DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Martes, 19 de setembro de 2023 Páx. 53479

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

EXTRACTO da Resolución do 7 de setembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión dunha bolsa de formación en materia de promoción e defensa da competencia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO400F).

BDNS (Identif.): 716809.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias desta bolsa de formación as persoas que estean en posesión dalgún título universitario de licenciado/a ou de grao en dereito, en económicas ou en administración e dirección de empresas, sempre que cumpran os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.

Segundo. Obxecto

Bolsa de formación, en réxime de concorrencia competitiva, que ten por obxecto contribuír á formación práctica de titulados superiores en materia de defensa da competencia. Esta bolsa desenvolveranse dentro do programa de traballo da Comisión Galega da Competencia, con suxeición ao programa de formación e coas indicacións que transmita o/a titor/a asignado/a.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 7 de setembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión dunha bolsa de formación en materia de promoción e defensa da competencia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO400F).

Cuarto. Importe e duración

Unha bolsa cunha duración máxima de 4 meses, contados desde a data da incorporación da persoa bolseira e ata o 31 de decembro de 2023.

A bolsa estará dotada cun importe máximo de 4.400 euros brutos, distribuídos en pagamentos mensuais, a razón de 1.100 euros por mes.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2023

Manuel Heredia Pérez
Director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia