Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 14 de xullo de 2023 Páx. 43596

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se declaran, con carácter provisional, as persoas aspirantes admitidas e excluídas no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría de pediatra de atención primaria, convocado pola Resolución do 11 de maio de 2023.

Mediante a Resolución desta dirección xeral do 11 de maio de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 98, do 25 de maio), convocouse proceso selectivo, mediante o sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría de pediatra de atención primaria.

A base 6.1 desta resolución establece que, finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se declaren con carácter provisional os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, co motivo da exclusión.

De conformidade coa dita base, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar, con carácter provisional, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría de pediatra de atención primaria, convocado pola Resolución do 11 de maio de 2023.

Segundo. As listas coa relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, con indicación do motivo de exclusión, poderán examinarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos

Terceiro. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen corrixir, se for o caso, o defecto que motivou a súa exclusión, mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación a que se dirixiu a instancia de participación, que deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos dispoñibles do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente a solicitude de participación no proceso, non consten como admitidas nin excluídas na relación publicada.

Cuarto. A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderanse implícitas na resolución pola que se aprobe a listaxe definitiva de admitidos/as e excluídos/as, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos