Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 7 de xullo de 2023 Páx. 42322

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2023 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de inspección turística.

É de aplicación o disposto no Decreto 225/2020, do 23 de decembro (DOG núm. 260, do 29 de decembro), polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

En desenvolvemento do disposto nos artigos 12 e 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese a obrigatoriedade do uso de medios electrónicos na inscrición das solicitudes de participación neste proceso selectivo.

De conformidade co establecido no Decreto 225/2020, do 23 de decembro (DOG núm. 260, do 29 de decembro) polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia (en diante, LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de inspección turística.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir sete (7) prazas, do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de inspección turística, correspondentes á oferta de emprego público do exercicio 2020, segundo se detalla:

– Oferta de emprego público do exercicio 2020, aprobada polo Decreto 225/2020, do 23 de decembro (DOG núm. 260, do 29 de decembro): sete (7) prazas de acceso libre, das cales unha (1) se reserva para a quenda de discapacidade.

Resérvanse dúas (2) prazas para seren cubertas pola quenda de promoción interna. As prazas non cubertas por esta quenda acumularanse ás de acceso libre.

O sistema selectivo será o de concurso-oposición.

I.1.1. De conformidade co Decreto 225/2020, do 23 de decembro (DOG núm. 260, do 29 de decembro), do total de prazas convocadas reservarase unha (1) para ser cuberta por persoas con discapacidade cun grao igual ou superior ao 33 %.

Se algunha persoa aspirante con discapacidade que se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás persoas aspirantes pola cota de discapacidade, no que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios e á relación de persoas aprobadas. Non obstante, ao finalizar cada exercicio e o proceso elaborarase unha relación única en que se incluirán todas as persoas aspirantes que o superasen, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia do tipo de praza pola que participasen.

I.1.2. As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos na base I.1.1, opten ás prazas reservadas para persoas con discapacidade deberán indicalo expresamente na solicitude. De non indicalo, entenderase que non optan por esta reserva.

As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas.

I.1.3. De ser o caso, as aclaracións ou as correccións deberán realizarse no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de persoas admitidas.

I.1.4. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (en diante, TREBEP), a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a Lei 2/2015 do 29 de abril, de emprego público de Galicia, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia; e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

I.2.1. Promoción interna.

Para seren admitidas aos procesos selectivos as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización de presentación de solicitudes de participación e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira os seguintes requisitos:

I.2.1.1. Idade: non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.1.2. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes o título de diplomado ou graduado nunha titulación de calquera rama.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación a quen obtivese o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

I.2.1.3. Pertencer como persoal funcionario de carreira a algún dos corpos ou escalas integrados no subgrupo C1 da Administración xeral e Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (corpo administrativo ou corpo de técnicos de carácter facultativo ou ao corpo de axudantes de carácter facultativo).

Tamén poderán concorrer, pola quenda de promoción interna, o persoal laboral fixo pertencente ao grupo II e ao grupo III que se atopen incluídos dentro do ámbito de aplicación do V Convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

I.2.1.4. Ter prestado servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como persoal funcionario de carreira nalgún dos corpos ou escalas integrados no subgrupo C1 da Administración xeral e Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (corpo administrativo ou corpo de técnicos de carácter facultativo ou ao corpo de axudantes de carácter facultativo) ou coa condición de persoal laboral fixo do grupo II e do grupo III que se atopen incluídos dentro do ámbito de aplicación do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Quedarán exentas do cumprimento deste requisito, as persoas aspirantes que presten servicios nos corpos ou escalas integrados no subgrupo A2 da Administración xeral e da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da superación dalgúns dos procesos de funcionarización convocados ao abeiro do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais (artigo 168 da LEPG), na situación de excedencia por coidado de familiares (artigo 176 da LEPG), na situación de excedencia por razón de violencia de xénero (artigo 177 da LEPG) e na situación de excedencia por razón de violencia terrorista (artigo 177.bis da LEPG).

I.2.1.5. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.1.6. Habilitación: non ter sido separada/o nin despedida/o, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

I.2.1.7. Non poderán participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertence á escala obxecto desta convocatoria.

I.2.2. Acceso libre.

Para seren admitidas aos procesos selectivos as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización de presentación de solicitudes de participación e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira os seguintes requisitos:

I.2.2.1. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2.2 Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa aplicable a libre circulación de persoas traballadoras.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes o título de diplomado ou graduado nunha titulación de calquera rama.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, no seu caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación a quen obtivese o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

I.2.2.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.2.5. Habilitación: non ter sido separada/o, nin despedida/o, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.2.6. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertence á escala obxecto desta convocatoria.

I.3. Solicitudes.

I.3.1. As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Procesos selectivos»-«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos». Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365) e deberán pagar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas aspirantes deberán rexistrar os seus datos de identidade e contacto que se empregarán para as súas solicitudes.

Unha vez completados os datos dos solicitante poderase iniciar o proceso de inscrición.

As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, na epígrafe «Idioma do exame», se o texto do exercicio se deberá entregar en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a súa solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar a opción.

As persoas aspirantes deberán declarar as circunstancias particulares en que se atopen relativas ao pagamento de taxas.

As persoas aspirantes con discapacidade poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

Se a solicitude deriva dunha circunstancia sobrevida, deberán solicitar a adaptación necesaria no prazo dun mes desde que se producise o feito causante e, en calquera caso, nas 24 horas seguintes á publicación da convocatoria para a realización do exercicio en que proceda a súa aplicación.

As persoas aspirantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán acreditar e presentar, antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia autentica do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

I.3.2. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

I.3.3. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No suposto de non ter a nacionalidade española, documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, regulador do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

b) Xustificante da condición de persoa con discapacidade no caso de estar expedido por outra Comunidade Autónoma.

c) Xustificante da condición de familia numerosa no caso de estar expedida por outra Comunidade Autónoma.

d) Copia do título do Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

e) Os datos relativos á exección de taxa consultaranse automaticamente a non ser que as persoas interesadas se opoñan a consulta da documentación, o que deberán indicar no cadro correspondente e achegar a seguinte documentación:

Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.

Vítimas de terrorismo: resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición.

Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

2º. Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir a prestación ou o subsidio por desemprego.

Para a remisión electrónica, empregará as epígrafes habilitadas para os efectos. Se non dispón de copias auténticas, deberá xerar o anexo de documentación e achegar coa súa solicitude orixinal ou copia debidamente compulsada dos documentos xustificativos segundo os supostos en que se atopen.

De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

– As vítimas do terrorismo, entendendo por tales, para os efectos regulados neste artigo, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia de actividade terrorista e así o acrediten mediante sentenza xudicial firme ou en virtude de resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, ou cónxuxe do falecido, e os fillos dos feridos e falecidos.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

I.3.4. Para o pagamento da taxa deberase actuar do seguinte xeito:

Pagamento electrónico: deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento electrónico e nese momento obterase o xustificante 730 correspondente.

Pagamento electrónico-con certificado dixital: poderán realizar o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado desde a opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo 739) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante. Unha vez feito o pagamento presencial na entidade financeira, deberase acceder á solicitude pendente e continuar a inscrición. Introduciranse os datos relativos á data de ingreso e o NRC (número de rexistro completo) correspondente. Unha vez completados os datos validarase o NRC premendo no botón «Validar NRC».

A Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listaxes, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de admitidos e excluídos.

Do mesmo xeito, a Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes que tivesen acadado un posto na mesma categoría, corpo, grupo ou escala en virtude do proceso selectivo que se atope en execución e que á data da publicación da presente convocatoria non estivese rematado e así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de admitidos e excluídos.

Para iso será necesaria a presentación dun escrito en que se solicite a devolución e no cal consten o número de conta (24 díxitos), a entidade financeira e a súa localidade ou ben presenten un certificado expedido pola entidade financeira en que figuren eses datos. Esta documentación deberá ser dirixida ao Servizo de Selección da Dirección Xeral da Función Pública. A presentación deste escrito sen os datos indicados ou fóra de prazo supoñerá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

I.3.5. Finalizado correctamente o proceso de pagamento poderase presentar a solicitude.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento, accedendo ao sistema en Inscricións en procesos selectivos, onde disporá dunha listaxe de todas as solicitudes.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes disporán de axudas e formas de contacto específicas en cada pantalla.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG, con indicación das causas das exclusións que procedan e do lugar en que se atoparán expostas.

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión. As alegacións contra as listas provisionais de admitidos e excluídos deberan presentarse a través do aplicativo fides (http://fides.xunta.gal).

As persoas aspirantes afectadas poderán acceder á solicitude correspondente e completar os documentos solicitados.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública que será publicada no DOG, pola que se aprobarán as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar o proceso selectivo se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas aspirantes decaerán en todos os dereitos que puidesen derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Fase de oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I a esta resolución. Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite da data de publicación no DOG das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que figura no anexo I e que fosen derrogadas parcial ou totalmente, serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan á súa derrogación parcial ou total, con data límite da data de publicación no DOG das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1. 1. Primeiro exercicio.

Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cento vinte (120) preguntas tipo test, relacionado co anexo I do programa.

O exercicio dividirase en dous partes:

A primeira parte consistirá en contestar por escrito un cuestionario de contido teórico de noventa (90) preguntas, das cales vinte (20) preguntas se corresponden coa parte común do programa e setenta (70) preguntas coa parte específica.

O exercicio disporá de seis (6) preguntas de reserva, das cales catro (4) serán da parte específica do programa.

As preguntas terán catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha delas será a correcta.

As persoas aspirantes da quenda de promoción interna estarán exentas de contestar as preguntas de contido teórico sobre a parte común do programa, polo que contestarán unicamente as preguntas de contido teórico sobre a parte específica e as correspondentes preguntas de reserva.

A segunda parte consistirá en contestar por escrito un cuestionario tipo test de contido práctico de trinta (30) preguntas da parte específica do programa, sobre un ou varios textos propostos polo tribunal.

O exercicio disporá de catro (4) preguntas de reserva.

As preguntas terán catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha delas será a correcta.

As preguntas adicionais de reserva valoraranse só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.

O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número e contido dos temas que integran o programa. Na elaboración das preguntas deste exercicio respectarase a orde establecida nos parágrafos anteriores.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de douscentos (200) minutos.

As preguntas non contestadas non penalizan ni reciben puntuación.

No acceso libre, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas nesta quenda, sempre que acaden o mínimo do 50 %, en cada unha das dúas partes, das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Subsidiariamente, de darse o caso de que o número de aspirantes que superasen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas non cubertas conforme o previsto no parágrafo anterior, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes

No acceso pola quenda de promoción interna superarán o exercicio as persoas aspirantes que acaden o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Subsidiariamente, de darse o caso de que o número de aspirantes que superasen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, se rebaixará ao mínimo do 40 % en cada unha das partes das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Para os efectos do previsto nos dous parágrafos anteriores, no que se refire ao número máximo de prazas convocadas pola quenda de acceso libre, terase en conta que as prazas non cubertas pola quenda de promoción interna acumularanse ás prazas convocadas pola quenda de acceso libre.

En calquera caso, soamente superarán o proceso selectivo aquelas persoas aspirantes que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de prazas convocadas, sempre que cumpran as condicións previstas nos parágrafos anteriores.

Ao remate da proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

O exercicio cualificarase de 0 a 40 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de vinte (20) puntos. Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A data de realización deste exercicio non terá lugar antes dos seis (6) meses posteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

II.1.1.2. Segundo exercicio.

Consistirá no desenvolvemento por escrito de un (1) tema, para elixir entre tres (3) obtidos mediante sorteo de entre os que figuran na parte específica do programa.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de cento vinte (120) minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 40 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de vinte (20) puntos. Corresponde ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para alcanzar esta puntuación mínima.

O tribunal cualificará este exercicio valorando, entre outros, os coñecementos, a claridade, a orde de ideas e a calidade da expresión escrita.

Este exercicio realizarase nun prazo máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.3. Terceiro exercicio.

Constará de dúas probas:

Primeira proba: consistirá na tradución dun texto do castelán ao galego elixido por sorteo entre dous textos propostos polo tribunal.

Segunda proba: consistirá na tradución dun texto do galego ao castelán, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización do exercicio será de sesenta (60) minutos.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto. Corresponderá ao tribunal determinar o coñecemento da lingua galega de acordo co nivel de Celga requirido no proceso selectivo.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten o Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde de 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde de 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Xunto coa resolución anterior, a Dirección Xeral da Función Pública publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, una listaxe de persoas aspirantes en que figurarán aquelas que, por teren acreditada a posesión do Celga requirido, en calquera procedemento cuxa competencia corresponda a esta dirección xeral, non teñen que presentar a documentación xustificativa da exención.

Este exercicio realizarase nun prazo máximo de sete (7) días hábiles desde a finalización do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación das persoas aspirantes será por orde alfabética e iniciarase por aquelas cuxo primeiro apelido comeza pola letra S, de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda do 30 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 27, do 10 de febreiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado, en cumprimento do establecido na Resolución da mesma consellería do 8 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 12, do 20 de xaneiro).

II.1.2.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradoras.

II.1.2.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. Se o tribunal de oficio ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anulase algunha ou algunhas das súas preguntas ou modificase o modelo de corrección de respostas, publicarao no DOG. As alegacións contra as preguntas deberan presentarse a través do aplicativo fides (http://fides.xunta.gal).

II.1.2.8. As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes publicaranse no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano convocante, que publicará a resolución que corresponda.

II.1.2.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exercicios, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

No caso de que o tribunal acorde parámetros para a cualificación do exercicio, en desenvolvemento dos criterios de valoración previstos nesta convocatoria, aqueles se difundirán con anterioridade á realización do exercicio.

II.1.2.11. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma da puntuación dos exercicios da oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producisen renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deducise que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira.

II.2. Fase de concurso.

A fase de concurso consistirá na valoración ás persoas aspirantes que superaron a fase de oposición dos seguintes méritos:

II.2.1. Promoción interna:

II.2.1.1. Antigüidade.

Os servizos serán valorados por meses de 30 días a razón de 0,10 puntos/mes. Para estes efectos, calcularase o número total de días correspondentes aos períodos computables, dividirase o resultado entre trinta (30) e multiplicarase o cociente, desprezando os decimais, por 0,10.

Para estes efectos, computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos previos na Administración pública.

A puntuación máxima por esta epígrafe será de 12 puntos.

II.2.1.2. Formación.

Valoraranse os cursos de formación recibidos, convocados, organizados ou impartidos pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP); polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP); polas escolas oficiais de formación similares das restantes comunidades autónomas; pola Academia Galega de Seguridade Pública; pola Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas); pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (Acis); cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas; cursos impartidos polas organizacións sindicais que estiveran homologados pola EGAP; cursos acreditados polo INEM; cursos acreditados polas consellerías da Xunta de Galicia ou das entidades que figuran no anexo V da presente convocatoria; cursos impartidos polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar; e cursos impartidos por universidades.

Para cada curso de duración igual ou superior a oito (8) horas lectivas, valorarase con 0,025 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 2,5 puntos por curso. A puntuación máxima desta epígrafe será 5 puntos.

Para os efectos de puntuación desta epígrafe, consideraranse como valorables as probas superadas de avaliación dos programas de autoformación organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de funcionarios.

Para os efectos de puntuación desta epígrafe, consideraranse como valorables as probas superadas de avaliación dos programas de autoformación organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

A puntuación máxima desta epígrafe é de 4 puntos.

II.2.1.3. Grao de coñecemento do idioma galego:

– Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5: 2,25 puntos.

– Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento do idioma galego, só se computará a puntuación correspondente ao superior.

II.2.1.4. Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores, ata o máximo de 1 punto:

– Permiso por parto, adopción ou acollemento (artigos 121 e 122 LEPG): 0,2 puntos/permiso.

– Permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo (artigo 124 LEPG): 0,2 puntos/permiso.

– Redución de xornada do artigo 106.2.a) e b) da LEPG: 0,04 puntos.

– Excedencia para o coidado de familiares: 0,04 puntos/mes completo.

Os meses serán computados por días naturais (30 días).

II.2.2. Acceso libre.

II.2.2.1. Experiencia profesional.

Experiencia profesional, entendida como os servizos efectivamente prestados en calquera Administración pública, como empregado público na mesma escala, especialidade ou categoría a que opte, sempre que se inclúa dentro do mesmo grupo de titulación.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares (artigos 168 e 176 da LEPG), a excedencia por razón de violencia de xénero de conformidade co establecido no artigo 177 da LEPG e a excedencia por razón de violencia terrorista (artigo 177.bis da LEPG).

Calcularase o número total de días correspondentes aos distintos nomeamentos computables e dividirase o resultado entre trinta (30). O cociente enteiro, desprezando os decimais, multiplicarase por 0,20 puntos.

Computarase a prestación de servizos en réxime de interino (25.4 da LEPG) e en réxime de persoal laboral temporal (27.4 da LEPG) e do persoal laboral indefinido non fixo.

Os servizos efectivos prestados en xornadas inferiores á completa valoraranse proporcionalmente.

II.2.2.2. Experiencia profesional.

Experiencia profesional entendida como os servizos efectivamente prestados como empregado público en distinto corpo, grupo, escala ou categoría a que opta a persoa aspirante, en calquera Administración pública. Non se computarán os mesmos períodos xa valorados nos puntos anteriores.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares (artigos 168 e 176 da LEPG), a excedencia por razón de violencia de xénero de conformidade co establecido no artigo 177 da LEPG e a excedencia por razón de violencia terrorista (artigo 177.bis da LEPG).

Calcularase o número total de días correspondentes aos distintos nomeamentos computables e dividirase o resultado entre trinta (30). O cociente enteiro, desprezando os decimais, multiplicarase por 0,08 puntos.

Computarase a prestación de servizos en réxime de interino (25.4 da LEPG) e en réxime de persoal laboral temporal (27.4 da LEPG) e do persoal laboral indefinido non fixo.

Os servizos efectivos prestados en xornadas inferiores á completa valoraranse proporcionalmente.

A puntuación máxima das epígrafes de experiencia profesional II.2.2.1. á II.2.2.2. é de 15 puntos.

II.2.2.3. Formación, ata un máximo de cinco (5) puntos.

Valoraranse os cursos de formación recibidos, convocados, organizados ou impartidos pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP); polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP); polas escolas oficiais de formación similares das restantes comunidades autónomas; pola Academia Galega de Seguridade Pública; pola Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas); pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (Acis); cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas; cursos impartidos polas organizacións sindicais que estiveran homologados pola EGAP; cursos acreditados polo INEM; cursos acreditados polas consellerías da Xunta de Galicia ou das entidades que figuran no anexo V da presente convocatoria; cursos impartidos polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar; e cursos impartidos por universidades.

Para cada curso de duración igual ou superior a oito (8) horas lectivas, valorarase con 0,025 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 2,5 puntos por curso. A puntuación máxima desta epígrafe será 5 puntos.

Para os efectos de puntuación desta epígrafe, consideraranse como valorables as probas superadas de avaliación dos programas de autoformación organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de funcionarios.

Para os efectos de puntuación desta epígrafe, consideraranse como valorables as probas superadas de avaliación dos programas de autoformación organizadas pola EGAP, ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

A puntuación máxima desta epígrafe é de 5 puntos.

II.2.2.4. Os méritos enumerados nas bases II.2.2.1, II.2.2.2 e II.2.2.3 deberán referirse á data de publicación da convocatoria no DOG e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no DOG.

Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no dito procedemento.

II.2.2.5. Rematada a fase de oposición, desde a publicación polo tribunal das notas do último exercicio, as persoas aspirantes deberán presentar, de conformidade co sinalado no procedemento a que se refire o punto anterior, a documentación relativa á fase de concurso.

II.2.2.6. O tribunal procederá á baremación da fase de concurso, coa colaboración técnica que precise do persoal da Dirección Xeral da Función Pública, e publicaraa no DOG, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación, as persoas aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no DOG da dita baremación.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, de ser o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal procederá á publicación no DOG da baremación definitiva da fase de concurso.

II.2.2.7. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma das puntuación obtidas na fase de oposición e na fase de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producisen renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deducise que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por resolución da consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, artigo 60 do TRLEBEP e artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

III.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no artigo 59.2 da Lei 2/2015 de emprego público de Galicia, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no Acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

A Presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor previsto na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non se atoparen incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar as integrantes do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro consonte o establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

III.3. A autoridade convocante publicará no DOG a resolución correspondente pola que se nomeen as novas persoas integrantes do tribunal que substituirán as que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso das persoas que ocupen a Presidencia e a Secretaría, ou de quen as substitúa.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta, que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da persoa que ocupe a Secretaría e o visto e prace da persoa que ocupe a Presidencia, ou quen as substitúa.

III.8. A Presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes a que corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, quen deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que as restantes participantes. Para tal fin estableceranse, para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3, as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización do proceso selectivo, o tribunal tivese dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ou escala a que opta, poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. O tribunal non poderá propoñer o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito, tendo en conta o previsto na base II.1.2.11.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

III.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse electronicamente á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e na fase de concurso.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Puntuación obtida nos exercicios da oposición pola súa orde de realización.

– Puntuación outorgada polos méritos alegados na fase de concurso seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes da base II.2.

– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

– En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de persoas aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade ou equivalente. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación de persoas aprobadas, estas disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles para a presentación dos seguintes documentos:

a) Copia auténtica do título exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

b) Un certificado ou un informe médico sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións. Os certificados ou informes non poderán ter unha data de emisión anterior aos tres (3) meses da súa presentación.

c) As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e, de ser o caso, da Administración correspondente.

A consellería competente en materia de función pública solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que as persoas aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

Poderán autorizar á Administración a dita consulta mediante solicitude expresa remitida xunto co resto da documentación.

IV.3. As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.4. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante unha resolución da consellería competente en materia de función pública que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

IV.5. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1.

IV.6. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

V. Disposición derradeira.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2023

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I

Programa do proceso selectivo para o acceso ao corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2,
escala de inspección turística

– Parte común:

1. A Constitución española de 1978: título preliminar, título I artigo 10, 14, 23, capítulo IV e capítulo V e título VIII.

2. O Estatuto de autonomía de Galicia. Título I, título II e título III da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.

3. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: título III, título IV capítulo I e capítulo IV e o título V.

4. Lei 4/2019, do 17 de xullo, da administración dixital de Galicia: título preliminar, título I, capítulo I.

5. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público: título preliminar, capítulos III e IV.

6. Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico: título preliminar, título I.

7. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia: título III, título VI capítulos III e IV e título VIII.

8. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais: título I, título II, título III e título VIII.

9. Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade: título preliminar e título I e o título I da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

10. Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social: título preliminar e título I.

11. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno: título preliminar e título I.

– Parte específica:

1. A Administración turística do Estado: estrutura orgánica. O Instituto de Turismo de España (Turespaña): estrutura e funcións. O Consello Español do Turismo (Conestur). A Conferencia Sectorial do Turismo. A Comisión Interministerial do Turismo.

2. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de turismo: antecedentes, regulación e análises. A Axencia Turismo de Galicia. O Centro Superior de Hostalaría de Galicia. A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.

3. A Lei do turismo de Galicia: estrutura e contido. Obxecto e suxeitos da lei. Ordenación da oferta turística. Principios xerais para o exercicio das actividades turísticas.

4. Requisitos xerais para o establecemento de actividades empresariais turísticas: declaracións responsables, autorizacións e comunicacións. A documentación obrigatoria. O Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas.

5. O municipio turístico galego. A declaración de festas de Galicia de interese turístico. Os xeodestinos turísticos.

6. O estatuto do turista: dereitos e deberes das persoas usuarias turísticas. Consideración especial do dereito a formular queixas (normativa reguladora das follas de reclamación).

7. Decreto 148/2013, do 12 de setembro, polo que se regulan o libro de visitas da inspección turística e as follas de reclamacións de turismo.

8. A defensa das persoas consumidoras e usuarias: o Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro: disposicións relativas a consumidores e usuarios (libro 1º, título 1º), contratación de dereito público e cláusulas abusivas (libro II) e responsabilidade (libro III). O sistema arbitral.

9. O estatuto do empresario turístico: dereitos e deberes. Actividade e medios dos operadores turísticos no mercado: defensa da competencia e competencia desleal. Os signos distintivos. A publicidade. As tarxetas de crédito e débito.

10. O empresario individual e societario. A sociedade mercantil: concepto e caracteres. O contrato de sociedade mercantil: elementos esenciais. As sociedades colectivas e comanditarias. A sociedade irregular.

11. As sociedades anónimas: concepto e caracteres. Constitución e achegas sociais. Os órganos sociais. Transformación, fusión, disolución e liquidación.

As sociedades de responsabilidade limitada: concepto e caracteres. Constitución e achegas sociais. Os órganos sociais. Transformación, fusión, disolución e liquidación.

12. As empresas de aloxamento turístico: concepto e clases. Arrendamento de negocio e contrato de franquía. O contrato de xestión hoteleira. O contrato de hospedaxe. O contrato de reserva de prazas de aloxamento de réxime de continxente. Seguridade cidadá e rexistro de entrada nos establecementos de aloxamento.

13. Principio de unidade de explotación. Calidade dos servizos e instalacións. Sobrecontratación da capacidade. Réxime de prezos e reservas nos aloxamentos turísticos.

14. Ordenación dos establecementos hoteleiros (I): disposicións xerais. Distintivos e publicidade. Réxime de exercicio de actividade e modificacións.

15. Ordenación dos establecementos hoteleiros (II): requisitos técnicos xerais. Requisitos e condicións exixibles por grupos, categorías e modalidades.

16. Ordenación dos apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico: concepto, clasificación, condicións e réxime de exercicio e modificacións.

17. Ordenación dos establecementos de turismo rural: concepto, categorías, características e réxime de exercicio e modificacións.

18. Os albergues turísticos: concepto, clasificación, condicións e réxime de exercicio e modificacións.

19. Ordenación dos campamentos de turismo: concepto, clasificación, categorías e réxime de instalación e apertura. Requisitos mínimos.

20. As empresas de restauración. Ordenación de restaurantes, cafetarías e bares: concepto, clasificación, características e réxime de exercicio e modificacións.

21. O contrato de servizo dos establecementos de restauración. Cartas, pratos e menús. Venda de bebidas alcohólicas a menores de idade. O contrato de cátering. A Lei de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo: aplicación nos establecementos turísticos.

22. Decreto 179/2011, do 8 de setembro, polo que se regula o réxime de prezos e reservas dos establecementos turísticos de aloxamento e restauración na Comunicade Autónoma de Galicia.

23. A intermediación turística. Ordenación das axencias de viaxes: concepto, obxecto, clasificación, réxime de exercicio e modificacións. Funcionamento e garantías.

24. As viaxes combinadas: o libro IV do Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro: delimitación obxectiva e subxectiva. Perfección, cancelación, desistencia e incumprimento do contrato de viaxe combinada. Réxime de responsabilidade das axencias nas viaxes combinadas. Documentación das viaxes combinadas: contido e comprobación.

25. O turismo activo: regulación e réxime de exercicio.

26. Contrato de pasaxe aérea. Limitacións da responsabilidade do carrexador aéreo. Sistema de compensación por denegación de embarque no transporte aéreo regular: Regulamento (CEE) 261/04 do Parlamento Europeo e do Consello.

27. Formación e cualificación turística. Ordenación da profesión de guía de turismo de Galicia.

28. Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia: principios xerais. Réxime urbanístico do solo: disposicións xerais. Clasificación e réxime das distintas clases e categorías de solo.

29. Os títulos municipais habilitantes, licenzas e comunicación de inicio de obras. Procedemento de outorgamento e caducidade. Actos promovidos polas administracións públicas: especial referencia a obras de patrimonio histórico, establecementos públicos e obras promovidas pola Administración.

30. A promoción e fomento do turismo en Galicia. Axudas e subvencións: concepto, procedemento de concesión e reintegro. As diferentes medidas de promoción e fomento do turismo: obxecto, requisitos e principais características.

31. Lei 8/2019, do 23 de decembro de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.

32. A potestade sancionadora: principios. O procedemento sancionador: principios e regulación. Fases e desenvolvemento do procedemento sancionador por infraccións en materia de turismo. Órganos competentes.

33. As infraccións en materia de turismo. Suxeitos responsables. As sancións.

34. A inspección turística de Galicia. O Regulamento da inspección turística. Obxecto e funcións. Planificación e ordenación da inspección. A actuación inspectora e a súa documentación. A escala de inspección turística.

35. As actas da inspección como medio de proba: natureza xurídica e efectos probatorios. Requisitos: obxectivos, materiais e formais. Ámbito da presunción de veracidade das actas. Exclusións da presunción. Valor e efectos dos informes da inspección.

36. As facultades e deberes da inspección turística. A condición de axente de autoridade: protección penal e administrativa. A autonomía técnica e funcional da inspección. Os deberes: identificación, segredo e respecto e consideración. As responsabilidades da inspección. Réxime de incompatibilidades. A colaboración interadministrativa. A comunicación coa autoridade xudicial e Ministerio Fiscal.

37. Accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas: conceptos e niveis de accesibilidade, concepto e clases de barreiras, accesibilidade nos establecementos turísticos. Incidencia da Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade.

38. A Lei do patrimonio cultural de Galicia: títulos I, II. Título III: capítulos I e II. Título IV, título VI, título VII.

39. Turismo e contorno natural. Nocións xerais sobre: os parques naturais, os espazos naturais en réxime de protección xeral e os espazos naturais das normas subsidiarias e complementarias de planeamento provincial. Os monumentos naturais. A Rede Natura 2000.

40. Informes de incidencia turística: conceptos básicos de ecoloxía no espazo turístico e impacto. Técnicas de identificación e avaliación de impactos: especial referencia ao impacto visual. Técnicas de prevención, corrección e restauración de impactos. Incidencia da contaminación acústica no turismo.

41. Turismo e contorno marítimo. Nocións xerais sobre o réxime de portos e embarcacións. A pesca marítima de recreo na Comunidade Autónoma de Galicia.

42. Os espectáculos públicos. Organización e desenvolvemento dos espectáculos públicos e actividades recreativas. Réxime de horarios de establecementos e espectáculos públicos.