DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 20 de xullo de 2023 Páx. 44433

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 6 de xullo de 2023, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento ED481B e IN606B).

BDNS (Identif.): 708734.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) radicados en Galicia, sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.

Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que cumpran, na data límite de presentación de solicitudes, as condicións que se indican no artigo 2 da convocatoria.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta convocatoria é outorgar axudas ás universidades do SUG, aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores que obtivesen recentemente o título de doutor ou doutora para a súa formación nos seus centros, unidades ou departamentos, permitindo a mellora das súas capacidades mediante estadías de investigación posdoutoral no estranxeiro ou, en casos excepcionais, en centros de I+D+i de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

As solicitudes que propoñan persoas candidatas de nacionalidade española que presenten un plan de estadías de polo menos 20 meses nos Estados Unidos optarán a contar co apoio da Comisión Fulbright e ter a condición de bolseiras Fulbright.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 7.575.340 euros, para os anos 2023, 2024, 2025 e 2026.

Convócanse 49 axudas (40 para as universidades do SUG e 9 para o resto de entidades beneficiarias), dun máximo de tres anos de duración. O importe de cada axuda inclúe os seguintes conceptos:

1. Un total de 32.000 euros brutos anuais en concepto de salario e custos sociais.

2. Un complemento por cada mes de estadía de:

a) 1.000 euros se o destino da estadía está en Portugal ou Andorra (zona 1).

b) 1.500 euros se o destino da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América, agás Estados Unidos e Canadá (zona 2).

c) 2.000 euros se o destino da estadía está en Estados Unidos, Canadá, Asia ou Oceanía (zona 3).

3. Un total de 500 euros brutos mensuais durante cada período de estadía en Estados Unidos para as solicitudes daquelas persoas investigadoras que acaden a condición de bolseiras Fulbright.

4. Un complemento anual por axuda de 1.500 €, destinado ás entidades beneficiarias para cubriren os gastos asociados á contratación.

5. En aplicación do artigo 22.1, letra g), da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, cando finalice o contrato por expiración do tempo convido, a persoa traballadora terá dereito a percibir unha indemnización de contía equivalente á prevista para os contratos de duración determinada no artigo 49 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores. Para cubrir o custo da indemnización ao remate do contrato incluirase unha axuda total de 3.160 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería
de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria
e Innovación e presidenta
da Axencia Galega de Innovación