DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 6 de setembro de 2023 Páx. 51714

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 16 de agosto de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción da instalación eléctrica no concello da Cañiza (expediente IN407A 2017/716-4 modificado).

Expediente: IN407A 2017/716-4 modificado.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMT cambio sección FRI808 e CT A Igrexa.

Concello: A Cañiza.

Feitos:

Primeiro. O 20 de novembro de 2017, a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., na actualidade UFD Distribución Electricidad, S.A., solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMT cambio Sección FRI808 e CT A Igrexa.

Segundo. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 18 de decembro de 2017, publicada nos seguintes medios: Diario Oficial de Galicia do 15 de xaneiro, Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 15 de xaneiro, xornal Faro de Vigo do 24 de xaneiro, no Boletín Oficial del Estado do 26 de febreiro de 2018 e no taboleiro de anuncios do Concello da Cañiza.

Terceiro. O 7 de xuño de 2018, esta xefatura territorial ditou unha resolución de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción da instalación eléctrica no concello da Cañiza (expediente IN407A 2017/716-4) coas seguintes características técnicas:

Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV en tres actuacións.

Primeira: 454 metros con condutor LA-56, con orixe no apoio metálico existente (AME) núm. 0 na saída FRI808 e final no apoio metálico proxectado (AMP) núm. 4.

Segunda: 535 metros con condutor LA-56, con orixe AMP núm. 5 e final AME núm. 9.

Terceira: 13 metros con condutor LA-30, desde o AMP núm. 6 ata o AME 89-5-1 na saída FRI808.

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ, de 486 metros de lonxitude, con orixe no paso aerosubterráneo (PAS) proxectado no AMP núm. 4 e final no PAS proxectado no AMP núm. 5, unha vez entre e saia do centro de transformación.

Centro de transformación (CT) a 160 kV, con RT 20 kV/400 V, situado na Igrexa, Oroso, A Cañiza.

Cuarto. Debido ás modificacións substanciais necesarias no proxecto inicial, o 29 de novembro de 2021, UFD Distribución Electricidad, S.A. presentou un proxecto modificado. Neste proxecto recolle a necesidade de soterrar parte da liña de media tensión aérea para non cruzar o núcleo rural tradicional de Presa, mediante as seguintes actuacións: instalación de dous novos apoios C-1000/14 e C-2000/14, nos que se instalarán XS, diminución do tramo de liña de media tensión aérea en condutor LA-56 e aumento do tramo de liña de media tensión subterránea en 907 metros.

As características técnicas do proxecto modificado son: LMTA a 20 kV con condutor LA-56 en dúas actuacións. A primeira actuación de 213 metros de lonxitude ten orixe no apoio C-2000/14 (punto 5) e final no apoio C-2000/18 (punto 6). A segunda de 136 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-2000/14 (punto 18) e final no apoio existente AO0ETGB4//89-7. LMTS a 20 kV con condutor RHZ de 907 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-1000/14 (punto 17) e final no apoio proxectado C-2000/14 (punto 18).

Quinto. O modificado do proxecto non cambia a afección das parcelas xa expropiadas. As persoas afectas pola realización da obra no proxecto inicial seguen estando afectadas co mesmo alcance que o proxecto orixinal. Porén coas modificacións proxectadas se afecta a maiores unha nova parcela (referencia catastral 36009B50100078000FX).

Sexto. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello da Cañiza, a Demarcación de Estradas do Estado e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A empresa promotora manifestou a súa conformidade ao condicionado emitido pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Sétimo. Mediante escrito do 22 de xullo de 2022 esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica á única persoa que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Oitavo. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 22 de xullo de 2022 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 18 de agosto de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 11 de agosto de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello da Cañiza.

Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Noveno. O 29 de setembro de 2022, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia (COEIG) presentou unha alegación solicitando que se inadmita ou, de ser o caso, se denegue a solicitude de autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública. En síntese, alega que o proxecto técnico vén asinado por un enxeñeiro técnico industrial sen especificar a súa especialidade o que impide apreciar a competencia do enxeñeiro, xa que nas atribucións dos enxeñeiros técnicos industriais rexe o principio de especialidade técnica.

Décimo. Déuselle traslado desta alegación á empresa promotora. Esta destaca que os enxeñeiros técnicos industriais teñen atribucións plenas e ilimitadas dentro da súa especialidade, e parcialmente limitadas nas demais especialidades industriais. Estas limitacións noutras especialidades industriais son: industriais ou instalacións mecánicas, químicas ou eléctricas cuxa potencia non exceda de 250 CV, a tensión de 15.000 V e o seu persoal de cen persoas. O límite de tensión será de 66.000 V cando as instalacións se refiran ás liñas de distribución e subestacións de enerxía eléctrica. No presente proxecto non é necesario que o enxeñeiro técnico industrial especifique a súa especialidade, pois as instalacións eléctricas proxectadas (liñas de distribución e a súa tensión) non superan os 66.000 V.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

• Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

• Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas finais da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión aérea a 20 kV en catro actuacións.

Primeira: de 454 metros de lonxitude con condutor LA-56, con orixe no apoio existente C-4500/18 (ANP2SAA//89) e final no apoio proxectado C-2000/12. Substitúense os apoios de formigón e proxéctanse catros apoios metálicos (un de tipo C-1000/12, dous de tipo C-1000/14 e un de tipo C-2000/12).

Segunda: de 213 metros de lonxitude con condutor LA-56, con orixe no apoio proxectado C-2000/14 e final no apoio proxectado C-2000/18.

Terceira: de 13 metros de lonxitude con condutor LA-30, con orixe no apoio proxectado C-2000/18 e final no apoio existente ANW0IQBQ//89-5-1.

Cuarta: de 136 metros de lonxitude con condutor LA-56, con orixe no apoio proxectado C-2000/14 e final no apoio existente AO0ETGB4//89-7. Proxéctanse dous apoios metálicos (un de tipo C-2000/14 e outro C-1000/14).

Liña de media tensión subterránea a 20 kV, con condutor RHZ en dúas actuacións:

Primeira: de 486 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-2000/12 e final no apoio proxectado C-2000/14, unha vez entre e saia do centro de transformación.

Segunda: de 907 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-1000/14 e final no apoio proxectado C-2000/14.

Centro de transformación en envolvente prefabricado tipo 2L1P a 160 kV, con RT 20 kV/400 V, situado na Igrexa, Oroso, A Cañiza (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas da promotora, considérase que se xustifica a competencia profesional ao non se sobrepasar a limitación cuantitativa de 66 kV de tensión, referida a liñas de distribución e subestacións de enerxía eléctrica, establecida no Real decreto lei 37/1977, do 13 de xuño, sobre atribucións dos peritos industriais. Esta determinación foi ratificada pola Sentenza do 9 de xullo de 2002, do Tribunal Supremo, ditada no ámbito do recurso de Casación núm. 7785/1994, que se sustenta na idea de que «na asignación de atribucións dos antigos peritos que a favor dos enxeñeiros técnicos fai o artigo 2.4 da Lei 12/1986, non hai ningunha limitación por razón de especialidade, e que isto fai que esas atribucións se consideren xenéricas» polo que os enxeñeiros técnicos «son organizados segundo especialidades e, dentro de cada unha destas, lles é recoñecida a plenitude de atribucións e facultades profesionais, pero subsisten as antigas facultades xenéricas con límites cuantitativos», que o Real decreto lei de 1977 lle atribúe aos antigos peritos.

Consonte o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Deixar sen efecto a autorización administrativa e a autorización administrativa de construción e manter a declaración de utilidade pública concedida a Unión Fenosa Distribución, S.A. mediante a Resolución do 7 de xuño de 2018 e para a instalación LMT cambio de sección FRI808 e CT A Igrexa (expediente IN407A 2017/716-4).

Segundo. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMT cambio de sección FRI808 e CT A Igrexa (expediente IN407A 2017/716-4 modificado), de acordo coas características finais descritas no punto terceiro das condicións legais e técnicas que se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Terceiro. Estender a declaración de utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación da parcela con referencia catastral 36009B50100078000FX e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 16 de agosto de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra