DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Martes, 26 de setembro de 2023 Páx. 54423

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a relación de persoas admitidas e excluídas con carácter definitivo que solicitaron a inclusión na lista única para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal da agrupación profesional do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña, ao abeiro do establecido no artigo 4.1 da Orde do 20 de xullo de 2021.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, incorpora a disposición transitoria segunda que contén unha habilitación para elaborar unha lista única como resultado da funcionarización. Esta disposición foi obxecto de desenvolvemento pola Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 20 de xullo de 2021 (DOG do 30 de xullo).

De conformidade co artigo 4.1 da Orde do 20 de xullo de 2021, poderán crearse novas listas para a cobertura transitoria de prazas de persoal funcionario, naqueles supostos en que non existan listas de natureza funcionarial para dar cobertura aos postos das categorías laborais que se funcionarizan, que corresponde presentar solicitude segundo o artigo 7.1 da dita orde.

Mediante a Resolución do 12 de abril de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG do 19 de abril), ábrese o prazo de presentación de solicitudes para a inclusión na lista única para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal da agrupación profesional do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña.

O prazo para a presentación de solicitudes iniciouse o 20 de abril de 2023 e finalizou o 11 de maio de 2023.

Rematado o dito prazo foron examinadas as instancias presentadas coa finalidade de comprobar a concorrencia dos requisitos exixidos para seren admitidas na lista única, nos termos establecidos nos artigos 2 e 6 e na disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021.

Así mesmo, tramitáronse segundo o punto sétimo da Resolución do 12 de abril de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG do 19 de abril), as solicitudes de inclusión das categorías 1 e 11 do grupo V de persoal laboral presentadas este ano 2023 dentro do prazo establecido no artigo 6 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

Mediante a Resolución do 24 de xullo de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 144, do 31 de xullo), faise pública a relación de persoas admitidas e excluídas con carácter provisional que solicitaron a inclusión na lista única para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal da agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña, ao abeiro do establecido no artigo 4.1 da Orde do 20 de xullo de 2021.

Con data do 14 de agosto de 2023 rematou o prazo establecido no punto terceiro da devandita resolución para presentar reclamacións.

Unha vez examinadas e resoltas as reclamacións, a Comisión Permanente, de acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, en relación co artigo 10 da Orde do 20 de xullo de 2021, acorda elevar ao titular da Dirección Xeral da Función Pública as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Consecuentemente co anterior, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Facer pública a lista definitiva única para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal da agrupación profesional do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña.

Segundo. As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación>; e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galicia (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes).

Nas devanditas listas figura a seguinte información:

– Persoas solicitantes admitidas na lista única, ao abeiro da Resolución do 12 de abril de 2023, procedentes de listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes, con indicación da puntuación definitiva resultante da aplicación do baremo, conforme o establecido no artigo 6 e na disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021, en relación co seu artigo 2.

– Persoas solicitantes admitidas na lista única, ao abeiro da Resolución do 12 de abril de 2023, procedentes das solicitudes presentadas no prazo do 2023 nas listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes segundo o punto sétimo da dita resolución, con indicación da puntuación definitiva resultante da aplicación do baremo, conforme o establecido no artigo 6 e na disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021, en relación co seu artigo 2.

– Persoas excluídas ao abeiro da Resolución do 11 de outubro de 2021, con expresión da causa de exclusión.

Terceiro. As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

En aplicación da disposición transitoria terceira da Orde do 20 de xullo de 2021, en concordancia coa súa disposición transitoria segunda, a entrada en vigor desta lista única implica o peche das listas de contratación temporal das categorías 1 e 11 do grupo V de persoal laboral.

Cuarto. Contra esta resolución e de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2023

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública