DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 25 de agosto de 2023 Páx. 50340

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 9 de agosto de 2023, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se declara a singularidade de máster universitario no Sistema universitario de Galicia.

O 21 de marzo de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 10 de marzo de 2022 da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se fixan os criterios para a determinación do carácter singular de titulacións oficiais de grao e máster no Sistema universitario de Galicia.

Esta disposición da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ten por obxecto definir o concepto e fixar os criterios para a determinación do carácter singular de determinadas titulacións de grao e máster universitario ofertados no Sistema universitario de Galicia, para os efectos do establecido no Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 161/2015, do 5 de novembro, establecendo unha nova redacción do seu artigo 6. A teor deste artigo, as titulacións de máster universitario deberán acadar un mínimo anual de matrícula de novo ingreso non inferior a 20. Sendo así, como requisito previo para considerar a solicitude de declaración de singularidade a Resolución do 10 de marzo de 2022 establece no seu apartado quinto que: «cando o promedio do alumnado de novo ingreso durante tres cursos consecutivos nunha titulación oficial de grao o máster universitario sexa inferior aos mínimos exixidos no artigo 6 do Decreto 222/2021, do 2 de decembro, a universidade responsable da titulación poderá solicitar a declaración de singularidade da mesma...».

Para o Sistema universitario de Galicia aquelas titulacións que polas súas concretas características, resulten indispensables para a oferta global do sistema ou teñan especial interese estratéxico para a formación universitaria da Comunidade terán a consideración de titulación singular. En particular, no caso dos máster universitarios deben cumprir con algún dos seguintes criterios establecidos no apartado cuarto da Resolución do 10 de marzo de 2022 da Secretaría Xeral de Universidades:

«a) Estar vinculados directamente cunha liña de investigación de acreditada excelencia a nivel internacional.

b) Estar vinculado cos centros CIGUS recoñecidos pola Xunta de Galicia.

c) Estar vinculados aos sectores considerados estratéxicos polo Goberno da Comunidade Autónoma».

A resolución de declaración de graos singulares do Sistema universitario de Galicia publicarase unha vez remate o proceso de racionalización da oferta docente, contemplado no Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026.

De acordo co exposto e unha vez analizadas as solicitudes de singularidade remitidas polas universidades nos anos 2022 e 2023 e no que atinxe as titulacións de máster universitario nos que a media do número de alumnos de novo ingreso durante tres cursos consecutivos é inferior aos mínimos exixidos no artigo 6 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro, ditase a seguinte

RESOLUCIÓN:

Primeiro. Declaración de Singularidade

Recoñécese o carácter singular no Sistema universitario de Galicia, por cumprimento dalgúns dos criterios establecidos no apartado cuarto da Resolución do 10 de marzo de 2022 da Secretaría Xeral de Universidades, ao seguinte título de máster:

1. Máster universitario en Química na Fronteira coa Bioloxía e a Ciencia de Materiais da Universidade de Santiago de Compostela.

Segundo. Exclusión de recoñecemento da singularidade

Non procede a declaración de singularidade, por non cumprir algún dos criterios do apartado cuarto da dita resolución, os seguintes títulos de máster:

1. Máster universitario en Ciencias da Visión da Universidade de Santiago de Compostela.

2. Máster universitario en Investigación e Desenvolvemento de Medicamentos da Universidade de Santiago de Compostela.

3. Máster universitario en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía da Universidade da Coruña.

4. Máster universitario en Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.

5. Máster universitario en Nanociencia e Nanotecnoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo.

6. Máster Universitario en Química Teórica e Modelización Computacional da Universidade da Coruña.

Terceiro. Mantemento na oferta académica do Sistema universitario de Galicia

A) Non procede valorar a declaración de singularidade, por non cumprir o requisito previo recollido no apartado quinto da Resolución do 10 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral de Universidades, os seguintes títulos de máster:

1. Máster universitario en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental da Universidade de Vigo.

2. Máster universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos da Universidade da Coruña.

3. Máster universitario en Dirección de Proxectos da Universidade de Santiago de Compostela.

4. Máster universitario en Economía da Universidade de Vigo.

5. Máster universitario en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sustentable da Universidade de Santiago de Compostela.

6. Máster universitario en Industria 4.0 da Universidade de Vigo e a Universidade de León.

7. Máster universitario en Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentarias da Universidade de Santiago de Compostela.

8. Máster universitario en Investigación Biomédica da Universidade de Santiago de Compostela.

9. Máster universitario en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria da Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo.

10. Máster universitario en Nutrición da Universidade de Vigo.

11. Máster universitario en Rehabilitación Arquitectónica da Universidade da Coruña.

12. Máster universitario en Sistemas Aéreos non Tripulados, da Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo.

B) Non procede valorar a declaración de singularidade por non cumprir ningún dos criterios do apartado cuarto da Resolución do 10 de marzo de 2022 da Secretaría Xeral de Universidades. Non obstante poderán ofertarse, polo carácter de título habilitante ou vinculado a profesión regulada (Resolución do 14 de novembro de 2022, 4ª d), os seguintes títulos de máster:

1. Máster universitario en Enxeñaría Agronómica da Universidade de Santiago de Compostela.

2. Máster universitario en Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña.

3. Máster universitario en Enxeñaría de Montes da Universidade de Santiago de Compostela.

4. Máster universitario en Enxeñaría Mariña da Universidade da Coruña.

5. Máster universitario en Náutica e Transporte Marítimo da Universidade da Coruña.

6. Máster universitario en Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela.

C) Non procede valorar a declaración de singularidade por non cumprir ningún dos criterios do apartado cuarto da Resolución do 10 de marzo de 2022 da Secretaría Xeral de Universidades. Non obstante poderán ofertarse, polo carácter de título único ofertado no centro (Resolución do 14 de novembro de 2022, 4ª d), os seguintes títulos de máster:

1. Máster universitario en Filosofía: Coñecemento e Cidadanía da Universidade de Santiago de Compostela.

2. Máster universitario en Optometría da Universidade de Santiago de Compostela.

D) Non procede valorar a declaración de singularidade dos seguintes títulos de máster, xa que na actualidade non se ofertan no Sistema universitario de Galicia (Revogación por Orde do 20 de decembro de 2022):

1. Máster universitario en Enxeñaría de Procesado de Alimentos da Universidade de Santiago de Compostela.

2. Máster universitario en Fiscalidade Internacional e Comunitaria da Universidade de Santiago de Compostela.

Cuarto. Efectos do recoñecemento de singularidade

1. A declaración de singularidade suporá, para as titulacións recoñecidas como tales, a exención do cumprimento do exixido no artigo 6 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, séndolles aplicables, en todo caso, o contido do resto de articulado e demais normativa de aplicación.

2. A publicidade da presente resolución suporá a perda da declaración de excepcionalidade dos másters universitarios que a tiveran recoñecida, de acordo co establecido na disposición transitoria da Resolución do 10 de marzo de 2022 da Secretaría Xeral de Universidades.

Quinto. Responsabilidade das universidades

1. A declaración de singularidade non exime ao centro responsable do título de levar a cabo as accións concretas para a mellora da calidade da titulación e a súa avaliación pola Axencia para a Calidade do Sistema universitario de Galicia.

2. Para estes efectos, antes do remate do curso académico vixente, o centro responsable do título declarado singular, presentará un plan de reforzo da calidade docente do título, no que se determinará a temporalidade para a súa efectiva execución.

Sexto. Prazo de recurso

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2023

José Alberto Díez de Castro
Secretario xeral de Universidades