DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Luns, 9 de outubro de 2023 Páx. 56165

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección, que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento das pemes para a creación de centros dixitais de xestión remota (Programa centros dixitais) para o ano 2023, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTX), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG535B).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do 22 de xuño de 2023 acordou, por unanimidade dos membros asistentes, aprobar as bases reguladoras das axudas ao investimento das pemes para a creación de centros dixitais de xestión remota (Programa centros dixitais), susceptibles de seren cofinanciadas no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta (en diante, FTX) de España 2021-2027, na provincia da Coruña, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas ao investimento das pemes para a creación de centros dixitais de xestión remota (Programa centros dixitais), susceptibles de seren cofinanciadas no marco do Programa do FTX de España 2021-2027 e convocar as ditas axudas para o ano 2023 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG535B).

A presente convocatoria é susceptible de ser cofinanciada no marco do Programa do FTX de España 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do 70 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios e, naquelas operacións en que a achega privada sexa só do 20 %, achegarase o cofinanciamento do 10 % mediante fondos propios da Comunidade Autónoma. En particular:

Obxectivo político ou obxectivo específico do FTX (JSO8.1): facer posible que as rexións e as persoas afronten as repercusións sociais, laborais, económicas e ambientais da transición cara aos obxectivos da Unión para 2030 en materia de enerxía e clima e unha economía da Unión climaticamente neutra de aquí a 2050, consonte o Acordo de París.

Prioridade P2: A Coruña.

Ámbito de intervención: 036. TIC: outros tipos de infraestruturas de TIC (incluídos recursos/equipamentos informáticos a gran escala, centros de datos, sensores e outros equipamentos sen fíos).

Actuación C04. Fomento da investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+I), a integración das TIC e a transformación dixital.

• Incentivos a fondo perdido para a creación de centros dixitais de desenvolvemento de sistemas, monitorización, control, comando de operacións.

Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:

a) Indicadores de realización:

RCO13-Valor de servizos, produtos e procesos dixitais desenvolvidos para as empresas.

b) Indicadores de resultado:

RCR12-Usuarios de novos produtos, servizos e aplicacións dixitais desenvolvidas por empresas.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de dous meses contados desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o devandito prazo de dous meses.

Terceiro. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Orixe fondos

Ano 2023

Ano 2024

Ano 2025

Ano 2026

Total

05.A1.741A.7700

FTX

1.400.000 €

1.400.000 €

1.400.000 €

1.400.000 €

5.600.000 €

FP

200.000 €

200.000 €

200.000 €

200.000 €

800.000 €

A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:

O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de cinco meses contados desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, transcorrido o cal se poderá entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que poida exceder o 30 de xuño de 2026.

O prazo para presentar a solicitude de cobramento será dun mes desde a finalización do prazo de execución fixado na resolución de concesión.

O prazo para solicitar anticipos será ata o 10 de decembro na anualidade 2023, ata o 15 de outubro de cada ano para os gastos das anualidades 2024 e 2025 e ata o 15 de marzo de 2026 para os gastos da anualidade 2026.

O prazo para xustificar os gastos incorridos en 2023 abranguerá ata o 31 de xaneiro de 2024. O prazo para xustificar os gastos incorridos en 2024 rematará o 30 de outubro de 2024. O prazo para xustificar os gastos incorridos en 2025 rematará o 30 de outubro de 2025 e o prazo para xustificar os gastos incorridos en 2026 rematará o 30 de xullo de 2026.

Quinto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2023

Covadonga Toca Carús
Directora do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas ao investimento das pemes para a creación de centros dixitais de xestión remota (Programa centros dixitais), susceptibles de seren cofinanciadas no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTX) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva

A Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, establece cinco plans de impulso con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas que deberá desenvolver a Administración galega entre os anos 2015 e 2020. Entre estes plans de impulso está a mellora dos factores territoriais de competitividade, que recolle as medidas que a Administración pública debe tomar para promover un contorno favorable para o desenvolvemento da actividade industrial. A Axenda foi actualizada para o período 2019-2022 enfatizando na transformación dixital.

Esta liña de axudas, que ten como obxectivo estimular e apoiar o investimento empresarial privado, está aliñada co Plan estratéxico de Galicia 22-30, eixe 3: Competitividade e crecemento, prioridade de actuación 3.3: Impulsar o crecemento e competitividade das pemes, a transición industrial e o emprendemento, obxectivo estratéxico 3.3.1: Impulsar a creación de novas empresas, a consolidación e crecemento das existentes, a súa internacionalización e fomentar decididamente o espírito emprendedor. Garantir o cumprimento das condicións de seguridade das instalacións no que atinxe á seguridade industrial e de equipamentos industriais e a defensa das persoas consumidoras e usuarias, protexendo a seguridade, a saúde e os seus lexítimos intereses económicos.

Con data do 8 de abril de 2022 o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación da Comunidade Autónoma neste período, así como o Plan de investigación e innovación de Galicia 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico. Estas bases enmárcanse na RIS3 de Galicia 2021-2027 e alíñanse co reto 2 (modelo industrial sustentado na competitividade e no coñecemento) e coa prioridade 2 (dixitalización). Teñen como obxectivo estratéxico o número 1. Así mesmo, intégranse no programa Integra do Plan galego de investigación e innovación 2022-2024.

Neste contexto, a transformación dixital rupturista en novos modelos de negocio é aínda un fito pendente no tecido empresarial galego e un instrumento indispensable para a mellora da competitividade do territorio e con ela a xeración de emprego. Por outra parte, a dispoñibilidade local de infraestruturas dixitais de apoio e reforzo á industria beneficia de xeito especial ás pemes, posto que lles permite acceder a dotacións dixitais e servizos avanzados a prezos competitivos e con prazos axustados ás súas necesidades. Encaixan, ademais, perfectamente no modelo DIH, xa que un dos obxectivos do hub é asegurar a prestación de servizos tecnolóxicos a pemes mediante a orquestración dun conxunto de activos, entre os que poderían estar estas infraestruturas dixitais de apoio.

O Igape, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúen a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega.

O obxecto das axudas reguladas nestas bases é o de apoiar a posta en marcha de proxectos de creación de centros dixitalizados para o desenvolvemento de sistemas e conectividade dixital, para a monitorización ou xestión remota de activos ou instalacións, para o control e comando de operacións en calquera ámbito de actividade, especialmente para instalacións de produción ou de xeración de enerxías renovables e no ámbito da mobilidade. O valor achegado irá alén dunha empresa concreta, podendo xerar instalacións de usos combinados multipropósito.

Por exemplo, sistemas de simulación e sistemas de control de activos conectados, frotas de vehículos, captación e almacenamento de datos; sistemas de telemetría e telecomando tamén aplicables a vehículos e frotas, pero tamén a instalacións enerxéticas, zonas de seguridade e espazos loxísticos, entre outros.

Estas infraestruturas poderán ser para uso exclusivo da empresa promotora do proxecto ou ben para o seu uso aberto e compartido, contribuíndo en todo caso a reforzar o contorno das empresas e os consumidores, e a dixitalización, modernización e desenvolvemento da base industrial, co fin de mellorar a súa competitividade.

Estas axudas ampáranse nos artigos 14 e 56 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado CE (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014).

A estas bases reguladoras resúltalles de aplicación o principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (DNSH, polas súas siglas en inglés); isto é, que ningunha das actuacións promovidas nestas bases incide negativamente en ningún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852: mitigación do cambio climático, adaptación ao cambio climático, uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños, economía circular, prevención e control da contaminación e protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

1. Serán subvencionables os proxectos de creación de centros dixitais na provincia da Coruña que contribúan a nivel empresarial ou local a mellorar a dixitalización dos procesos empresariais distribuídos, contorno das empresas e os consumidores, e a modernizar e desenvolver a base industrial:

– Centros dixitalizados para control, xestión, monitorización, vixilancia, telemetría ou telecomando (remoto) de activos, infraestruturas, instalacións ou sistemas.

– Centros dixitalizados para simulación, control, seguimento de activos e operacións (persoas, vehículos, frotas, loxística...).

– Centros dixitalizados para almacenamento de datos e accesibilidade a estes.

– Calquera outro centro dixitalizado que outorgue capacidades remotas de conectividade, coordinación, seguimento, monitorización ou control de activos.

2. Deben axustarse a algunha das seguintes tipoloxías:

Tipoloxía 1.

O centro dixital estará localizado na provincia da Coruña e promovido e explotado por unha peme para a monitorización, xestión, vixilancia, comando, control, etc. de xeito remoto, dos seus activos, infraestruturas, vehículos ou instalacións.

Tipoloxía 2.

O centro dixital promovido e explotado por unha peme galega, no ámbito xeográfico da provincia da Coruña, para facilitar o desenvolvemento e uso de sistemas de monitorización, xestión, vixilancia, comando, control, etc. de xeito remoto, de activos, infraestruturas, vehículos ou instalacións; destinado de xeito aberto a que sexan utilizadas por terceiros para as súas necesidades e aplicación. Neste caso, os centros dixitais creados deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Estarán á disposición dos usuarios interesados dunha forma aberta, transparente e non discriminatoria. O prezo que se cobrará polo uso ou venda das infraestruturas será prezo de mercado.

b) Deberán permitir a utilización por parte dos seus destinatarios mediante unha estrutura de servizos tarificables en función do uso ou consumo que se realice. Non se axustarán a esta tipoloxía os proxectos en que o solicitante ou un terceiro utilice de xeito exclusivo ou moi maioritario a infraestrutura para si ou para a execución propia de proxectos para terceiros. Para os efectos destas bases, considerarase utilización moi maioritaria por parte dun terceiro a que supere o 60 % da facturación da infraestrutura.

c) A concesión ou outro tipo de atribución a terceiros para explotar o centro realizarase sobre unha base aberta, transparente e non discriminatoria, tendo debidamente en conta as normas de contratación pública aplicables.

d) Deberán prestar servizos dixitais que non estean dispoñibles localmente no momento da solicitude, ou servizos cuxa oferta local non se axuste ás necesidades das empresas.

3. Non serán subvencionables os proxectos de desenvolvemento de infraestruturas de investigación, de agrupacións empresariais innovadoras, sistemas urbanos de calefacción e refrixeración enerxeticamente eficientes, infraestruturas de enerxía, reciclaxe e reutilización de residuos, infraestruturas de banda larga, cultura e conservación do patrimonio, infraestruturas deportivas e recreativas multifuncionais, aeroportos e portos.

4. O investimento subvencionable por cada proxecto deberá ser superior a 100.000 € e inferior a 3.000.000 €.

5. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (DOUE L 231, do 30.6.2021), polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados (en diante, RDC), todos os proxectos susceptibles de financiamento ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, do no significant harm).

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior a que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. Estas axudas ampáranse nos artigos 14 e 56 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

4. A presente convocatoria é susceptible de ser cofinanciada no marco do Programa do FTX de España 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do 70 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios e, e naquelas operacións en que a achega privada sexa só do 20 %, achegarase o cofinanciamento do 10 % mediante fondos propios da Comunidade Autónoma. En particular:

Obxectivo político ou obxectivo específico do FTX (JSO8.1): facer posible que as rexións e as persoas afronten as repercusións sociais, laborais, económicas e ambientais da transición cara os obxectivos da Unión para 2030 en materia de enerxía e clima e unha economía da Unión climaticamente neutra de aquí a 2050, consonte o Acordo de París.

Prioridade P2: A Coruña.

Actuación C04. Fomento da investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+I), a integración das TIC e a transformación dixital.

• Incentivos a fondo perdido para a creación de centros dixitais de desenvolvemento de sistemas, monitorización, control, comando de operacións.

Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:

c) Indicadores de realización:

RCO13-Valor de servizos, produtos e procesos dixitais desenvolvidos para as empresas.

d) Indicadores de resultado:

RCR12-Usuarios de novos produtos, servizos e aplicacións dixitais desenvolvidos por empresas.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos investimentos.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da peme unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pemes, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, que adopten a forma xurídica de Sociedade Limitada ou Sociedade Anónima, preexistentes ou que se constitúan especificamente para a explotación do centro dixital proposto.

Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que proxecten levar a cabo un investimento nunha infraestrutura (centro dixital) subvencionable na provincia da Coruña.

b) Que acheguen para o proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de, polo menos, un 20 % para proxectos da tipoloxía 2 e un 25 % para proxectos da tipoloxía 1, dos investimentos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo. Na contribución financeira mínima do 20 % exixible nos proxectos de tipoloxía 2 non procede computar, para estes efectos, os activos a que se refire o artigo 8.1.b) destas bases.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas pertencentes aos sectores da pesca, a acuicultura e a produción agrícola primaria, segundo as letras a) e b) do artigo 1.3 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

b) As empresas do sector do aceiro, lignito e carbón, do sector do transporte e a produción, almacenamento, transporte, distribución e as infraestruturas de enerxía, segundo o artigo 13 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

c) Os investimentos relacionados coa produción, transformación, transporte, distribución, almacenamento ou combustión de combustibles fósiles, segundo o artigo 9 do Regulamento (UE) nº 2021/1056 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo de Transición Xusta.

d) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

e) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014.

f) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

g) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Esta circunstancia acreditarana as sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, de conformidade co previsto no artigo 26 do regulamento desta lei.

Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada establécese a necesidade de acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá o prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

3. As persoas solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser persoas beneficiarias conforme este artigo. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as persoas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no número 18 do artigo 2 do Regulamento 651/2014 para considerar unha empresa en crise.

4. Co fin de facilitar o acceso á axuda á empresa, permitirase que esta poida constituírse tras a presentación da solicitude de axuda, antes da resolución de concesión, tal e como se describe no artigo 7.

Artigo 5. Investimento subvencionable

1. Serán subvencionables os investimentos en activos fixos que correspondan de forma indubidable á infraestrutura (centro dixital) subvencionada, e que se materialicen nos seguintes conceptos:

a) Obra civil: acondicionamento e urbanización, oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto, levadas a cabo en terreos propiedade do solicitante, ou sobre os que o solicitante teña un dereito de superficie, concesión administrativa ou dereito de explotación similar cunha vixencia mínima de 5 anos, contados desde a data de posta en marcha da infraestrutura.

b) Adquisición de terreos, edificacións ou construcións por un importe que non exceda o 10 % do investimento total subvencionable. Poderá superarse esta porcentaxe no caso de que a operación consista, atendendo ao seu obxecto e finalidade, na adquisición de edificacións xa existentes para ser rehabilitadas ou postas a punto para un novo propósito, de modo que o terreo en que estas se asentan non constitúa o elemento principal da adquisición. Considerarase que o terreo constitúe o elemento principal da adquisición cando o valor de mercado do solo exceda o valor de mercado da edificación no momento da compra.

c) Bens de equipamento: máquinas, equipamento e sistemas TIC, instalacións específicas necesarias, equipamentos e medios de transporte interno, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento necesarios para a creación do centro dixitalizado.

d) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.

e) Activos intanxibles relacionados directamente co centro dixital que cumpran os seguintes requisitos:

1º. Empregaranse exclusivamente no centro beneficiario da axuda.

2º. Deben ter a consideración de activos amortizables.

3º. Deberán ser adquiridos a terceiros non relacionados co comprador en condicións de mercado.

4º. Figurarán no activo da peme e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 3 anos.

f) Os custos de reformas de instalacións levadas a cabo en bens inmobles arrendados e sempre que o arrendamento teña unha vixencia mínima de 5 anos contados desde a data de posta en marcha da infraestrutura.

En calquera caso, non se considerarán subvencionables bens suntuarios ou que teñan un custo moi superior a outros similares que cumpran a mesma funcionalidade.

2. Tamén serán subvencionables os investimentos necesarios para a xestión dos activos remotos: sensores, captadores, actuadores, ou outros sistemas necesarios para realizar a xestión remota dos activos de que se trate.

3. Os bens de equipamento adquiridos deberán ser novos.

4. A suma dos investimentos correspondentes ás epígrafes a), b) e f) anteriores non poderán superar o 60 % do investimento total subvencionable.

5. O investimento subvencionable mínimo establécese en 100.000 €.

6. Os investimentos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable. Para tal efecto, o solicitante deberá achegar unha declaración expresa, incluída no formulario electrónico de solicitude de axuda.

Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.

Para estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

7. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.

8. O beneficiario deberá adquirir os bens obxecto de investimento en propiedade.

No caso de adquirilos mediante fórmulas de pagamento aprazado, os bens deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

9. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros e en ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos puntos 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

10. Cando o importe subvencionable dos elementos que se van adquirir a un mesmo provedor supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Comparabilidade: deberán referirse á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.

b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si. Para estes efectos, enténdese que existe vinculación se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos puntos 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderán admitirse ofertas ou orzamentos en que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, ao criterio dos servizos técnicos do Igape, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.

d) Data e validez: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión e un prazo de validez. As ofertas non poderán ter un prazo de validez vencido na data de presentación da solicitude.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a persoa solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerarse subvencionable o importe da oferta elixida cando acredite que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.

11. Cando se dean as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 9/2017, de contratos do sector público, a entidade beneficiaria deberá cumprir co disposto para os contratos subvencionados.

12. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha peme preexistente, os gastos subvencionables en que incorrera nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Artigo 6. Contía da axuda

1. Co límite de 1.500.000 € de axuda por proxecto presentado na tipoloxía 1 e de 2.000.000 € na tipoloxía 2, os importes de axuda serán os seguintes:

Tipoloxía 1.

O importe da axuda será do 25 % ou 35 % do investimento subvencionable, segundo o promotor sexa mediana ou pequena empresa, respectivamente.

Tipoloxía 2.

O importe da axuda será do 80 % sobre a diferenza entre os investimentos subvencionables e o beneficio de explotación ao longo do período de explotación do negocio definido no punto 4 deste artigo.

2. Entenderase como «beneficio de explotación» para os efectos destas axudas a diferenza entre os ingresos actualizados e os custos de explotación actualizados mentres dure o investimento de que se trate. Para o cálculo, utilizarase unha taxa de desconto do 4 %. Se esta diferencia é negativa ou cero, o «beneficio de explotación» será nulo.

3. Entenderase como «custos de explotación» para os efectos destas axudas os custos de persoal, materiais, servizos contratados, comunicacións, enerxía, mantemento, alugamentos ou administración, excluíndo os gastos de amortización e os custos de financiamento se se cubriron mediante axudas ao investimento (incluída, pero non limitada á presente axuda). En particular, serán considerados custos de explotación:

a) O importe dos seguros que se establecen como obrigatorios no artigo 17.b) destas bases.

b) A amortización correspondente á substitución do investimento subvencionable debido á obsolescencia ou avaría.

c) A amortización correspondente ao reforzo e mellora da infraestrutura, sempre que non se financie mediante axudas ao investimento.

4. A axuda concederase con base no plan de viabilidade que presente o solicitante (segundo o modelo de Plan económico e cálculo da subvención incluído no formulario electrónico de solicitude). O plan de viabilidade referirase a un período de 10 anos desde a posta en marcha da infraestrutura. Se o período de amortización da infraestrutura é superior aos 10 anos, o valor residual dos activos subvencionados deberá terse en conta para o cálculo do beneficio de explotación, mediante o cálculo do valor neto actual dos fluxos de efectivo nos anos de vida útil restantes do investimento.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. A solicitude poderá presentala a peme de xeito individual ou ben formar, previamente á presentación da solicitude, unha agrupación de persoas físicas e/ou xurídicas, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, que se comprometan a constituír unha nova sociedade que finalmente será a beneficiaria. Ben que se permite que solicite a axuda esta agrupación, a condición de beneficiario enténdese referida á sociedade que debe constituírse antes da resolución definitiva da axuda, a cal establecerá como beneficiaria a sociedade e non a agrupación nin os seus membros.

No caso de optar por formar unha agrupación, deberanse facer constar expresamente nun documento ante notario os compromisos de constitución da nova sociedade e de achega económica a esta por parte de cada un dos membros da agrupación. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación (en diante, o líder), que presentará a solicitude de axuda en nome da agrupación e será o único interlocutor coa Administración ata o momento en que o Igape emita a resolución definitiva, da que será beneficiaria á nova sociedade.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá recoller, como mínimo, o seguinte:

a) Identificación de cada un dos seus membros: razón social, NIF e nome e DNI do representante legal.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do seu representante ante a Administración para os efectos de interlocución con ela.

c) Recoñecemento dos compromisos asumidos por cada un dos membros da agrupación en canto a constitución da empresa no prazo sinalado e a súa achega económica.

d) Acordos de confidencialidade.

e) Xestión da agrupación e plan de continxencias ante posibles dificultades.

f) Sinatura de todos os membros.

g) Anexo II de comprobación de datos cuberto por cada un dos membros da agrupación.

A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

2. Para presentar a solicitude, a persoa representante da peme individual ou o líder da agrupación deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No devandito formulario, a persoa representante da peme individual deberá realizar as seguintes declaracións relativas á entidade solicitante:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.

c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.

e) Que cumpre, de ser o caso, os criterios da definición de peme establecidos pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014.

A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore a esta declaración de peme, ou na documentación que fose requirida para acreditala, dará lugar á perda do dereito á cobranza e, de ser o caso, ao reintegro da subvención percibida, constituíndo unha infracción moi grave tal e como establece o artigo 56.a) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, podéndose impoñer as seguintes sancións:

1º. Multa pecuniaria proporcional do dobre ao triplo da cantidade indebidamente obtida.

2º. Cando o importe do prexuízo económico correspondente á infracción exceda os 30.000 euros, concorrendo algunha das circunstancias previstas nas letras b) e c) do punto 1 do artigo 58 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os infractores poderán ser sancionados, ademais:

i) Coa perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais da Administración ou outros entes públicos.

ii) Coa prohibición durante un prazo de ata cinco anos para celebrar contratos coa Administración ou outros entes públicos.

iii) Coa perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de actuar como entidade colaboradora.

O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as que se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.

f) Que non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.

g) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos susceptibles de financiación co FTX.

h) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Igape efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria.

i) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de mantemento dos investimentos definido no artigo 17.a) destas bases.

j) Se é o caso, que ten implantado un plan de igualdade, identificando o código do localizador no rexistro de convenios e acordos colectivos, de ser o caso.

k) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos puntos 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

l) Que o proxecto financiado non inclúe actividades que ocasionen un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852 relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables mediante a implantación dun sistema de clasificación (ou «taxonomía») das actividades económicas ambientais sostibles.

m) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.

n) Que se compromete a garantir a protección fronte ao cambio climático das infraestruturas cuxa vida útil sexa como mínimo de cinco anos, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) 2021/1060. Para iso deberá ter en conta as orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE do 16.9.2021) e as instrucións que desenvolva para o efecto a autoridade de xestión dos programas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2021-2027.

3. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:

http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado en formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto e do investimento proxectado, que se cubrirá no propio formulario electrónico de solicitude, no formato proposto pola aplicación.

b) Se é o caso, memoria dos activos que se achegan á sociedade para o funcionamento do centro dixital valorados por experto independente, indicando para cada elemento a data de adquisición ou incorporación, valor ou custo de adquisición e importe da amortización acumulada á data de incorporación á sociedade.

c) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, debe solicitar o interesado, de acordo co establecido no artigo 5.10 destas bases, para os investimentos do proxecto de infraestrutura.

d) No caso de investimento en obra civil deberán achegar os seguintes planos:

1º. Esbozo de localización dentro do termo municipal.

2º. Plano xeral acoutado das instalacións, en que se diferencie a situación inicial da posterior ao investimento.

3º. Planos de distribución en planta, en que se aprecien os espazos da nova construción e a instalación dos novos bens de equipamento.

e) No caso de reforma en inmobles arrendados, ademais da documentación da letra d), o solicitante deberá presentar o contrato de arrendamento do inmoble, cunha duración mínima de 5 anos contados desde a data prevista de posta en marcha da infraestrutura.

f) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

g) No caso de que presente a solicitude o líder dunha agrupación:

1º. Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da sociedade que se vai constituír.

2º. Proxecto de estatutos da sociedade que se vai constituír.

3º. Documento de constitución da agrupación.

h) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, segundo o establecido no artigo 4.2.g) das bases reguladoras, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará do seguinte xeito, de acordo co anexo VI destas bases:

i. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante declaración responsable.

ii. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

i) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio do no significant harm-DNSH), segundo o anexo V a estas bases.

j) Documentación que acredite a defensa contra o cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura, desde a planificación inicial, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) 2021/1060, tendo en conta as orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE do 16.9.2021) e as instrucións que desenvolva para o efecto a autoridade de xestión dos programas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2021-2027. Con todo, se a empresa solicitante non dispón aínda en fase de solicitude dun proxecto suficientemente definido que permita integrar a dita análise nesta fase inicial, poderá presentar a dita documentación en fase de xustificación, en que o promotor deberá acreditar a documentación e verificación da defensa da infraestrutura fronte ao cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Relativos á peme individual:

DNI ou NIE da persoa representante.

Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 8.1.f) destas bases.

NIF da entidade solicitante.

NIF da entidade representante.

Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

b) Relativos a cada persoa partícipe da agrupación:

DNI ou NIE da persoa partícipe na agrupación.

DNI ou NIE da persoa representante.

Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 8.1.f) destas bases.

NIF da entidade partícipe da agrupación.

NIF da entidade representante.

Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

c) Relativos á nova sociedade creada:

DNI ou NIE da persoa representante.

Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 13.2 destas bases.

NIF da nova sociedade creada.

NIF da entidade representante.

Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I de solicitude para a peme individual, no anexo II de comprobación de datos das persoas partícipes da agrupación ou no anexo III de declaración de constitución da nova sociedade e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Artigo 11. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Competitividade do Igape e a competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador, cuxos membros serán designados pola Dirección Xeral do Igape de entre o persoal da Área de Competitividade. Este órgano estará composto por un mínimo de tres membros e contará cun presidente e un/unha secretario/a con voz e voto. Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 12. Instrución dos procedementos

1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda realizaranse mediante publicación na páxina web do Igape no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

3. Para a avaliación dos proxectos o Igape poderá utilizar o sistema de defensa pública do proxecto. Tanto a memoria que acompañe a solicitude requirida no artigo 8.1 como a defensa pública deben responder de forma clara e explícita a cada un dos criterios de avaliación de proxectos deste punto.

No caso de defensa pública do proxecto os aspirantes serán convocados cunha antelación mínima de 10 días hábiles. Na convocatoria indicarase a data, lugar e hora da intervención. Posteriormente, procederase a efectuar o chamamento para que un representante da agrupación ou da peme solicitante realice a exposición e defensa do proxecto. Os membros do órgano avaliador poderán efectuar preguntas para unha mellor comprensión do proxecto. Se unha peme ou agrupación non se presenta á exposición pública, a súa solicitude será denegada. De ser imposible a asistencia, a peme ou agrupación deberá notificalo antes da data establecida, co fin de que se lle asigne unha nova data.

4. Finalizada, se é o caso, esta fase de exposición e defensa, o órgano avaliador procederá a puntuar cada proxecto de acordo cos seguintes criterios de avaliación:

a) Interese para o tecido empresarial da provincia da Coruña do centro dixital: ata 20 puntos, que se avaliará de xeito comparativo entre as solicitudes presentadas tendo en conta os seguintes parámetros:

i. Grao de necesidade da infraestrutura baseado nas capacidades dixitais ofertadas, na inexistencia previa no territorio de infraestruturas competidoras e non interferencia con iniciativa privada local: ata 5 puntos.

ii. Dimensión económica dos axentes promotores do centro da tipoloxía 1 ou das entidades usuarias ou interesadas no proxecto que establezan claramente o seu interese mediante as correspondentes cartas de adhesión motivadas nos centros tipoloxía 2: ata 5 puntos.

iii. Vantaxes ambientais, de existiren: ata 3 puntos.

iv. Grao de innovación tecnolóxica da infraestrutura: ata 3 puntos.

v. Grao de aliñación cos obxectivos da RIS3 de Galicia: ata 4 puntos.

b) Tipo de solicitante: ata 10 puntos.

i. Empresa individual (peme) preexistente: 5 puntos.

ii. Proposta de nova sociedade (peme) formada por dúas ou mais empresas preexistentes: 10 puntos.

c) Creación de emprego: ata 20 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

• Ata 10 puntos outorgando 0,5 puntos por cada emprego a crear no centro dixital que non corresponda aos colectivos citados no seguinte parágrafo.

• Ata 10 puntos outorgando 1 punto por cada emprego creado por contratación de mulleres, mozos entre 18 e 30 anos, persoas maiores de 50 anos ou persoas con discapacidade.

d) Achegas privadas ao proxecto na forma de fondos, inmobles, instalacións, compromisos de cesión a longo prazo, equipamento e outros: ata 10 puntos, que se avaliará de xeito comparativo entre as solicitudes presentadas asignando maior puntuación ás solicitudes cuxas achegas sexan máis importantes cualitativa ou cuantitativamente.

e) En función da tipoloxía de proxecto, ata 20 puntos:

e.1) Tipoloxía 1: Obxectivo do centro dixital e beneficios esperados para a competitividade da peme, que se avaliará de xeito comparativo entre as solicitudes presentadas desta tipoloxía, tendo en conta os seguintes parámetros:

i. Sustentabilidade, coherencia e obxectivos do proxecto, xustificación con base nestes da necesidade das partidas económicas consignadas: ata 5 puntos.

ii. Singularidade e capacidades dixitais novas para a empresa, que o centro albergará: ata 5 puntos.

e.2) Tipoloxía 2: Plan de explotación e modelo de xestión, que se avaliará de xeito comparativo entre as solicitudes presentadas tendo en conta os seguintes parámetros:

i. Sustentabilidade, coherencia, concreción do plan de negocio presentado, obxectivos do proxecto e xustificación con base nestes da necesidade das partidas económicas consignadas: ata 10 puntos.

ii. Sistema de acceso para terceiros, marco de admisión, regulación e tarificación, limitacións, contraprestacións e outras características, primando aquelas que supoñan un maior beneficio para os usuarios da infraestrutura: ata 10 puntos.

f) Localización en municipios de zonas de transición xusta: 5 puntos (anexo VIII).

g) Sector de actividade: centro dixital de xestión de activos relacionados coas enerxías renovables ou coa mobilidade: 5 puntos.

h) Proposta asociada a un hub de Innovación Dixital declarado estratéxico para Galicia, que se asignará a un máximo de dous proxectos por cada hub estratéxico: 5 puntos.

i) Proxecto en concello emprendedor: 5 puntos, que se outorgarán a proxectos que se desenvolvan nun concello declarado como concello emprendedor, a listaxe de concellos emprendedores pódese consultar no seguinte enderezo electrónico:

https://economia.xunta.gal/recursos/temas-de-interese/-/topic/0109/concellos-emprendedores

No caso de empate nas puntuacións, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración dos criterios: e), a), b), c), d), f), g), h), i) sucesivamente. Se aínda así seguise existindo empate, co fin de promover a incorporación do principio transversal de igualdade enunciado no artigo 9 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, decidirase a favor do proxecto en que se prevexa a implantación dun plan de igualdade, identificado no formulario electrónico de solicitude polo seu localizador no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo, de acordo co establecido no artigo 11 do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro. De persistir o empate, darase preferencia aos proxectos segundo a súa orde de presentación.

5. O órgano avaliador considerará unicamente as solicitudes que acadaran 40 puntos, e elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas.

6. Seguindo a orde de prelación establecida no punto anterior, en orde decrecente de puntuación, asignaranse sucesivamente créditos a cada proxecto ata que o orzamento restante non cubra a asignación de axuda necesaria para o seguinte.

7. Os proxectos asignados segundo este procedemento pasarán a formar parte da lista de proxectos seleccionados.

8. O resto dos proxectos que superen os 40 puntos pasarán a formar parte da lista de reserva, conservándose a súa orde de prelación para a asignación de axuda no caso de renuncias ou incumprimentos nos primeiros 6 meses desde a resolución definitiva desta convocatoria.

Artigo 13. Proposta provisional

1. O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión formulará, a partir da relación de solicitudes puntuadas, a proposta de resolución provisional, debidamente motivada, que publicará na páxina web do Igape no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

No prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta proposta provisional, os interesados poderán formular as alegacións que consideren oportunas.

2. No caso de que a solicitude a presente o líder da agrupación, os seus membros deberán constituír a nova sociedade que vai recibir a axuda e notificarllo ao Igape no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da proposta provisional. En particular, deberán presentar, mediante copia dixitalizada a través do enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual a seguinte documentación:

a) Declaración de constitución da nova sociedade segundo o modelo do anexo III a estas bases, que inclúe as declaracións responsables e a autorización relativa á consulta de datos para a nova sociedade constituída.

b) Documentación acreditativa da constitución e do poder de representación correspondente, no caso de non estar inscrita no Rexistro Mercantil.

De non recibir esta documentación en prazo, considerarase que a solicitante renuncia á axuda e arquivarase o expediente.

As sociedades constituídas serán nas cales recaerá a resolución definitiva de concesión.

Artigo 14. Resolución, publicación e notificacións

1. Examinadas as alegacións aducidas, de ser o caso, polos interesados, e a documentación recibida, o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión ditará a proposta de resolución definitiva e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen emitirá a resolución definitiva de concesión das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que corresponden á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no punto 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación e, se é o caso, o posto na lista de reserva, que terán unha vixencia de seis meses desde a publicación da resolución definitiva, durante o cal se poderá resolver a concesión de axudas pola orde que figura na lista sempre que se produzan renuncias ou incumprimentos que liberen o orzamento suficiente.

4. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

6. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun acuse de recibo das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009. Admitiranse modificacións da resolución inicial dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, sempre e cando estes cambios non alteren o baremo ou desvirtúen o proxecto. Nomeadamente, non se admitirán modificacións que supoñan unha maior subvención para o proxecto.

2. A persoa beneficiaria deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 7 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. A solicitude de modificación deberá presentala con anterioridade á finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, aos interesados.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión e manter os investimentos vinculados ao servizo prestado pola infraestrutura, no centro de traballo na provincia da Coruña, durante o período dos tres anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario. O investimento subvencionado poderá ser substituído dentro deste período, no caso de obsolescencia ou avaría, sempre e cando a infraestrutura se manteña en funcionamento na provincia da Coruña durante o período mencionado.

No caso de reforma en inmobles arrendados, deberá manterse o arrendamento como mínimo cinco anos contados desde a data de posta en marcha da infraestrutura.

No caso de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, a persoa beneficiaria deberá manter os investimentos vinculados ao servizo prestado pola infraestrutura, no centro de traballo na provincia da Coruña, durante o período dos cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria para o caso de bens inscritibles nun rexistro público. Ademais, deberase facer constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, debendo ser obxecto estes aspectos de inscrición no rexistro público correspondente.

b) Subscribir e manter activas durante o período de mantemento dos investimentos pólizas de seguro e/ou garantías do fabricante dos equipamentos que permitan a reposición dos activos subvencionados en caso de sinistro ou avaría. A prima do seguro deberá dedicarse integramente, en caso de sinistro, á dita reposición.

c) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro, que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, as auditorías do organismo de auditoría do Programa do FTX de España 2021-2027 ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria (artigo 82 do RDC).

e) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os investimentos subvencionados, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención.

f) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos susceptibles de financiación con fondos de transición xusta.

g) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o FTX segundo o establecido no anexo VII a estas bases.

h) Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «non causar prexuízo significativo» (principio do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do RDC.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, no caso de superar os límites de beneficios no período recollido no plan de viabilidade establecido no artigo 6.4 destas bases ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

j) Facilitar ao Igape, durante o período de 10 anos desde a posta en marcha da infraestrutura, as contas anuais da empresa, así como outra información que sexa necesaria, para o seguimento do plan de viabilidade da infraestrutura.

k) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

l) No caso de proxectos seleccionados por aplicación do criterio de desempate relativo á implantación dun plan de igualdade, deberá manterse implantado o dito plan durante o período de mantemento dos investimentos.

m) No caso de proxectos que requiran a realización de obra civil, durante a execución do proxecto, deberanse cumprir as seguintes condicións específicas:

Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Listaxe europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532EC) xerados na execución da obra prepararase para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

Para a execución da actuación non se utilizará amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006.

n) Para a instalación das infraestruturas de tecnoloxías da información (IT), seguirase a versión máis recente do Código de conduta europeo sobre eficiencia enerxética de centros de datos. En todo caso, os equipamentos TIC que se empreguen cumprirán cos requisitos relacionados co consumo enerxético establecidos de acordo coa Directiva 2009/125/EC para servidores e almacenamento de datos, ou computadoras e servidores de computadoras ou pantallas electrónicas. Os equipamentos empregados non conterán as sustancias restrinxidas enumeradas no anexo II da Directiva 2011/65UE, agás cando os valores de concentración en peso en materiais homoxéneos non superen os enumerados no dito anexo. Ao final da súa vida útil, os equipamentos someteranse a unha preparación para operacións de reutilización, recuperación ou reciclaxe, ou un tratamento adecuado, incluída a eliminación de todos os fluídos e un tratamento selectivo de acordo co anexo VII da Directiva 2012/19/UE.

o) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos, en particular as enquisas do INE, relacionados coa medición da I+D+i. Os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia. No marco de seguimento e avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias. Para tales efectos, durante a execución e ao finalizar a axuda (expost), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.

p) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. A persoa beneficiaria deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo IV) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar á perda do dereito ao cobramento da axuda no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, o beneficiario deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, a persoa beneficiaria da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Informe de auditor inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que leve a cabo a revisión da conta xustificativa como exixe o artigo 50.1.b) do Decreto 11/2009. Este informe expresará o criterio do auditor e fará mención explícita ás comprobacións realizadas, co alcance mínimo seguinte:

1º. A correcta realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados segundo os termos destas bases e da resolución de concesión, incluíndo (pero sen limitarse a) o seguinte:

– Aplicación dos gastos realizados a conceptos subvencionables do artigo 5, cumprindo os límites máximos e outras exixencias deste.

– Execución no período subvencionable.

– Rastrexabilidade entre os gastos para os que se concedeu a resolución e a súa facturación e pagamento.

– Correcta aplicación destes tendo en conta a marxe do 20 % establecida no punto 9 deste artigo.

– Existencia de xustificante de transferencia, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a súa veracidade. Nestes documentos deberán quedar identificados o receptor e emisor do pagamento, e o importe da factura.

– Documento bancario auténtico que acredite a identificación do receptor e emisor do pagamento.

– Xustificación do cambio empregado no caso de presentar facturas en moeda estranxeira.

2º. A existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

3º. No caso de adquisición, construción, rehabilitación ou mellora de inmobles en propiedade, a existencia de escritura pública en que conste que o ben se destinará ao fin concreto para o que se concedeu a subvención e o importe da subvención concedida, debendo ser obxecto estes aspectos de inscrición no rexistro público correspondente, de acordo co establecido no artigo 29.4 da Lei 9/2007. Deberase comprobar a anotación no rexistro da afección do activo ao bo fin do obxecto da subvención, este documento poderá presentarse ata 6 meses despois de finalizado o prazo de xustificación do proxecto.

4º. No caso de adquisición de bens inmobles, a existencia e correspondencia co importe pagado dun certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, segundo establece o artigo 28.7 da referida Lei 9/2007.

5º. No caso de reforma de inmobles arrendados, existencia dun contrato de arrendamento cunha duración mínima de 5 anos contados desde a data de posta en marcha da infraestrutura.

6º. No caso de obra civil, a suficiencia da habilitación municipal correspondente para a súa execución.

7º. A existencia de habilitación para a execución da actividade xunto coas correspondentes licenzas administrativas para a posta en marcha e funcionamento da infraestrutura.

8º. O cumprimento das obrigas establecidas no artigo 17 destas bases en canto á execución do proxecto, subscrición de pólizas e garantías, existencia de rexistros contables axeitados, contabilidade separada e requisitos de comunicación.

9º. O cumprimento e mantemento dos requisitos para ser beneficiario establecidos no artigo 4 en canto á achega privada mínima, ao mantemento da estrutura societaria exixida para o proxecto e á localización da sede social.

10º. No caso de investimentos en activos intanxibles, cumprimento das condicións establecidas no artigo 5.1.e) destas bases.

11º. A existencia das tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario para determinados gastos, de acordo co establecido no artigo 5.10 das bases reguladoras.

12º. Cumprimento dos requisitos do artigo 1.1 destas bases.

13º. A declaración responsable do auditor sobre a contía da axuda correctamente xustificada de acordo coas bases.

O informe de auditor deberá anexar toda a documentación probatoria (facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009, que deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado; xustificantes de pagamento, evidencias das comprobacións realizadas, etc.) que acredite a correcta realización deste segundo as normas de actuación e supervisión aplicables.

En todo o non especificado nestas bases e a normativa aplicable deberá terse en conta a Orde EH/1434/2007, do 17 de maio, substituíndo, de ser o caso, as referencias á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, polas correspondentes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) A copia –que permita a súa lectura–, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 17 destas bases.

d) No caso de proxectos que requiran a realización de obra civil:

• Certificados de xestión de residuos de construción e demolición con destino á reutilización, reciclaxe e recuperación, expedidos polos xestores de destino como xustificación da entrega, incluíndo os códigos da Listaxe europea de residuos (LER) e a porcentaxe de valorización alcanzada.

• Certificado expedido pola empresa contratista conforme para a execución da obra non se utilizou amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006.

• Documentación que evidencie que se levou a cabo a análise da defensa contra o cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestruturas, en todas as fases do ciclo do proxecto, no caso de non tela entregado na solicitude. A dita análise pode integrarse na avaliación de impacto ambiental, nos proxectos en que resulte preceptivo.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

6. A persoa beneficiaria deberá presentar a documentación xustificativa obrigatoriamente por vía electrónica. A persoa beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

7. En todos os casos, as persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a persoa beneficiaria se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá achegar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.

8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo da perda do dereito ao cobramento da axuda que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.

9. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de investimento aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de investimento aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

Artigo 19. Aboamento das axudas

1. O aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

3. Poderán realizarse pagamentos anticipados de ata o 80 % do importe da subvención concedida, sen que o importe conxunto dos devanditos pagamentos anticipados supere o límite do 80 %, segundo o establecido nos artigos 63.3 e 62.2 do Decreto 11/2009, sempre que o beneficiario o solicite marcando esta opción no anexo IV, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario correspondente e dentro do prazo indicado na resolución de convocatoria. O beneficiario queda eximido da obriga de constituír garantías conforme o disposto no artigo 67.4 do devandito Decreto 11/2009.

A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención.

O primeiro anticipo concedido non superará o 20 % da axuda, e librarase contra a presentación dunha memoria de actividades previstas e orzamento de gastos anuais. Cada solicitude de anticipo posterior deberá xustificar o nivel de avance do proxecto mediante unha xustificación simplificada que será análoga á do artigo 18 sen incluír o expresado nos puntos 5.b).2º, 5.b).3º, 5.b).7º, 5.b).13º ou outros que razoablemente só sexan posibles coa finalización do proxecto.

Artigo 20. Perda do dereito á subvención e reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, as auditorías do organismo de auditoría do Programa do FTX de España 2021-2027 ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria (artigo 82 do RDC).

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Incumprir a obriga de achegar ao proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de, polo menos, un 20 % dos custos subvencionables, no caso de proxectos de tipoloxía 2, e un 25 % no caso de proxectos de tipoloxía 1, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

g) Cando, como consecuencia do incumprimento, o investimento subvencionable quede por debaixo do mínimo establecido nestas bases reguladoras para o acceso ás axudas ou supere os criterios para a determinación de perda parcial establecidos no artigo 20.4.

h) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

i) Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 17 destas bases.

j) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

k) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co FTX.

l) Non poñer en marcha a infraestrutura para a que se solicita a subvención, ou facelo de xeito deficiente, nun período dun ano desde o fin do prazo de execución do proxecto establecido. Este período poderase prorrogar por solicitude do interesado, sempre que concorran causas xustificadas para iso. A ampliación non poderá superar a metade do prazo inicial, segundo o previsto no artigo 32 da Lei 39/2015.

m) Incumprimento grave do plan de negocio achegado para o proxecto, en particular os seguintes:

– Desviación significativa dos obxectivos: o proxecto non alcanza os obxectivos clave establecidos no plan de negocio de maneira significativa.

– Incumprimento financeiro substancial: se o proxecto non está a xerar os ingresos ou beneficios económicos previstos no plan de negocio e a dita situación se prolonga ou afecta gravemente a viabilidade financeira do proxecto.

– Incumprimento de requisitos legais ou normativos: o proxecto non cumpre coas leis, regulacións ou normativas aplicables que se describen no plan de negocio.

n) Incumprimento das condicións específicas definidas no artigo 17.m) destas bases, no caso de proxectos que requiran a realización de obra civil.

4. Perda parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión da axuda, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

5. No período de mantemento dos investimentos, procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indica a seguir:

a) Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 17 destas bases, ou o plan de igualdade, suporá o reintegro dun 3 % da subvención concedida.

b) Non manter os investimentos ou arrendamentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito. Exceptúase a substitución regulada no artigo 17.a).

c) As desviacións nas estimacións realizadas no plan de viabilidade, dentro do período de 10 anos desde a posta en marcha da infraestrutura, que puidesen dar lugar a un maior beneficio de explotación da infraestrutura, suporán o reintegro do exceso de axuda percibida, de acordo co importe máximo de axuda establecido no artigo 6.

Artigo 21. Réxime sancionador

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 22. Fiscalización e control

As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro, que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, as auditorías do organismo de auditoría do Programa do FTX de España 2021-2027 Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria (artigo 82 do RDC).

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

Artigo 23. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Igape efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria, de acordo co disposto no artigo 82.1 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).

b) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados (DOUE L 231, do 30 de xuño).

c) Regulamento (UE) nº 2021/1056 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo de Transición Xusta (DOUE L 231, do 30 de xuño).

d) A normativa comunitaria de desenvolvemento do citado regulamento.

e) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

f) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

g) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

h) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

i) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

j) Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

k) No resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI

Acreditación do cumprimento dos prazos establecidos na Lei 3/2004

– No caso de persoas solicitantes que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, a través dunha declaración responsable.

– Para as persoas solicitantes que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificado emitido por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas:

• Para o caso en que as contas anuais auditadas de 2022 e exercicios posteriores xa reflictan a nova información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, se da información da memoria se deduce que a empresa cumpriu ao 100 % cos prazos de pagamento a provedores, abondaría un certificado, emitido polo auditor de contas da sociedade, que indique que no seu traballo de auditoría realizou procedementos para obter evidencia da corrección do contido da memoria das contas anuais cumprindo, por tanto, o requisito do artigo 13.3.bis da Lei xeral de subvencións. Este certificado resultará válido ata que estean auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

• Para o resto de casos en que non sexa posible emitir o certificado anteriormente mencionado (por non existir aínda contas anuais auditadas do exercicio 2022 ou porque estas reflictan unha porcentaxe de cumprimento de prazos de pago a provedores inferior ao 100 %), poderá emitirse un certificado de que o requisito se cumpre no momento de solicitude da subvención ou axuda*. A emisión deste certificado de que a persoa solicitante da subvención está ao día nos pagamentos a provedores estará baseada nun «informe de procedementos acordados» realizado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

O informe terá validez durante o prazo de 6 meses desde a data de referencia.

Que debe incluírse no «informe de procedementos acordados»?

Para emitir o certificado, na data de referencia utilizada, os procedementos acordados incluirán, polo menos, o seguinte, a partir do detalle sobre os pagamentos pendentes a provedores: o auditor comprobará o importe total do detalle facilitado cos rexistros contables, obtendo, de ser o caso, a conciliación oportuna, e tomará unha mostra para comprobar da corrección das facturas seleccionadas en canto a provedor, data de factura, entrega de bens ou prestación de servizos, antigüidade e clasificación. Así mesmo, comprobarase unha mostra de pagamentos realizados con posterioridade á data de referencia co obxectivo de comprobar que non existen facturas adicionais ás recollidas no detalle facilitado pola entidade ou comprobarase, a partir do detalle de facturas de provedores do Libro Rexistro de IVE soportado, para unha mostra de facturas, se se atopan pendentes de pagamento e, en tal caso, a súa inclusión no detalle de facturas a data de referencia e, en caso contrario, a partir do maior de provedores seleccionarase unha mostra cun grao de confianza suficiente e realizarase confirmación externa con provedores.

Unha vez realizados estes procedementos, entenderase cumprido o requisito do artigo 13.3.bis da Lei xeral de subvencións cando da información proporcionada non se derive que existen facturas pendentes de pagamento cunha antigüidade superior a 60 días.

* O certificado terá unha data de corte, que se considerará data de referencia, anterior á data de emisión do certificado (dun máximo dun mes), posto que o auditor, para poder emitir o seu informe a unha data, ten que terminar os procedementos de comprobación antes da data de solicitude da subvención ou axuda.

ANEXO VII

Requisitos de comunicación do financiamento público

Responsabilidade da persoa beneficiaria.

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no artigo 50 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, a persoa beneficiaria, durante o período de mantemento do investimento, recoñecerá a axuda dos fondos europeos a través do Fondo de Transición Xusta e, para iso:

a) No seu sitio web oficial, cando o dito sitio web exista, e nas súas contas nas redes sociais fará unha breve descrición da operación, de xeito proporcionado en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, destacando a axuda financeira da Unión Europea.

Para cumprir con este requisito pode utilizarse a seguinte imaxe:

https://www.igape.gal/images/01-pemes-autonomos/01-02-consolidacion/Cartel_publicidade_web_cds.pdf

b) Nos documentos e materiais de comunicación destinados ao público e relacionados coa execución da actuación, proporcionará unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de xeito visible.

O formato que se deberá utilizar é o seguinte:

PROXECTO COFINANCIADO POLA UNIÓN EUROPEA

c) Para as actuacións que impliquen investimentos físicos e cuxo custo total sexa superior a 100.000 euros, tan pronto como comecen e durante a toda a súa execución, colocará un cartel temporal ou valla publicitaria resistente nun lugar ben visible para o público.

d) Para as actuacións cuxo custo total sexa superior a 100.000 euros e que impliquen investimentos físicos ou nas cales se instalen os equipamentos adquiridos, no prazo de tres meses desde a finalización da execución física, colocará un cartel ou placa permanente nun lugar ben visible para o público.

e) Para as actuacións que non se inclúan na letra d) anterior, exhibirá nun lugar ben visible para o público polo menos un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a actuación onde se destaque a axuda dos fondos europeos.

O formato que se deberá utilizar é o seguinte:

https://www.igape.gal/images/01-pemes-autonomos/01-02-consolidacion/Cartel_fisico_cds.pdf

Cando varias actuacións teñan lugar na mesma localización só é preciso colocar unha placa ou cartel.

Durante o período de obrigatoriedade de conservación da documentación, a persoa beneficiaria deberá conservar, preferentemente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación. Este material deberá ser posto á disposición do organismo intermedio ou das institucións da Unión Europea, se así llo solicitan.

A persoa beneficiaria deberá respectar, en todo momento, as orientacións recollidas no documento de uso do emblema europeo (https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf) e as características técnicas descritas no anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1060.

ANEXO VIII

Relación de municipios en zonas de transición xusta
da provincia da Coruña(1)

Zona de transición xusta

Municipio (COD_INE)

Nome do municipio

As Pontes

15015

Cabanas

As Pontes

15018

Capela, A

As Pontes

15025

Cerdido

As Pontes

15036

Ferrol

As Pontes

15044

Mañón

As Pontes

15049

Moeche

As Pontes

15050

Monfero

As Pontes

15061

Ortigueira

As Pontes

15070

Pontes García Rodríguez, As

As Pontes

15076

San Sadurniño

As Pontes

15081

Somozas, As

Meirama

15021

Carral

Meirama

15024

Cerceda

Meirama

15041

Laracha, A

Meirama

15059

Ordes

Meirama

15084

Tordoia

(1) Definidos como tales aqueles municipios que figuran nos protocolos xerais de actuación para o deseño dos convenios de transición xusta acordados entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, as consellerías correspondentes das comunidades autónomas e a Federación Española de Municipios y Provincias, así como nos convenios de transición xusta que se subscriban de acordo co artigo 28 da Lei 7/2021, do 21 de maio, de cambio climático e transición enerxética.

missing image file
missing image file
missing image file