DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 6 de setembro de 2023 Páx. 51589

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 25 de agosto de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento SI451B).

O Real decreto 1917/2008, do 21 de novembro, polo que se aproba o programa de inserción sociolaboral para mulleres vítimas de violencia de xénero, establece no seu artigo 10 incentivos para facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres que, como consecuencia da súa contratación, teñan que trasladar a súa residencia habitual.

O dito real decreto establece catro tipos de incentivos: gastos de desprazamento, gastos de transporte de mobiliario e enxoval, gastos de aloxamento e gastos de atención a menores e/ou persoas dependentes.

Na súa disposición adicional segunda o real decreto dispón que: «As comunidades autónomas que teñan asumido o traspaso da xestión realizada polo Servizo Público de Emprego Estatal no ámbito do traballo, o emprego e a formación, así como de programas de apoio á creación de emprego, exercerán as funcións que lles correspondan segundo o disposto nos reais decretos de traspasos e nas normas de procedemento e bases reguladoras para a concesión de subvencións que diten as comunidades autónomas para a súa execución en función da súa propia organización».

A competencia en materia de igualdade correspóndelle á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, segundo o disposto no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

O Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, establece que lle corresponde á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica, entre outras funcións, «as de impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como a eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

Pola súa banda, a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, establece no seu artigo 35 unha serie de medidas específicas no ámbito da formación e o emprego.

O Pacto de Estado contra a violencia de xénero, adoptado no Congreso dos Deputados e o Senado, cuxa aprobación culminou o 27 de decembro de 2017 coa ratificación de todas as comunidades autónomas de común acordo do documento final do Pacto de Estado, que recolle no seu eixe 3 de maneira específica «O perfeccionamento da asistencia, axuda e protección ás vítimas», prevé para iso a potenciación dos plans de inserción laboral das mulleres vítimas, implica activamente os axentes sociais e simplifica e mellora os sistemas de axudas previstos actualmente.

Así, a medida 174 do documento refundido recolle: «Potenciar o plan de inserción sociolaboral para as vítimas regulado no Real decreto 1917/2008, do 21 de novembro, polo que se aproba o programa de inserción sociolaboral para mulleres vítimas de violencia de xénero, desenvolvendo máis extensivamente as medidas de actuación alí recollidas e considerando, así mesmo, medidas de adaptación ás necesidades individuais das vítimas, conectándoas coas axudas económicas existentes e simplificando as condicións para acceder a estas».

O día 25 de novembro de 2021, catro anos despois da aprobación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a maioría dos grupos políticos con representación parlamentaria, conscientes de que o Pacto de Estado non pode ter como horizonte temporal o mes de setembro de 2022, senón que debe continuar vertebrando a nosa resposta como país fronte á violencia machista, asinaron un acordo de renovación do ditame, onde novamente se plasmou a vontade de todos os actores institucionais de seguir traballando polo cumprimento das medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e o establecemento dun marco ampliado e permanente para o desenvolvemento de políticas públicas que o fortalezan.

Con base en todo o anterior, o 22 de xullo de 2022 a Conferencia Sectorial de Igualdade aprobou o Acordo relativo ao establecemento dun marco de actuación conxunta que garanta a prórroga e permanencia das políticas públicas e os servizos que derivan do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, co obxecto de asegurar as condicións básicas que garantan a igualdade de todas as mulleres no exercicio dos seus dereitos fronte á violencia».

Esta resolución, enmarcada no desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero na nosa comunidade, supón un paso máis para favorecer a integración sociolaboral das mulleres vítimas de violencia de xénero en Galicia, coa articulación e desenvolvemento de medidas económicas que apoien a súa independencia económica e persoal cando se vexan avocadas a un cambio de residencia.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto, finalidade e ámbito de aplicación

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases que rexerán a concesión de subvencións destinadas a facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero cando, a causa desa situación de violencia, se vexan obrigas a cambiar a súa residencia habitual como consecuencia da súa contratación por conta allea ou establecemento por conta propia.

2. A finalidade das axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sufriron violencia machista e apoialas no comezo dunha nova vida ou situación libre de violencia.

Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2023.

3. Considerarase que existe mobilidade xeográfica cando, como consecuencia da contratación por conta allea ou polo establecemento por conta propia, se produza un traslado efectivo da residencia habitual na Comunidade Autónoma de Galicia a outra localidade de destino que estea a máis de 50 quilómetros da localidade de orixe.

Subvencionarase a mobilidade xeográfica dentro da Comunidade Autónoma de Galicia ou ben desde a Comunidade Autónoma de Galicia a outras localidades situadas dentro do territorio español.

4. As axudas recollidas na presente resolución recoñeceranse cando o traslado se producise con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021.

5. O código do procedemento correspondente a estas axudas é o SI451B.

6. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei.

Artigo 2. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución as mulleres vítimas de violencia de xénero que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que acrediten a súa situación por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida no prazo dos 24 meses anteriores ao cambio de residencia.

Para os efectos desta resolución tamén terán a condición de vítima de violencia de xénero as mulleres que padeceran violencia vicaria ou violencia por interposita persona.

b) Que cesasen a relación de convivencia co seu agresor.

c) Que a media dos ingresos brutos mensuais da solicitante non supere o límite do importe de 3,5 veces o IPREM vixente nos 6 meses anteriores á data de presentación da solicitude.

Unicamente se terán en conta as rendas ou ingresos de que dispoña ou poida dispoñer a solicitante da axuda, sen que se computen para estes efectos as rendas ou ingresos doutros membros da unidade familiar que convivan coa vítima.

Artigo 3. Prazo e solicitude

1. O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2023.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, asinado pola persoa solicitante ou a persoa representante legal, de ser o caso.

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 4. Orzamento

1. Para a concesión destas subvencións destínase crédito polo importe de 40.000,00 euros na aplicación orzamentaria 11.20.313D.480.2, código de proxecto 2018 00112.

O financiamento enmárcase nos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, correspondentes á Comunidade Autónoma de Galicia para 2023.

2. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

Artigo 5. Tipos e contía das subvencións

Serán subvencionables os seguintes tipos de subvencións:

1. Gastos de desprazamento.

Esta subvención destinarase a cubrir os gastos de desprazamento da beneficiaria, así como os dos familiares ao seu cargo que convivan con ela, desde a localidade de orixe á da nova residencia. Cando o desprazamento se realice en liña regular de transporte público, a contía máxima da axuda será o importe do billete ou pasaxe dentro da tarifa correspondente á clase segunda, turista ou equivalente. Se se utiliza para o desprazamento o vehículo particular, a contía máxima da axuda será a establecida para o efecto nas administracións públicas como indemnización por uso de vehículo particular (0,26 €/km), á cal se engadirá o importe das peaxes que se xustifiquen.

2. Gastos de transporte de mobiliario e enxoval.

Esta subvención destinarase a cubrir os gastos polo traslado de mobiliario e enxoval desde a localidade de orixe á do novo destino na contía do custo do dito traslado, ata un máximo de 4 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) mensual vixente. En ningún caso o importe da axuda poderá superar o custo total da actividade subvencionada.

3. Gastos de aloxamento.

Esta subvención destinarase a cubrir os gastos xerados polo aloxamento, incluíndo o alugueiro ou adquisición de vivenda, ou outros gastos de hospedaxe da beneficiaria e dos familiares ao seu cargo que convivan con ela, na localidade de novo destino durante os doce primeiros meses de vixencia do contrato de traballo ou das súas modificacións e polo traballo realizado por conta propia. A contía máxima da axuda será de 10 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) mensual vixente. Para o cálculo da contía que se aboará multiplicarase o número de días en que a muller permanecese traballando por conta allea ou propia na nova localidade polo indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) diario. En ningún caso o importe da axuda poderá superar o custo total da actividade subvencionada.

4. Gastos de escolas infantís e de atención a persoas dependentes.

Esta subvención destinarase a cubrir os gastos das escolas infantís no referido ao transporte ou comedor ou centros de ensino durante o primeiro ciclo de educación infantil dos/das fillos/as das beneficiarias que dependan economicamente dela ou por atención das persoas dependentes ao seu cargo, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, xerados durante os doce primeiros meses de vixencia do contrato, ou das súas modificacións, e polo traballo realizado por conta propia na nova localidade. A contía máxima da axuda será de 4 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) mensual vixente con independencia do número de fillos ou persoas dependentes ao seu cargo. Para o cálculo da contía que se aboará multiplicarase o número de días en que a muller permanecese contratada por conta allea ou propia polo indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) diario. En ningún caso o importe da axuda poderá superar o custo total da actividade subvencionada.

Artigo 6. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

1. Documentación común para todas as subvencións:

a) Documentación acreditativa da condición de vítima de violencia de xénero por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

b) Documentación que acredite os ingresos declarados no anexo I da persoa solicitante (nóminas, recibos ou calquera outro documento acreditativo).

c) Copia do libro de familia, certificación expedida polo Rexistro Civil ou calquera outro documento que acredite fidedignamente a relación maternofilial e de parentesco coa persoa familiar dependente, se é o caso.

d) Certificado histórico de empadroamento.

e) Contrato de traballo ou documento acreditativo da contratación onde se indique a data de inicio e data fin.

f) Documento de alta no réxime especial de traballadores autónomos (modelo 036 ou 037).

2. Documentación específica para cada tipo de subvención

2.1. Documentación para a axuda de gastos de desprazamento:

a) Billete/s, pasaxe/s e peaxes, se é o caso, e xustificante/s do seu pagamento.

2.2. Documentación para a axuda de gastos de transporte de mobiliario e enxoval.

a) Facturas acreditativas do gasto realizado no transporte de mobiliario e enxoval, e documentos acreditativos do seu pagamento.

2.3. Documentación para a axuda de gastos de aloxamento.

a) Facturas ou recibos correspondentes aos gastos derivados da hospedaxe, así como a documentación acreditativa do seu pagamento, se é o caso.

b) Contrato de alugueiro e documentos acreditativos do seu pagamento, se é o caso.

c) Contrato de compravenda de vivenda, se é o caso.

2.4. Documentación para a axuda de gastos de escolas infantís e de atención a persoas dependentes.

a) Facturas correspondentes ao transporte ou comedor das escolas infantís e centros de ensinanza durante o primeiro ciclo de educación infantil e documentación acreditativa do seu pagamento, se é o caso.

b) Facturas correspondentes aos gastos derivados do coidado de persoas dependentes e documentación acreditativa do seu pagamento, se é o caso.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. As solicitantes deberán comunicar á Secretaría Xeral da Igualdade calquera modificación que se produza nos datos indicados na súa solicitude ou en calquera dos documentos que a acompañan. Esta variación comunicarase no momento en que se produza, co fin de axilizar a instrución do procedemento.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de residencia legal da persoa solicitante estranxeira.

d) Certificado de datos de residencia con data de última variación.

e) Informe de vida laboral dos últimos 12 meses.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberase transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.

Artigo 10. Instrución

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral da Igualdade. Este proceso efectuarase de forma continuada segundo a orde de recepción de solicitudes.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na resolución de convocatoria, a Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero requirirá a interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, indicándolle que se non o fixer se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, e sempre que sexa preciso, a Secretaría Xeral da Igualdade requirirá as solicitantes que acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. O órgano instrutor, de acordo co establecido no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para as axudas concedidas polo procedemento previsto no artigo 19.2 desta lei, unha vez comprobada a concorrencia dos requisitos exixidos formulará a proposta de concesión directamente ao órgano concedente.

6. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. A resolución dos expedientes de solicitude destas axudas correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade.

2. O procedemento de concesión segue o réxime de concorrencia non competitiva, polo que se recoñecerán axudas ata o esgotamento do crédito orzamentario. Unha vez esgotado o crédito, o órgano xestor deberá publicar o esgotamento da partida orzamentaria e a inadmisión de posteriores solicitudes.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, esta entenderase desestimada, de conformidade co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Réxime de recursos

1. A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa.

Artigo 14. Pagamento das axudas

1. O pagamento da axudas axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso das axudas de gastos de aloxamento e gastos de escolas infantís e de atención a persoas dependentes, a contía da axuda concedida aboaráselles ás persoas beneficiarias, ou ben nun pagamento único ou ben en pagamentos sucesivos a medida que presenten as solicitudes e a documentación xustificativa para o seu pagamento.

2. O pagamento das axudas reguladas nesta resolución farase unicamente na conta que as persoas solicitantes fagan constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente; a Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables ás solicitantes.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

1. Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

2. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. Así mesmo, teñen a obriga de comunicar calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias que fundamentan o dereito a percibir estas axudas, de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral da Igualdade e de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión ou, de ser o caso, á revogación, sen prexuízo do disposto no segundo parágrafo do artigo 16.

Artigo 17. Reintegro

1. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obtivese a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseasen ou ocultasen feitos ou datos que motivaron a súa concesión. Para a tramitación do expediente declarativo de reintegro haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia, que lles será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da subvención. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.

Artigo 18. Incompatibilidades

1. Coa excepción establecida no número 2 deste artigo, as subvencións reguladas nesta resolución son incompatibles coa percepción doutra indemnización establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, destinadas ao mesmo fin e en relación co mesmo feito causante. Así mesmo, esta axuda é incompatible coa axuda para cambio de residencia recollida na disposición transitoria primeira do Real decreto 1369/2006, do 24 de novembro, polo que se regula o programa de renda activa de inserción para desempregados con especiais necesidades económicas e dificultade para encontrar emprego.

2. As axudas de indemnización establecidas nesta resolución son compatibles coas axudas previstas na Lei 35/1995, do 11 de decembro, de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual, así como con calquera outra axuda económica de carácter autonómico ou local concedida pola situación de violencia de xénero.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 20. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI451B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de igualdade das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos ou da Secretaría Xeral da Igualdade, https://igualdade.xunta.gal, nos teléfonos 981 54 53 61/981 95 72 68 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal

Artigo 21. Infraccións e sancións

As persoas beneficiarias estarán sometidas ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establecen a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación.

Artigo 22. Remisión normativa

En todo o non previsto nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional única. Facultade de desenvolvemento

A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións necesarias para o adecuado desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2023

Sandra Vázquez Domínguez
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file