DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Mércores, 13 de setembro de 2023 Páx. 52534

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2023 sobre a ampliación dos prazos establecidos no artigo 26 da Resolución do 23 de marzo de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores de industria e servizos para o ano 2022-2023, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN417Y).

No Diario Oficial de Galicia número 66, do 5 de abril de 2022, publicouse a Resolución do 23 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos para o ano 2022-2023, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN417Y).

De acordo co disposto no artigo 26 das bases reguladoras das axudas, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de setembro de 2023.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Doutra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no cal se indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas nas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite pola demora nas entregas de materiais polos provedores.

Por todo o anterior, dada a inexistencia de prexuízos a terceiros, sobre a base dos requisitos e das condicións previstas na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 26 das bases reguladoras para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa, e ampliar o período de execución das actuacións que se subvencionan e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos ata o 16 de outubro de 2023.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra este acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia