Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 11 de xullo de 2023 Páx. 42679

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2023 pola que se convocan cursos de linguaxe administrativa galega dirixidos ao persoal da seguridade pública de Galicia.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, recollendo o que dispoñen a Constitución española e o Estatuto de autonomía para Galicia, establece que o galego é lingua oficial en Galicia. En consonancia con isto, recoñécelles aos cidadáns e cidadás o dereito de usalo, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma. Ademais, para facer efectivo ese dereito, dirixe un mandato aos poderes públicos autonómicos para que vaian capacitando, progresivamente, o persoal que traballa ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia no uso do galego.

Mediante convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Agasp, do 13 de xuño de 2023, establecéronse as condicións polas que se rexerá a colaboración entre ambos os dous organismos para potenciar as actividades de normalización do uso do galego nas distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo isto,

RESOLVO:

Convocar en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, dous cursos de nivel superior e dous cursos de nivel medio de linguaxe administrativa galega, cuxas bases, características e contido son detallados no anexo desta resolución.

A Estrada, 4 de xullo de 2023

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridad Pública

ANEXO

Primeira. Obxecto

Co obxecto de impulsar a normalización lingüística nos corpos de seguridade pública da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse dous cursos de nivel medio e dous de nivel superior de linguaxe administrativa galega na modalidade de teleformación.

O número de prazas será de 25 en cada edición, segundo se indica a seguir:

Denominación da actividade

Horas

Data comezo

Data remate

Curso medio de linguaxe administrativa galega. 1

75

4.9.2023

5.11.2023

Curso medio de linguaxe administrativa galega. 2

75

4.9.2023

5.11.2023

Curso superior de linguaxe administrativa galega. 3

75

4.9.2023

5.11.2023

Curso superior de linguaxe administrativa galega. 4

75

4.9.2023

5.11.2023

Destinatarios:

Poderán participar nos cursos convocados por esta resolución os/as policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta comunidade autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica) que se atopen en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que de producirse esta situación, os/as interesados/as deberán comunicalo á Agasp de maneira inmediata. No caso de non facelo, serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp no prazo dun ano contado desde o día seguinte a aquel en que se teña coñecemento do feito, e no caso de estar a realizar efectivamente un curso, non se lle emitirá diploma.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal, cando esta se deba a un accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

Así mesmo, en caso de quedar prazas vacantes, poderán acceder aos cursos convocados a través desta resolución o persoal dependente da Axencia Galega de Emerxencias e do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112-Galicia, da Academia Galega de Seguridade Pública e da Fundación 061.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp resérvase a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Requisitos

Para acceder a estes cursos é necesario ter validado ou superado, na data da publicación desta resolución, algún dos cursos que se indican a continuación:

Para optar ao curso superior:

– O curso medio de linguaxe xurídica galega, ou o curso medio de linguaxe administrativa galega ou calquera dos cursos equivalentes a estes que se establecen no artigo 5.2 da Orde do 13 de xuño de 2011 pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas (DOG núm.121, do 24 de xuño).

Para optar ao curso medio:

– O curso Celga 4, ou os cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, ou o curso básico de linguaxe administrativa galega, ou o curso básico de linguaxe xurídica ou o curso básico de linguaxe administrativa sanitaria, segundo se establece no artigo 4.4 da Orde do 13 de xuño de 2011 pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas (DOG núm. 121, do 24 de xuño).

Terceira. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.gal), sen que se admita ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o número de teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non ser correctos ou exactos os devanditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados ás persoas interesadas.

c) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes implicará a exclusión automática do curso solicitado, así como a imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo.

e) As persoas solicitantes dun curso na modalidade de teleformación deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un ordenador con conexión á internet.

– Calquera navegador web actualizado.

– A conta de correo electrónico especificada na solicitude.

– Un micrófono.

f) O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 28 de xullo de 2023. Poderá accederse aos formularios e cubrilos desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización.

g) A persoa interesada deberá achegar á Agasp, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

– Para o curso superior:

Unha copia da certificación que acredite a superación ou a validación do curso medio de linguaxe xurídica galega, ou do curso medio de linguaxe administrativa galega ou calquera dos cursos equivalentes a estes que se establecen no artigo 5.2 da Orde do 13 de xuño de 2011 pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas (DOG núm. 121, do 24 de xuño).

– Para o curso medio:

Unha copia da certificación que acredite a superación ou a validación do Celga 4, ou dos cursos de iniciación e perfeccionamento da lingua galega, ou do curso básico de linguaxe administrativa galega.

A falta de presentación destes documentos acreditativos implicará a exclusión da persoa solicitante previamente seleccionada.

Cuarta. Criterios de selección do alumnado participante

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos dous anos, segundo conste nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

Reservarase o 50 % das prazas para as mulleres solicitantes que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existir suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

Quinta. Publicación da relación do alumnado seleccionado

1. A Agasp publicará no enderezo <https://agasp.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, consonte o establecido no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

2. Transcorrido o prazo de alegacións, a Agasp publicará no enderezo <https://agasp.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas en cada curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto nos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexta. Contido

Os cursos terán unha duración de 75 horas cada un, e neles impartiranse os contidos sinalados na Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121, do 24 de xuño).

A avaliación que se efectúe nestes cursos será progresiva e continua, e terá en conta, entre outros elementos, o dominio da materia e a realización das actividades e das tarefas propostas.

Para poder superar os cursos de linguaxe administrativa é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A adecuada realización das actividades programadas. O alumnado deberá realizar as seguintes actividades obrigatorias e avaliables:

• Oito tarefas, segundo a disposición e as características que se determinen na guía didáctica do curso.

• Todas as prácticas de autorresolución dispostas nos módulos da teoría.

Estas actividades deben ser presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. En caso contrario, suporá a perda automática do dereito a participar na proba final presencial.

– A realización de dúas probas finais, unha escrita e outra oral, de carácter presencial.

Para adquirir o dereito ao diploma é necesario superar o conxunto das partes, actividades obrigatorias e probas finais do curso, segundo o sistema de avaliación establecido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, e cumprir os demais requisitos sinalados con anterioridade.

Sétima. Asistencia e seguimento dos cursos

A asistencia e o seguimento das actividades formativas:

a) É obrigatoria a asistencia puntual á proba final do curso.

b) As faltas de asistencia:

A falta de asistencia á proba de avaliación final deberá xustificarse documentalmente ante as persoas responsables do curso nun prazo máximo de dez (10) días naturais contados a partir do día da finalización do período lectivo do curso.

Oitava. Expedición do certificado

O certificado de aptitude do alumnado que supere os cursos será expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Novena. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

Décima. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal das actividades para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir os cursos, ampliar novas edicións ou suspendelos temporalmente, cando así o exixan circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Na páxina web da Agasp publicaranse todos os datos precisos das accións formativas que se convocan nesta resolución.