DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 10 de agosto de 2023 Páx. 48041

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 31 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR352A).

BDNS (Identif.): 711064.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que, tanto na data de publicación da presente convocatoria como na data de achega da solicitude, estean inscritas na categoría de iniciativa social do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), cuxa actividade principal estea dirixida directamente, e de maneira indubidable, a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, servizos comunitarios, igualdade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, de conformidade coas áreas de actuación recollidas no RUEPSS (comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade), sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades deberán dispoñer dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social (código do procedemento TR352A), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 31 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR352A).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse oito millóns cincocentos mil euros (8.500.000 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade