DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Martes, 22 de agosto de 2023 Páx. 49408

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 4 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2023/24 (código de procedemento TU200A).

BDNS (Identif.): 712655.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderá solicitar estas bolsas o alumnado que reúna os requisitos académicos e económicos que establece esta resolución e teña feito, se procede, o anticipo de matrícula.

2. No caso de que non se outorguen a totalidade das bolsas incluídas para a convocatoria do curso 2023/24, poderán outorgarse ao alumnado do resto de cursos, sempre que reúnan os requisitos establecidos para a obtención das bolsas no artigo 4 destas bases, salvo o de cursar o primeiro curso.

En todo caso só poderá obter bolsa neste suposto o alumnado que non obtivese bolsa en ningunha ocasión anterior e superase o curso nas convocatorias de xuño, a excepción do stage.

Segundo. Obxecto e réxime

Estas bases teñen por obxecto o establecemento de bolsas de matrícula, en réxime de concorrencia competitiva, para o alumnado que curse as titulacións que imparte o Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), para o curso 2023/24, código de procedemento TU200A.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 4 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2023/24 (código de procedemento TU200A).

Cuarto. Clases e contías das bolsas

1. As bolsas supoñen un desconto no prezo da matrícula ordinaria por titulación en réxime externo, segundo se reflicte na Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do CSHG (DOG núm. 128, do 8 de xullo), modificada pola Orde do 2 de novembro de 2022 (DOG núm. 214, do 10 de novembro).

2. Existen dúas modalidades de bolsas, as bolsas de nova adxudicación e as bolsas de renovación, dado que, unha vez concedidas as bolsas, aínda que se conceden durante a totalidade dos cursos da titulación, é necesario solicitar a súa renovación, tal e como se establece no artigo 23. Ambas as dúas modalidades de bolsas serán, á súa vez, de dous tipos, ao abeiro do disposto no artigo 6.2 da Orde do 4 de xullo de 2014:

Tipo I. Supoñen un desconto do 80 % do prezo da matrícula ordinaria por titulación.

Tipo II. Supoñen un desconto do 50 % do prezo da matrícula ordinaria do CSHG por titulación.

3. Conforme as titulacións que se imparten no CSHG outorgaranse as seguintes bolsas de nova adxudicación para o curso 2023/24:

a) 6 bolsas tipo I para o 1º curso de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

b) 15 bolsas tipo II para o 1º curso de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Sexto. Aboamento e xustificación

A bolsa non supón a entrega efectiva de diñeiro ao/á alumno/a a que lle foi concedida. A concesión da bolsa supón a posibilidade de matricularse nas titulacións sen necesidade de aboar o importe que lle foi concedido segundo o tipo de bolsa.

Unha vez publicada a resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia, a persoa beneficiaria poderá aplicar o desconto correspondente sobre o prezo da matrícula segundo o tipo de bolsa que lle foi concedido.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2023

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia