DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 6 de outubro de 2023 Páx. 56052

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 2023 pola que se convoca unha xornada de presentación da nova Lei 3/2023, do 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia.

O artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia sinala como competencia exclusiva da Comunidade Autónoma, entre outras, a ordenación dos casinos, xogos e apostas, con exclusión das apostas mutuas deportivo-benéficas. De acordo con iso e como resultado do Acordo Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse o Real decreto 228/1985, do 6 de febreiro, polo que se concretan as competencias exclusivas e concorrentes do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de xogo.

En virtude desa competencia, aprobouse a Lei 3/2023, do 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia. A dita lei introduce numerosas novidades en materia de xogo e apostas que deben aplicar os/as operadores/as de xogo, as persoas usuarias dos xogos, o persoal funcionario das distintas administracións e as forzas e corpos de seguridade que realizan as funcións de inspección e control.

Coa finalidade de dar a coñecer a nova normativa de xogo a todos os sectores e colectivos afectados, convócase unha xornada de presentación desta lei conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: Xornada de presentación da nova Lei 3/2023, do 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia.

Horas lectivas: 5 horas.

Modalidade: presencial.

Data: 24 de outubro de 2023.

2. Persoas destinatarias.

Persoal das forzas e corpos de seguridade, xudicatura, Ministerio Fiscal, persoal da Administración autonómica e local, empresas de xogo e demais persoas interesadas.

3. Prazas ofertadas: sen límite.

4. Programa.

10.00 a 10.30: presentación.

10.30 a 12.00: obxecto e ámbito de aplicación da nova lei, políticas de xogo responsable, réxime de publicidade, control de acceso, xogos permitidos e prohibidos.

12.30 a 14.00: establecementos de xogo, réxime de autorización, empresas de xogo, réxime sancionador, homologación de material de xogo.

14.00 a 15.00: charla coloquio.

5. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É obrigatorio consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil e un correo electrónico co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para presentar as solicitudes.

O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 20 de outubro de 2023.

6. Formulario normalizado de solicitude.

a) O formulario de solicitude a que se refire a base anterior deberá cubrilo a persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, dispoñible no enderezo da internet http://agasp.xunta.gal

b) Para cubrir correctamente o formulario de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda, que deberán observar en todo momento as persoas solicitantes.

c) O formulario de solicitude poderá ser cuberto ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, as persoas interesadas poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10 ou do enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

A Agasp publicará diariamente a listaxe de persoas admitidas desde o día 18 de outubro de 2023 no sitio web agasp.xunta.gal

7. Obrigas das persoas admitidas.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comuniquen a súa imposibilidade de asistencia con 48 horas como mínimo de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberáselle comunicar por escrito á Agasp, a través do correo electrónico, ao enderezo formacion.agasp@xunta.gal

En caso contrario, serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

8. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 27 de setembro de 2023

Santiago Villanueva Álvarez
Director da Academia Galega de Seguridade Pública