DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 6 de setembro de 2023 Páx. 51633

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario da Xunta de Galicia (subgrupo AP).

Mediante a Resolución do 11 de xullo de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 134, do 14 de xullo), aprobáronse as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario da Xunta de Galicia (subgrupo AP), convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (DOG núm. 245, do 27 de decembro), modificada polas resolucións do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro) e do 6 de febreiro de 2023 (DOG núm. 26, do 7 de febreiro).

Unha vez transcorrido o prazo para a presentación das reclamacións sobre as ditas listaxes, de conformidade co artigo 12 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e coa base I.4.2 das que rexen o proceso selectivo, esta dirección xeral

RESOLVE:

Aprobar as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario da Xunta de Galicia (subgrupo AP), dos seguintes corpos/escalas ou especialidades:

Corpo/escalas

Agrupación profesional

I. Escala de persoal subalterno

II. Escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais:

– Especialidade de persoal de limpeza e cociña

– Especialidade de persoal de recursos naturais e forestais

III. Escala de persoal de mantemento

As persoas aspirantes poderán consultar o estado das solicitudes de inscrición presentadas e a situación como admitidas ou excluídas a través do aplicativo FIDES (https://fides.xunta.gal).

A listaxe definitiva completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación, de ser o caso, da causa determinante da súa exclusión, poderase consultar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Así mesmo, e segundo a base I.4 das que rexen o proceso selectivo, nesta listaxe figuran as persoas aspirantes que non acreditaron estar en posesión do Celga requirido, polo que terán que realizar a proba de coñecemento da lingua galega.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo, así como da posesión do Celga requirido. Cando da documentación que deben presentar tras superar o proceso selectivo se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas aspirantes decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación.

A Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listaxes, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas das persoas admitidas e excluídas.

Para iso será necesaria a presentación dun escrito dirixido á Dirección Xeral da Función Pública en que soliciten a devolución e que deberá incluír un número de conta bancaria na epígrafe expediente > datos persoais do aplicativo FIDES. A presentación deste escrito fóra de prazo ou a non inclusión dos datos bancarios na aplicación FIDES suporá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas solicitantes admitidas provisional ou definitivamente.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1 do mesmo texto legal.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2023

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública