DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 25 de setembro de 2023 Páx. 54139

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 18 de setembro de 2023 pola que se modifica a Orde do 26 de xaneiro de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e a continuidade de casas do maior en funcionamento, para os anos 2022 e 2023, e se procede á súa convocatoria (códigos de procedemento BS212A e BS212B).

O 11 de febreiro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 29 a Orde do 26 de xaneiro de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e a continuidade de casas do maior en funcionamento, para os anos 2022 e 2023, e se procede á súa convocatoria (códigos de procedemento BS212A e BS212B).

Esta convocatoria de axudas está dirixida á continuidade e ao mantemento das casas do maior postas en marcha desde o ano 2019 (código de procedemento BS212B) e a posta en marcha a partir do ano 2022 de proxectos destinados á atención de persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II, respectivamente, e para persoas maiores sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o establecemento da casa do maior nos concellos que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores ou naqueles concellos en que, existindo un único destes recursos de atención diúrna a persoas maiores, se presentase ante a Consellería de Política Social a solicitude do seu cesamento total e permanente de actividade (código de procedemento BS212A).

Dentro do marco do compromiso económico da referida Orde do 26 de xaneiro de 2022, esta modificación ten por obxecto incrementar na anualidade 2023 nun 15 % a contía da prima ao desenvolvemento establecida no número 1.b) do artigo 6 para as casas do maior novas postas en funcionamento (procedemento BS212A) e nun 100 % a axuda para asumir o desprazamento das persoas usuarias establecidas no número 3 do artigo 6, referido ao tipo de axudas e contías, tanto para a continuidade das casas do maior existentes como para a posta en marcha de novas casas (procedementos BS212A e BS212B), co obxecto de promover que as persoas beneficiarias promotoras das casas do maior poidan continuar mantendo a viabilidade da casa do maior e seguir prestando a atención en condicións óptimas que permitan compensar o incremento experimentado polos prezos das subministracións e outros gastos correntes que repercuten nos custos do servizo.

Por outra banda, de conformidade co artigo 3.2 da Orde do 26 de xaneiro de 2022, increméntase en 185.840,00 euros a cobertura dos proxectos de casas do maior postos en marcha e a continuidade de casas do maior en funcionamento ao abeiro da Orde do 26 de xaneiro de 2022, destinado ao financiamento da prima polo desenvolvemento do proxecto e do servizo de desprazamento das persoas usuarias na anualidade 2023 na aplicación orzamentaria 13.05.312E.470.0, que se recolle coa modificación do número 1 do artigo 3.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1993, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 26 de xaneiro de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e a continuidade de casas do maior en funcionamento, para os anos 2022 e 2023, e se procede á súa convocatoria (códigos de procedemento BS212A e BS212B)

A Orde do 26 de xaneiro de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e a continuidade de casas do maior en funcionamento, para os anos 2022 e 2023, e se procede á súa convocatoria (códigos de procedemento BS212A e BS212B) queda redactada como segue:

Un. O número 4 do artigo 2, referido ás características dos proxectos, queda redactado como segue:

«4. A atención prestada comprende a manutención, a hixiene, o desenvolvemento de actividades de lecer e/ou adestramento cognitivo.

As persoas usuarias da casa do maior decidirán voluntariamente se fan uso do servizo de manutención. As persoas beneficiarias das axudas poderán facturar por este servizo un máximo de cinco (5) euros por persoa e día, sempre que se realice un servizo completo. Para estes efectos, con anterioridade ao ingreso na casa do maior, deberán informar as persoas usuarias das súas condicións esenciais.

Así mesmo, se a persoa promotora da casa opta por engadir o servizo de desprazamento das persoas usuarias ata esta, percibirá unha axuda adicional da Xunta de Galicia, a razón de cinco (5,00) euros por persoa e día na anualidade 2022 e a razón de (10,00) euros por persoa e día na anualidade 2023. Para estes efectos, deberá cubrir unha declaración responsable en que manifeste a súa vontade de prestar o dito servizo de desprazamento, no caso de que as persoas usuarias queiran facer uso del».

Dous. O número 1 do artigo 3, referido ao financiamento, queda redactado como segue:

«1. A contía máxima destinada ás axudas reguladas nesta orde é de 3.078.839,20 euros, distribuída en dúas anualidades segundo a seguinte distribución:

a) Para a posta en marcha de novos proxectos (procedemento BS212A):

Aplicación orzamentaria

Importe 2022

Importe 2023

Importe total

13.05.312E.770.0

450.000,00 €

------------------

450.000,00 €

13.05.312E.470.0

523.999,20 €

893.290,00 €

1.417.289,20 €

Total

973.999,20 €

893.290,00 €

1.867.289,20 €

b) Para a continuidade dos proxectos (procedemento BS212B):

Aplicación orzamentaria

Importe 2022

Importe 2023

Importe total

13.05.312E.470.0

574.750,00 €

636.800,00 €

1.211.550,00 €»

Tres. O artigo 6, referido ao tipo de axuda e contía, queda redactado como segue:

«Artigo 6. Tipos de axudas e contías

1. As axudas para a posta en marcha de novos proxectos (procedemento BS212A) serán as seguintes:

a) Axudas para gastos de investimento, que consistirán nunha subvención de ata o 100 % dos gastos, cun límite máximo global por casa do maior de 15.000,00 euros. Consideraranse aqueles gastos en que a persoa promotora incorra para a reforma e adaptación da vivenda destinada a servir de casa do maior, así como o seu equipamento e dotación material sempre que sexan necesarios.

b) A axuda polo desenvolvemento das actividades do proxecto, que consistirá nunha achega económica de 19.600,00 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora ao comezo da súa andaina, que se liquidará nos termos previstos no artigo 21. Este importe minorarase proporcionalmente na primeira anualidade en función dos meses efectivos de funcionamento.

Para o exercicio 2023, a prima destinada a apoiar esta iniciativa consistirá nunha achega económica de 22.540,00 €/ano. Este importe minorarase proporcionalmente en función dos meses efectivos de desenvolvemento.

2. A axuda para o mantemento dos proxectos (procedemento BS212B) consistirá nunha achega económica de 24.200,00 €/ano en forma de prima destinada a apoiar a continuidadesta iniciativa emprendedora, que se liquidará nos termos previstos no artigo 21.

3. Adicionalmente, para a posta en marcha de novos proxectos e para a continuidade das casas do maior, no caso de que as persoas promotoras solicitantes das axudas opten por asumir o desprazamento das persoas usuarias, como persoas beneficiarias das axudas desta orde percibirán un máximo de cinco (5,00) euros por persoa e día na anualidade 2022 e percibirán un máximo de dez (10,00) euros por persoa e día na anualidade 2023. Para estes efectos, deberán acreditar o número de usuarios deste servizo cubrindo o anexo VII».

Disposición adicional única. Prazo de presentación de solicitudes

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude