DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 21 de agosto de 2023 Páx. 49244

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 14 de agosto de 2023 pola que se convoca o Curso de formación en prevención de riscos laborais: xestión da agresión (código CV23073).

De acordo co Convenio de colaboración entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e Cualtis, S.L.U. para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar o curso que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Persoal de atención directa do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) da Coruña.

Este persoal terá que estar en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e reunir os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada unha delas se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Acceso a actividade formativa de prevención de riscos laborais: xestión da agresión

O acceso será a través da páxina web da EGAP: <https:// egap.xunta.gal> e unha vez dentro haberá que seguir as seguintes instrucións:

1. É preciso estar rexistrado na área de matrícula da EGAP. Para iso ten que premer na icona «área de matrícula» da páxina web da EGAP e rexistrarse premendo en «rexistrar unha conta para acceder ás aplicacións», situada na parte inferior da pantalla (no caso de que o/a traballador/a xa estivese rexistrado/a, este paso non será necesario).

2. A EGAP realizará a matriculación do alumnado indicado polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais .

3. Unha vez rexistrado/a e matriculado/a, poderá acceder ao curso o día do seu comezo.

4. Antes de que empece o curso, o/a titor/a enviaralle un correo electrónico ao alumnado coa guía do curso, que conterá a data de inicio, as instrucións, os obxectivos, o cronograma e o método de avaliación do curso.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35, en horario de atención ao publico (das 9.00 ás 14.00 horas), e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para tramitar o procedemento de selección consultaranse automáticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso. Neste caso, a persoa interesada deberá indicalo incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar, ademais, unha copia dos documentos a cuxa consulta se opón a través do seguinte enderezo electrónico: xestion.egap@xunta.gal

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, a través do seguinte enderezo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección.

Quinta. Criterios de selección

Persoal de atención directa do CAPD da Coruña.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, de acordo co disposto no artigo 45.1b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Asistencia

A asistencia:

a) É obrigatoria a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais, pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación, que se realizará ao final dela.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP e Cualtis, S.L.U.

1. A EGAP e Cualtis, S.L.U. poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Tamén lles corresponde a ambos os dous organismos prover canto sexa necesario para a execución e o cumprimento desta resolución.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e Cualtis, S.L.U. reservar para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e Cualtis, S.L.U. garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV23073.

Área de coñecemento: coñecementos transversais.

Nome do curso: Formación en prevención de riscos laborais: xestión da agresión.

1. Obxectivos.

Formar o persoal dos centros de atención a persoas con discapacidade para a intervención ante condutas problemáticas, crises de axitación e condutas agresivas.

2. Destinatarios/as.

Persoal de atención directa do CAPD da Coruña.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 8 horas.

Prazas: 15.

Edicións: 8.

Primeira edición: 1 de setembro de 2023.

Horario: 8.00 a 15.00 h.

Segunda edición: 29 de setembro de 2023.

Horario: 8.00 a 15.00 h.

Terceira edición: 6 de outubro de 2023.

Horario: 8.00 a 15.00 h.

Cuarta edición: 27 de outubro de 2023.

Horario: 8.00 a 15.00 h.

Quinta edición: 3 de novembro de 2023.

Horario: 8.00 a 15.00 h.

Sexta edición: 24 de novembro de 2023.

Horario: 8.00 a 15.00 h.

Sétima edición: 1 de decembro de 2023.

Horario: 8.00 a 15.00 h.

Octava edición: 29 de decembro de 2023.

Horario: 8.00 a 15.00 h.

Lugar de realización: CAPD da Coruña.

Contido:

1. A discapacidade intelectual.

2. Principais problemas de conduta en persoas con DI.

3. Principais comorbilidades.

5. Manexo de pacientes e automanexo.

5.1. Condutual (tarefas de focalización).

5.2. Verbal (comunicación asertiva, desescalada verbal...).

6. Coidando o coidador.