DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 18 de setembro de 2023 Páx. 53251

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 14 de setembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa Benestar en balnearios e axudas para o ano 2023, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS607A).

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 1, que os poderes públicos galegos deberán posibilitar que a liberdade e a igualdade das persoas sexa real e efectiva, facilitando a participación de todas e todos na vida política, económica, social e cultural.

A Consellería de Política Social e Xuventude, de conformidade co Decreto 124 /2022, do 23 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica, exerce, a través da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, entre outras, as competencias relativas ao impulso, planificación, control e avaliación das actuacións da consellería en materia de benestar destinadas á atención das persoas maiores, entre as funcións encomendadas está o desenvolvemento de programas e actividades de promoción da autonomía persoal, así como a promoción do envellecemento activo.

No marco desas competencias, sendo conscientes de que na promoción da autonomía persoal está a clave para que as persoas maiores poidan gozar dunha vida máis saudable e independente, desenvolveuse en anos anteriores o programa de termalismo Benestar en balnearios, en canto que os balnearios son espazos propicios para obter unha maior calidade de vida e os tratamentos que neles se prestan contribúen a facer realidade a concepción de saúde que ten a Organización Mundial da Saúde como un estado de completo benestar físico, mental e social.

Os tratamentos de prevención e rehabilitación que se realizan mediante o uso terapéutico das augas mineromedicinais, son unha práctica moi antiga á cal se foron incorporando técnicas complementarias de diferentes ámbitos buscando unha maior eficacia nos tratamentos, sendo o colectivo das persoas maiores un dos que máis beneficios pode obter de tales prácticas, dado que, a medida que avanza a idade, tenden a aparecer determinadas patoloxías que poden mellorar notablemente despois de recibir un tratamento termal.

Neste contexto enmárcase esta orde pola que se establecen as bases reguladoras das estadías en establecementos balnearios e as axudas no marco do programa Benestar en balnearios para o ano 2023 que permite ás persoas maiores de 60 anos ou maiores de 55 e pensionistas, realizar estadías en establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia durante 10 días para beneficiarse dos efectos positivos que na súa saúde se poidan producir logo de recibir os tratamentos termais.

O Decreto 124 /2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, establece que lle corresponde a dita consellería, propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no dito ámbito do benestar, que engloban as competencias en materia de servizos sociais.

De conformidade co exposto, a adxudicación das estadías en establecementos balnearios e as axudas aplicables realizaranse a través da presente convocatoria pública, baixo o procedemento de concorrencia competitiva.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva de estadías de dez días en establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa Benestar en balnearios para o ano 2023 (código de procedemento BS607A) e da axudas en especie, así como proceder á súa convocatoria.

2. Para tal efecto, enténdese por establecementos balnearios aqueles que dispoñen de augas mineromedicinais declaradas de utilidade pública segundo o artigo 2 do Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de aproveitamento de augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A través das axudas contribuirase ao desfrute das estadías para que as persoas usuarias se poidan beneficiar dos efectos positivos dos tratamentos termais.

Artigo 2. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión das estadías e das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, de acordo con criterios de baremación previamente fixados, establecéndose unha orden de prelación debido á existencia de prazas limitadas.

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos para a obtención das prazas nas estadías e das axudas

1. Serán persoas beneficiarias do programa Benestar en balnearios para o ano 2023 aquelas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 60 anos ou maior de 55 e reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.

b) Estar empadroada e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Valerse por si mesma para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa.

d) Non padecer alteracións do comportamento que podan afectar á normal convivencia nos establecementos, nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.

e) Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.

f) Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación que lle permita acceder a un dos balnearios e quendas solicitadas.

g) Deben cumprir cos requisitos e obrigas sinalados no artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. A persoa solicitante poderá participar na convocatoria da oferta de estadías e tratamentos do programa acompañadas das seguintes persoas:

a) Polo seu ou a súa cónxuxe ou, se fose o caso, a parella de feito ou persoa coa que teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, sempre que cumpra os requisitos citados no número 1, excepto o sinalado na letra a).

b) Por un fillo ou filla que teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando este poida acudir sen necesidade de apoio de terceira persoa, se poida desprazar con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras solicitantes e cumpra os requisitos citados no número 1, agás o da letra a).

c) Por unha persoa coa que desexe participar no programa, sempre e cando esta cumpra todos os requisitos citados no número 1.

3. As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 4. Estadías nas prazas de establecementos balnearios e quendas convocadas

1. Convócanse estadías para 1.204 prazas para participar no programa Benestar en balnearios 2023 da Xunta de Galicia, que se levarán a cabo nas quendas e establecementos balnearios que se relacionan no anexo IV.

2. As quendas teñen unha duración de 10 días, con nove noites cada unha e comprenderán desde as doce horas da mañá do día de chegada ata as doce horas da mañá do día de saída.

3. O desenvolvemento destas quendas terá lugar durante o período comprendido entre o 22 de outubro e o 31 de decembro do ano 2023.

Artigo 5. Servizos e prestacións ofertados

1. A estadía inclúe os seguintes servizos e prestacións:

a) Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres, de uso compartido, ou no caso de existir dispoñibilidade en cuartos individuais.

b) Tratamentos termais, coas indicacións terapéuticas que figuran para cada establecemento balneario no anexo IV, que comprenderán:

1º. O recoñecemento médico, ao ingresar no establecemento balneario, para a prescrición do tratamento.

2º. O tratamento termal básico que, en cada caso, prescriba o persoal médico do establecemento balneario.

3º. O seguimento médico do tratamento.

c) Programa de actividades de animación sociocultural que se leve a cabo no establecemento balneario.

d) Póliza colectiva de seguro turístico.

2. As persoas solicitantes que estean interesadas en aloxarse en habitación individual, no caso de que houbera dispoñibilidade, teranse que facer cargo da diferenza entre o prezo aboado e o prezo total desa habitación.

3. As persoas solicitantes que precisen dalgún tipo de apoio ou dieta especial terano que indicar no momento de presentar a solicitude, nos termos do anexo I e acreditalo ao incorporarse á quenda.

4. As persoas solicitantes que estean interesadas en participar nas excursións ou actividades con custo adicional que organice o establecemento balneario, non incluídas no número 1, terano que facer polos seus propios medios e ao seu cargo.

5. O desprazamento desde o domicilio ata o establecemento balneario, así coma o de regreso será por conta das persoas solicitantes, sen prexuízo de que se podan acoller ás facilidades para o transporte que ofertara o establecemento balneario, se fose o caso.

Artigo 6. Prezo das estadías nas prazas e importe da axuda

1. O prezo que se pagará por cada persoa beneficiaria, por estadía na praza do establecemento balneario e quenda adxudicada é o seguinte:

Balnearios con establecementos hoteleiros de 4 ou tres estrelas: 377,89 €.

Balnearios con establecementos hoteleiros de 2 ou unha estrela: 349,89 €.

Balnearios con outro tipo de aloxamentos: 269,17 €.

2. O devandito importe é un prezo pechado para todos os servizos incluídos na quenda da estadía, sen que proceda efectuar ningunha dedución se por calquera causa imputable á persoa beneficiaria do programa, esta non goza da totalidade dos servizos.

3. A Consellería de Política Social e Xuventude contribuirá ao financiamento do custo das estadías, cunha achega por praza, polos importes seguintes:

Balnearios con establecementos hoteleiros de 4 ou tres estrelas: 229,93 €.

Balnearios con establecementos hoteleiros de 2 ou unha estrela: 227,20 €.

Balnearios con outro tipo de aloxamentos: 219,29 €.

4. A Consellería de Política Social e Xuventude aboará directamente ao establecemento balneario correspondente o importe da achega que se establece, sendo por conta da persoa beneficiaria o resto do importe, consonte cos prezos dos contratos formalizados cos establecemento relacionados no anexo IV.

Artigo 7. Compatibilidade da axuda

A obtención desta axuda é compatible con outras outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados nacionais, da UE ou de organismos internacionais, sen que en ningún caso o seu importe poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o importe do gasto subvencionado.

Artigo 8. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 ( https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas solicitantes deberán achegar coas solicitudes a seguinte documentación:

a) Anexo II, se procede: datos do/da fillo/a da persoa solicitante.

b) Anexo III, se procede: datos da persoa acompañante.

c) Copia do pasaporte, se procede, da persoa solicitante e, se fose o caso, da persoa que a acompaña: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa coa que desexe participar.

d) Copia do libro de familia da persoa solicitante no caso de que queira acudir ao programa acompañada dun fillo ou filla con discapacidade.

e) Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, se o dito certificado non fose expedido pola Xunta de Galicia ou non estivese no poder desta.

f) Certificado das pensións non outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) nin pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante e da acompañante, se fose o caso.

g) Informe médico actualizado da persoa solicitante e, se fose o caso, do/da fillo/a ou acompañante, no caso de ter algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira dalgunha atención especial como tratamento farmacolóxico, alimentación, accesorio de apoio, habitación individual ou similar.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, para poder acceder a eles electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante e, se fose o caso, da persoa que a acompaña: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa.

b) Consulta de datos de residencia con data da última variación no padrón da persoa solicitante e, se fose o caso, da persoa que a acompaña: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa.

c) Declaración do imposto da renda das persoas físicas da persoa solicitante e da acompañante, se fose o caso, correspondente ao último período en que se teña presentado, en relación coa presentación da solicitude.

d) Certificado das pensións outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social da persoa solicitante e da acompañante, se fose o caso.

e) Certificado das pensións outorgadas pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante e da acompañante, de ser o caso.

f) Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, se o dito certificado fose expedido pola Xunta de Galicia.

g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) da persoa solicitante e da persoa acompañante, de ser o caso.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da persoa solicitante e da persoa acompañante, se fora o caso.

i) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia da persoa solicitante e da persoa acompañante, se fora o caso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos relacionados no punto anterior.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas solicitantes a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Emenda das solicitudes

Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, o órgano instrutor requirirá a persoa solicitante para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se non o fai, considerarase desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución, que será ditada nos termos do seu artigo 21.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares ou rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Instrución e Comisión de Avaliación

1. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Envellecemento Activo, Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitaria da Consellería de Política Social e Xuventude, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales debe realizar a proposta de resolución.

2. Constituirase como órgano colexiado unha comisión que realizará a avaliación das solicitudes e emitirá o correspondente informe no que se concrete o resultado da valoración efectuada.

3. A Comisión de Avaliación rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, no relativo aos órganos colexiados e estará integrada polos seguintes membros:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral con competencias en materia de envellecemento activo e prevención da dependencia e innovación sociosanitaria da Consellería de Política Social e Xuventude ou persoa que a substitúa, que exercerá a presidencia. Se, por calquera causa, a persoa titular da Presidencia non puidese asistir cando a Comisión de Avaliación se reúna para o exame das solicitudes, será substituída por unha persoa funcionaria designada para estes efectos pola persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.

b) A persoa titular do Servizo con competencias en materia de envellecemento activo e prevención da dependencia da Consellería de Política Social e Xuventude.

c) Unha persoa funcionaria do servizo con competencias en materia de envellecemento activo e prevención da dependencia da Consellería de Política Social e Xuventude designada pola persoa titular da Presidencia.

d) Unha persoa funcionaria designada pola persoa titular da Presidencia, que exercerá a Secretaría da Comisión.

Na composición da Comisión de Avaliación procurarase acadar a presenza equilibrada de mulleres e homes.

4. A Comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a persoa que exerce a Presidencia, a que exerza a Secretaría e a metade dos seus membros. Se, por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a Comisión de Avaliación das sinaladas nas letras b), c) e d) do número anterior non puidese asistir cando esta se reúna, será substituída pola persoa ao servizo da Administración pública designada para estes efectos por quen exerza a Presidencia.

5. Avaliadas as solicitudes, a Comisión de Avaliación emitirá un informe en que se concretará o resultado da avaliación e a prelación das solicitudes.

Artigo 14. Criterios de avaliación

A Comisión de Avaliación aplicará os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes, cun máximo de 50 puntos:

a) Idade: máximo 10 puntos.

1º. Con menos de 65 anos: 2 puntos.

2º. Entre 65 e 74 anos: 4 puntos.

3º. Entre 75 e 84 anos: 6 puntos.

4º. Con 85 ou máis anos: 10 puntos.

Nesta variable computarase a idade da persoa solicitante e, se é o caso, a do/da cónxuxe (matrimonio ou parella) ou acompañante. Para o cálculo terase en conta a puntuación media.

b) Situación económica: ingresos mensuais líquidos: máximo 40 puntos.

1º. Con ingresos mensuais inferiores ou iguais a 540 €: 40 puntos.

2º. Con ingresos mensuais comprendidos entre 540,01 € e 710,00 €: 30 puntos.

3º. Con ingresos mensuais comprendidos entre 710,01 € e 940,00 €: 20 puntos.

4º. Con ingresos mensuais comprendidos entre 940,01 € e 1.080,00 €: 10 puntos.

5º. Con ingresos mensuais superiores a 1.080,00 €: 0 puntos.

O baremo ven recollido no anexo V da orde.

Nesta variable valoraranse os ingresos líquidos da persoa solicitante e, se é o caso, os da persoa cónxuxe: matrimonio, parella ou acompañante. Para o cálculo terase en conta a puntuación media. Para calcular os ingresos medios mensuais computaranse todos os ingresos percibidos por cada unha das persoas solicitantes ao longo do ano polos diferentes conceptos e dividido por 12 meses.

En caso de empate daráselle prioridade ás persoas que teñan menores ingresos, seguidas das de maior idade.

Artigo 15. Proposta de resolución

O órgano instrutor, á vista do informe da Comisión de Avaliación, elevará ao órgano competente para resolver unha proposta de resolución. Nela figurarán as solicitudes propostas para a concesión de estadías en prazas dos establecementos balneario, ata esgotar a totalidade das ofertadas. O resto das solicitudes, que reunindo os requisitos e por puntuación non obteñan estadía en praza, quedarán en lista de espera para seren atendidas no suposto de quedar prazas vacantes por producirse algunha renuncia.

Artigo 16. Resolución e notificación

1. A resolución correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución é de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O prazo concluirá no mesmo día ordinal no que se realizou esta publicación e, de non haber día equivalente, entenderase que expira o último día do mes.

Transcorrido o dito prazo sen que a Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria notificase a resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas peticións por silencio administrativo, de conformidade co establecido no artigo 25.1 Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a resolución e os actos administrativos que afecten as persoas interesadas. Non obstante, e tendo en conta que a publicación destes actos poden lesionar dereitos e intereses lexítimos das persoas solicitantes publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería (http://politicasocial.xunta.gal) unha mera indicación do acto xunto co resultado da avaliación das solicitudes a que se refire o artigo 13, consonte o establecido no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Na resolución de concesión indicarase o establecemento balneario e quenda en que se lle outorga a estadía na praza do dito establecemento, o custo e o importe que se pagará en concepto de reserva de praza, os trámites necesarios para formalizar a adxudicación definitiva, así como a documentación e material ou accesorios que precisa levar para incorporarse ao programa.

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

6. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

7. No caso de optar pola notificación en papel efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

9. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

10. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Réxime de recursos

1. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Malia o anterior, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa. Se non o for, poderase interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Confirmación das estadías nas prazas e adxudicación definitiva

Unha vez notificada a concesión da estadía na praza do establecemento balneario, para poder facer uso dela, as persoas beneficiarias teñen a obriga de confirmar por escrito, e no prazo que se lles indique na resolución de concesión, a súa aceptación xunto co xustificante de pagamento da cantidade de 30 euros que en concepto de reserva de praza se deba facer efectiva no establecemento balneario asignado.

No suposto de que non se cumpran as condicións establecidas no parágrafo anterior, quedaría sen efecto a resolución de adxudicación definitiva e entenderase que se renuncia a ela, perdendo a condición de persoa beneficiaria, e incorporarase a praza á lista de vacantes.

Ningunha persoa solicitante que se teña beneficiado dalgunha quenda deste programa poderá participar en ningunha outra do mesmo programa, nin en calidade de acompañante, agás que se trate dunha praza para a que non houber ningunha outra persoa adxudicataria.

Artigo 19. Obrigas das persoas adxudicatarias das estadías e beneficiarias da axuda

1. Ademais das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Respectar e cumprir as normas de réxime interno do establecemento balneario, así como os protocolos internos que se establezan. O seu incumprimento, logo do trámite de audiencia, poderá dar lugar, se é o caso, á perda da condición de persoa beneficiaria.

b) Deixar os cuartos libres, como prazo máximo, ás doce horas da mañá do último día da estadía.

c) Responder dos danos ocasionados polo mal uso das instalacións, material ou utensilios.

Artigo 20. Lista de espera e lista de vacantes

1. As persoas solicitantes que, cumprindo os requisitos establecidos no artigo 3, non obtiveran estadía nas prazas dos establecementos ofertadas, quedarán incluídas nunha lista de espera, que estará publicada na páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude: http://www.xunta.gal./politica-social, coas limitacións precisas para o debido cumprimento da normativa reguladora de protección de datos.

No caso de que se produzan renuncias nas estadías adxudicadas, estas serán ofertadas por orde de puntuación segundo estas se vaian producindo.

2. Publicarase na páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude: http://www.xunta.gal./politica-social unha lista de estadías nas prazas dos establecementos balnearios vacantes que serán ofertadas por orde de puntuación ás persoas solicitantes que manifestasen no anexo I o seu desexo de poder participar nesta lista.

Artigo 21. Forma de pagamento das estadías nos establecementos balneario

As persoas que formalizaran a súa adxudicación definitiva nos termos do artigo 18 aboarán directamente no establecemento balneario, cando se incorporen á quenda, o importe resultante da diferenza entre a cantidade fixada como prezo para a estadía e a cantidade xa achegada en concepto de gastos de xestión da reserva recollida no artigo 18.

Artigo 22. Devolución do importe da estadía no establecemento balneario

1. Se unha vez obtida a estadía na praza do establecemento balneario e aboado o prezo correspondente a persoa interesada non puidese asistir á actividade, só terá dereito á devolución deste nos casos e polas causas seguintes:

a) Cando por causas non imputables á persoa interesada non se preste o servizo ou a Administración anule a actividade.

b) Cando se produza o ingreso hospitalario ou outra causa médica grave, que afecte a persoa solicitante e lle impida incorporarse ao establecemento balneario. Esta causa debe acreditarse con informes médicos e/ou do hospital en que estea ingresada a persoa solicitante.

c) Por falecemento ou enfermidade grave dun familiar ata 2º grao. Esta causa debe estar acreditada con informes médicos e/ou do hospital onde estea ingresado o familiar, ou co certificado de defunción, de ser o caso.

2. Se a persoa beneficiaria abandonar a estadía unha vez iniciada, sexa cal for o motivo, non terá dereito a ningún tipo de devolución.

Artigo 23. Perda da condición de persoa beneficiaria das estadías do programa

Ademais das circunstancias establecidas no artigo 18, se non se confirma a adxudicación da praza concedida, tamén perderán a condición de persoa beneficiaria do programa aquelas que non aboen ao establecemento balneario, ao comezo da quenda, o resto da cantidade estipulada para a estadía na praza do establecemento que se lle outorgou, logo de resolución ditada nos termos establecidos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

A consignación ou achega de datos ou documentos falseados ou inexactos para a obtención das estadías para as prazas ofertadas pola presente orde implicará a cancelación da estadía obtida, no suposto de que non se participase na quenda ou, a obriga, por parte da persoa interesada, de aboar o prezo completo da dita estadía, sen prexuízo das accións que procedan en aplicación da normativa vixente, se xa gozar da quenda.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional no enderezo https://sede.xunta.gal, na Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria-Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa, e a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos ou do teléfono 012.

Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións

A consellería transmitirá á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigacións e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar instrucións

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria, as cales serán obxecto de publicación no portal de benestar.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Establecementos balnearios, indicacións terapéuticas, quendas e prezos

Destinos

Indicacións terapéuticas

Datas e quendas

Prezo da praza

Balneario de Acuña (Caldas de Reis)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do 8 ao 17 de novembro

349,89 €

Do 17 ao 26 de novembro

Do 26 de novembro ao 5 de decembro

Arnoia Caldaria Hotel Balneario (A Arnoia)

Reumatolóxicas

Do 26 de outubro ao 4 de novembro

377,89 €

Do 2 ao 11 de novembro

Iberik Augas Santas Balneario (Ferreira de Pantón)

Dermatolóxicas, respiratorias, reumatolóxicas, circulatorias e con efectos relaxantes

Do 6 ao 15 de novembro

377,89 €

Do 13 ao 22 de novembro

Do 20 ao 29 de novembro

Do 27 de novembro ao 6 de decembro

Do 11 ao 20 de decembro

Os Baños da Brea (Vila de Cruces)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do 23 de outubro ao 1 de novembro

349,89 €

Do 4 ao 11 de novembro

Do 16 ao 25 de novembro

Do 28 de novembro ao 7 de decembro

Iberik Gran Balneario Guitiriz (Guitiriz)

Dermatolóxicas, dixestivas, metabólicas e reumatolóxicas

Do 22 ao 31 de outubro

377,89 €

Do 5 ao 14 de novembro

Do 12 ao 21 de novembro

Balneario Hotel Dávila (Caldas de Reis)

Dermatolóxicas, respiratorias, reumatolóxicas e con efectos relaxantes

Do 8 ao 17 de novembro

349,89 €

Do 20 ao 29 de novembro

Gran Balneario do Carballiño (O Carballiño)(con aloxamento na Residencia de Tempo Libre do Carballiño)

Dermatolóxicas, dixestivas, respiratorias e reumatolóxicas

Do 15 ao 24 de novembro

269,17 €

Do 25 de novembro ao 4 de decembro

Baños Vellos de Carballo (Carballo)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do 23 de outubro ao 1 de novembro

349,89 €

Do 4 ao 13 de novembro

Do 16 ao 25 de novembro

Do 27 de novembro ao 6 de decembro

Do 7 ao 16 de decembro

Termas de Cuntis (Cuntis) (con aloxamento no Hotel Castro do Balneario)

Dermatolóxicas, respiratorias e reumatolóxicas

Do 23 de outubro ao 1 de novembro

377,89 €

Do 2 ao 11 de novembro

Do 4 ao 13 de novembro

Do 8 ao 17 de novembro

Do 11 ao 20 de novembro

Do 19 ao 28 de novembro

Do 20 ao 29 de novembro

Laias Caldaria, Hotel Balneario (Cenlle)

Reumatolóxicas

Do 27 de novembro ao 6 de decembro

377,89 €

Lobios Caldaria (con aloxamento no Hotel Balneario)

Reumatolóxicas

Do 30 de outubro ao 8 de novembro

377,89 €

Lobios Caldaria (con aloxamento no Hotel Lusitano)

Reumatolóxicas

Do 30 de outubro ao 8 de novembro

349,89 €

Hotel Balneario de Compostela (Brión)

Sistema nervioso, respiratorias e reumatolóxicas

Do 10 ao 19 de decembro

377,89 €

Balneario do Río Pambre (Palas de Rei)

Dermatolóxicas, respiratorias e reumatolóxicas

Do 6 ao 15 de novembro

349,89 €

Balneario Termas de Lugo (Lugo)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do 23 de outubro ao 1 de novembro

377,89 €

Do 2 ao 11 de novembro

Do 11 ao 20 de novembro

Do 21 ao 30 de novembro

Do 1 ao 10 de decembro

Balneario de Mondariz (Mondariz Balneario)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do 23 de outubro ao 1 de novembro

377,89 €

Do 1 ao 10 de novembro

Do 15 ao 24 de novembro

Do 26 de novembro ao 5 de decembro

Do 27 de novembro ao 6 de decembro

Do 10 ao 19 de decembro

ANEXO V

Baremo

Para a súa aplicación non se teñen en conta os datos relativos ao/á fillo/a con discapacidade, se for o caso.

1. Idade: máximo 10 puntos.

• Con menos de 65 anos: 2 puntos.

• Entre 65 e 74 anos: 4 puntos.

• Entre 75 e 84 anos: 6 puntos.

• Con 85 ou máis anos: 10 puntos.

Nesta variable computarase a idade da persoa solicitante e, se é o caso, a do/da cónxuxe (matrimonio ou parella) ou acompañante. Para o cálculo terase en conta a puntuación media.

2. Situación económica: ingresos mensuais líquidos: máximo 40 puntos.

• Con ingresos mensuais inferiores ou iguais a 540 €: 40 puntos.

• Con ingresos mensuais comprendidos entre 540,01 € e 710,00 €: 30 puntos.

• Con ingresos mensuais comprendidos entre 710,01 € e 940,00 €: 20 puntos.

• Con ingresos mensuais comprendidos entre 940,01 € e 1.080,00 €: 10 puntos.

• Con ingresos mensuais superiores a 1.080,00 €: 0 puntos.

Nesta variable valoraranse os ingresos líquidos da persoa solicitante e, se é o caso, os da persoa cónxuxe: matrimonio, parella ou acompañante. Para o cálculo terase en conta a puntuación media.

Para calcular os ingresos medios mensuais computaranse todos os ingresos percibidos por cada unha das persoas solicitantes ao longo do ano polos diferentes conceptos e dividirase entre doce (12) meses.

No caso de empate, daráselles prioridade ás persoas que teñan menores ingresos, seguidas das de maior idade.