificadas na forma sinalada no artigo 23 desta resolución.

5. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar, no prazo de dez (10) días, a súa aceptación, e comprometerse a executar a actuación subvencionada no prazo e nas condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada, segundo o disposto no artigo 21.5, parágrafo 2º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

7. Será causa de denegación da concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado para estes efectos na partida orzamentaria fixada no artigo 2 desta resolución.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Réxime de recursos

1. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición, perante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro desta resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición, ante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 22. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos en que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa de aplicación.

Artigo 23. Xustificación e pagamento

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A xustificación realizarase a través da modalidade de custos simplificados, segundo o previsto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, e, concretamente, conforme os artigos 53.1.b) e 53.3.a) i) do dito regulamento.

3. A contía da subvención concedida aboaráselles ás entidades beneficiarias nun pagamento único polo importe que lles corresponda, logo de presentar a documentación xustificativa que se relaciona no número 5 deste artigo, unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida.

4. O prazo para a presentación da documentación xustificativa remata o 15 de outubro de 2023.

5. Documentación xustificativa:

1) Xunto coa solicitude de pagamento (anexo III) deberase achegar:

a) Anexo IV: declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas, para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións.

b) Contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego.

c) Partes de alta na Seguridade Social, xunto co informe de datos de cotización (IDC).

d) Documentos de información da subvención ás traballadoras, debidamente asinados, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

6. Non se poderá realizar, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas (tributarias, estatais e autonómicas) e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

7. Transcorrido o prazo establecido sen ter presentado a documentación xustificativa, o órgano instrutor requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días a presente. Así mesmo, cando o órgano competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas establecios na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación; en particular, as seguintes:

1. Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento.

2. Realizar a actuación que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo ante o órgano concedente, dentro do período e dos prazos establecidos, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nesta resolución e na de concesión.

3. Manter a duración temporal de cada contratación establecida na resolución de concesión.

4. Aboarlles ás persoas contratadas, con carácter mensual e mediante transferencia bancaria, os salarios que lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación segundo o convenio colectivo de aplicación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais de Seguridade Social totais, de ser o caso.

5. Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que poida efectuar a Secretaría Xeral da Igualdade; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

6. Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.

7. Comunicarlle á Secretaría Xeral da Igualdade, nun prazo de cinco (5) días, aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

8. Comunicarlle á Secretaría Xeral da Igualdade a obtención doutras subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

9. Reintegrar, total ou parcialmente, a subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos nesta resolución e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. Utilizar os documentos de información da subvención ás traballadoras no modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

11. Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

12. Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, en virtude da mostra seleccionada estatisticamente e/ou segundo criterios baseados no risco, poida realizar o persoal técnico da Secretaría Xeral da Igualdade.

13. Facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) núm. 2021/1057, do 24 de xuño, relativo ao Fondo Social Europeo Plus (FSE+), polo que deberán realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos ditos requisitos.

Os indicadores de realización relativos ás persoas participantes refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación da participante coa actuación subvencionada, mentres que os indicadores de resultado inmediato se deberán referir ao período comprendido entre o día posterior ao da finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación da participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento.

Para estes efectos, facilitaráselles ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación informática de rexistro e almacenamento dos datos de indicadores que poña á súa disposición o organismo intermedio do programa FSE+ Galicia 2021-2027 e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos do perfil cos indicadores de realización e de resultados das persoas participantes, na aplicación informática creada para tales efectos. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán custodiar a ficha individualizada de seguimento e os cuestionarios de indicadores de realización e de resultados de cada unha das persoas participantes, asinada pola participante, segundo o modelo dispoñible na aplicación informática creada para a recollida de tales indicadores.

14. Cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do dito regulamento, nos espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación, nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispoñer delas, en que se mencionen os obxectivos e resultados e se destaque a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

15. Para os efectos de realizar un seguimento adecuado da execución dos proxectos por parte da Secretaría Xeral da Igualdade, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento do disposto no artigo seguinte.

Artigo 25. Seguimento

1. Sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nesta norma, co fin de efectuar un seguimento adecuado das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución, as entidades beneficiarias deberán remitirlle á Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes desde a finalización da última mensualidade subvencionada, a seguinte documentación:

a) Memoria final, asinada pola persoa responsable competente da entidade, que recolla o perfil das traballadoras contratadas ao abeiro desta subvención, así como as actividades desenvolvidas e a perspectiva de inserción laboral, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

b) Certificado de fin de actuación asinado pola persoa responsable competente da entidade, segundo o modelo que consta na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

c) Informe de vida laboral do/dos código/s de cotización da entidades en que estea/n incluída/s a/as muller/es contratada/s no período subvencionable.

Artigo 26. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas e condicións contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deberá reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Procederá o reintegro total da subvención percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas ou subvencións que financien as actuacións subvencionadas.

b) Procederá o reintegro do 2 % do importe da axuda concedida, no caso de incumprimento das obrigas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no artigo 24.

c) Procederá o reintegro do 10 % da subvención percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade.

d) Procederá o reintegro do 100 % da subvención percibida, no caso de incumprimento da obriga de presentación da documentación exixida no artigo 23 e, así mesmo, procederá o reintegro proporcional, no caso de que a documentación presentada ao abeiro do dito artigo non xustifique a totalidade da subvención percibida.

e) Procederá o reintegro do 100 % da subvención percibida, no caso de incumprimento da obriga de presentación da documentación exixida no artigo 25 e, así mesmo, procederá o reintegro proporcional, no caso de que a documentación presentada ao abeiro do dito artigo non xustifique a totalidade da subvención percibida.

3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. As obrigas de reintegro establecidas neste artigo enténdense sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

5. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia, que lles será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da axuda. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe, o número do expediente e a denominación da axuda concedida.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

Artigo 28. Publicación dos actos

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas as subvencións concedidas, con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputen, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 29. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI461B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de igualdade das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/portada, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, https://igualdade.xunta.gal, nos teléfonos 981 95 72 68 e 981 54 53 61 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal

Artigo 30. Loita contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo: https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx. Mentres non se habilite outra canle específica para o programa FSE+ Galicia 2021-2027, os ditos feitos poderán poñerse en coñecemento a través do seguinte enderezo: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 31. Remisión normativa

En todo o non previsto nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e demais normativa de aplicación.

Así mesmo, por tratarse de axudas cofinanciadas polo FSE+, observarase o disposto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados; no Regulamento (UE) núm. 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) núm. 1296/2013, e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021-2027.

Disposición adicional única. Esgotamento de crédito

Unha vez esgotado o crédito, o órgano xestor deberá publicar o esgotamento da partida orzamentaria e a inadmisión de posteriores solicitudes.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

A Secretaría Xeral da Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file