Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 3 de xullo de 2023 Páx. 41141

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2023 pola que se convocan para o ano 2023 as axudas para a adquisición de vivenda nos centros históricos (código de procedemento VI400A).

O 15 de marzo de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda nos centros históricos e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

Co fin de dar continuidade a este programa de axudas, que persegue favorecer o asentamento de nova poboación nos conxuntos históricos para contribuír á súa dinamización social, económica e patrimonial, mediante esta resolución o Instituto Galego da Vivenda e Solo convoca as axudas para a adquisición de vivenda nos centros históricos para o ano 2023. Esta resolución suxéitase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2023 as subvencións para a adquisición de vivenda nos centros históricos, que se tramitarán co código de procedemento VI400A.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na Resolución do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda nos centros históricos e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 50, do 15 de marzo.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.780.2, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, por un importe total de 500.000 euros, e financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Cuarto. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal en España.

b) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 6,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).

c) Ter subscrito con posterioridade ao 15 de novembro de 2022 un contrato privado ou, se é o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que reúna os seguintes requisitos:

– Que estea situada no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018, pola que se determinan os centros históricos, para os efectos das deducións previstas nos números 14 do artigo 5, 6 e 7 do artigo 13.ter do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo (DOG núm. 51, do 13 de marzo de 2018).

– Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse as vivendas novas, as usadas e as que vaian ser obxecto de rehabilitación.

– Que o prezo de adquisición da vivenda, no caso de que estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, non supere o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado nos municipios de prezo máximo superior, computando unha superficie útil de 120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 %, no suposto de dispoñer de garaxe, e nun 2 %, no suposto de dispoñer de rocho.

No caso de que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos non sinalados no parágrafo anterior, o prezo de adquisición non poderá superar o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado situadas na zona I do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia, computando unha superficie útil de 120 m2, e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 %, no suposto de dispoñer de garaxe, e nun 2 %, no suposto de dispoñer de rocho.

d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á data da presentación da citada solicitude, salvo que a vivenda vaia ser obxecto de rehabilitación. Neste caso deberán empadroarse nela no momento da finalización das citadas obras.

e) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por transmisión mortis causa. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou que a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.

2. Tamén poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas persoas que presentasen unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda en centros históricos ao abeiro da Resolución do 12 de xaneiro de 2022 e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na convocatoria. Neste caso, deberán cumprir todos os requisitos sinalados neste ordinal, excepto o referido á data de adquisición da vivenda.

3. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha delas deberá cumprir os requisitos sinalados no parágrafo anterior para poder ser beneficiaria da axuda.

Quinto. Contía das axudas

1. A contía da axuda para a adquisición de vivenda será de ata 12.800 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 35 anos, e de 10.800 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas maiores de 35 anos.

En todo caso, no suposto de vivendas situadas nun ámbito declarado área Rexurbe, a contía da axuda será de 15.000 euros por vivenda.

As axudas terán o límite do 20 % do prezo de compra da vivenda, o cal non incluirá os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, o importe da axuda que pode recibir cada unha delas determinarase aplicando á contía da axuda que lle correspondería no suposto de ter adquirido o 100 % da vivenda a súa porcentaxe de cota adquirida.

Sexto. Datos fiscais e valor do IPREM para a concesión das axudas

Os datos fiscais que se terán en conta nesta convocatoria para a concesión das axudas corresponderán ao exercicio económico 2021. Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do IPREM de 2022.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 2 de outubro de 2023 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Oitavo. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto. Deberá dirixirse ao IGVS. Nos supostos de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha delas deberá presentar a súa correspondente solicitude.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Tamén poderán presentarse presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia solicitou ou obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, para a mesma finalidade.

c) Compromiso de que a vivenda vai constituír a súa residencia habitual e permanente por un prazo de, polo menos, cinco anos, contados desde a data da formalización da escritura pública de compravenda ou desde a data de finalización das obras de rehabilitación, de ser o caso.

d) Declaración responsable de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

e) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están incursas nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

f) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia é propietaria e/ou usufrutuaria dunha vivenda situada en territorio español, agás os supostos exceptuados no ordinal cuarto 1.g).

g) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

Noveno. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Anexo II, de declaración responsable de composición da unidade de convivencia da persoa solicitante e comprobación de datos.

c) Anexo III, de declaración responsable da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, no caso de non estar obrigadas a presentar a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, xunto coa seguinte documentación:

– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio.

– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (en diante, INSS).

– Certificados bancarios de rendementos do capital mobiliario.

d) No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español e non poidan dispoñer dela:

– Convenio regulador de separación ou divorcio ou sentenza que acredite a dita circunstancia, de ser o caso.

– Documentación que acredite que a persoa solicitante e a súa unidade de convivencia non poden habitar a vivenda por calquera outra causa allea á súa vontade, de ser o caso.

– Informe técnico que xustifique a inaccesibilidade da vivenda por razón da discapacidade da persoa titular e/ou dalgún membro da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

e) No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias da parte alícuota dunha vivenda en territorio español, documentación acreditativa de que foi obtida por transmisión mortis causa.

f) Contrato privado de adquisición da vivenda, no caso de non dispoñer da correspondente escritura pública.

g) Escritura pública de adquisición da vivenda, no caso de que fose formalizada con posterioridade ao 15 de novembro de 2022 e con anterioridade á data da presentación da correspondente solicitude.

h) Informe técnico acreditativo de que a vivenda adquirida non é susceptible de ser habitada sen acometer as pertinentes obras de rehabilitación, de ser o caso.

i) Certificado de empadroamento colectivo das persoas empadroadas na vivenda adquirida, no caso de que a escritura pública de adquisición da vivenda se formalizase con anterioridade á data de presentación da correspondente solicitude, salvo que a vivenda se adquirise para rehabilitar.

j) Certificado emitido polo concello correspondente de que a vivenda está situada no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018, nos termos indicados no ordinal segundo f) da Resolución do 25 de febreiro de 2021.

k) Certificado emitido polo concello correspondente de que a vivenda está situada nun ámbito declarado área de rexeneración urbana de interese autonómico (en diante, área Rexurbe), de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

3. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente da persoa interesada a súa achega.

Décimo. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo primeiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

b) Número de identificación fiscal da entidade representante, de ser o caso.

c) Certificado da renda expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT) da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

d) Certificado do nivel de renda expedido pola AEAT da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

e) Certificacións da AEAT, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a unidade de convivencia.

f) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda, onde conste que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia teñen en propiedade e/ou en usufruto outra vivenda en territorio español.

g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado, da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

h) Consulta de concesións de subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado, da persoa solicitante.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do INSS, da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

b) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia da consellería competente en materia de política social, da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

c) Certificado dos importes das prestacións de desemprego percibidos nun período pola persoa solicitante, así como polas persoas que integran a súa unidade de convivencia.

d) Permiso de residencia legal da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia, cando sexan estranxeiras.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo segundo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo terceiro. Órganos competentes para instruír e resolver os procedementos

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Décimo cuarto. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación da presente resolución de convocatoria.

2. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

3. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

4. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido para cada convocatoria, resolverá o que en dereito proceda.

Décimo quinto. Resolución e recursos

1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da axuda solicitada.

2. A resolución estimatoria recollerá a obriga da/das persoa/s beneficiaria/s de achegar, no prazo que se determine na resolución de convocatoria, a escritura pública de compravenda que acredite a adquisición, no suposto de non tela achegado con anterioridade.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do procedemento será de dous meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique a resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo sexto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, realizarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sétimo. Prazo para a xustificación das axudas

As persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa das subvencións concedidas antes do 30 de novembro de 2023, nos termos establecidos no ordinal décimo noveno da Resolución do 25 de febreiro de 2021.

Décimo oitavo. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo noveno. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Vixésimo. Datos de carácter persoal

De acordo co establecido no artigo 14.1.ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Vixésimo primeiro. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo segundo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file