DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 1 de agosto de 2023 Páx. 46555

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 19 de xullo de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público, correspondente ao ano 2023, de once bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PL500D).

BDNS (Identif.): 710258.

De conformidade co previsto na Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas da reforma administrativa, e conforme o recollido nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar estas bolsas as persoas licenciadas ou graduadas universitarias en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que se sinalan nos anexos da orde, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título universitario de licenciatura ou de grao exixido no proxecto para o cal presente a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematado os estudos conducentes ao curso académico 2007/08 ou posterior.

c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.

d) Non resultar beneficiario dunha bolsa en concursos anteriores ou contratos no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6,5 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados na Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 15 de setembro de 2011 (DOG número 188, do 30 de setembro).

As persoas solicitantes que cursasen os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán deberán xuntar a correspondente tradución xuramentada. A certificación do expediente académico indicará a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas, e deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE número 224, do 18 de setembro), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET), e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.

Segundo. Obxecto

Contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases que rexerán serán as contidas na Orde do 19 de xullo de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público, correspondente ao ano 2023, de once bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PL500D). As bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contía

O importe total é de 261.360,00 euros. A contía de cada bolsa, por todos os conceptos, será de 990 euros ao mes (11.880 € anuais), incluídos os custos da Seguridade Social, en aplicación do previsto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema de Seguridade Social, e quedan asimilados a traballadores por conta allea, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social. A cantidade percibida estará en función do número de días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

Sexto. Outros datos

As solicitudes formalizaranse no modelo que se xunta como anexo II a esta convocatoria e deberán ir acompañadas da documentación indicada na base sexta da orde.

Sétimo. Proxectos de investigación

Os proxectos de investigación en que poderán formarse son: Tesouro paleogalaico; Corpus de Referencia do Galego Actual; Corpus Documentale Latinum Gallaeciae; Bibliografía Informatizada da Lingua Galega; Terminoloxía científico-técnica; Informes de literatura; Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos; Lírica profana galego-portuguesa; Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval; Dimensións da identidade colectiva de Galicia, e Legados literarios.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades