Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 4 de xullo de 2023 Páx. 41294

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento SI437A).

O Estatuto de autonomía determina, no seu artigo 4, que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.

No Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, recóllese o compromiso de avanzar na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade, e establécese como un dos criterios xerais de actuación da Xunta de Galicia neste ámbito a colaboración coas asociacións e grupos de mulleres.

Así mesmo, nos sucesivos documentos autonómicos de planificación estratéxica para a igualdade entre mulleres e homes defínese e consolídase como un dos seus principais obxectivos fortalecer o tecido asociativo feminino de cara a propiciar a súa adaptación aos retos actuais e de futuro da participación das mulleres e a súa integración en igualdade de condicións no movemento asociativo xeral, consonte as necesidades de incremento cuantitativo da participación das mulleres en todos os ámbitos sociais e de incremento cualitativo desta presenza en termos de visibilización e de compromiso social coa igualdade. Neste eido, cómpre impulsar a participación das mulleres novas no movemento asociativo para promover a súa implicación activa no reto da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e, pola súa vez, facilitar a continuidade xeracional e un pulo innovador ás súas actuacións.

O 22 de xullo de 2022, a Conferencia Sectorial de Igualdade aprobou o acordo relativo ao establecemento dun marco de actuación conxunta que garanta a prórroga e permanencia das políticas públicas e os servizos que derivan do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do ano 2017, co obxecto de asegurar as condicións básicas que garantan a igualdade de todas as mulleres no exercicio dos seus dereitos fronte á violencia. Este acordo ten como finalidade consolidar o traballo fronte á violencia contra as mulleres no conxunto do Estado, avanzando na institucionalización e na permanencia dos compromisos adquiridos no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Para estes efectos, o acordo ten por obxecto impulsar o deseño de mecanismos de colaboración que garantan a estabilidade orzamentaria e administrativa de maneira que permitan soster os actuais e futuros servizos vinculados ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

O 20 de marzo de 2023 publicouse no Boletín Oficial del Estado a Resolución do 16 de marzo de 2023, da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, pola que se publica o Acordo da Conferencia de Sectorial de Igualdade, do 3 de marzo de 2023, polo que se aproba o plan conxunto plurianual en materia de violencia contra as mulleres (2023-2027). Este acordo inclúe un catálogo de referencia de políticas e servizos en materia de violencia contra as mulleres conforme os estándares internacionais de dereitos humanos. No punto 1 recolle a prevención e sensibilización fronte a todas as formas de violencia contra as mulleres, que se concreta, entre outras, en «accións de sensibilización e toma de conciencia fronte a todas as formas de violencia contra as mulleres, que presten atención ás súas causas, especialmente á relación directa entre desigualdade e violencia e os estereotipos de xénero, e á responsabilidade dos homes para a erradicación destas».

Polo tanto, mantéñense nesta convocatoria as actuacións para reforzar, coordinar e intensificar a promoción da igualdade entre mulleres e homes e a loita contra a violencia de xénero e contra as mulleres, segundo o citado Pacto de Estado contra a violencia de xénero, na sociedade no seu conxunto, en desenvolvemento de varias das medidas recollidas nos eixes 1 e 8 do PEVX: ruptura do silencio, sensibilización e prevención, e visualización e atención a outras formas de violencia contra as mulleres, respectivamente.

De conformidade co previsto no Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras funcións, propor medidas, programas e normas dirixidos á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre mulleres e homes.

Neste marco de actuación, a Secretaría Xeral da Igualdade considera necesario contribuír a impulsar e, ao mesmo tempo, a dinamizar a vida interna das asociacións de mulleres, na procura da potenciación dos valores e finalidades destas entidades, para o cal convoca axudas económicas dirixidas ás asociacións de mulleres e ás súas federacións coa finalidade de promover, fortalecer, consolidar e dinamizar o movemento asociativo feminino como elemento clave do cambio de valores e da transformación necesaria para avanzar na igualdade real e efectiva por razón de xénero, con especial relevancia no ámbito rural, para visibilizar e pór en valor o papel das mulleres na mellora da calidade de vida, do asentamento da poboación e da dinamización do territorio en termos de igualdade e sustentabilidade, e para contribuír á eliminación e prevención da violencia de xénero e prestar apoio e acompañamento ás vítimas.

Nesta actuación establécense dúas liñas de axuda, unha dirixida ao financiamento dos gastos correntes de mantemento e funcionamento das asociacións e federacións de mulleres e outra para o apoio ao desenvolvemento de actuacións ou actividades de sensibilización e concienciación social, información ou formación en materia de igualdade e aqueloutras dirixidas a potenciar e facilitar a mellora da calidade de vida e a participación das mulleres en todos os ámbitos, xunto coa realización de campañas de sensibilización e de prevención e acompañamento das vítimas da violencia de xénero, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade.

Como en anos anteriores, a liña 2 constitúese en desenvolvemento do citado Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que facilita unha actuación conxunta e permite reforzar, coordinar e intensificar a promoción da igualdade entre mulleres e homes e a loita contra a violencia de xénero no ámbito do tecido asociativo de mulleres, especialmente nos ámbitos de mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, pola maior incidencia da violencia contra as mulleres nestes colectivos, á vez que intenta desenvolver varias das medidas recollidas nos eixes 1, 2 e 3 do PEVX: ruptura do silencio, sensibilización e prevención, mellora da resposta institucional: coordinación, traballo en rede e perfeccionamento da asistencia, axuda e protección ás vítimas, respectivamente.

A convocatoria destas axudas axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro); e no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2023, das axudas dirixidas ás asociacións de mulleres e ás federacións constituídas por estas, coa finalidade de fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas a través das seguintes liñas:

a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar os gastos correntes que orixinen o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e das súas federacións.

b) Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

2. Cada asociación ou federación só poderá presentar solicitude de axuda para unha das liñas previstas no número 1 anterior.

Pola súa vez, para os efectos desta convocatoria, é compatible a solicitude de axuda por parte dunha asociación coa pertenza a unha federación que, así mesmo, solicite subvención.

A denominación e o código do procedemento correspondente a estas axudas é o seguinte: SI437A-Axudas económicas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento das axudas previstas nesta convocatoria destínase un crédito por un importe total de trescentos trinta mil euros (330.000 €), coa seguinte desagregación: 180.000 € con cargo á aplicación 11.20.313B.480.0, código de proxecto 2016 00020, e 150.000 € con cargo á aplicación 11.20.313D.480.2, código de proxecto 2018 00112, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, e de acordo coa seguinte distribución:

a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar os gastos correntes que orixinen o mantemento e o funcionamento das asociacións de mulleres e das súas federacións: 180.000 euros.

b) Liña 2: promoción de accións singularizadas en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero: 150.000 euros.

2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. O crédito asignado será obxecto de desconcentración nas xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade segundo os resultados da avaliación das solicitudes, de acordo cos criterios establecidos no artigo 14 desta resolución, realizada pola Comisión de Valoración única prevista no artigo 13.

Artigo 3. Compatibilidade e concorrencia

1. Estas axudas son compatibles con outras subvencións, axudas e ingresos, ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou entidade pública ou privada.

2. O importe da subvención concedida non poderá superar en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, o custo da actuación ou actividade que vaia desenvolver a entidade solicitante, nin o importe total do correspondente concepto de gasto.

No caso de que o conxunto das axudas supere o custo das actividades ou gastos subvencionables, esta axuda reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. No caso de entidades solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas compatibles concedidas para a mesma actuación ou actividade, deberán acreditar a súa natureza e contía. Para o caso de que se trate dun mesmo concepto de gasto vinculado a diversas subvencións, deberán facer constar de forma clara o importe do gasto imputado en cada unha delas.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, sen ánimo de lucro, que cumpran os requisitos, as condicións e as obrigas previstos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións, en particular as seguintes:

a) Ter domicilio social en Galicia.

b) Estar legalmente constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

c) Estar inscritas na Área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS). Este requisito será verificado de oficio pola unidade de Igualdade instrutora do procedemento.

d) Ter presentado a memoria de actividades (relativa a actuacións de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia contra as mulleres) antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes ou, de ser o caso, o de contestación ao requirimento realizado para o efecto, relativa a, como mínimo, un dos últimos anos, desde o ano 2019 ao 2022, no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS). Este requisito será verificado de oficio pola unidade de Igualdade instrutora do procedemento. Este requisito non será exixido para as entidades de recente creación (a partir do 31 de decembro de 2020).

e) Os fins e obxectivos das asociacións e das federacións solicitantes deberán contribuír a promover a igualdade entre homes e mulleres e a potenciar a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social. Estes fins e obxectivos deberán estar recollidos nos estatutos da asociación ou federación ou desprenderse da súa actuación xeral.

f) As mulleres socias deben representar, polo menos, o 90 % da totalidade das persoas asociadas, tanto no caso das asociacións como das federacións.

g) Non atoparse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da entidade interesada.

2. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Accións subvencionables e contía da axuda

1. Liña 1: consolidación do movemento asociativo.

a) Poderán ser obxecto de subvención na liña 1 os gastos correntes derivados do mantemento e funcionamento ordinario da entidade solicitante, xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023, ambos os dous incluídos.

b) A contía máxima da axuda que se pode conceder na liña 1 ao abeiro desta convocatoria é de 4.000 euros.

2. Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, realizadas entre o 1 de decembro de 2022 e o 30 de novembro de 2023, ambos os dous incluídos, e que respondan a algunha das seguintes tipoloxías:

a) Actuacións de sensibilización e concienciación social en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero: actividades de divulgación, sensibilización e visibilización do papel das mulleres (estudos, campañas, obras de teatro, exposicións e outras actividades análogas) dirixidas a promover o cambio de valores e a corresponsabilidade, na sociedade en xeral, coa finalidade de potenciar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, así como para previr e erradicar a violencia de xénero.

b) Actuacións para o apoderamento e participación activa: actividades de información e formativas destinadas a impulsar e promover a motivación, o apoderamento e o liderado das mulleres, así como a participación das mulleres no ámbito público, social, económico e cultural, en postos de responsabilidade públicos e privados, e no movemento asociativo, tendo sempre en conta o traballo de prevención da violencia de xénero e a ruptura do silencio.

c) Actuacións dirixidas a facilitar a adquisición de competencias e habilidades básicas para unha maior autonomía das mulleres: de carácter formativo (cursos ou obradoiros para a adquisición de coñecementos, por exemplo, alfabetización dixital ou do uso de novas tecnoloxías da información e comunicación), tendo sempre en conta o traballo de prevención da violencia de xénero e a ruptura do silencio.

d) Actuacións específicas dirixidas á prevención da violencia contra as mulleres e ao acompañamento das vítimas: actividades e actuacións de difusión, campañas de sensibilización e de prevención e acompañamento das vítimas da violencia de xénero, estudos sobre a incidencia da violencia contra as mulleres, en especial nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade.

2.1. As actuacións da liña 2 deberán incorporar a perspectiva de xénero de xeito transversal e empregar linguaxe inclusiva en todos os materiais das actividades; ademais, recollerán tanto no seu deseño coma no seu desenvolvemento as necesidades específicas das persoas con discapacidade e facilitarán a súa accesibilidade a elas.

2.2. Cada entidade só poderá presentar unha solicitude de axuda na liña 2 de actividades singularizadas que se correspondan cunha das catro tipoloxías descritas no punto 2.

2.3. A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta liña é de 6.000 €.

3. O importe da axuda calcularase aplicando ao gasto subvencionable a porcentaxe que resulte da puntuación obtida segundo os criterios e pautas de valoración establecidos no artigo 14 desta resolución, co límite da contía máxima da axuda ou, de ser inferior, da contía solicitada.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Na liña 1, consolidación do movemento asociativo, terán a consideración de subvencionables os gastos correntes en bens e servizos derivados do mantemento ou funcionamento das asociacións, xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023, que respondan, entre outros, aos seguintes conceptos:

a) Gastos de alugamento do local destinado a sede social da asociación ou federación.

b) Gastos de administración xeral e material funxible de oficina, material informático non inventariable, gastos de correo e outros análogos.

c) Gastos de persoal administrativo contratado pola asociación ou federación (retribucións salariais, incluídas as pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade beneficiaria).

d) Gastos ocasionados por obras de conservación e mantemento e pequenas reparacións que non teñan o carácter de inventariables, por non implicar incremento do valor patrimonial da sede social.

e) Asesoramento xurídico, fiscal e contable da asociación ou federación.

f) Gastos derivados do mantemento do local da sede social: luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade.

g) Gastos de seguros de responsabilidade civil e de seguros multirrisco.

h) Gastos de instalación e mantemento de liñas de acceso á internet, mantemento de equipamentos informáticos e creación ou mantemento da páxina web da asociación ou federación.

2. Na liña 2, promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, terán a consideración de gastos subvencionables os derivados da realización das actuacións e actividades previstas no artigo 5.2, xerados no período comprendido entre o 1 de decembro de 2022 e o 30 de novembro de 2023, que respondan aos seguintes conceptos:

a) Gastos de persoal necesario para a execución das actuacións e actividades: serán subvencionables os gastos do persoal contratado especificamente para o desenvolvemento das actuacións e actividades para as cales se solicita axuda, tendo en conta a retribución salarial aplicable pola xornada de traballo realizada para os correspondentes grupos ou categorías profesionais segundo os respectivos convenios colectivos.

Cando a entidade proceda á contratación directa do persoal que vaia desenvolver a actuación ou actividade, a xustificación do gasto farase a través da nómina, dos documentos xustificativos do seu pagamento e do ingreso dos seguros sociais e da retención do IRPF.

Cando contrate empresas ou persoas autónomas para o desenvolvemento da actuación ou actividade, a xustificación do gasto farase mediante a factura, o documento xustificativo do seu pagamento e, se é o caso, o ingreso do IRPF.

b) Gastos das persoas relatoras: honorarios, aloxamento, transporte.

c) Gastos derivados da realización da actuación ou actividade subvencionada: elaboración ou adquisición de materiais e publicacións específicas para o desenvolvemento da actividade; gastos de publicidade e difusión da actuación, así como o material de oficina necesario para a súa realización.

d) Outros gastos correntes directamente derivados da realización da actuación e actividade subvencionada que estean perfectamente xustificados e se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento (servizo de atención a menores e outros ou gastos derivados da realización das actividades en liña ou telemáticas).

En ningún caso serán subvencionables gastos de protocolo ou representación (comidas) e gastos de agasallos.

3. Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.

4. Para os efectos da consideración dos gastos como subvencionables e para a súa xustificación, deberán axustarse ao seguinte:

a) Reunir os seguintes requisitos: ser un gasto directo da acción, adecuado aos obxectivos, do cal exista constancia documental sobre a súa realización de xeito verificable, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa (exemplo: nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social), estar efectivamente realizado no período establecido e pagado, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da subvención.

Así mesmo, admitirase a acreditación de gastos realizados mediante factura simplificada (antes denominado tícket), como documento substitutivo das facturas, sempre que se cumpra o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

b) Cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicte o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación, e as entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario. En todo caso, a dita presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

c) De acordo co establecido no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola entidade beneficiaria da axuda. Nestes documentos deben quedar claramente identificadas a persoa receptora e a emisora do pagamento, e será conveniente que no concepto se faga constar o número da factura.

No caso de pagamento mediante cheque terá que ser, en todo caso, nominativo e vir acompañado da xustificación bancaria acreditativa do cargo na conta que figure nel.

5. No caso de que o orzamento presentado pola entidade solicitante inclúa gastos considerados como non subvencionables por non responderen ao previsto neste artigo, estes non serán computados para determinar o orzamento de gastos que hai que ter en conta para a determinación do importe da subvención.

6. Está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables ata o 80 %. Non obstante o anterior, non se considerarán gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para realizar por si mesma a actuación ou actividade subvencionada, tales como alugueiro de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministración relacionados con eles, sempre que non sexan achegados pola mesma persoa física ou xurídica.

7. De acordo co artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria en ningún caso poderá concertar a execución total ou parcial da/das actividade/s subvencionada/s con ningunha das persoas ou entidades mencionadas nese artigo, entre as cales se inclúen as persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria da subvención, salvo que concorran as seguintes circunstancias: 1ª) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado. 2ª) Que se obteña a autorización previa do órgano concedente.

Para determinar a dita vinculación terase en conta o artigo 43.2.c) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Prazo, forma e lugar de presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes de axuda dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, á Xefatura Territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade competente en función da provincia na cal a asociación teña establecida a súa sede social.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II: certificación expedida pola secretaría da entidade, acreditativa da representación que ten a persoa que asina a solicitude, así como do seguinte:

– No caso de asociacións, deberá facerse constar o número de persoas asociadas, con indicación da porcentaxe de socias e, se é o caso, de socios. Así mesmo, expresarase o número de socias menores de 40 anos e o número de socias con discapacidade que se incorporasen á entidade asociativa nos dous últimos anos (desde o 1 de xaneiro de 2021).

– No caso de federacións, deberá facerse constar a relación nominal de asociacións que a compoñen, así como o número de persoas asociadas en cada unha das ditas asociacións, con indicación da porcentaxe de socias e de socios.

b) Anexo III: memoria explicativa da entidade.

c) Anexo IV: orzamento desagregado dos gastos subvencionables.

d) Anexo V, só para o caso da liña 2: memoria descritiva das actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade para as cales se solicita axuda.

e) Estatutos vixentes da entidade.

f) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude ou para maior detalle da descrición da actuación subvencionable mediante a presentación dunha memoria complementaria, para os efectos de ampliar a información requirida nos anexos III, IV e V, e cuxa extensión non poderá exceder os dez folios.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderase solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa que actúa en representación da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 12. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

2. A notificación dos requirimentos practicarase só por medios electrónicos, de acordo co sinalado no artigo 15.4 desta resolución e nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Instrución dos procedementos e Comisión de Valoración

1. A instrución dos procedementos corresponde ás unidades de Igualdade das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á Comisión de Valoración.

2. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establécese unha única Comisión de Valoración, que será única para todas as solicitudes que se presenten ao abeiro desta convocatoria. Estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade; contará con 6 vogais: a persoa titular da xefatura do Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación, a persoa titular da xefatura do Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade e unha persoa traballadora de cada unha das unidades de Igualdade designada pola/o respectivo/a xefa/xefe territorial. Se por calquera causa algunha das persoas non puidese asistir á reunión, será substituída pola persoa funcionaria que designe o órgano competente para o outorgamento da axuda. Nos outros casos, será substituída pola persoa funcionaria que designe a Presidencia da Comisión.

A Secretaría da Comisión exerceraa unha das persoas vogais dos servizos centrais da Secretaría Xeral da Igualdade. Procurarase a presenza equilibrada entre mulleres e homes na composición desta comisión.

3. A Comisión de Valoración poderá requirir ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 14, a Comisión de Valoración emitirá un informe segundo o cal o correspondente órgano instrutor elevará unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, propoñendo a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, o correspondente órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes avaliadas pola Comisión e que, reunindo todos os requisitos e condicións, non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación obtida.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. A Comisión valorará as solicitudes consonte os seguintes criterios:

1.1. Criterios comúns ás dúas liñas:

a) Polo número de mulleres asociadas cando se trate de asociacións ou, no caso de federacións, polo número de entidades que a compoñen, ata un máximo de 20 puntos, de acordo co seguinte:

– No caso de asociacións: 0,20 puntos por cada socia ata un máximo de 20 puntos.

– No caso de federacións, polo número de asociacións integradas na federación: 2 puntos por cada asociación, ata un máximo de 20 puntos.

b) Achega de fondos propios para o mantemento e/ou funcionamento da entidade e/ou para o desenvolvemento das actividades da liña 2: ata un máximo de 12 puntos segundo a seguinte desagregación:

– Desde o 10 % ata o 25 % do orzamento total: 3 puntos.

– Máis do 25 % e ata o 50 % do orzamento total: 6 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 75 % do orzamento total: 9 puntos.

– Máis do 75 % do orzamento total: 12 puntos.

c) Polo compromiso de colaboración da entidade coas actuacións da Secretaría Xeral da Igualdade: 3 puntos.

d) Polo compromiso de coordinación da entidade no territorio: 3 puntos. Valorarase o compromiso da entidade asociativa de mulleres co Centro de Información á Muller que lle corresponde polo concello en que realice as actuacións, ou de coordinación coas/cos axentes de igualdade, ou coa concellaría de igualdade ou departamento do ámbito local que teña a competencia no ámbito de igualdade.

e) Participación da entidade como votante e/ou como candidata no proceso de renovación de vogalías do Consello Galego das Mulleres, convocado pola Orde do 19 de setembro de 2018, publicada no DOG núm. 189, do 3 de outubro: 2 puntos; no caso de federación de asociacións de mulleres, confederación ou agrupación de asociacións que presentasen a súa candidatura, valorarase cada unha das asociacións que a compoñan e, así mesmo, cando concorresen as asociacións que formen parte dunha federación, valorarase así mesmo a federación.

f) Polo alcance da xustificación da axuda concedida ao abeiro da convocatoria de axudas ás asociacións de mulleres do ano 2022 (DOG núm. 89, do 9 de maio), valorarase ata 10 puntos, de acordo coa seguinte modulación: se a xustificación acadou unha porcentaxe de entre o 80 % e o 85 %: 4 puntos; máis do 85 % e ata o 95 % incluído: 6 puntos, e máis do 95 %: 10 puntos.

1.2. Criterios específicos para a liña 1:

a) Domicilio social situado en concellos de zonas rurais ou urbanas en atención á súa cualificación por grao de urbanización (zonas densamente poboadas –ZDP–; zonas intermedias –ZIP–; e zonas pouco poboadas –ZPP–) segundo os estudos publicados polo Instituto Galego de Estatística, ata un máximo de 25 puntos, de acordo co seguinte:

– En ZDP: 15 puntos.

– En ZIP: 20 puntos.

– En ZPP: 25 puntos.

A cualificación dos concellos por grao ou subgrao de urbanización poderase consultar na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

b) Por contar con páxina web propia e actualizada na cal se difunda a actividade da asociación ou federación e noticias de interese no ámbito da igualdade de oportunidades: 5 puntos.

c) Incorporación de socias menores de 40 anos de idade, nos últimos dous anos: ata un máximo de 5 puntos (0,50 puntos por cada unha delas).

d) Incorporación de mulleres con discapacidade, nos últimos dous anos: ata un máximo de 5 puntos (0,50 puntos por cada unha delas).

e) Apoio a asociacións de nova ou recente creación: 10 puntos para aquelas que teñan unha antigüidade non superior a 3 anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.3. Criterios específicos para a liña 2:

a) Calidade técnica das actuacións e actividades para as cales se solicita subvención (ata 20 puntos):

a.1) Diagnóstico e obxectivos das actuacións e actividades: ata 5 puntos. Valorarase que se inclúa un diagnóstico e unha descrición das necesidades que se van atender. Así mesmo, valorarase que haxa unha definición clara dos obxectivos que se pretenden conseguir coa/s actuación/s e actividade/s, e o número de persoas usuarias, beneficiarias e/ou participantes.

a.2) Contido técnico das actuacións e actividades: ata 13 puntos. Valorarase a coherencia do contido da actividade coas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e a inclusión explícita da perspectiva de xénero e a adecuación da actividade aos fins para que está deseñada e para o colectivo a que se dirixe. Tamén se puntuarán a súa adecuación ao obxectivo proposto, a descrición das actividades concretas que se pretenden realizar, o calendario de realización, a adecuación dos recursos humanos, dos medios estruturais, materiais e técnicos para o desenvolvemento e a xestión das actuacións e actividades, así como os seus indicadores de seguimento e avaliación.

a.3) Innovación: ata 2 puntos. Valoraranse as actuacións e actividades innovadoras, especialmente cando se dirixan a atender necesidades emerxentes non cubertas polos recursos de carácter público ou cando incorporen novas tecnoloxías ou sistemas de organización e xestión que acheguen un maior valor. Así mesmo, valorarase a utilización de medios que permitan a realización de actividades non presenciais a través de plataformas en liña.

b) Pola duración, continuidade e número de actuacións e/ou actividades que se van desenvolver da solicitude presentada dentro do período subvencionable: ata un máximo de 15 puntos. De acordo cos seguintes criterios:

b.1) Polo número de actuacións que se desenvolvan no período subvencionable: 5 puntos por actividade, ata un máximo de 15 puntos.

b.2) Pola duración e continuidade das actuacións que se van desenvolver: ata tres meses, 4 puntos; máis de tres meses e ata seis meses, 8 puntos; máis de 6 meses e ata 9 meses, 12 puntos; máis de 9 meses, 15 puntos.

Valorarase destes dous criterios (b.1 e b.2) o que sexa máis favorable para a entidade solicitante.

c) Ámbito territorial en que se desenvolverán as actuacións e actividades: consonte os datos publicados polo IGE da clasificación dos concellos segundo o grao e subgrao de urbanización, ata 15 puntos, segundo o seguinte:

– ZPP, zona pouco poboada: 15 puntos.

– ZIP, zona intermedia: 12 puntos.

– ZDP, zona densamente poboada: 10 puntos.

2. Á solicitude que acade maior puntuación corresponderalle, dentro dos límites establecidos no artigo 5, unha axuda do 100 % do orzamento elixible; no caso contrario, a contía da axuda reducirase proporcionalmente segundo a puntuación obtida.

No caso de quedar crédito libre despois de adxudicar a contía que corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención, e sempre que non exista lista de espera, este repartirase entre elas a partes iguais de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de baremación, co límite da contía máxima da axuda ou, de ser inferior, da contía solicitada.

3. No suposto de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, o desempate resolverase tendo en conta a puntuación máis alta obtida en cada criterio de valoración, empezando polo criterio 1.3.Criterios específicos para a liña 2 e, logo, pola orde en que figuran no artigo e, no caso da liña 1, o desempate realizarase na orde en que figura no número 1 deste artigo, empezando pola letra a) do número 1.1. ata que se produza o desempate. De persistir o empate, a preferencia determinarase pola data e hora de presentación da solicitude.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. Avaliadas as solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 14 desta resolución, o órgano instrutor, á vista do informe da Comisión de Valoración, elevará unha proposta de resolución á persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que resolverá a concesión ou denegación da axuda solicitada ao abeiro desta convocatoria por delegación da secretaria xeral da Igualdade. A persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias sen que, en ningún caso, o importe total das axudas poida superar o límite establecido no artigo 2 desta resolución.

2. O prazo para resolver e notificar será de catro meses. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada.

Na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda ás cales quedan sometidas as entidades beneficiarias derivadas da aceptación da subvención.

3. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días a súa aceptación e deberá comprometerse a executar a/as actuación/s subvencionada/s no prazo e condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar este aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

7. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Réxime de recursos

1. A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso potestativo de reposición perante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a xefatura territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade competente, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión das axudas

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos en que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos en que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 18. Prazo e xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da realización da actuación subvencionada coas seguintes datas límite: 17 de outubro de 2023, para a liña 1, e data límite do 12 de decembro de 2023, para a liña 2. De acordo co sinalado no artigo 9 desta resolución, a dita documentación deberá presentarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Non obstante, se o prazo desde a notificación da resolución ata a data establecida como límite para xustificar resulta ser inferior a dez (10) días, o prazo será de dez (10) días contados desde a dita notificación.

2. Dentro do prazo establecido no número 1 anterior, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación xustificativa:

a) Anexo VI: solicitude de pagamento e declaración de axudas actualizada na data de xustificación, debidamente asinada pola persoa que exerce a representación da entidade.

b) Anexo VII: certificación do gasto realizado e pagado, onde consten a natureza e o importe de cada un deles, coa identificación da entidade acredora e do documento, data de emisión e data de pagamento, expedida pola secretaría da entidade co visto e prace da súa Presidencia.

A certificación deberá vir acompañada dos documentos previstos nas letras c), d) e e) deste número, na forma e nos termos indicados no artigo 6 desta resolución.

Para poderen ser tidos en conta, os gastos deben estar xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023, para os gastos da liña 1, e desde o 1 de decembro de 2022 ata o 30 de novembro de 2023, para a liña 2, e estaren efectivamente pagados, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación.

c) No caso de gastos de persoal propio da entidade, deberán achegarse as nóminas e os recibos de liquidación da cotización á Seguridade Social, así como a liquidación da retención do IRPF e os xustificantes bancarios do seu pagamento.

d) Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente dos outros gastos realizados.

Estes documentos deberán estar emitidos conforme a normativa aplicable e irán acompañados dos xustificantes bancarios do seu pagamento e, de ser o caso, dos xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes. As facturas deberán levar o IVE desagregado.

e) Os tres orzamentos que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria.

f) No caso da liña 2, folla de indicadores segundo o modelo dispoñible na páxina web da Secretaría Xeral de Igualdade.

g) No caso da liña 2, achegarase a memoria de execución da actuación subvencionada, que deberá recoller, como mínimo:

– Descrición das actuacións e actividades desenvolvidas (datas de realización, duración, contidos e metodoloxía empregada no seu desenvolvemento).

– Valoración do cumprimento dos obxectivos.

– Indicación de como se atenderon as necesidades das persoas con discapacidade (se for o caso).

– Publicidade e divulgación que se realizou.

– Número de persoas participantes desagregadas por sexo.

– Número de mulleres participantes con algún tipo de discapacidade.

– Número de mulleres participantes maiores de 65 anos.

– Número de mulleres participantes menores de 40 anos.

– Aqueloutros aspectos que se consideren de interese para a descrición da actuación ou actividade.

A dita memoria virá acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados: carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías e outros documentos, nos cales deberá figurar o logotipo da Secretaría Xeral da Igualdade e o logotipo do Ministerio de Igualdade, para os efectos de acreditar a realización da actuación ou actividade subvencionada. Estes logotipos estarán dispoñibles na páxina web da Secretaría Xeral de Igualdade.

h) Acreditación documental, material ou gráfica (fotografías, copias, capturas de pantalla da web...) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da actividade subvencionada, de acordo co establecido no artigo 20 desta resolución.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido para o efecto comportará a perda do dereito a cobrar a subvención.

No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, e advírteselle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención concedida.

4. Unha vez recibida a documentación xustificativa, antes de proceder ao seu pagamento, poderanse realizar as actuacións de comprobación que se consideren oportunas para verificar o cumprimento da conduta, actuación ou actividade subvencionada.

5. Antes de proceder ao pagamento da axuda deberá figurar no expediente a declaración acreditativa de que as entidades beneficiarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 19. Pagamento da subvención

1. O importe da subvención farase efectivo nun pagamento único, logo da acreditación da realización da actuación ou actividade e da presentación da documentación xustificativa sinalada no artigo anterior.

2. As xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, de atoparen conforme a documentación xustificativa, proporán o pagamento do importe concedido ou do resultante da minoración determinada conforme o número 3 deste artigo.

3. Para o caso de que non se xustificase a totalidade do gasto subvencionable tido en conta para a determinación da contía da subvención, a axuda minorarase proporcionalmente.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa xeral de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como cumprir os requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.

En todo caso, terase que acreditar que as actividades desenvolvidas responden a unha actividade de difusión, información e formación para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero que poida enmarcarse nalgunha das tipoloxías previstas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1 que define o artigo 5 desta convocatoria, para o caso das axudas da liña 2.

2. Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado que permita unha pista de auditoría suficiente, respecto dos ingresos da axuda percibida e conservar toda a documentación relativa á subvención, mentres poida ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

3. En todo tipo de publicidade e información relativos á actuación e actividades subvencionadas terá que constar a condición de subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.

En todo caso, nos espazos que utilice a entidade e nos lugares de realización das actividades informarase do financiamento público a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispor dela. En ambos os casos, a información e a documentación terán que levar a imaxe corporativa da Secretaría Xeral da Igualdade e para o caso das actuacións da liña 2, ademais, terán que levar os logotipos do Ministerio de Igualdade e o logotipo do Pacto de Estado, segundo o modelo dispoñible na páxina web da Secretaría Xeral de Igualdade.

4. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

5. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuarán as unidades de igualdade da xefatura territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade competente, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 21. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria; a actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 22. Reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade da minoración ou do reintegro serán os seguintes:

a) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

b) Procederá a minoración proporcional da axuda nos termos establecidos no artigo 19.3.

c) Así mesmo, procederá a minoración dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida no caso de incumprimento dalgunha das obrigas recollidas no artigo 20, números 2 e 3.

Artigo 23. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para comprobar o cumprimento das condicións das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta resolución observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 25. Información ás persoas interesadas

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta resolución, que ten o código SI437A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional nas unidades de Igualdade das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade: http://igualdade.xunta.gal, nos teléfonos das unidades de Igualdade das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade (A Coruña: 881 88 12 54; Lugo: 982 29 43 55; Ourense: 988 38 67 99; Vigo-Pontevedra: 986 81 76 58).

Disposición adicional única

Apróbase a delegación de atribucións nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión, denegación ou modificación das subvencións previstas nesta resolución, así como para autorizar e dispor os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, e as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral da Igualdade poderá ditar as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023

A secretaria xeral da Igualdade
P.D. (Disposición adicional segunda do Decreto 123/2022)
José Ramón Pardo Cabarcos
Secretario xeral técnico da Consellería de Promoción
do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file