DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 2 de agosto de 2023 Páx. 46712

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2023, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito da Orde do 13 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha Rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN223A).

Primeiro. A Orde do 13 de abril de 2023, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 81, do 27 de abril), establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha Rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e realiza a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN223A).

Segundo. O artigo 1.2 da orde de convocatoria establece que a xestión das subvencións se realizará polo procedemento de concorrencia non competitiva e o artigo 4 dispón que as solicitudes se resolverán atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade. Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data para ter en conta serán a data e a hora de presentación da solicitude. No caso de que a solicitude requira emenda, teranse en conta a data e a hora en que a entidade solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida.

Pola súa parte, o artigo 2.2 do anexo I da citada orde establece que a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Terceiro. O artigo 1.3.b) da orde de convocatoria dispón que para as federacións e asociacións de prazas de abastos e mercados se destinará un crédito total de 220.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 05.04.751A.781.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, do seguinte xeito:

Federacións de asociacións de prazas de abastos

45.000,00 €

Asociacións de prazas de abastos

175.000,00 €

Cuarto. Unha vez revisadas e ordenadas todas as solicitudes presentadas, a derradeira solicitude que se puido conceder ás asociacións de prazas de abastos e mercados foi a IN223A-2023-40, que presentou toda a documentación e información requirida na sede electrónica o día 30 de xuño de 2023, ás 12.35 horas.

En virtude do anterior, a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, por delegación da conselleira de Economía, Industria e Innovación (Orde do 9 de febreiro 2023; DOG núm. 34, do 17 de febreiro),

RESOLVE:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do esgotamento do crédito con cargo á aplicación orzamentaria 05.04.751A.781.1 con data do 30 de xuño de 2023, ás 12.35 horas, ao abeiro da Orde do 13 de abril de 2023 (DOG núm. 81, do 27 de abril) pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso dunha Rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN223A).

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023

Manuel Heredia Pérez
Director xeral de Comercio e Consumo