DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 6 de outubro de 2023 Páx. 56091

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se somete a información pública o Plan básico municipal do concello de Punxín (Ourense).

De conformidade co disposto nos artigos 63 e 64 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e concordantes do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que desenvolve a dita lei, os plans básicos municipais son os instrumentos de planeamento urbanístico que se redactarán en desenvolvemento do Plan básico autonómico para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non conten cun instrumento de planeamento xeral, e cuxa formulación, tramitación e aprobación corresponde á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Atendendo ao dito mandato normativo, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acordou, mediante a Resolución do 26 de setembro de 2023, aprobar inicialmente o Plan básico municipal do Concello de Punxín e sometelo a información pública.

En cumprimento do disposto nos artigos 64.3 da Lei 2/2016, do 10 febreiro, e 156.3 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, sométese a información pública o Plan básico municipal do Concello de Punxín, polo prazo de dous meses contado a partir da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Durante o referido prazo, calquera persoa poderá examinar o documento en horario de oficina, cita previa, nas seguintes dependencias:

– Servizo Provincial de Urbanismo da Xefatura Territorial de Ourense (praza Eduardo Barreiros, 12, baixo, 32003 Ourense, teléfono 988 68 73 34).

– Concello de Punxín (rúa Forxa, 24, 32456 Punxín, teléfono 988 28 00 32).

Así mesmo, poderá consultarse o documento a través da seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Territorio_e_urbanismo_Planeamento_urbanistico?content=SX_Ordenacion_Territorio_Urbanismo/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Durante o referido prazo, calquera persoa poderá achegar alegacións no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou en calquera dos rexistros e oficinas sinalados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como no seguinte enderezo de correo electrónico: sxurb@xunta.gal

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2023

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo