DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Xoves, 28 de setembro de 2023 Páx. 54814

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2023 pola que se amplía o prazo de execución e xustificación dos investimento establecidos na Resolución do 2 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2023 (código de procedemento IN418E).

No Diario Oficial de Galicia núm. 52, do 15 de marzo de 2023, publicouse a Resolución do 2 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2023 (código de procedemento IN418E).

O procedemento de concesión destas subvencións tramitouse en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Conforme o establecido no artigo 3.1 das bases reguladoras serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2023, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Aspecto que se desenvolve no artigo 25 que recolle que a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2023, e no artigo 27.3.a).3º que establece que a data dos xustificantes de gasto e do pagamento, para a súa validez e admisión, estará comprendida entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2023, último día do prazo de xustificación previsto no artigo 25 das bases reguladoras.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas nas dificultades xurídicas e técnicas para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros. Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Consecuentemente con todo o anterior, sobre a base dos feitos sinalados e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 2 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2023 (código de procedemento IN418E) no seguinte sentido:

O artigo 3.1 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

«1. Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 23 de outubro de 2023, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia».

O artigo 25 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

«A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 23 de outubro de 2023».

O segundo parágrafo do punto 3.a).3º do artigo 27 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

«A data dos xustificantes de gasto e do pagamento, para a súa validez e admisión, estará comprendida entre o 1 de xaneiro e o 23 de outubro de 2023, último día do prazo de xustificación previsto no artigo 25 das bases reguladoras».

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigos 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra este acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia