DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 25 de setembro de 2023 Páx. 54152

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2023 polo que se convocan cursos de formación continua para o persoal dos corpos da Policía Local dos concellos de Galicia e demais persoal dos servizos de seguridade pública.

Aprobado o programa anual de actividades para o ano 2023 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) polo Consello Reitor, o 24 de febreiro de 2023, e de acordo co establecido no artigo 9.2.b) da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, convócanse os cursos de formación continua, dirixidos aos/ás policías locais de Galicia, correspondentes ao segundo semestre do ano 2023, cuxas bases e características se especifican nos anexos desta resolución.

A Estrada, 15 de setembro de 2023

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Destinatarios/as

Poderán participar nos cursos convocados por esta resolución os/as policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta Comunidade Autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica) que estean en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de producirse esta situación, os/as interesados/as deberán comunicalo á Agasp de maneira inmediata. No caso de non facelo serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte ao que se teña coñecemento do feito, e no caso de estar a realizar efectivamente un curso, non se emitirá diploma deste.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal, cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

Con carácter xeral, reservarase o 20 % das prazas convocadas para persoal das forzas e corpos de seguridade do Estado que traballen en Galicia, e a devandita porcentaxe poderá ser superada no suposto de quedaren prazas vacantes.

Así mesmo, en caso de quedaren prazas vacantes, poderán acceder aos cursos convocados a través desta resolución o persoal dependente da Axencia Galega de Emerxencias e do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112-Galicia.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Solicitudes

1. O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://Agasp.xunta.es). Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp, manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non ser correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos/ás interesados/as.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como a imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. No caso de atoparse en algún dos supostos que a continuación se indican, o/a solicitante deberá remitir á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación (non será preciso se tal documentación xa obra en poder da Agasp, neste caso deberá comunicalo na propia solicitude):

a) Profesionais que estean gozando ou gozasen nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

5. Cando o curso para o que presenta solicitude requira a presentación de documentación complementaria co obxecto de acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, deberá remitir tal documentación por correo electrónico (formacion.Agasp@xunta.gal) ou segundo o establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata as 14.00 horas do día 3 de outubro de 2023.

7. O número máximo de cursos que se poden solicitar nesta convocatoria limítase a 5.

No caso de que unha mesma persoa presente máis solicitudes das permitidas, a Agasp de xeito automático elixirá as primeiras 5 accións formativas solicitadas.

8. Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades, non se expedirá certificación de ningunha delas, e o/a alumno/a non poderá participar noutros cursos durante un ano desde que se detecte este feito.

A previsión contida neste número 8 inclúe as clases de telepresenza dos cursos convocados na modalidade de teleformación deste organismo.

Terceira. Criterios xerais de selección

Os criterios xerais de selección son os que a continuación se indican, sen prexuízo de que para cursos específicos se requiran outros diferentes, o cal se indicará na ficha de cada acción formativa concreta.

1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

2. Por orde de inscrición.

Terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean gozando ou gozasen, nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que cumpran cos requisitos obxectivos para ser destinatarios do curso.

Ademais, de conformidade co establecido no artigo 37.bis da Lei 7/2004, para a igualdade de homes e mulleres, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega, reservarase un 50 % das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Cuarta. Admisión

1. A Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas con, polo menos, 5 días antes do inicio de cada curso.

O alumnado seleccionado será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar aos concellos de procedencia todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

2. O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificada ou necesidade do servizo, sempre que o/a xefe/a do corpo da policía local do concello en que traballe ou a persoa responsable del acredite documentalmente o feito alegado.

No caso de cambios de cadrante ou quendas de traballo, deberá quedar acreditado suficientemente os motivos destes e que se coñeceron con posterioridade á solicitude de inscrición no curso.

A renuncia debe ser comunicada por escrito a través do modelo que figura na páxina web da Agasp e cunha antelación de 3 días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A renuncia non xustificada ou a non acreditación documental da causa que a produce suporá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes 10 cursos que convoque o Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp e nos cales a persoa figurase como posible destinataria deles, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que, como mínimo, teñan a mesma carga horaria que o curso polo que foi penalizada.

Quinta. Asistencia aos cursos

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos.

Durante a realización dos cursos levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto e poderán realizarse controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas e, en ningún caso, poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma. No caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o Servizo de Formación en Seguridade Pública poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior. En todo caso, para poder valorar esta posibilidade non pode transcorrer máis de seis meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada no só dará lugar á perda do dereito ao diploma do curso, senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado asistirá aos cursos co uniforme regulamentario. No caso de non facelo, e non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitirá diploma nin certificado acreditativo ningún.

En relación cos cursos que se realizarán na modalidade en liña:

Todas as edicións dos cursos de teleformación e/ou formación semipresencial que se convocan na presente resolución desenvolveranse da seguinte maneira:

– Lugar: a través da plataforma de formación en liña. Todos os cursos contan cunha proba final presencial na sede da Agasp.

– Estableceranse sesións de videoconferencias ou clases en directo, de obrigada asistencia, e, no suposto de non asistir, non se terá por realizado nin superado o curso.

– Horario: segundo a disposición e necesidade do alumnado, agás as clases programadas por videoconferencia, en directo ou presencial na sede da Agasp.

Cuestionarios e tarefas: durante o desenvolvemento dos cursos, o alumnado participante deberá realizar unha serie de cuestionarios e tarefas de acordo cun calendario de presentación; a non realización dalgún deles no prazo establecido será sancionada coa baixa no curso. No caso de que os exercicios non alcancen un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do/da profesor/a, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso.

Os cuestionarios, agás a proba presencial final, e a realización das tarefas faranse a través da plataforma de formación en liña.

Aquelas actividades recollidas no anexo, cuxa modalidade de impartición sexa a formación semipresencial, establecerán na plataforma de teleformación o horario das clases presenciais na Agasp.

É obrigatorio conectarse nas clases de telepresenza ou clases en directo con imaxe e son (é dicir, é obrigatorio para acceder a estes cursos dispor dunha cámara web e micrófono ou conectarse a través dun dispositivo móbil). De non facelo, terase como non asistente.

Sexta. Certificación

Nos cursos de aproveitamento, o alumnado debera superar unha proba de avaliación que se levará a cabo ao remataren estes.

Sétima. Desenvolvemento dos cursos

1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario, por motivos técnicos ou por insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, horarios, contidos e o desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir.

3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así o exixan circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.

ANEXO II

Denominación actividade

Nº prazas

Datas

Nº horas

Modalidade

Entrada, progresión e rexistro de inmobles

16

9-10 outubro

16

Presencial

Procedementos de intervención policial por binomios e equipos

24

2-3 novembro

16

Presencial

Reacción armada e sanitaria como primeiro interveniente

30

27-28 novembro

16

Presencial

Trastornos de espectro do autismo/ sistemas alternativos de comunicación (SAAC)

50

26 outubro

5

Presencial

Operativa policial. Nivel 1

20

16-17 outubro

16

Presencial

Autoprotección táctica

20

13-14 novembro

8

Presencial

Actuación policial ante supostos de persoas desaparecidas

25

8 novembro

8

Presencial

Sinistralidade laboral

25

28 novembro

6

Presencial

Delitos contra a liberdade e indemnidade sexual e xustiza xuvenil

25

26 outubro

5

Presencial

Tiro policial baixa luminosidade

12

13-14-15 decembro

20

Presencial

Especialización en materia aduaneira de tráfico e matriculacións especiais

25

10-11 outubro

18

Presencial

Intervención policial en violencia de xénero (especialización)

35

Do 2 de novembro ao 15 de decembro

100

En liña

Inspección de locais

35

Do 20 ao 27 novembro

8

En liña

Administración electrónica e certificado dixital

35

Do 1 ao 28 de decembro

16

En liña

Diversidade sexual, diversidade de xénero, orientación sexual

35

Do 21 de novembro ao 21 de decembro

20

En liña

Delitos relacionados coas novas tecnoloxías

35

Do 13 ao 27 de novembro

12

En liña

Operador en sistema EUCARIS

35

Do 16 de outubro ao 16 de novembro

20

En liña

Google Earth para o traballo policial

35

Do 23 ao 30 de outubro

8

En liña