DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 21 de setembro de 2023 Páx. 53724

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 18 de setembro de 2023 pola que se acorda a ampliación do prazo para a presentación de solicitudes no procedemento regulado na Orde do 4 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Talento FP, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional que se inicien no curso académico 2023/24 en centros educativos de Galicia (código de procedemento ED333B).

O día 18 de agosto de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) núm. 156 a Orde do 4 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Talento FP, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional que se inicien no curso académico 2023/24 en centros educativos de Galicia (código de procedemento ED333B).

Segundo o establecido no artigo 7.5, o prazo para a presentación de solicitudes era de 30 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, polo que remata o 18 de setembro de 2023.

O artigo 3 da convocatoria establece que as persoas destinatarias son a cidadanía galega residente no exterior que cumpra co disposto no artigo 4.

Tendo en conta a data de remate do prazo de presentación de solicitudes e as persoas destinatarias, que son residentes fóra de España e teñen que cumprir trámites no estranxeiro, resulta aconsellable, para promover e facilitar a súa participación neste procedemento, ampliar o prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Modificar o prazo de presentación de solicitudes ata o día 3 de outubro de 2023, incluído, polo que resulta ampliado en 15 días naturais o prazo regulado no artigo 7.5 da citada orde.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades