Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 3 de xullo de 2023 Páx. 40991

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 22 de xuño de 2023 pola que se establecen medidas para a validación ou a exención de materias da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato e materias das ensinanzas profesionais de música e de danza ou a condición de deportista de alto nivel ou de alto rendemento.

A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, definiu unha nova ordenación do sistema educativo, que implicou a desaparición ou a modificación de materias existentes que viñan sendo obxecto de validación, así como a introdución doutras novas materias que se consideran susceptibles de ser validadas.

O artigo 47 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, sinala que as administracións educativas facilitarán a posibilidade de cursar simultaneamente as ensinanzas artísticas profesionais e a educación secundaria, e que para tal fin se poderán adoptar as oportunas medidas de organización e de ordenación académica, que incluirán, entre outras, as validacións e a creación de centros integrados.

O Real decreto 242/2009, do 27 de febreiro, polo que se establecen validacións entre as ensinanzas profesionais de música e de danza e a educación secundaria obrigatoria e o bacharelato, así como os efectos que sobre a materia de Educación Física debe ter a condición de deportista de alto nivel ou alto rendemento e as ensinanzas profesionais de danza, dispuxo as validacións entre as ensinanzas profesionais de música e de danza e a educación secundaria obrigatoria e o bacharelato.

O Real decreto 14/2023, do 17 de xaneiro, polo que se modifica o Real decreto 242/2009, do 27 de febreiro, adaptou as disposicións que regulaban as validacións das materias de bacharelato coas ensinanzas profesionais de música e de danza á nova ordenación derivada da implantación da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.

O Real decreto 971/2007, do 13 de xullo, sobre deportistas de alto nivel e alto rendemento, recolleu no seu artigo 9 a posibilidade de exención da materia de Educación Física para aquelas persoas que acrediten a consideración de deportista de alto nivel ou de alto rendemento. Do mesmo xeito, cómpre considerar esta posible exención para o alumnado que cursa ensinanzas profesionais de danza, xa que dedica unha parte importante da súa xornada ao exercicio físico.

O Decreto 203/2007, do 27 de setembro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de música, e o Decreto 204/2007, do 11 de outubro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de danza, dispoñen que a consellería con competencias en materia de educación regulará as medidas necesarias para que o alumnado poida cursar simultaneamente as ensinanzas profesionais de danza ou de música e a educación secundaria obrigatoria ou o bacharelato.

A disposición adicional sexta do Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, e a disposición adicional quinta do Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, recollen que a consellería con competencias en materia de educación facilitará a posibilidade de cursar simultaneamente as ensinanzas artísticas profesionais e a educación secundaria obrigatoria e que, con ese fin, poderá adoptar as oportunas medidas de organización e de ordenación académica que inclúan, entre outras, as validacións entre materias.

Esta orde regula e actualiza ao novo marco normativo educativo os aspectos referentes ás validacións entre as ensinanzas profesionais de música e de danza e determinadas materias da educación secundaria obrigatoria ou do bacharelato. Regula tamén aspectos referentes á exención da materia de Educación Física para o alumnado que curse a educación secundaria obrigatoria ou o bacharelato e que acredite ter a condición de deportista de alto nivel ou de alto rendemento, ou realice estudos das ensinanzas profesionais de danza.

Así mesmo, regúlanse os aspectos referentes a determinadas medidas de ordenación académica e de coordinación entre as ensinanzas de música e de danza e a educación secundaria obrigatoria e o bacharelato.

A orde respecta os principios de boa regulación establecidos nos artigos 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, que dispón que en todas as iniciativas normativas se xustificará a adecuación aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia.

No que se refire aos principios de necesidade e eficacia, trátase dunha norma necesaria para adaptar e actualizar o marco normativo autonómico ás modificacións realizadas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, e no Real decreto 14/2023, do 17 de xaneiro. De acordo co principio de proporcionalidade, contén a regulación imprescindible para cumprir co seu obxecto ao non existir ningunha alternativa reguladora menos restritiva de dereitos. Conforme o principio de seguridade xurídica resulta coherente co ordenamento xurídico actual. Cumpre cos principios de transparencia e accesibilidade, que se garantiron a través da exposición do proxecto no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 41.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así mesmo, respéctanse os principios de eficiencia e simplicidade ao permitir unha xestión máis eficiente dos recursos públicos ao concretar as validacións e exencións das materias, así como ao establecer o procedemento e os prazos de solicitude.

En consecuencia, como conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e en virtude das atribucións conferidas pola normativa anteriormente citada,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer medidas para a validación de materias entre as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ou de bacharelato e as ensinanzas profesionais de música ou de danza, e medidas para a exención da materia de Educación Física da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato para o alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de danza e para o alumnado que teña adquirida a condición de deportista de alto nivel ou de alto rendemento.

2. Así mesmo, regula medidas de ordenación académica e de coordinación entre as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ou de bacharelato e as ensinanzas profesionais de música ou de danza.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Esta orde será de aplicación nos centros que impartan as ensinanzas profesionais de música, as ensinanzas profesionais de danza, a educación secundaria obrigatoria ou o bacharelato.

2. Esta orde será de aplicación para o alumnado que reúna algunha das dúas condicións seguintes:

a) Que curse ou cursase a educación secundaria obrigatoria ou o bacharelato, e curse ou cursase as ensinanzas profesionais de música ou de danza.

b) Que curse as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ou de bacharelato, e acredite a súa condición de deportista de alto nivel ou de alto rendemento, ou de alumna ou alumno das ensinanzas profesionais de danza.

CAPÍTULO II

Validacións

Artigo 3. Validacións de materias entre a educación secundaria obrigatoria e as ensinanzas profesionais de música ou de danza

1. De conformidade co artigo 2 do Real decreto 242/2009, do 27 de febreiro, establécense as seguintes validacións:

a) As validacións entre as materias da educación secundaria obrigatoria e as materias das ensinanzas profesionais de música son as que se establecen no anexo I.

b) As validacións entre as materias da educación secundaria obrigatoria e as materias das ensinanzas profesionais de danza son as que se establecen no anexo II.

2. De conformidade coa disposición adicional segunda do Real decreto 242/2009, do 27 de febreiro, as validacións entre as materias optativas do 3º e o 4º curso da educación secundaria obrigatoria e as materias das ensinanzas profesionais de música ou de danza son as que se establecen no anexo III.

Artigo 4. Validacións de materias entre o bacharelato e as ensinanzas profesionais de música ou de danza

1. De acordo co artigo 3 do Real decreto 242/2009, do 27 de febreiro, establécense as seguintes validacións:

a) As validacións entre materias de bacharelato e materias das ensinanzas profesionais de música son as que se especifican no anexo IV.

b) As validacións entre materias do bacharelato e materias das ensinanzas profesionais de danza son as que se especifican no anexo V.

c) As validacións entre materias das ensinanzas profesionais de música e materias de bacharelato son as que se especifican no anexo VI.

d) As validacións entre materias das ensinanzas profesionais de danza e materias de bacharelato son as que se especifican no anexo VII.

2. De conformidade coa disposición adicional segunda do Real decreto 242/2009, do 27 de febreiro, as validacións entre materias optativas do bacharelato e materias das ensinanzas profesionais de música ou de danza son as que se especifican no anexo VIII.

Artigo 5. Procedemento para as validacións das materias

1. A alumna ou o alumno, ou a nai, o pai ou a persoa titora legal, no caso de menores de idade, poderá solicitar a validación das materias establecidas nos anexos I, II, III, IV, V, VI, VII ou VIII ante a dirección do centro en que curse os estudos correspondentes.

2. A solicitude de validación poderá realizarse con independencia de que o centro docente imparta a materia. Para isto, solicitará a matrícula da materia obxecto de validación só para os efectos administrativos.

3. Con carácter xeral, o prazo para presentar a solicitude de validación será durante o período de matrícula no curso académico e durante o mes de setembro.

4. Coa solicitude de validación achegarase o certificado académico que acredite a superación da materia requirida para a validación.

No caso de que a alumna ou o alumno curse simultaneamente a materia correspondente para a validación no curso actual, achegará a documentación que o xustifique e poderá presentar o certificado académico que acredite a súa superación ata a data en que se leve a cabo a derradeira sesión de avaliación das ensinanzas que inclúan a materia pendente de validar. Neste caso, durante o curso escolar, a materia figurará como pendente de validación.

Cando o alumnado non achegue o dito certificado académico, consignarase nesa materia como «Non presentado» (NP) na derradeira acta de avaliación.

5. A persoa que exerza a dirección do centro resolverá a solicitude e, se é o caso, deixarase constancia da validación no expediente académico da alumna ou do alumno mediante unha dilixencia, que se axustará no seu contido ao modelo que se establece no anexo IX. Estas materias consignaranse nos documentos de avaliación co termo «Validada» (CV).

6. As materias obxecto de validación consideraranse como materias superadas para os efectos do número de materias requiridas para a obtención do título, de ser o caso.

Estas materias non terán cualificación numérica, e non computarán para os efectos do cálculo da nota media.

7. Cada materia só poderá ser utilizada unha única vez para as validacións establecidas nesta orde.

A materia de Música que se imparte nos cursos 2º e 3º da educación secundaria obrigatoria considérase unha única materia para os efectos das validacións recollidas no anexo I e no anexo II. Neste caso, o alumnado deberá presentar a solicitude de validación en cada un dos cursos.

Artigo 6. Renuncia á solicitude de validación

A alumna ou o alumno que curse simultaneamente as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ou de bacharelato e as ensinanzas profesionais de música ou de danza, ou a súa nai, o seu pai ou a persoa titora legal, no caso de menores de idade, poderá renunciar á solicitude de validación, con carácter xeral, antes da sesión da primeira avaliación parcial. Neste caso, o alumnado deberá cursar e ser avaliado da materia que se pretendía validar.

CAPÍTULO III

Exención

Artigo 7. Exención da materia de Educación Física da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato

Poderá solicitar a exención da materia de Educación Física da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato o alumnado que curse estes estudos e simultaneamente acredite ter a condición de deportista de alto nivel ou de alto rendemento, ou realice estudos das ensinanzas profesionais de danza.

Artigo 8. Procedemento para a exención da materia de Educación Física

1. A alumna ou o alumno, ou a nai, o pai ou a persoa titora legal, no caso de menores de idade, poderá solicitar cada curso académico a exención da materia de Educación Física ante a dirección do centro en que curse os estudos correspondentes de educación secundaria obrigatoria ou de bacharelato.

2. Con carácter xeral, o prazo para presentar a solicitude de validación será durante o período de matrícula no curso académico e durante o mes de setembro.

3. Coa solicitude de exención achegarase o documento que acredite estar matriculada ou matriculado ese ano académico nun centro cursando estudos das ensinanzas profesionais de danza ou ter a condición de deportista de alto nivel ou de alto rendemento. Para a anotación definitiva da exención en todos os documentos de avaliación, deberase presentar un certificado de ter mantido a matrícula ou a condición ata a data da avaliación final no caso de educación secundaria obrigatoria ou da avaliación final ordinaria no caso do bacharelato.

4. A persoa que exerza a dirección do centro resolverá a solicitude e, se é o caso, deixará constancia da exención no expediente académico da alumna ou do alumno mediante unha dilixencia, que se axustará no seu contido ao modelo que se establece no anexo IX. Estas materias consignaranse nos documentos de avaliación co termo «Exenta/o» (EX).

5. As materias obxecto de exención consideraranse como materias superadas para os efectos do número de materias requiridas para a obtención do título, de ser o caso.

Estas materias non terán cualificación numérica, e non computarán para os efectos do cálculo da nota media.

CAPÍTULO IV

Medidas de ordenación académica

Artigo 9. Axuste da programación didáctica

1. O alumnado matriculado na educación secundaria obrigatoria ou no bacharelato e nas ensinanzas profesionais de música ou de danza poderá ser obxecto de axuste na programación didáctica da materia de Educación Física. Este axuste deberá estar dirixido a potenciar e/ou preservar a parte anatómica relacionada co instrumento e/ou coa práctica da danza que a alumna ou o alumno estea a cursar.

2. A alumna ou o alumno, ou a nai, o pai ou a persoa titora legal, no caso de menores de idade, poderá solicitar ante a dirección do centro en que curse os estudos correspondentes de educación secundaria obrigatoria ou de bacharelato que se lle axuste a programación didáctica na materia de Educación Física.

O prazo para presentar a solicitude comprenderá o período de matrícula no curso académico e o mes de setembro.

Coa solicitude achegarase o documento que acredite estar matriculada ou matriculado nun centro cursando estudos das ensinanzas profesionais de música ou de danza.

3. O departamento didáctico de Educación Física, á vista da solicitude e da documentación presentada, proporá o axuste da programación didáctica que considere máis adecuado. A alumna ou o alumno, e a nai, o pai ou a persoa titora legal, no caso de menores de idade, serán informados do dito axuste.

Artigo 10. Axuste horario

1. Os centros docentes promoverán medidas de axuste no referente aos horarios do alumnado que curse simultaneamente as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ou de bacharelato e as ensinanzas profesionais de música ou de danza, co fin de facilitarlle unha dispoñibilidade horaria que lle permita unha maior dedicación aos estudos de música ou de danza.

Especificamente, cando se trate da organización das materias comúns na modalidade de bacharelato de Artes, na vía de Música e Artes Escénicas, agruparán, na medida do posible, as materias comúns na primeira franxa da mañá, para favorecer ao alumnado a realización das materias específicas de música ou de danza nos correspondentes conservatorios ou centros autorizados.

2. Cando os axustes horarios impliquen a saída por parte da alumna ou do alumno menor de idade do centro en que curse as ensinanzas de réxime xeral, as nais, os pais ou as persoas titoras legais asumirán por escrito a súa total responsabilidade a partir do momento da saída da alumna ou alumno do centro educativo.

3. O centro establecerá os procedementos necesarios para a atención do alumnado que valida materias ou ten concedida a exención da materia de Educación Física durante o período lectivo destas.

Disposición adicional primeira. Validación de materias con relación de continuidade

As materias Análise Musical I, Artes Escénicas I e Coro e Técnica Vocal I validadas segundo as relacións establecidas nos anexos IV ou V consideraranse como materias superadas para os efectos de matricularse nas materias de segundo curso con relación de continuidade establecidas no anexo III do Decreto 157/2022, do 15 de setembro.

Disposición adicional segunda. Validación con carácter excepcional

1. Con carácter excepcional, se a derradeira sesión de avaliación das ensinanzas que inclúan a materia pendente de validar é anterior á derradeira sesión de avaliación das ensinanzas que inclúan a materia requirida para a validación, o alumnado poderá achegar con posterioridade e nese curso académico o certificado que acredite a superación da materia requirida.

2. Se tras a validación da materia procede a modificación da decisión de promoción ou titulación adoptada, o equipo docente reunirase en sesión extraordinaria para revisar a decisión adoptada.

3. A secretaría do centro, co visto e prace da dirección do centro, anotará a oportuna dilixencia na acta e nos documentos de avaliación correspondentes.

Disposición adicional terceira. Superación de probas de acceso

O certificado que acredita a superación da proba de acceso ás ensinanzas profesionais de música ou de danza, que faculta para matricularse nun curso académico determinado, non se considera un documento válido para acreditar a superación de materias de cursos anteriores.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogada a Orde do 7 de xullo de 2010 pola que se establecen medidas de ordenación académica para o alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de música e de danza e as ensinanzas de réxime xeral.

2. Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO I

Validacións entre materias da educación secundaria obrigatoria e materias das ensinanzas profesionais de música

Materia e curso da ESO que se valida

Materia das ensinanzas profesionais de música coa cal se valida

Música de 2º e de 3º curso

1º curso da materia de instrumento principal/voz

Música de 4º curso

2º curso da materia de instrumento principal/voz

ANEXO II

Validacións entre materias da educación secundaria obrigatoria e materias das ensinanzas profesionais de danza

Materia e curso da ESO que se valida

Materia das ensinanzas profesionais de danza coa cal se valida

Música de 2º e de 3º curso

1º curso de Música

Música de 4º curso

2º curso de Música

ANEXO III

Validacións entre materias optativas de 3º e 4º curso da educación secundaria obrigatoria e materias das ensinanzas profesionais de música ou de danza

Materia optativa de 3º e 4º curso da ESO que se valida

Ensinanza

profesional

Materia das ensinanzas profesionais de danza coa cal se valida

Optativa de 3º curso

Música

Proba de acceso a calquera dos cursos de música ou un curso dalgunha das seguintes materias: Conxunto, Coro, Idiomas Aplicados ao Canto, Música de Cámara, Orquestra/Banda, Piano Complementario, Repentización e Acompañamento

Optativa de 4º curso

Música

Proba de acceso a calquera dos cursos de música ou un curso dalgunha das seguintes materias: Conxunto, Coro, Idiomas Aplicados ao Canto, Música de Cámara, Orquestra/Banda, Piano Complementario, Repentización e Acompañamento

Optativa de 3º curso

Danza

Proba de acceso a calquera dos cursos do grao profesional de danza ou un curso dalgunha das seguintes materias: Danza de Carácter, Danza Estilizada, Danza Galega, Improvisación, Música, Repertorio

Optativa de 4º curso

Danza

Proba de acceso a calquera dos cursos do grao profesional de danza ou un curso dalgunha das seguintes materias: Danza de Carácter, Danza Estilizada, Danza Galega, Improvisación, Música, Repertorio

ANEXO IV

Validacións entre materias de bacharelato e materias das ensinanzas profesionais de música

Materia de bacharelato que se valida

Materia das ensinanzas profesionais de música coa cal se valida

Análise Musical I

1º curso de Harmonía

Análise Musical II

2º curso de Harmonía

Coro e Técnica Vocal I

1º curso de Coro

Coro e Técnica Vocal II

2º curso de Coro

Historia da Música e da Danza

2º curso de Historia da Música

Linguaxe e Práctica Musical

2º curso de Linguaxe Musical

ANEXO V

Validacións entre materias de bacharelato e materias das ensinanzas profesionais de danza

Materia de bacharelato que se valida

Materia das ensinanzas profesionais de música coa cal se valida

Artes Escénicas I

1º curso dalgunha das seguintes materias: Danza Clásica, Danza Contemporánea, Danza Estilizada, Escola Bolera, Técnica de Danza Contemporánea

Artes Escénicas II

2º curso dalgunha das seguintes materias: Danza Clásica, Danza Contemporánea, Danza Estilizada, Escola Bolera, Técnica de Danza Contemporánea

Historia da Música e da Danza

2º curso de Historia da Danza

Linguaxe e Práctica Musical

3º curso de Música

ANEXO VI

Validación entre materias das ensinanzas profesionais de música e materias de bacharelato

Materia das ensinanzas profesionais de música que se valida

Materia de bacharelato coa cal se valida

2º curso de Harmonía

Análise Musical II

1º curso de Coro

Coro e Técnica Vocal II

2º curso de Historia da Música

Historia da Música e da Danza

1º curso de Linguaxe Musical

Linguaxe e Práctica Musical

ANEXO VII

Validación entre materias das ensinanzas profesionais de danza e materias de bacharelato

Materia das ensinanzas profesionais de danza que se valida

Materia de bacharelato coa cal se valida

2º curso de Historia da Danza

Historia da Música e da Danza

1º e 2º curso de Música

Linguaxe e Práctica Musical

ANEXO VIII

Validacións entre materias optativas do bacharelato e materias das ensinanzas profesionais de música ou de danza

Materia optativa de bacharelato que se valida

Ensinanza profesional

Materia das ensinanzas profesionais de danza coa cal se valida

Optativa de 1º curso

Música

Un curso da materia de instrumento principal/voz ou a materia Itinerario: Interpretación, Composición, Pedagoxía ou Musicoloxía

Optativa de 2º curso

Música

Un curso da materia de instrumento principal/voz ou a materia Itinerario: Interpretación, Composición, Pedagoxía ou Musicoloxía.

Anatomía Aplicada

Danza

1º e 2º curso de Anatomía Aplicada á Danza

Optativa de 1º curso

Danza

Un curso da materia Acondicionamento Físico

Optativa de 2º curso

Danza

Un curso da materia Acondicionamento Físico ou un curso da materia Anatomía Aplicada á Danza

ANEXO IX

Modelos de dilixencia para facer constar a validación ou a exención de materias

a) Dilixencia para facer constar que, con data do ...., a materia .... foi motivo de validación por ter superada a materia .... das ensinanzas profesionais de música/de danza, segundo o disposto na Orde do .... de .... pola que se establecen medidas para a validación ou a exención de materias da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato e materias das ensinanzas profesionais de música e de danza ou a condición de deportista de alto nivel ou de alto rendemento.

b) Dilixencia para facer constar que, con data do ...., a materia .... foi motivo de exención por .... (indicar a que corresponda: acreditar estudos das ensinanzas profesionais de danza/ser deportista de alto nivel ou rendemento), segundo o disposto na Orde do .... de .... pola que se establecen medidas para a validación ou a exención de materias da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato e materias das ensinanzas profesionais de música e de danza ou a condición de deportista de alto nivel ou de alto rendemento.