DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 22 de setembro de 2023 Páx. 53952

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2023 pola que se convoca a segunda práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2023 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria da segunda práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas dos/das policías locais de Galicia, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

– Facilitar o cumprimento do disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.

– Dispor de persoal actualizado nas prácticas de armamento e tiro policial de defensa.

– Controlar a práctica anual e regulamentaria do cadro de persoal, mediante un control e unha cartilla de tiro individual.

– Establecer distintos niveis para categorías de tirador, segundo a seguridade e habilidade que demostren no manexo das armas.

Destinatarios/as.

A actividade vai dirixida aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan interese en cumprir co disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, relativo a garantir unha adecuada preparación no uso da arma regulamentaria para o persoal dos corpos de policía local.

Para tal fin, a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública establece un plan anual de adestramento, no cal se inclúen dúas prácticas anuais para o persoal dos concellos interesados.

Solicitudes.

Os concellos interesados deberán remitirlle o formulario que está na páxina web http://agasp.xunta.gal á Academia Galega de Seguridade Pública ata o día 10 de outubro de 2023.

As solicitudes deberán presentarse a través do correo electrónico formacion.agasp@xunta.gal, indicando no asunto «Plan de tiro 2023», ou ben a través do rexistro electrónico.

As solicitudes deberán estar autorizadas pola alcaldía, concellaría ou xefe/a de persoal, segundo proceda.

Ademais, é requisito obrigatorio que os/as policías locais asinen o documento de normas de seguridade, do cal se lles fará entrega na Academia antes do comezo das prácticas. En caso contrario, non se lles permitirá o acceso á galería de tiro.

Todos aqueles concellos que adquirisen recentemente armas regulamentarias para a policía local terán preferencia para efectuar as prácticas regulamentarias, indispensables para un mellor coñecemento da nova arma e a adquisición da destreza suficiente para o seu manexo coa seguridade e habilidade necesarias.

Medios.

Para o desenvolvemento da actividade, os alumnos e alumnas deberán traer cadansúa arma regulamentaria da dotación e a munición correspondente para as prácticas. A Academia Galega de Seguridade Pública nomeará os profesores e instrutores necesarios.

Determinación da data das prácticas.

A segunda práctica do plan terá lugar:

– Os días 24, 27 e 31 de outubro de 2023.

– Os días 7, 10, 14, 17, 23, 24, 28 e 30 de novembro de 2023.

Configurado o calendario segundo as solicitudes recibidas, comunicaráselles aos concellos coa finalidade de que, pola súa vez, informen con antelación suficiente da relación nominal do persoal participante na práctica.

Control e cartilla de tiro.

O control das prácticas do persoal xestionarao conxuntamente a Academia Galega de Seguridade Pública e a persoa designada polo concello.

Estableceranse niveis segundo a categoría e habilidade que cada tirador/a amose nos aspectos tanto de seguridade como de manexo coas armas, niveis aos cales irá accedendo paulatinamente cada policía, se é o caso. Estes niveis constarán na cartilla ou documento de control que se dispoña para as prácticas de tiro, tal e como se indicaba no punto anterior.

Lugar.

As prácticas desenvolveranse na galería de tiro da Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do plan anual de actualización para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 14 de setembro de 2023

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública