DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 29 de setembro de 2023 Páx. 55009

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2023 pola que se convoca o Taller práctico sobre elaboración e aplicación de quendas de traballo en centros de xestión propia da Consellería de Política Social e Xuventude.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo) e os obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia recollidos no Protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do dito instituto, e aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2023, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio,

RESOLVO:

Convocar o Taller práctico sobre elaboración e aplicación de quendas de traballo en centros de xestión propia da Consellería de Política Social e Xuventude, de acordo coas bases que se indican a continuación:

Primeira. Obxectivos e contidos

O taller ten como obxectivo analizar a incidencia da normativa sectorial en materia de servizos sociais na xestión dos recursos humanos, ademais do novo acordo sobre as condicións de traballo do persoal dos centros de xestión propia, así como impartir formación práctica para a elaboración das carteleiras adaptadas ás novas condicións laborais do persoal a quendas.

Nesta actividade abordaranse os seguintes contidos:

• Estudo preliminar e análise da evolución histórica das condicións laborais nos centros residenciais.

• A incidencia da normativa sectorial en materia de servizos sociais na xestión dos recursos humanos.

• Novo acordo sobre as condicións de traballo do persoal dos centros de xestión propia.

• Taller práctico de elaboración de carteleiras adaptadas ás novas condicións laborais do persoal a quendas.

Segunda. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida aos seguintes grupos de persoas destinatarias:

• Persoal directivo dos centros residenciais de xestión propia da Consellería de Política Social e Xuventude (centros de atención a maiores, persoas con discapacidade e menores).

• Persoal dos centros residenciais de xestión propia da Consellería de Política Social e Xuventude encargado da elaboración, o desenvolvemento e o control sobre as quendas de traballo.

• Persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con funcións directivas, de xestión ou de control sobre as políticas de persoal dos centros de atención residencial.

Terceira. Desenvolvemento

Datas: 10, 11, 17, 18, 24 e 25 de outubro de 2023.

Modalidade: presencial.

Horario: das 10.00 ás 14.00 horas.

Horas lectivas: 24.

Lugar: salón de actos do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi). Rúa Queixume dos Pinos, 2, Salgueiriños, Santiago de Compostela.

Cuarta. Número de prazas

Setenta e cinco (75).

Quinta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co requirido e establecido na base segunda desta convocatoria respecto das persoas destinatarias.

3. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar no nome do curso Taller práctico sobre elaboración e aplicación de quendas de traballo en centros de xestión propia da Consellería de Política Social e Xuventude.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 5 de outubro de 2023.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico <novas.egap@xunta.gal> ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sexta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa, necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esta consulta, deberá indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opón, que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, a través do seguinte correo: novas.egap@xunta.gal

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Sétima. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Oitava. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas para participar nesta actividade, en reserva, no caso de que o número de solicitudes sexa superior ao número de prazas e, de ser o caso, as persoas excluídas para esta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Novena. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada o máis axiña posible e, se é o caso, como máximo o día 9 de outubro de 2023, ata as 11.00 horas, por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións presenciais da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de dez (10) días. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, as datas e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo primeira. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización; nese caso, empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas, previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública