DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 4 de outubro de 2023 Páx. 55703

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 2023, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de arqueólogos, convocado pola Resolución do 30 de marzo de 2022, polo que se lle da publicidade a diversos acordos referentes ás cualificacións obtidas polos aspirantes no primeiro exercicio modificando a Resolución do 20 de xullo de 2023.

O tribunal nomeado por Resolución do 20 de abril de 2023 (DOG núm. 82, do 28 de abril) para cualificar este proceso selectivo, en sesión que tivo lugar o día 18 de setembro de 2023, ao abeiro do previsto na base II.1.1.1 da convocatoria do proceso selectivo, logo de examinar as reclamacións presentadas contra as cualificacións publicadas pola Resolución do 20 de xullo de 2023 (DOG do 11 de agosto) pola que se deu publicidade a diversos acordos nesta materia

ACORDOU:

Primeiro. Examinadas as reclamacións presentadas contra as cualificacións publicadas e con motivo especialmente de apreciar a procedencia da estimación parcial dunha delas, tras a detección de erro de lectura informatizada e corrixida esta coa intervención do persoal informático especializado e as comprobacións manuais correspondentes en sesións que tiveron lugar o día 13 de setembro, declárase modificado o criterio publicado no punto cuarto da resolución devandita do 20 de xullo, no particular, de que a puntuación mínima de 25 puntos corresponde a 96,75 respostas no canto das 96,50 que sinalaba a dita resolución. Como consecuencia do anterior, ao diminuír o número de preguntas (0,25) que supoñen puntuación por riba de 25 puntos do mínimo, resulta modificada tamén a cualificación ponderada que corresponde á totalidade das persoas aspirantes, modificacións de contía mínima sempre inferior a oito (8) centésimas. Non experimenta variacións nin a relación de persoas aptas, é dicir, as que acadan puntuación de 25 puntos ou superior, nin a súa orde de prelación segundo as respectivas puntuacións. As modificacións das puntuacións que se producen axústanse á aplicación dos criterios de proporcionalidade e ponderación de acordo co disposto polas bases da convocatoria do proceso selectivo.

Segundo. Publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, consonte o sinalado no punto anterior, os resultados obtidos polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo, e son declaradas aptas. Son as primeiras vinte da relación que se xunta a esta resolución, e estas cualificacións substitúen as publicadas pola Resolución do 20 de setembro. Publicar tamén a seguir as puntuacións definitivas obtidas polas persoas aspirantes presentadas que se declaran non aptas ao non obter as vinte cualificacións máis elevadas, aínda que acadaran as porcentaxes do 40 % sinaladas. Neste grupo, pola estimación parcial da reclamación da aspirante que pasa a ocupar o posto 28, e, por tanto, non apta, obtén esta unha cualificación superior á doutras persoas aspirantes que a precedían segundo a resolución que se modifica, ao pasar a superar tamén as porcentaxes do 40 % en cada bloque.

Ao respecto das persoas que non acadaron ningunha das ditas porcentaxes mínimas publícase na relación correspondente, declarándose tamén non aptas, e sinalándose para cada aspirante os bloques *1, *2 e *3 (=ambos bloques) nos que non se cumpriu a condición de porcentaxe mínima. En razón aos ditos criterios, unha asignación de puntuacións neste último grupo non sería homologable á das restantes aspirantes.

Terceiro. Mantense invariable o contido dos restantes acordos da Resolución do 20 de xullo devandita nos seus puntos primeiro a quinto, ambos inclusive.

Cuarto. De acordo co disposto na base III.13 da resolución de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2023

Roberto Carlos Pena Puentes
Presidente do tribunal