DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 9 de agosto de 2023 Páx. 47800

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 28 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2023/24, e pola que se procede á súa convocatoria (código de procedemento DE400A).

A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, dedica o seu título II ás competencias das administracións públicas galegas en materia de deporte. No artigo 5 determina as competencias que lle corresponden á Administración autonómica, segundo o establecido no artigo 27.22 do Estatuto de autonomía de Galicia. No punto 1, alínea m), atribúelle á Administración autonómica a competencia do fomento e regulación do deporte e dos deportistas de alto nivel de Galicia, así como os seus beneficios.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, en prol da definición da política deportiva autonómica e fixando as directrices e programas de fomento e desenvolvemento do deporte galego dos seus diferentes niveis, está a dotar o deporte de alta competición dos medios necesarios para a mellora do seu nivel técnico. Con este obxectivo establécense as bases reguladoras da concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (en diante, CGTD) para a tempada 2023/24, e se procede á súa convocatoria.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas, polo Decreto 65/2023, do 14 de xuño, polo que se nomea vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a Diego Calvo Pouso, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

1. Establecer as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, e proceder á súa convocatoria para a tempada 2023/24 (código de procedemento DE400A).

2. Estas bolsas estarán destinadas a estudantes de ensinanzas universitarias ou ciclos formativos de grao superior que colaborarán na residencia do CGTD, para completar a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar.

Os bolseiros actuarán baixo a coordinación e dirección dun titor que supervise o proxecto que van desenvolver no centro para que redunde na mellora da súa formación práctica.

A condición de persoa colaboradora bolseira en ningún caso suporá relación contractual ou de calquera outro tipo entre a dita persoa e a Xunta de Galicia.

3. Os beneficiarios das bolsas realizarán o seu labor na instalación do CGTD, sita na rúa Fernando Olmedo, 3, da cidade de Pontevedra, dependente da Secretaría Xeral para o Deporte e durante o curso escolar 2023/24.

Artigo 2. Presentación de solicitudes

1. Os estudantes universitarios, segundo o disposto na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, presentarán a solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, que se inclúe no anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. Os estudantes non universitarios, presentarán a solicitude preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, que se inclúe no anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A presentación da solicitude para participar nesta convocatoria implica o coñecemento e a aceptación das bases que a regulan.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das bolsas para persoal de apoio no CGTD todas aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter entre 18 e 30 anos no momento de presentar a solicitude.

b) Estar empadroado en Galicia no momento de presentar a solicitude.

c) Estar cursando estudos universitarios nunha facultade, escola universitaria ou nun ciclo formativo.

d) Non ser beneficiario dunha bolsa como deportista no CGTD no momento da solicitude.

e) Estar en disposición de cumprir co establecido na Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, que modificou a Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor.

f) No caso de estudantes que tivesen bolsa como deportistas na residencia do CGTD, será necesario:

– Que a súa estadía no CGTD fose valorada como positiva polo equipo directivo do centro.

– Que pasase polo menos 1 ano desde o remate da súa estadía como deportistas bolseiros ata a presentación da solicitude como persoal de apoio.

g) Supletoriamente, no caso de non cubrir as prazas cos requisitos anteriores, poderanse ter en conta solicitudes de persoas que fosen bolseiros no CGTD con anterioridade e que estean cursando estudos non oficiais.

2. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases as persoas en que concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Prazo de presentación

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I), a seguinte documentación:

a) Copia da matrícula universitaria ou do ciclo formativo correspondente ao curso académico 2023/24.

b) Certificado da federación correspondente que o acredita como deportista de alto rendemento, en caso de posuílo.

c) Proxecto de actividades que pretenda desenvolver na residencia de acordo co artigo 15 da presente orde.

d) Titulación federativa, en caso de posuíla.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no artigo 2. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de residencia con data de última variación de padrón da persoa solicitante.

e) Certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

i) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Seguridade Social.

j) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Consellería de Facenda.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

k) Licenciatura/grao/diplomatura en Ciencias da Actividade Física e o Deporte ou Maxisterio por Educación Física (en caso de posuíla).

l) Titulación de grao medio ou grao superior das ensinanzas deportivas de réxime especial (en caso de posuíla).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Criterios de valoración

As solicitudes valoraranse conforme os principios de obxectividade, igualdade e non discriminación, tendo en conta os seguintes criterios:

a) Ser estudante universitario da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte (6 puntos).

b) Proxecto de actividades que pretenda desenvolver na residencia de acordo co artigo 15 desta orde (ata 4 puntos).

c) Que a persoa solicitante teña a condición de deportista galego de alto nivel ou deportista de alto rendemento (4 puntos).

d) Que a persoa solicitante fose recoñecida con anterioridade á data de presentación da solicitude como deportista galego de alto nivel ou deportista de alto rendemento (2 puntos).

e) Estar en posesión do título de licenciatura/grao/diplomatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte (4 puntos) ou Maxisterio na especialidade de Educación Física (3 puntos).

f) Ser estudante universitario nunha facultade ou escola diferente á do primeiro punto, que admitan, polo seu contido e saídas profesionais, a formación práctica a través das diferentes tarefas que se poden desenvolver nunha residencia xuvenil (3 puntos).

g) Ser estudante dun ciclo formativo de grao superior que admita, polo seu contido e saídas profesionais, a formación práctica a través das diferentes tarefas que se poden desenvolver nunha residencia xuvenil (2 puntos).

h) Ter formado parte de programas deportivos de tecnificación ou rendemento deportivo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (2 puntos).

i) Que a persoa solicitante teña ou tivese o recoñecemento de deportista de alto rendemento polo Consello Superior de Deportes (1 punto).

j) Ter formado parte de programas deportivos de carácter estatal ou de rendemento recoñecidos polo Consello Superior de Deportes nun centro recoñecido para tal efecto fóra da nosa comunidade autónoma (1 punto).

k) Estar en posesión de titulacións nalgunha modalidade deportiva, valorando cada titulación por separado e ata un máximo de 3 puntos.

l) Informe da dirección do CGTD, ata un máximo de 3 puntos, en caso de posible renovación da bolsa.

Artigo 10. Órgano instrutor

A instrución do procedemento corresponde á Comisión de Selección.

Artigo 11. Comisión de Selección

A Comisión de Selección estará constituída por:

– Presidente: subdirector/a xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte.

– Vogal: director/a do CGTD.

– Vogal: subdirector/a do CGTD.

– Secretario: unha persoa funcionaria da Secretaría Xeral para o Deporte.

As funcións da Comisión de Selección serán:

a) Analizar a documentación presentada polas persoas interesadas.

b) Comprobar o cumprimento dos diferentes aspectos da convocatoria.

c) Requirirlle á persoa interesada as modificacións e a documentación necesaria para cumprir co establecido no artigo 6.

d) Valoración das solicitudes e do resto da documentación achegada.

e) Elevar á Secretaría Xeral para o Deporte o informe-proposta, no cal se proporá a concesión das bolsas como persoal de apoio e colaborador na residencia do CGTD durante o curso escolar 2023/24. A proposta deberá ter en conta os criterios de paridade establecidos no artigo 16 destas bases.

Artigo 12. Proposta de resolución

1. A Secretaría Xeral para o Deporte, con base no informe da Comisión de Selección, formulará unha proposta de resolución baseada nas maiores puntuacións obtidas.

2. Esta proposta de resolución provisional publicarase na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte, por un prazo de dez (10) días contados a partir do seguinte á data de publicación. Durante este prazo, os interesados poderán formular as alegacións que coiden pertinentes nos lugares e formas indicados para a presentación de solicitudes.

Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas pola persoa interesada.

3. Se algún dos candidatos propostos tivese a intención de non aceptar a adxudicación da bolsa, deberá comunicalo expresamente dentro do prazo de alegacións. Neste caso proporase ao seguinte con maior puntuación e así sucesivamente ata a súa cobertura.

4. Logo de rematar o prazo de alegacións e examinadas estas, se as houbese, formularase a proposta de resolución definitiva.

Artigo 13. Resolución e publicación dos actos

1. O prazo máximo para resolver a convocatoria non poderá exceder tres meses, contados desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non se resolver neste prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

2. Baseándose na proposta de resolución definitiva, a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ditará resolución pola que se adxudican as bolsas para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2023/24. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e, así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

3. Notificada a resolución polo órgano concedente, a persoa beneficiaria disporá dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

4. As baixas que se produzan unha vez publicada a listaxe definitiva teñen que ser comunicadas inmediatamente e por escrito ao enderezo de correo cgtd@xunta.gal para que poidan ser cubertas.

5. A concesión e a percepción da praza non implica ningún tipo de relación laboral, ou de natureza similar, entre a Xunta de Galicia e as persoas beneficiarias.

6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da praza e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14. Beneficios das persoas bolseiras

As persoas beneficiarias destas bolsas disporán do aloxamento de domingo a venres, manutención completa de luns a venres, servizo de lavandaría, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia durante o curso escolar 2023/24 no CGTD.

A concesión destas bolsas é compatible coa obtención de axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia escolar.

Artigo 15. Obrigas das persoas bolseiras

1. As persoas bolseiras deben cumprir as obrigas establecidas no artigo 14.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en concreto:

a) Cumprir o obxectivo e executar o proxecto de actividades, que deberá estar vinculado á súa formación práctica.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

De acordo con isto, a persoa bolseira deberá presentar unha memoria final indicativa dos obxectivos acadados en relación co proxecto de actividades proposto e desenvolvido polo centro, co visto e prace do seu titor.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Serán obrigas específicas das persoas beneficiarias en relación coa súa condición de persoa colaboradora bolseira, coa súa estadía no centro e coa execución do proxecto a desenvolver:

a) Incorporarse á residencia o mesmo día que os deportistas.

b) Permanecer na residencia nos horarios establecidos polas/os preceptoras/es.

c) Colaborar en facilitar a convivencia e cumprir e facer cumprir as normas de réxime interno do centro informando en todo momento a Dirección do CGTD de calquera infracción que se cometa.

d) Realización de actividades de apoio á Dirección do CGTD, aos técnicos responsables dos grupos de deportistas existentes implicados no programa de formación e na organización e promoción de actividades deportivas, recreativas e académicas.

e) Colaborar coas/cos preceptoras/es na organización e promoción de actividades recreativas e formativas.

f) Axudar nas tarefas de control e seguimento dos estudos dos residentes, así como a colaboración con eles no aproveitamento do seu tempo de estudo.

g) Notificar ás preceptoras todas as incidencias que se produzan en relación cos deportistas.

h) Funcións rotatorias diarias:

– Almorzo, comida e cea: control da listaxe de bolseiros e adestradores que fan uso do servizo de comedor e recordarlle as normas aos usuarios do comedor.

– Hora de estudo: supervisión do uso correcto do espazo, control das normas de uso dos estudos, colaborar na organización de tarefas aos bolseiros e distribución do tempo de traballo.

– Control de plantas: ás 23.00 horas supervisión de que todos os bolseiros estean nas súas habitacións e cumprindo as normas da residencia.

– Actividades no salón de actos/sa de xogos: control de capacidade e supervisión do cumprimento das normas por parte dos bolseiros.

i) Calquera outra actividade que se determine para a correcta convivencia dos deportistas no centro e para o desenvolvemento das súas actividades dentro do CGTD.

Artigo 16. Número de bolsas

O número de prazas convocadas é de 6. Para a súa cobertura atenderase, de ser posible en función das solicitudes presentadas, a criterios paritarios, de tal forma que, 3 prazas sexan ocupadas por persoas do sexo feminino e as outras 3 por persoas do sexo masculino, coa finalidade de garantir unha correcta atención ao colectivo de deportistas do centro. Con esta finalidade, a cota de prazas destinada a cada sexo será ocupada polas persoas dese sexo que acaden a maior puntuación, en aplicación dos criterios de valoración previstos no artigo 9. No caso que polo número de solicitudes presentadas non sexa posible a cobertura das prazas reservadas a un dos sexos, cubriranse polas persoas solicitantes do outro sexo.

Artigo 17. Duración das bolsas

As bolsas terán, como mínimo, unha duración dun curso escolar (de setembro a xuño) segundo a orde pola que se aprobe o calendario escolar para o curso 2023/24 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia. As bolsas poderán ser prorrogadas ata que a persoa beneficiaria remate os seus estudos sempre que cumpra cos requisitos e obrigas recollidos nos artigos 3 e 15 desta convocatoria.

Artigo 18. Revogación dunha bolsa

A bolsa concedida poderá ser revogada polas seguintes causas:

a) Por inadaptación ás normas de convivencia.

b) Por incumprimento dalgún dos requisitos establecidos no artigo 3 desta convocatoria.

c) Por incumprimento dalgunha das obrigas establecidas no artigo 15 desta convocatoria.

d) Por renuncia do beneficiario.

e) Por motivos disciplinarios no caso de faltas moi graves segundo o Regulamento de Réxime Interno do centro.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 20. Publicidade dos actos

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 21. Información ás persoas beneficiarias

De acordo co establecido no artigo 14, alínea ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos dos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Así mesmo, os interesados teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do punto 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23. Réxime xurídico

O réxime xurídico aplicable a esta convocatoria é o seguinte: Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG núm. 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; os preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE núm. 276, do 18 de novembro), xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo), polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de xeral aplicación.

Artigo 24. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 a 125 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitacións

Habilítase a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte para ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file
missing image file