DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 11 de agosto de 2023 Páx. 48192

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 1 de agosto de 2023 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de grao, máster universitario e programas de doutoramento nas universidades que forman parte do Sistema universitario de Galicia para o curso 2023/24.

A Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, establece que a implantación e ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional corresponde á Comunidade Autónoma.

O Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da calidade regula, nos artigos 26 e 27 o procedemento de verificación dos plans de estudos e establecemento do carácter oficial das titulacións. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola Comunidade Autónoma. Por acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á publicación no Boletín Oficial del Estado e a súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, a Orde do 20 de marzo de 2012, que desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e o Decreto 161/2015, do 5 de novembro, que modifica o Decreto 222/2011.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da Comunidade Autónoma farase mediante orde da consellería competente en materia de universidades e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Previamente terá que ser informado polo Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

As universidades, logo de ser autorizadas a implantar os estudos, quedan obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición alén dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico.

O Pleno do Consello Galego de Universidades na sesión ordinaria do 12 de xuño de 2023, no exercicio das súas competencias, acordou emitir informe favorable sobre a solicitude das universidades do Sistema universitario de Galicia de implantación das seguintes titulacións, unha vez obtidas as resolucións de verificación do ministerio.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Que se autorice á Universidade da Coruña para implantar, no curso 2023/24, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Ciencia e Tecnoloxías de Información Cuántica pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Título conxunto coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela. Autorizado pola presente orde.

2. Máster universitario en Fabricación Aditiva pola Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo. Título conxunto coordinado pola Universidade da Coruña. Autorizado pola presente orde.

3. Máster universitario en Patrimonio Cultural Dixital pola Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela. Título conxunto coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela. Autorizado pola presente orde.

4. Máster universitario en Xestión Sostible da Auga pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Título conxunto coordinado pola Universidade da Coruña. Autorizado pola presente orde.

Artigo 2

Que se autorice a Universidade de Santiago de Compostela para implantar, no curso 2023/24, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Ciencia e Tecnoloxías de Información Cuántica pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Título conxunto coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela. Autorizado pola presente orde.

2. Máster universitario en Historia Contemporánea pola Universidade Autónoma de Barcelona; a Universidade Autónoma de Madrid; a Universidade Complutense de Madrid; a Universidade de Cantabria; a Universidade de Granada; a Universidade de Santiago de Compostela; a Universidade de Zaragoza; a Universidade do País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea e a Universitat de València (Estudi General). A autorización deste máster inicia o proceso de extinción do máster coa mesma denominación co código RUCT 4311727 ao darse de baixa a Universidade Internacional Menéndez Pelayo e incorporarse a Universidade de Granada. Título conxunto coordinado pola Universidade do País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea.

3. Máster universitario en Patrimonio Cultural Dixital pola Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela. Título conxunto coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela. Autorizado pola presente orde.

4. Máster universitario en Xestión Sostible da Auga pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Título conxunto coordinado pola Universidade da Coruña. Autorizado pola presente orde.

5. Programa de Doutoramento en Didáctica das Ciencias Experimentais pola Universidade de Murcia; a Universidade Complutense de Madrid; a Universidade de Alicante; a Universidade de Almería; a Universidade de Cádiz; a Universidade de Castilla-La Mancha; a Universidade de Córdoba; a Universidade de Jaén; a Universidade de Málaga; a Universidade do País Vasco/Euskal Herriko Univertsitatea; a Universidade de Santiago de Compostela; a Universidade de Zaragoza; a Universitat Autònoma de Barcelona e a Universitat de Girona. Título conxunto coordinado pola Universidade de Murcia.

Artigo 3

Que se autorice á Universidade de Vigo para implantar, no curso 2023/24, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Deseño, pola Universidade de Vigo.

2. Máster universitario en Ciencia e Tecnoloxías de Información Cuántica pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Título conxunto coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela.

3. Máster universitario en Enxeñaría Aeronáutica pola Universidade de Vigo.

4. Máster universitario en Fabricación Aditiva pola Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo. Título conxunto coordinado pola Universidade da Coruña.

5. Máster universitario en Xestión Sostible da Auga pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Título conxunto coordinado pola Universidade da Coruña.

6. Programa de Doutoramento en Nanociencia e Biomedicina pola Universidade de Vigo. A autorización deste título inicia o proceso de extinción do Programa de Doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía de Coloides e Interfaces pola Universidade de Vigo co código RUCT 5600828.

Artigo 4

As universidades, logo de ser autorizadas a implantar as ensinanzas universitarias, quedarán obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis aló dun curso académico.

Artigo 5

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos do estudantado que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de extinción, de acordo co establecido no artigo 16.2 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades