DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 9 de agosto de 2023 Páx. 47956

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Asomega

ANUNCIO polo que se convoca a XXIII edición do Premio Nóvoa Santos.

Bases do XXIII Premio Nóvoa Santos

A Asociación de Médicos Gallegos Asomega, organiza o Premio Nóvoa Santos e convoca a súa XXIII edición.

Roche Farma, S.A. colabora con Asomega nesta convocatoria.

Bases do premio:

1. Poderán propoñerse para este premio personalidades galegas relevantes, ou directamente vinculadas a Galicia, na medicina e/ou biomedicina, cuxo labor profesional ou científico teña un impacto nacional ou internacional e, en concreto, unha proxección cara a Galicia.

2. As propostas dos candidatos serán realizadas por universidades, academias reais ou colexios profesionais de medicina, farmacia ou veterinaria, sociedades científicas, hospitais, fundacións, etc., ou un grupo mínimo de oito profesionais médicos e/ou biomédicos.

3. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Resumo do CV do candidato en formato electrónico (PDF).

b) Un informe en que se aduzan os méritos do candidato nun máximo de cinco (5) follas (PDF).

c) Ademais dos aspectos estritamente académico-curriculares e profesionais dos potenciais candidatos, avaliarase o seu compromiso coa sociedade galega, así como o impacto e influencia que cada un deles poidan exercer ou exercer sobre Galicia na súa actividade profesional na medicina en xeral e na galega en particular. O xurado terá tamén en consideración a relevancia da actividade desenvolvida polos candidatos, valorada en función das circunstancias sociais, sanitarias e asistenciais do momento.

4. O galardoado aceptará o compromiso de impartir unha conferencia sobre o tema médico-sanitario que considere que lle permitiu acceder ao Premio, ademais da realizada no acto de entrega.

Tamén se compromete a participar de forma activa na seguinte edición coa súa presenza física ou virtual no acto de entrega. Ademais, colaborará con Asomega na organización e execución de iniciativas de interese para ambas as partes: webinars, conferencias, entrevistas e artigos para a web da entidade, difusión nas súas redes de contidos de Asomega, etc.

5. No momento da recepción do Premio Nóvoa Santos, o galardoado estará rexistrado como socio de Asomega.

6. Non poderán ser candidatos os membros da Xunta Directiva.

7. As solicitudes e documentación deberán enviarse por correo electrónico á atención da Secretaría Técnica de Asomega: info@asomega.es

8. Data límite de presentación de candidaturas: 31 de outubro de 2023.

Premio.

1. O Premio Nóvoa Santos será outorgado polo xurado constituído pola Xunta Directiva de Asomega. O Comité Científico, logo de motivación razoada, elevará unha proposta coa candidatura máis idónea. Para a concesión do premio terá lugar unha reunión da Xunta Directiva e a súa deción, ante a cal non caberá recurso, darase a coñecer a continuación.

2. O premio consistirá en 12.000 euros, un diploma e unha medalla conmemorativa do Premio Nóvoa Santos. A repartición do premio farase segundo os seguintes criterios:

– O diploma, a medalla e o 50 % da contía (6.000 €) destinaranse integramente ao gañador.

– O 25 % (3.000 €) destinarase a financiar un proxecto de investigación desenvolto por mozos investigadores galegos que será designado polo gañador, ou como axuda inicial para a realización dunha tese doutoral dirixida polo galardoado.

– O 25 % (3.000 €) vincúlase á iniciativa Asomega Axuda: segundo o criterio do gañador do Premio, o importe destinarase a apoiar accións de institucións, asociacións e proxectos sen ánimo de lucro que favorezan os máis necesitados e impulsen a humanización na contorna da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A entrega do Premio Nóvoa Santos ao galardoado realizarase en acto público, cuxa localización e data anunciarase con suficiente antelación, onde o premiado pronunciará unha conferencia sobre o tema médico e/o biomédico que considere foi o motivo de tal mérito.

Madrid, 15 de xullo de 2023

Julio Ancochea Bermúdez
Presidente da Asociación de Médicos Gallegos Asomega