DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 31 de xullo de 2023 Páx. 46441

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a relación de persoas admitidas e excluídas con carácter provisional que solicitaron a inclusión na lista única para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal da agrupación profesional do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña, ao abeiro do establecido no artigo 4.1 da Orde do 20 de xullo de 2021.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, incorpora unha disposición transitoria segunda que contén unha habilitación para elaborar unha lista única como resultado da funcionarización. Esta disposición foi obxecto de desenvolvemento mediante a Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 20 de xullo de 2021 (DOG do 30 de xullo).

De conformidade co artigo 4.1 da Orde do 20 de xullo de 2021, poderán crearse novas listas para a cobertura transitoria de prazas de persoal funcionario naqueles supostos en que non existan listas de natureza funcionarial para dar cobertura aos postos das categorías laborais que se funcionarizan, e corresponde presentar solicitude segundo o artigo 7.1 da dita orde.

Mediante a Resolución do 12 de abril de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG do 19 de abril), ábrese o prazo de presentación de solicitudes para a inclusión na lista única para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal da agrupación profesional do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña.

O prazo para presentar as solicitudes iniciouse o 20 de abril de 2023 e finalizou o 11 de maio de 2023.

Rematado o dito prazo, foron examinadas as instancias presentadas coa finalidade de comprobar a concorrencia dos requisitos exixidos para seren admitidas na lista única, nos termos establecidos nos artigos 2 e 6 e disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021.

Así mesmo, tramitáronse, segundo o punto sétimo da Resolución do 12 de abril de 2023 da Dirección Xeral da Función Pública (DOG do 19 de abril), as solicitudes de inclusión das categorías 1 e 11 do grupo V de persoal laboral presentadas este ano 2023 dentro do prazo establecido no artigo 6 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

Concluídos os anteriores traballos, elaboradas e aprobadas as listaxes correspondentes, a Comisión Permanente, de acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, en relación co artigo 10 da Orde do 20 de xullo de 2021, acorda elevar ao titular da Dirección Xeral da Función Pública as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Consecuentemente co anterior, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Facer pública a lista provisional única para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal da agrupación profesional do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña.

Segundo. As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación>, e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galicia (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes).

Nas devanditas listas figura a seguinte información:

– Persoas solicitantes admitidas na lista única, ao abeiro da Resolución do 12 de abril de 2023, procedentes de listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes, con indicación da puntuación provisional resultante da aplicación do baremo, conforme o establecido no artigo 6 e na disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021, en relación co seu artigo 2.

– Persoas solicitantes admitidas na lista única, ao abeiro da Resolución do 12 de abril de 2023, procedentes das solicitudes presentadas no prazo de 2023 nas listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes segundo o punto sétimo da dita resolución, con indicación da puntuación provisional resultante da aplicación do baremo, conforme o establecido no artigo 6 e na disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021, en relación co seu artigo 2.

– Persoas excluídas ao abeiro da Resolución do 11 de outubro de 2021, con expresión da causa de exclusión.

Terceiro. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral da Función Pública, Consellería de Facenda e Administración Pública, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).

Xunto coas ditas reclamacións achegarase, de ser o caso:

– Documentación necesaria para emendar a causa de exclusión.

– Certificación de servizos prestados na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou en entidades públicas instrumentais do sector público autonómico incluídas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, no mesmo grupo, corpo ou escala, ou en categorías profesionais laborais declaradas equivalentes no anexo do Decreto 165/2019, nos termos previstos no artigo 9.b) do Decreto 37/2006, e 6 da Orde do 20 de xullo de 2021, segundo o modelo que figura como anexo I desta resolución. A certificación será expedida polas unidades seguintes:

• Servizos centrais:

Secretario/a xeral técnico/a, subdirector/a xeral ou xefes/as de servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral técnica da consellería respectiva ou do ente público instrumental onde estea a prestar servizos ou onde os prestou por última vez.

• Servizos periféricos:

Xefes/as territoriais ou funcionario/a responsable da área de persoal dos departamentos territoriais, directores/as provinciais ou delegados/as comarcais da consellería ou do ente público instrumental onde preste servizos ou onde os prestou por última vez.

No suposto de que algunha das persoas solicitantes provisionalmente excluída non presente a documentación necesaria para emendar a causa de exclusión ou non emende esta, quedará definitivamente excluída.

Cuarto. Unha vez transcorrido o prazo para formular alegacións, levaranse a efecto as emendas procedentes e daráselles publicidade ás listas definitivas no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2023

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

missing image file