DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 18 de agosto de 2023 Páx. 48892

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 1 de agosto de 2023, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, cofinanciadas parcialmente no ámbito das universidades do Sistema universitario de Galicia pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2023 (códigos de procedemento ED481A e IN606A).

BDNS (Identif.): 712532.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á institución onde desenvolva a súa actividade, asumindo ambas as partes as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda.

Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas a ser destinatarias delas persoas que cumpran, na data de peche da convocatoria, os requisitos que se indican no artigo 2 da convocatoria.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta convocatoria é outorgar axudas ás universidades do SUG, aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e aos centros do CSIC radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutoras e doutores nos seus centros.

Este programa procura a formación de persoas investigadoras para a obtención do título de doutora ou doutor e a adquisición das competencias e habilidades relacionadas coa investigación dentro dun programa de doutoramento. Tamén ten por obxecto financiar a contratación laboral durante un período de capacitación para a formación posdoutoral dunha duración máxima dun ano de aquelas persoas contratadas predoutorais que obteñan o título de doutora ou doutor antes do inicio do último ano de contrato.

Ademais, co obxecto de que poidan acadar a mención de doutora ou doutor internacional, de acordo co establecido no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, fináncianse estadías de tres meses de duración no estranxeiro.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 11.770.800,00 euros, para os anos 2023, 2024, 2025, 2026 2027 e 2028, cofinanciado parcialmente polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 201-2027.

Convócanse 102 axudas (90 para as universidades do SUG e 12 para o resto de entidades beneficiarias), dun máximo de catro anos de duración. O importe de cada axuda inclúe os seguintes conceptos:

1. Un total de 24.000 euros brutos anuais durante os tres primeiros anos e de 29.000 euros durante o cuarto ano en concepto de salario e custos sociais. Durante o contrato de capacitación para a formación posdoutoral o importe máximo é de 30.000 euros.

2. Estadías de tres meses de duración no estranxeiro, de ata 6.000 € en función da zona.

3. Un complemento anual por axuda de 1.000 €, destinado ás entidades beneficiarias para cubriren os gastos asociados á contratación, para o seguro durante o período de estadía e para cubrir o custo da matrícula no programa de doutoramento.

4. En aplicación do artigo 22.1, letra g) da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, á finalización do contrato por expiración do tempo convido, a persoa traballadora terá dereito a percibir unha indemnización de contía equivalente á prevista para os contratos de duración determinada no artigo 49 do texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores. Para cubrir o custo da indemnización ao remate do contrato, incluirase unha axuda total de 3.400,00 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29 de xullo de 2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería
de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación e presidenta da Axencia Galega de Innovación