Iníciase o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Sande, no concello de Arbo, con número de expediente PA-23-11.
Antecedentes:
1. O concello de Arbo carece de zonas de concentración parcelaria (en execución). Isto ocasiona que o parcelamento non se axuste ás necesidades actuais, xa que está composto por parcelas con extensións moi reducidas e accesos limitados e conta a maior parte con servidumes de paso desde outros predios. Esta situación orixina unha tendencia ao abandono ou infrautilización da propiedade, o que, a maiores da perda de terra agraria, tamén comporta a proliferación de incendios forestais.
2. O 24 de abril de 2007 publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 79) a Orde do 18 de abril de 2001 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendios forestais, que se recolle anualmente no Pladiga. Nesta orde establécense zonas de alto risco (ZAR) de incendios forestais con base na sucesión de incendios, vulnerabilidade da poboación e ameazas aos ecosistemas forestais. Mediante esta orde clasifícase o concello de Arbo como ZAR, para ser obxecto de actuacións que permitan reducir o risco de incendios.
3. Entre as medidas para desenvolver tras a aprobación da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, encóntrase a posta en marcha de polígonos agroforestais en zonas pertencentes a denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas, para incrementar a superficie aproveitable dedicada a fomentar a produción primaria de calidade certificada. O termo municipal de Arbo encóntrase dentro de áreas afectadas por indicacións xeográficas protexidas.
4. O concello de Arbo conta cunha arraigada tradición vitivinícola, está incluído na denominación de orixe Rías Baixas e presenta un gran volume de actividade económica vinculada ao sector. Actualmente, este sector está en crecemento, polo que demanda cada vez máis infraestrutura sobre a cal se poida desenvolver. Porén, este desenvolvemento vese freado pola problemática que presenta o parcelamento agrario da zona.
5. O 30 de agosto do 2023, CVE: t0CiKjOB2Fq5, emitiuse un informe con proposta de acordo favorable ao inicio do procedemento de aprobación para o desenvolvemento do citado polígono agroforestal.
Consideracións legais e técnicas:
1. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, con CIF Q-1500273F, foi creada mediante a disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (DOG núm. 251, do 29 de decembro).
O artigo 6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, dispón que é a axencia pública autonómica, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, que actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar o seu despoboamento a través, entre outras, das medidas de recuperación da terra agroforestal de Galicia, reguladas na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
De conformidade co artigo 8 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, adscrita á consellería competente en materia de medio rural, ten personalidade xurídica e patrimonio propios, goza de autonomía administrativa e económica e posúe plena capacidade de obrar, tanto no campo do dereito público como no do dereito privado, para o cumprimento dos seus fins e con suxeición á normativa correspondente. O réxime xurídico interno da Axencia regúlase polo dereito administrativo e o seu réxime xurídico externo rexerase polo dereito privado, agás cando se exerzan potestades administrativas, caso en que se rexerá polo dereito público. Gozará do tratamento fiscal aplicable á Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O artigo 7.1.c) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, establece que é competencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural «deseñar, programar e executar as medidas de recuperación e, en xeral, da xestión da terra agroforestal de Galicia a través dos instrumentos previstos nesta lei para tal fin», entre os que están os polígonos agroforestais de iniciativa pública, que se rexen polo disposto nos artigos 4.k), 67 a 72 e 83 a 101 do dito corpo normativo.
3. Este procedemento réxese polo disposto na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia; o Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, publicado pola Resolución do 1 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias (DOG núm. 36, do 22 de febreiro); a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións normativas de aplicación.
4. Obxecto e finalidades do polígono agroforestal (artigos 67 e 68.5 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).
O polígono agroforestal de Sande (Arbo) ten por obxecto prioritario pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización e recuperar, deste xeito, unha actividade adecuada de explotación agrícola ou forestal; a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas, así como o desenvolvemento de áreas que, independentemente da súa capacidade produtiva, contan con especiais valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos e nas cales os procesos de abandono están a deteriorar eses valores. Neste último caso, a finalidade da iniciativa será a de facer compatible o aproveitamento produtivo coa salvagarda dos seus valores, aínda que primando sempre estes últimos.
5. Causas que xustifican o desenvolvemento do polígono agroforestal (artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).
As causas polas que procede desenvolver o polígono agroforestal son:
– Existe unha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal (artigo 68 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación de terra agraria de Galicia), de conformidade co informe emitido o 24.8.2023 pola xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra, CVE Rz7aBGk73mP6.
– A zona delimitada está na área de actuación da denominación de orixe Rías Baixas.
– A existencia de gran demanda de terreos na zona de actuación para a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas vinculadas á produción vitivinícola.
6. Características xerais e requisitos de desenvolvemento do polígono (artigos 68 e 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).
O desenvolvemento do polígono agroforestal efectuarase mediante iniciativa pública a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para o cal debe dispor de acordo das persoas titulares da superficie que represente, como mínimo, o 70 % do total da superficie das parcelas do perímetro do polígono, de conformidade co artigo 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. De non se alcanzar esa porcentaxe mínima, resolverase o arquivamento do procedemento de aprobación do proxecto por incumprimento dos seus requisitos básicos.
O perímetro proposto é o que consta no informe emitido o 24.8.2023 pola xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra, CVE CCKte80Ixp26.
No polígono agroforestal existe unha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal, de conformidade co informe emitido o 24.8.2023 pola xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra, CVE Rz7aBGk73mP6. Non procede a excepción deste requisito por non se daren os casos previstos no artigo 68.2.a) ou b).
De conformidade co previsto no artigo 68.6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, participan os montes veciñais en man común de Mourentán e Val de Muíños no polígono agroforestal. Estes deberán aterse ao disposto no artigo 18.1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común. No desenvolvemento do proceso de constitución do polígono agroforestal, en caso de participación dun monte veciñal en man común, este terá dereito de veto sobre a resolución definitiva do citado polígono. Quedarán excluídos, agás acordo favorable, coas maiorías establecidas no artigo 18.1 da citada lei, os montes veciñais en man común que estean xestionados cautelosamente pola Administración ou mediante contratos de xestión pública.
7. O desenvolvemento dos polígonos agroforestais de iniciativa pública realízase mediante procedementos de concorrencia competitiva nos termos previstos no artigo 69 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
8. Zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública (artigo 70 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).
No presente caso, non dándose ningún dos requisitos para ser considerada zona prioritaria para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública previsto no artigo 70.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, concorre a circunstancia para darlle carácter preferente prevista no artigo 70.2.b) e c) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
9. Prazo da elaboración do estudo de viabilidade (artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).
O prazo para elaborar o estudo de viabilidade, que debe determinarse neste acordo de inicio ao abeiro do artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, será de 12 meses, prorrogables.
Unha vez completado o estudo de viabilidade, de ser favorable, remitiráselle á persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a súa aprobación, consonte o previsto no artigo 84.4 da citada lei.
10. Declaración de utilidade pública e interese social (artigo 83.3 e 83.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia):
Nos supostos de zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública regulados no artigo 70, logo da súa proposta, a persoa titular da consellería competente en materia de medio rural elevaralle ao Consello da Xunta de Galicia a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal inmediatamente despois da aprobación do acordo de inicio. A dita declaración formalizarase mediante decreto do Consello da Xunta. Na declaración de utilidade pública e interese social incluiranse os contidos previstos nas letras a), d) e e) do artigo 85.2.
Deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia e implicará o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da tramitación de urxencia do procedemento e dos informes ambientais e sectoriais por parte dos órganos autonómicos e da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia.
11. Para os efectos do establecido no artigo 21.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por tratarse dun procedemento iniciado de oficio pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o prazo máximo para resolver o procedemento e para notificar os actos que lle poñan termo é de dous anos, contados desde o día seguinte ao do acordo de inicio, de conformidade coa disposición adicional segunda da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Se transcorre o prazo sinalado sen que se ditase e notificase a resolución correspondente, o procedemento caducará e acordarase o arquivamento das actuacións, de conformidade co artigo 25.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
12. Os orixinais e as copias electrónicas dos documentos que se sinalen con código de verificación electrónica (CVE) pódense verificar e descargar de xeito electrónico en https://sede.xunta.gal/cve
13. Competencia.
O artigo 8.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dispón que «Se algunha disposición atribúe a competencia a unha Administración, sen especificar o órgano que debe exercela, entenderase que a facultade de instruír e resolver os expedientes lles corresponde aos órganos inferiores competentes por razón da materia ou do territorio. Se existise máis dun órgano inferior competente por razón de materia e territorio, a facultade para instruír e resolver os expedientes corresponderalle ao superior xerárquico común destes».
Similares termos se establecen no artigo 5.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
O órgano competente para a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal é o Consello da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 85.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
O órgano competente para aprobar o proxecto básico do polígono agroforestal é a persoa que exerza a Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, de conformidade co artigo 94.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Finalmente, o órgano competente para a aprobación do polígono agroforestal é a persoa que exerza a presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, de conformidade co artigo 96.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, e polo tanto, tamén para acordar o seu inicio.
Por todo o exposto,
ACORDO:
Primeiro. O inicio do procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Sande, no concello de Arbo (Pontevedra).
Segundo. O prazo para elaborar o estudo de viabilidade será de 12 meses, prorrogables.
Terceiro. Publicar o acordo no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Este acordo constitúe un acto de trámite, contra o cal non cabe ningún recurso. Unicamente se poderá, segundo o artigo 112 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, alegar a súa oposición para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento. Igualmente, se se considera que o dito acto decide directa ou indirectamente o fondo do asunto, determina a imposibilidade de continuar o procedemento, produce indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos e intereses lexítimos, poderase interpor potestativamente recurso de reposición, ante a Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes, ou directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 6 e seguintes e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En ambos os dous casos o prazo contará desde o día seguinte ao da súa notificación. Non obstante, poderase interpor calquera outro recurso que se xulgue procedente.
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2023
José González Vázquez
Presidente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural